DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Martes, 22 de agosto de 2006 Páx. 13.156

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 8 de agosto de 2006, da División de Recursos Económicos, pola que se dispón a publicación do acordo de encomenda de xestión entre a División de Recursos Económicos e a Dirección Provincial do Sergas da Coruña, para a encomenda de actuacións para a contratación da subministración sucesiva de material de incontinencia urinaria con destino a residencias socio-sanitarias da Comunidade Autónoma de Galicia e a centros sanitarios dependentes do Servizo Galego de Saúde.

A División de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde e a Dirección Provincial da Coruña subscribiron, con data do 30 de xuño de 2006, un acordo polo que se lle encomenda á devandita xerencia a xestión material do expediente de contratación mediante concurso aberto da subministración sucesiva de material de incontinencia urinaria con destino a residencias socio-sanitarias da Comunidade Autónoma de Galicia e a centros sanitarios dependentes do Servizo Galego de Saúde.

Para xeral coñecemento e en cumprimento do disposto no punto 3 do artigo 15 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común disponse a súa publicación como anexo a esta resolución.

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2006.

P.D. (Resolución 26-7-2006)

Alberto Baz López

Subdirector xeral de Compras e Servizos

ANEXO

Acordo entre a División de Recursos Económicos do Sergas e a Dirección Provincial do Sergas da Coruña para a encomenda de xestión a esta última da xestión material do expediente de contratación de material de incontinencia urinaria.

Dunha parte, Ana Fernández Pulpeiro, directora xeral da División de Recursos Económicos do Sergas.

Doutra parte Pilar Mata Freire, directora provincial do Sergas da Coruña.

EXPOÑEN:

O sistema de compras integradas do Sergas establece, entre os seus obxectivos, a procura da eficiencia na xestión das contratacións do organismo, a participación dos profesionais e a cooperación dos centros.

Entre as medidas que se acometerán está que un centro asuma a tramitación material dun expediente de contratación que afecte unha pluralidade dos centros do organismo autónomo, con iso trátase de non duplicar os esforzos da contratación e aproveitar os recursos existentes neste ámbito.

Por todo o exposto, ambas as partes deciden subscribir este instrumento de formalización de encomenda de xestión que se rexerá polas seguintes cláusulas:

Primeira.-Obxecto da encomenda de xestión.

A División de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde e a Dirección Provincial do Sergas da Coruña acordan, no marco do disposto no artigo 15 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que a citada dirección provincial leve a cabo, por razóns de eficacia, a xestión material do expediente para a contratación, polo Sergas, da subministración sucesiva de material de incontinencia urinaria con destino a residencias socio-sanitarias da Comunidade Autónoma de Galicia e a centros sanitarios dependentes do Sergas, mediante concurso aberto.

Segunda.-Natureza e alcance da xestión encomendada.

A xestión material que se encomenda, con respecto ao citado no punto anterior, concretarase nas seguintes actividades, co alcance que en cada caso se sinale:

a) Tramitación do expediente de contratación (artigo 11.2º f) do Real decreto lexislativo 2/2000 polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas).

b) Recepción das ofertas dos licitadores.

c) Preparación e realización das mesas de contratación.

Terceira.-Financiamento.

Esta encomenda de xestión non dará lugar a contraprestacións financeiras entre as partes, as cales asumirán os custos das actuacións que deben realizar segundo o establecido na devandita encomenda.

Cuarta.-Prazo de vixencia.

O prazo de vixencia deste acordo establécese desde a súa sinatura ata o peche definitivo do expediente.

Quinta.

A encomenda de xestión non supón cesión da titularidade das competencias nin dos elementos substantivos do seu exercicio, atribuídas á División de Recursos Económicos do Servizo Galego de Saúde.

Sexta.

É responsabilidade da División de Recursos Económicos do Sergas ditar os actos ou resolucións de carácter xurídico que dean soporte ou nos cales se integre a concreta actividade material obxecto desta encomenda de xestión.

Santiago de Compostela, 30 de xuño de 2006. Ana Fernández Pulpeiro, directora xeral da División de Recursos Económicos. Pilar Mata Freire, directora provincial do Servicio Galego de Saúde da Coruña.