DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Luns, 21 de agosto de 2006 Páx. 13.074

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

RESOLUCIÓN do 3 de agosto de 2006, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se ordena o rexistro e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do acordo adoptado pola comisión negociadora do IV Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, na súa xuntanza do 30 de marzo de 2006, sobre reclasificación de categorías e permiso vacacional.

En cumprimento do disposto na normativa legal sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo, Real decreto 1040/1981, artigo 2 e), para os efectos previstos nel, faise público que no correspondente servizo desta dirección xeral se presentou o acordo da comisión negociadora do IV Convenio colectivo único para o persoal laboral da Xunta de Galicia, acadado na xuntanza celebrada o 30 de marzo de 2006, sobre reclasificación de categorías e permiso vacacional.

Esta Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a inscrición do referido acordo no rexistro correspondente desta dirección xeral.

Segundo.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2006.

Pilar Cancela Rodríguez

Directora xeral de Relacións Laborais

ANEXO

Reunida o día 30 de marzo de 2006 a comisión negociadora do convenio estatutario para a modificación de determinadas epígrafes do IV Convenio colectivo do persoal laboral da Xunta de Galicia, acordan:

Primeiro.-Adicionar ao artigo 20 do Convenio do persoal laboral da Xunta de Galicia o seguinte permiso vacacional:

«Así mesmo, terán dereito a un día hábil adicional ao cumprir quince anos de servizo e engadirase un día hábil ao cumprir os vinte, vinte e cinco e trinta anos de servizo, respectivamente, ata un máximo de catro. Non se considerarán como días hábiles os sábados, sen prexuízo das adaptacións que se establezan para os horarios especiais».

«Este dereito farase efectivo a partir do ano natural seguinte ao do cumprimento dos anos de servizo sinalados no parágrafo anterior».

Segundo.-A categoría de «Encargado de tarefas asistenciais e reparadoras» (ETAR), actualmente do grupo III, categoría 54, reclasifícase na categoría 6 do grupo II «Educador/profesor-a especial» do IV Convenio colectivo para o persoal laboral da Xunta de Galicia. A dita reclasificación terá efectos administrativos e económicos para os traballadores

da categoría reclasificada desde a publicación no Diario Oficial de Galicia da relación de postos de traballo da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.