DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Martes, 22 de agosto de 2006 Páx. 13.155

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 9 de agosto de 2006 pola que se estenden aos produtores non-membros da Organización de Produtores de Pesca Fresca Pescagalicia (OPP-31), a Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo (OPP-07) e a Organización de Productores de Pesca Fresca del Puerto y Ría de Marín (OPP-08) determinadas normas segundo o Acordo do 13 de xullo de 2006 da OPP-31, do 30 de xuño de 2006 da OPP-07 e do 12 de xullo de 2006 da OPP-08, relativo ás normas orientadas á mellora da sustentabilidade do xurelo procedente de arrastre de litoral.

O artigo 7º do Regulamento (CE) nº 104/2000, do Consello, do 17 de decembro de 1999, polo que se establece a Organización Común de Mercados no sector dos produtos da pesca e da acuicultura, dispón que no caso de que unha organización de produtores sexa considerada representativa da produción e comercialización nun ou varios lugares de desembarque e de que o solicite ás autoridades competentes do Estado membro, este podería decidir facer obrigatorias para os non-membros da dita organización as normas de produción e comercialización decididas pola organización sempre que estas respondan aos obxectivos de garantir o exercicio racional da pesca e mellorar as condicións de venda da súa produción.

Pola súa banda, o Regulamento (CE) nº 1886/2000, da Comisión, do 5 de setembro, polo que se establecen

as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 104/2000, do 17 de decembro de 1999, do Consello no relativo aos non-membros de determinadas normas adoptadas polas organizacións de produtores do sector da pesca, profundiza nos requisitos e procedemento polo que a extensión de normas das OPP aos non-membros debe ser realizada.

O Real decreto 724/2003, do 13 de xuño, polo que se regulan as organizacións de produtores da pesca e da acuicultura e as súas asociacións, establece no seu artigo 3 as condicións para o recoñecemento de organizacións de produtores da pesca (OPP) e no seu artigo 10 a posibilidade de extensión das súas normas conforme ao artigo 7 do Regulamento (CE) nº 104/2000.

A Organización de Produtores de Pesca Fresca Pescagalicia (OPP-31 en diante), recoñecida pola orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, do 30 de decembro de 1986, a Organización de Produtores Pesqueiros de Lugo (OPP-07 en diante) recoñecida pola orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, do 17 de setembro de 1986, e a Organización de Productores de Pesca Fresca del Puerto y Ría de Marín (OPP-08 en diante) recoñecida pola orde do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, do 17 de setembro de 1986, solicitáronlle á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, de acordo cos artigos anteriores, a extensión daquelas normas que adoptaron que están orientadas á mellora da sustetabilidade do xurelo procedente do arrastre de litoral, nos acordos do 13 de xullo, 30 de xuño e 12 de xullo de 2006 respectivamente.

Sendo que a materia cuxa extensión se acorda é das relacionadas no artigo 7 do Regulamento (CE) nº 104/2000, considerando que as OPP-31, OPP-07 e OPP-08 son unhas organizacións representativas da produción nos termos previstos no artigo 1 do Regulamento (CE) nº 1886/2000, recoñecidas polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, e que a comunidade autónoma é competente para realizar a dita extensión, e tendo en conta que as normas que hai que estender teñen unha incidencia na sustentabilidade do recurso ao limitar as descargas e comercialización do xurelo procedente de arrastre do litoral.

Na súa virtude,

RESOLVO:

Primeiro.-Por esta orde fanse obrigatorias para os produtores membros e non-membros das OPP-31, OPP-07 e OPP-08 , as seguintes normas para o cumprimento das medidas orientadas á mellora da sustentabilidade do xurelo procedente da pesca de arrastre de litoral, adoptadas polas citadas OPP nos acordos do 13 de xullo, 30 de xuño e 12 de xullo de 2006 respectivamente.

a) Desde a entrada en vigor desta orde ata o 30 de novembro de 2006, limitaranse os desembarcos nos portos e a primeira venda nas lonxas e centros de venda autorizados de Galicia, de xurelo procedente do arrastre de litoral, á cantidade máxima de 4.500 kg diarios por buque, debendo respectar o obrigatorio descanso semanal establecido na lexislación vixente, así como os horarios e días de actividade para esa pesqueira.

b) A referida limitación aplicarase aos desembarcos e á primeira venda das capturas que se realicen polo conxunto da frota de arrastre de litoral nos portos e lonxas ou centros de venda de Galicia.

c) A dita limitación de desembarcos aplicarase aos produtores membros e non-membros a que se fai extensiva a norma desde a data en que esta resolución produza efectos.

Segundo.-Conforme o establecido no punto 3º do artigo 7 do Regulamento (CE) nº 104/2000 comunicaráselle á Comisión Europea a extensión das normas previstas.

Terceiro.-As infraccións serán sancionadas de conformidade co establecido na lexislación vixente.

Cuarto.-Esta orde pon fin á vía administrativa, e poderá interpoñer recurso de reposición ante a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, no prazo dun (1) mes ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente no prazo de dous (2) meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Quinto.-Esta orde será eficaz, conforme o disposto no artigo 5 do Regulamento (CE) nº 1886/2000 no prazo de 8 días desde o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia

Santiago de Compostela, 9 de agosto de 2006.

Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos