DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Luns, 21 de agosto de 2006 Páx. 13.072

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 19 de xullo de 2006 pola que se aproba definitivamente a modificación puntual número 3 das normas subsidiarias de planeamento do concello de Ribadavia (Ourense), na parcela dos Irmáns de San Xoán de Deus, na travesía cara a San Paio.

O Concello de Ribadavia remitiu o expediente de referencia para a súa aprobación definitiva, de conformidade co previsto nos artigos 93.4º e 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. As normas subsidiarias de planeamento (NSP) de Ribadavia foron aprobadas definitivamente o 28 de outubro de 1986. O 29-4-1999 foi aprobada unha modificación puntual das NSP para a mesma parcela deste expediente.

2. O proxecto da modificación afecta un ámbito clasificado como solo urbano polo planeamento municipal en vigor e ten por finalidade alterar a actual ordenación, axeitando a cualificación da parcela que ocupa a estación de autobuses e reordenando os espazos libres e as zonas edificables actualmente previstas.

3. O 28-4-2005 emitiuse un informe previo á aprobación inicial, de acordo co artigo 85.1º da Lei 9/2002.

4. O Pleno da Corporación, na súa sesión ordinaria do 28 de abril de 2005, acordou aprobar inialmente a modificación, que posteriormente foi sometida a información pública polo prazo dun mes mediante anuncio publicado no DOG nº 90, do 11 de maio de 2005 e nos xornais La Región e Faro de Vigo o 3 de maio de 2005. O Pleno da Corporación, en sesión do 4 de agosto de 2005, acordou aprobar provisionalmente o proxecto de modificación puntual.

5. Por afectar unha zona verde cualificada polo planeamento vixente, de conformidade co sinalado no artigo 94.4º da Lei 9/2002, o proxecto de modificación foi sometido á Comisión Superior de Urbanismo, que na súa sesión do 8-2-2006 acordou emitir informe favorable, propoñendo que na resolución sobre a aprobación definitiva se inclúa a condición de que as futuras edificación de uso residencial se deberán adecuar axeitadamente coa topografía da zona.

II. Consideracións e fundamentación.

II.1 Con data do 17-7-2006, a Dirección Xeral de Urbanismo elevou un informe-proposta no cal se fan as seguintes consideracións:

1. A nova ordenación que contén o proxecto de modificación implica unha distribución de usos que

difire substancialmente da realidade existente, e ademais a súa execución supón operacións de equidistribución, cesión e urbanización. Por tanto, o ámbito afectado pola modificación debe considerarse incluído na categoría de solo urbano non consolidado, de conformidade co artigo 12 b) da Lei 9/2002.

2. De conformidade co expresado pola Comisión Superior de Urbanismo de Galicia na súa sesión do 8-2-2006, as futuras edificacións de uso residencial deberanse adecuar axeitadamente á topografía da zona.

II.2 De conformidade cos artigos 89 e 93.4º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 1 do Decreto 519/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións do planeamento xeral correspóndelle á conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro.-De acordo co punto 5 a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, aprobar definitivamente a modificación puntual nº 3 das normas subsidiarias de planeamento do concello de Ribadavia, coa expresa indicación de que o ámbito afectado queda incluído na categoría de solo urbano non consolidado, e de que as edificacións de uso residencial deberán adecuarse axeitadamente á topografía da zona.

Segundo.-Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro.-O Concello de Ribadavia debe cumprir os trámites a que se refire o artigo 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local (artigo 92.2º da Lei 9/2002).

Cuarto.-Notifíqueselle esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 19 de xullo de 2006.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes