DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Martes, 22 de agosto de 2006 Páx. 13.157

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 8 de agosto de 2006, da División de Recursos Económicos, pola que se dispón a publicación do acordo de encomenda de xestión entre a División de Recursos Económicos e a Xerencia do Complexo Hospitalario Xeral-Calde de Lugo, para a encomenda de actuacións para a contratación da subministración de gases medicinais.

A División de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde e a Xerencia do Complexo Hospitalario Xeral-Calde subscribiron, con data do 30 de xuño de 2006, un acordo polo que se encomenda á devandita xerencia a xestión material do expediente de contratación mediante o sistema de adopción de tipo da subministración de gases medicinais para os centros sanitarios do Servizo Galego de Saúde.

Para xeral coñecemento e en cumprimento do disposto no punto 3º do artigo 15 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común disponse a súa publicación como anexo á presente resolución.

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2006.

P.D. (Resolución 26-7-2006)

Alberto Baz López

Subdirector xeral de Compras e Servizos

ANEXO

Acordo entre a División de Recursos Económicos do Sergas e a Xerencia do Complexo Hospitalario Xeral-Calde para a encomenda de xestión a este último da xestión material do expediente de contratación de gases medicinais.

Dunha parte, Ana Fernández Pulpeiro, directora xeral da División de Recursos Económicos do Sergas.

Doutra parte Miguel Ángel Fernández López, xerente do Complexo Hospitalario Xeral-Calde.

EXPOÑEN:

O sistema de compras integradas do Sergas establece, entre os seus obxectivos, a busca da eficiencia na xestión das contratacións do organismo, a participación dos profesionais e a cooperación dos centros.

Entre as medidas que se acometerán está que un centro asuma a tramitación material dun expediente de contratación que afecte unha pluralidade dos centros do organismo autónomo, con iso trátase de non duplicar os esforzos da contratación e aproveitar os recursos existentes neste ámbito.

Por todo o exposto, ambas as partes deciden subscribir este instrumento de formalización de encomenda de xestión que se rexerá polas seguintes cláusulas:

Primeira.-Obxecto da encomenda de xestión.

A División de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde e a Xerencia do Complexo Hos

pitalario Xeral-Calde acordan, no marco do disposto no artigo 15 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que a citada xerencia leve a cabo, por razóns de eficacia, a xestión material do expediente para a contratación, polo Sergas, da subministración sucesiva de gases medicinais mediante o sistema de adopción de tipo.

Segunda.-Natureza e alcance da xestión encomendada.

A xestión material que se encomenda, con respecto ao citado no punto anterior, concretarase nas seguintes actividades, co alcance que en cada caso se sinale:

a) Tramitación do expediente de contratación (artigo 11.2º f) do Real decreto lexislativo 2/2000, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas).

b) Recepción das ofertas dos licitadores.

c) Preparación e realización das mesas de contratación.

Terceira.-Financiamento.

Esta encomenda de xestión non dará lugar a contraprestacións financeiras entre as partes, as cales asumirán os custos das actuacións que deben realizar segundo o establecido na devandita encomenda.

Cuarta.-Prazo de vixencia.

O prazo de vixencia deste acordo establécese desde a súa sinatura ata o peche definitivo do expediente.

Quinta.

A encomenda de xestión non supón cesión da titularidade das competencias nin dos elementos substantivos do seu exercicio, atribuídas á División de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde.

Sexta.

É responsabilidade da División de Recursos Económicos do Sergas ditar os actos ou resolucións de carácter xurídico que dean soporte ou nos cales se integre a concreta actividade material obxecto desta encomenda de xestión.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2006. Ana Fernández Pulpeiro, directora xeral da División de Recursos Económicos. Miguel Ángel Fernández López. Xerente do Complexo Hospitalario Xeral-Calde.