DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 161 Martes, 22 de agosto de 2006 Páx. 13.154

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

DECRETO 136/2006, do 27 de xullo, polo que se declara ben de interese cultural, coa categoría de conxunto histórico, a zona vella da cidade de Vigo, na provincia de Pontevedra.

A Dirección Xeral de Patrimonio Cultural por Resolución do 30 de xaneiro de 2006 (Diario Oficial de Galicia do 21 de febreiro) incoou expediente para a declaración de ben de interese cultural a favor da zona vella da cidade de Vigo.

A tramitación do expediente levouse a cabo segundo o establecido na Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, o Decreto 430/1991, do 30 de decembro, polo que se regula a tramitación para a declaración de bens de interese cultural e se crea o rexistro de bens de interese cultural de Galicia, a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e demais disposicións vixentes.

Tendo en conta o disposto no artigo 12 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural de Galicia, por proposta da conselleira de Cultura e Deporte e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte e sete de xullo de dous mil seis

DISPOÑO:

Artigo 1º

Declarar ben de interese cultural, coa categoría de conxunto histórico, a zona vella da cidade de Vigo, na provincia de Pontevedra.

Artigo 2º

A zona afectada pola declaración é a comprendida na delimitación escrita contida no anexo I, e no plano recollido no anexo II.

Artigo 3º

Conforme establece o artigo 45 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia, a declaración da zona vella da cidade de Vigo como ben de interese cultural coa categoría de conxunto histórico determina para o Concello de Vigo a obriga de redactar un plan especial de protección da área afectada. A aprobación definitiva deste plan requi

rirá o informe favorable da Consellería de Cultura e Deporte.

Artigo 4º

En aplicación do disposto polo artigo 47 da Lei 8/1995, do 30 de outubro, de patrimonio cultural de Galicia, mentres non se aprobe definitivamente a normativa urbanística de protección a que se fai referencia no artigo anterior, a concesión de licenzas ou a execución das xa outorgadas antes da declaración do conxunto histórico, precisará resolución favorable da Consellería de Cultura e Deporte.

Artigo 5º

Este decreto seralles notificado ao Rexistro Xeral de Bens de Interese Cultural do Estado, ao Rexistro de Bens de Interese Cultural de Galicia, ao Concello de Vigo e aos demais interesados no expediente.

Artigo 6º

Este decreto será publicado no Diario Oficial de Galicia e no Boletín Oficial del Estado.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de xullo de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte

ANEXO I

O conxunto histórico da zona vella da cidade de Vigo (Pontevedra) queda delimitado do seguinte xeito:

-A zona histórico-artística, propiamente, inclúe a chamada zona BIC que comprende os monumentos declarados, estendéndose a outras zonas que polas súas características merecen o máximo recoñecemento (o contorno da Colexiata, o barrio do Berbés e San Francisco, o barrio do Castelo e a Ferraría e a rúa de Santiago).

-A zona de respecto, que abarcaría o resto do ámbito do PEPRI (o beiramar, o barrio do Cura, a Panificadora, a praza do Rei e a casa do concello).