DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 160 Luns, 21 de agosto de 2006 Páx. 13.072

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 10 de agosto de 2006 pola que se modifica a do 19 de xuño de 2006 pola que se convocan axudas para o desenvolvemento de programas de educación familiar polas corporacións locais de Galicia.

A Orde do 19 de xuño de 2006, pola que se convocan axudas para o desenvolvemento de programas de educación familiar polas corporacións locais de Galicia (DOG nº 121, do 26 de xuño), recolle que nos orzamentos da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar existe consignado para este ano 2006 un importe para as devanditas axudas de 1.199.869 euros, importe que poderá verse incrementado con outras achegas da Administración pública para o mesmo fin.

En consecuencia, como existen dispoñibilidades orzamentarias que poden ser utilizadas para os mesmos fins, cómpre ampliar o importe dos créditos correspondentes ao exercicio 2006 destinados ao financiamento das axudas que poderán ser concedidas ao abeiro da Orde do 19 de xuño de 2006, cunha contía adicional de 1.321.159,32 euros, coa finalidade de facer chegar estas subvencións ao maior número posible de entidades e en contía suficiente para garantir un axeitado desenvolvemento dos programas de educación familiar.

Por todo o exposto, e no uso das facultades que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Amplíase o importe total correspondente ao exercicio 2006 destinado ao financiamento das axudas que se van conceder ao abeiro da Orde do 19 de xuño de 2006, pola que se convocan axudas para o desenvolvemento de programas de educación familiar polas corporacións locais de Galicia, na contía de 1.321.159,32 euros con cargo á aplicación orzamentaria 05.20.212A.460.0.

2. Esta modificación non afecta o prazo establecido na devandita orde para a presentación das solicitudes.

Disposición derradeira

Única.-Esta disposición entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 10 de agosto de 2006.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E TRANSPORTES