DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Luns, 21 de agosto de 2006 Páx. 13.073

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 21 de xullo de 2006 pola que se aproba definitivamente o Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Cerdido.

I. Antecedentes.

I.1. O Concello de Cerdido dispón na actualidade dunha delimitación de solo urbano aprobada con data do 29-12-1982.

I.2. Con data do 27-1-2004 o director xeral de Urbanismo, ao abeiro da orde de delegación de competencias do 6-3-2003, emitiu informe previo á aprobación inicial, de acordo co previsto no artigo 85.1º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I.3. O concello aprobou inicialmente o plan o día 13-10-2004, e someteuno a información pública mediante anuncios no Diario de Ferrol e La Voz de Galicia os días 19 e 20 de outubro de 2004, así como no DOG do 25-10-2004. Simultaneamente deuse audiencia aos concellos de Ortigueira, As Somozas, Valdoviño, Moeche e Cedeira.

I.4. Segundo consta no expediente administrativo remitido, foron emitidos os seguintes informes de carácter sectorial:

* Da Deputación Provincial da Coruña, do 23-2-2005, favorable.

* Da Dirección Xeral de Obras Públicas, do 25-5-2005, favorable condicionado á corrección de determinados puntos.

* Da Dirección Xeral de Patrimonio, con data do 11-2-2005, en sentido desfavorable. Posteriormente, con data do 21-3-2005, consta outro informe, emitido polo xefe do Servizo de Xestión Administrativa da Delegación Provincial da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, no cal se expresa que o plan que se sometera á devandita delegación presentaba aínda certas deficiencias.

* Da Consellería de Medio Ambiente, do 22-2-2005, favorable.

* Do organismo Augas de Galicia, do 4-3-2005, favorable aínda que indicando determinadas recomendacións.

* Da Feve, do 3-1-2005, favorable.

I.5. Constan no expediente o informe emitido pola arquitecta técnica municipal, o 7-9-2005, e o emitido polos servizos xurídicos municipais o 4-10-2005.

I.6. O plan xeral foi aprobado provisionalmente polo concello en sesión plenaria do 21-10-2005.

I.7. Logo de ser elevado polo concello para a súa aprobación definitiva, por medio dunha Orde do 20-3-2006, a conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes resolveu non aprobar o plan xeral de ordenación municipal. Na devandita orde expresáronse un conxunto de deficiencias, e sinalouse que o concello debería realizar e aprobar as correccións necesarias para emendalas.

I.8. Segundo consta na documentación remitida, o concello solicitou un novo informe da Consellería de Cultura e Deporte, que foi emitido o 16-5-2006 en sentido favorable. Consta así mesmo que o Pleno do Concello aprobou a documentación corrixida do plan xeral na súa sesión do 30-5-2006.

I.9. Con data do 1-6-2006 entrou na consellería, para a súa aprobación definitiva, a seguinte documentación: os documentos que completan o expediente administrativo, e o plan xeral de ordenación municipal, composto de dous tomos, datados en maio de 2006, elaborados pola empresa Estudio Técnico Gallego, S.A. e con dilixencias en que se fai constar que foi aprobado polo pleno municipal o 30-5-2006.

II. Consideracións e fundamentación.

1. Segundo o informe-proposta elaborado pola Dirección Xeral de Urbanismo o 21-7-2006, o plan xeral de ordenación municipal aprobado polo concello o 30-5-2006 emenda as deficiencias expresadas na Orde do 20-3-2006.

2. De conformidade co artigo 89 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 1 do Decreto 519/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva dos plans xerais de ordenación municipal correspóndelle á conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

III. Resolución.

Visto canto antecede, de conformidade co punto 5 a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia,

DISPOÑO:

Primeiro.-Aprobar definitivamente o Plan Xeral de Ordenación Municipal de Cerdido aprobado polo concello o 30-5-2006.

Segundo.-De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas do plan xeral de ordenación municipal aprobado definitivamente.

Terceiro.-Contra esta orde, que pon fin á vía administrativa, cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Cuarto.-Notifíqueselle esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2006.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes