DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 159 Venres, 18 de agosto de 2006 Páx. 13.033

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE DO HOME E DA MULLER

RESOLUCIÓN do 8 de agosto de 2006 pola que se establecen as bases reguladoras que rexerán as axudas e subvencións para o acceso das mulleres á cotitularidade de explotacións como fórmula de integración laboral da muller e estímulo ás mulleres emprendedoras de Galicia e se procede á súa convocatoria.

O Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, atribúelle á Vicepresidencia as competencias en materia de igualdade de xénero, que serán exercidas de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e nos termos sinalados na Constitución española.

Ao Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, organismo autónomo de carácter administrativo, adscrito á Secretaría Xeral de Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, creado pola Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, correspóndelle, entre outras funcións, a de elaborar plans de actuación, programas piloto e plans ponte para fomentar o emprego e facilitar a formación profesional das mulleres (artigo 3.8º).

A Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, establece o compromiso da comunidade autónoma na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade no ámbito laboral e formativo. No seu artigo 31 establece que «a Xunta de Galicia adoptará as medidas necesarias para facilitarlles ás mulleres o acceso e mantemento da titularidade ou cotitularidade das explotacións agrarias».

Esta resolución pretende apoiar as mulleres labregas emprendedoras, estimulándoas mediante a concesión dunha serie de axudas económicas para que se rexistren como cotitulares das súas explotacións e deste xeito acaden o recoñecemento oficial do traballo que están a realizar nas explotacións, ademais de reducir as inexactitudes estatísticas no que se refire aos datos sobre inactividade laboral das mulleres galegas.

No Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime

de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, establécense os requisitos xerais ás subvencións concedidas pola Administración autonómica, normativa á que, en consecuencia, se adaptará esta resolución, tendo en conta en todo caso os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Por todo o exposto, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Capítulo I

Finalidade e réxime das axudas

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta resolución é establecer as bases que rexerán a concesión de subvencións en réxime de concorrencia non competitiva ás mulleres labregas galegas para lles facilitar o acceso á cotitularidade das explotacións agrarias, das que unicamente é titular un home, rexistrándose para tal efecto no rexistro de explotacións agrarias prioritarias da Consellería do Medio Rural, como medio axeitado para a posta en valor, o recoñecemento social e legal e a garantía de dereitos do traballo das mulleres nas explotacións agrarias.

Artigo 2º.-Financiamento.

As accións incluídas nesta resolución financiaranse con cargo á partida orzamentaria 05.80.212A.470.0 da Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, están cofinanciadas con fondos reflectidos no Marco Comunitario de Apoio da Unión Europea, a través do Fondo Social Europeo (FSE) e o importe global destinado a estas ascende a 400.000 euros, desta contía o FSE achega o 80% e o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller o 20%. Esta contía poderá incrementarse de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 3º.-Normativa aplicable.

A tramitación de solicitudes e concesión destas axudas axustarase ao disposto nesta resolución, no Regulamento (CE) 1864/2004 da Comisión, do 6 de outubro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de mínimis nos sectores agrario e pesqueiro, no Regulamento (CE) 1784/1999, do 12 de xullo, relativo ao Fondo Social Eurpoeo, no Regulamento (CE) 438/2001 da Comisión, do 2 de marzo, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1260/1999 do Consello en relación cos sistemas de xestión e control de axudas outorgadas con cargo a fondos estruturais, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións; na Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2006; no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade

Autónoma de Galicia; nesta resolución e demais normativa de aplicación.

En canto á información e publicidade das accións que se realicen ao abeiro desta resolución rexerá o disposto no Regulamento (CE) número 1159/2000 da Comisión, do 30 de maio, sobre as actividades de infor

mación e publicidade que deben levar a cabo os estados membros en relación coas intervencións dos fondos estruturais, e demais normativa de aplicación.

Artigo 4º.-Beneficiarias.

1. Poderán ser beneficiarias destas axudas:

a) As mulleres desempregadas que acceden á cotitularidade dunha explotación agraria a través da alta no rexistro de explotacións agrarias prioritarias da Consellería do Medio Rural e da correspondente alta na Seguridade Social.

b) As mulleres que, en situación de alta na Seguridade Social, no réxime especial agrario por conta propia ou no de autónomas, acceden por primeira vez á cotitularidade dunha explotación agraria na que traballan causando alta no rexistro de explotacións agrarias prioritarias da Consellería do Medio Rural.

Artigo 5º.-Axudas.

1. As axudas consistirán nunha prima, por unha soa vez por explotación e beneficiaria, de 2.000 A pola inscrición das solicitantes ás que se refire o artigo 4º no rexistro de explotacións agrarias prioritarias da Consellería do Medio Rural.

2. A inscrición deberase ter efectuado entre o 1 de xaneiro de 2006 e o 30 de novembro de 2006.

3. Esta subvención será compatible con outros programas elaborados polas administracións públicas, agás que se trate de subvencións do mesmo tipo, concepto e finalidade, tendo en conta que se trata dunha axuda sometida ao réxime de mínimis para o sector agrario polo que se observará o cumprimento do límite de axuda total mínimis concedida de 3.000 euros nun período de tres anos establecido no regulamento de aplicación.

Capítulo II

Procedemento

Artigo 6º.-Solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse, no modelo normalizado que se publica como anexo I, xunto coa documentación que se relaciona:

a) Copia compulsada do DNI da solicitante.

b) Certificado do anotamento da explotación no rexistro de explotacións agrarias prioritarias de Galicia da Consellería do Medio Rural ou, no seu defecto, informe do cumprimento das condicións para o anotamento, emitido polo órgano que ao efecto designe ese departamento.

c) Informe orixinal de vida laboral, actualizado, emitido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

d) Copia compulsada da alta da cotitular no réxime correspondente da Seguridade Social.

e) Compromiso expreso de mantemento da cotitularidade durante 5 anos.

f) Declaración actualizada do conxunto de todas as axudas solicitadas, concedidas ou pendentes de resolución, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou das súas entidades vinculadas ou dependentes (modelo: anexo II).

g) Certificación orixinal expedida pola entidade bancaria da titularidade da conta da solicitante na que

conste: o código de banco, o código de sucursal, o díxito de control e o código de conta corrente.

Artigo 7º.-Lugar e prazo de presentación de solicitudes.

1. As solicitudes presentaranse no rexistro do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1994, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

2. O prazo de presentación de solicitudes comeza o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e remata o 30 de novembro de 2006.

3. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou a documentación achegada conteña erros ou sexa insuficiente, as unidades administrativas encargadas da tramitación dos expedientes requirirán as interesadas para que, no prazo de dez días, acheguen os documentos preceptivos ou emenden os erros detectados, con indicación de que, se así non o fixeran, teranse por desistidas da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 8º.-Comisión de valoración.

1. A directora xeral do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller designará unha comisión de valoración, que estará composta, polo menos, por tres membros, a presidenta, que será a secretaria do organismo, e dous vogais, actuando un deles como secretario/a. Se por calquera causa, no momento no que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe a directora xeral.

2. Revisada a documentación e completada, se é o caso, a comisión de valoración proporá a concesión ou denegación das subvencións, de acordo cos requisitos exixidos nesta disposición. Con periodicidade mensual, a comisión presentará a proposta de resolución das solicitudes completas ate ese momento, sempre que nese período se completasen os trámites administrativos da solicitude referidos ao artigo anterior.

Artigo 10º.-Resolución.

1. A resolución dos expedientes de axudas, unha vez fiscalizada a proposta da comisión de valoración pola intervención delegada, correspóndelle á directora xeral do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

2. O prazo para resolver será de tres meses, que se computarán a partir do día seguinte ao da presentación da solicitude. Transcorrido este prazo sen que recaese resolución expresa, que en todo caso deberá producirse antes de rematar o exercicio orzamentario, a solicitude entenderase desestimada.

3. A directora do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá modificar, suspender ou revogar as subvencións concedidas, logo de procedemento, e logo do informe da comisión de valoración, nos casos en que varíen as condicións que motivaron a concesión ou do incumprimento total ou parcial dos requisitos e condicións establecidos para ela.

4. As resolucións de concesión, denegación, modificación, suspensión e/ou revogación ditadas notificaránselles ás interesadas e terán que ser motivadas.

5. As resolucións ditadas poñen fin á vía administrativa e contra elas poderá interpoñerse, potestativamente, recurso de reposición ante o órgano que ditou o acto no prazo dun mes desde a súa notificación, de acordo co disposto no artigo 117 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou directamente, recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional competente, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co establecido na Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

6. As subvencións concedidas publicaranse, con expresión da beneficiaria, a contía e a finalidade, na forma que determine o órgano competente de acordo co disposto na Lei xeral de subvencións e na Lei de orzamentos xerais de Galicia para 2006.

Artigo 11º.-Aceptación da subvención.

No prazo de dez días naturais, desde a recepción da notificación da concesión da subvención, as beneficiarias deberán manifestar por escrito a súa aceptación comprometéndose a cumprir os prazos e requisitos establecidos nesta convocatoria. De non recibirse a aceptación neste prazo, entenderase que as beneficiarias renuncian á subvención inicialmente concedida e procederase, logo da resolución, ao arquivo do expediente.

Artigo 12º.-Obrigas.

1. Ademais das obrigas xerais establecidas no artigo 78.4º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia para a percepción de axudas públicas, as beneficiarias desta subvención están obrigadas a:

a) Ter unha permanencia ininterrompida como cotitular da explotación de cinco anos como mínimo e cumprir os requisitos de publicidade. Durante este tempo deberá permanecer anotada no Rexistro de Explotacións Agrarias de Galicia.

b) Facilitar toda a información que lle requira a Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

2. O incumprimento de calquera das obrigas mencionadas será causa de revogación da subvención, ou de reintegro, se é o caso, dos importes percibidos e dos xuros de demora correspondentes.

Artigo 13º.-Xustificación e pagamento.

1. Unha vez concedida e aceptada a subvención, o seu pagamento quedará condicionado a que as beneficiarias presenten a seguinte documentación:

a) Copias compulsadas dos boletíns de cotización á Seguridade Social da beneficiaria aboados desde o mes da alta no rexistro de explotacións agrarias prioritarias da Consellería do Medio Rural.

b) Declaración complementaria, actualizada, do conxunto de todas as axudas solicitadas, concedidas ou pendentes de resolución, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas ou das súas entidades vinculadas ou dependentes. (Modelo: anexo II).

2. Unha vez completada a documentación a que se refire o punto anterior, o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller incorporará ao expediente informe emitido pola Consellería do Medio Rural sobre a vixencia da situación das beneficiarias no seu rexistro, para os efectos da tramitación da proposta de pagamento.

Artigo 14º.-Período de xustificación.

1. Con carácter xeral a xustificación comprenderá as inscricións realizadas entre o 1 de xaneiro de 2006 e o 30 de novembro de 2006. A xustificación para a percepción da axuda deberá presentarase ata o 15 de decembro de 2006.

2. No caso de que a xustificación fose incorrecta e/ou incompleta requirirase a beneficiaria para que corrixa os erros ou defectos observados e/ou achegue os documentos solicitados no prazo de dez días, advertíndolle que, de non facelo, procederase, logo da resolución, á revogación da subvención e, de ser o caso, ao reintegro da contía percibida e á exixencia dos xuros de demora.

Artigo 15º.-Obrigas tributarias e sociais.

A presentación da solicitude comporta a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións á Axencia Estatal de Administración Tributaria, á Consellería de Economía e Facenda e á Tesouraría Xeral da Seguridade Social. Non obstante, cando non resulte posible obter a certificación telemática ou esta sexa negativa, a unidade tramitadora requirirá as solicitantes para que acheguen as citadas certificacións.

Artigo 16º.-Modificación da resolución.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, se é o caso, á súa revogación.

Artigo 17º.-Reintegro.

Procederá o reintegro total ou parcial da axuda percibida e a exixencia dos xuros de demora, nos casos e termos previstos nesta resolución, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e na normativa europea de aplicación.

Artigo 18º.-Seguimento e control.

As beneficiarias quedan obrigadas, durante os cinco anos seguintes á percepción da axuda, a manter a súa condición de cotitular da explotación agraria, a aceptar as actuacións de supervisión e control do Fondo Social Europeo, da Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller; e as de control financeiro que lle correspondan á Consellería de Economía e Facenda, as previstas na lexislación do Consello de Contas ou as daqueloutros organismos públicos que, se é o caso, procedan.

Disposicións adicionais

Primeira.-O Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá ditar resolucións de concesión de axudas de carácter complementario, cando existan fondos procedentes de renuncias expresas, de remanentes de subvencións inicialmente concedidas ou por ampliación, logo de publicación, do crédito inicialmente destinado no artigo 2º desta resolución. A comisión de valoración realizará propostas motivadas de adxudicacións complementarias que atenderán solicitudes inicialmente desestimadas por razón de esgotamento do orzamento.

Segunda.-Sen prexuízo das facultades inspectoras que teñan atribuídas outros órganos da Administración estatal e autonómica, o Fondo Social Europeo, a Unidade Administradora do Fondo Social Europeo do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais e o Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderán realizar as comprobacións e verificacións que consideren precisas para a constatación do cumprimento do disposto nesta resolución e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Terceira.-O Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nesta resolución.

Cuarta.-Ás beneficiarias das axudas reguladas nesta resolución seralles de aplicación o réxime de infraccións e sancións previsto no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-A Dirección Xeral do Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller ditará as instrucións que sexan necesarias para o axeitado desenvolvemento e cumprimento desta convocatoria.

Segunda.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de agosto de 2006.

Ana Luisa Bouza Santiago

Directora do Servizo Galego de Promoción

da Igualdade do Home e da Muller