DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 158 Xoves, 17 de agosto de 2006 Páx. 12.961

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 9 de agosto de 2006 pola que se convocan subvencións destinadas ás entidades locais de Galicia dirixidas a favorecer e dinamizar o compromiso coa igualdade de oportunidades de mulleres e homes e coa eliminación da violencia de xénero.

O Estatuto de autonomía establece no seu artigo 4 que lles corresponde aos poderes públicos de Galicia promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas e remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude.

A Lei 7/2004, do 16 de xullo, galega para a igualdade de mulleres e homes, tal e como establece no seu artigo 1, vén reforzar o compromiso da Comunidade Autónoma de Galicia na eliminación da discriminación entre mulleres e homes e na promoción da igualdade.

No Decreto 517/2005, do 6 de outubro, establécese a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar. No seu artigo 5, punto 1.a), establécese que lle corresponde á Secretaría Xeral da Igualdade a xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de xénero, loita contra a discriminación por razón de sexo, igualdade entre mulleres e homes, loita contra a violencia de xénero e calidade da vida persoal e familiar.

Para acadar o éxito na loita pola igualdade de oportunidades e contra a violencia de xénero ten que producirse a coordinación entre todos os niveis da Administración local, autonómica, estatal e europea, de xeito que se teña coñecemento das actuacións realizadas e dos resultados acadados por cada un deses niveis para que non se produzan contradicións.

As actuacións da Administración local, como instancia máis próxima ás necesidades, intereses e inquedanzas da cidadanía, adquiren unha especial relevancia e de aí o apoio que a Administración autonómica quere prestar á promoción de actividades e servizos públicos que contribúan a satisfacer esas necesidades e intereses.

Polo tanto, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar considera de máximo interese o fomento das actividades destinadas á promoción da igualdade de oportunidades, á eliminación da violencia de xénero, e entende que para isto é fundamental prestar apoio ás accións que neste sentido emprendan as entidades locais dentro da súa competencia e ámbito territorial, como entes próximos aos cidadáns e cidadás e coñecedoras das necesidades da súa poboación.

Esta convocatoria tramítase de acordo co disposto no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido

da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo; no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que o desenvolve e, en concreto, no relativo aos principios de obxectividade, concorrencia e publicidade na concesión de axudas e subvencións, e no establecido na Lei 7/2005, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, así como nas disposicións aplicables da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Na súa virtude, e no uso das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. O obxecto desta convocatoria é aprobar as bases para a concesión de subvencións para as diferentes liñas de actuación que desenvolvan, desde o 1 de xaneiro de 2006 ata a data límite de xustificación especificada no artigo 13, as entidades locais galegas que se especifican no artigo 3, e proceder á súa convocatoria.

2. Esta disposición ten por finalidade:

a) Mellorar a percepción social sobre a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

b) Mellorar as condicións sociais e culturais de partida para as mulleres e fomentar a súa participación.

c) Desenvolver canles de información e asesoramento.

d) Atender mulleres cunha problemática específica.

e) Impulsar os programas de transversalidade de xénero no ámbito municipal.

3. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non-discriminación, eficacia e eficiencia.

Artigo 2º.-Entidades beneficiarias.

1. Poderán solicitar as subvencións reguladas nesta convocatoria concellos, agrupación de concellos ou mancomunidades da comunidade autónoma validamente constituídas, que cumpran os requisitos fixados nesta convocatoria.

2. Así mesmo, aqueles concellos que pertenzan a unha mesma zona sen constituír mancomunidade para estes efectos, e acorden desenvolver programas conxuntos de actuación, poderán solicitar as subvencións que regula esta orde. Neste suposto todos os concellos quedan obrigados solidariamente ao

cumprimento das obrigas que deriven da concesión de subvención.

3. Ningún concello ou entidade local dos sinalados no punto 1 poderá:

a) Presentar solicitude de subvención se o fixo unha entidade local na cal estean integrados ou da cal dependan.

b) Figurar en máis dunha solicitude colectiva das que sinala o punto 2.

c) Figurar nunha solicitude colectiva e subscribir outra individual.

4. O incumprimento destas normas dará lugar á non-admisión de todas as solicitudes individuais de subvención subscritas pola entidade de que se trate, dando validez á solicitude realizada de forma conxunta.

Artigo 3º.-Accións subvencionables.

Poderán ser obxecto de subvención as accións que se describen a continuación, enmarcadas nalgunha das dúas liñas de actuación seguintes:

1. Igualdade de oportunidades.

Poderán ser obxecto de subvención os programas ou actividades seguintes:

a) Elaboración e publicación do plan de igualdade de oportunidades naquelas entidades que non o teñan elaborado, e que deberá conter unha área de actuación específica relativa a medidas de eliminación da violencia de xénero.

b) Programas e actividades que teñan como fin a información ás mulleres sobre os programas e servizos que existen no termo municipal ou na comarca.

c) Actividades de sensibilización dirixidas especialmente aos homes, orientadas a fomentar a corresponsabilidade.

d) Actividades, foros ou seminarios nos cales se aborden actuacións dirixidas a favorecer a efectiva igualdade de mulleres e homes nas materias que son obxecto de competencia municipal, ou naquelas dirixidas a favorecer a coeducación tanto no ámbito educativo, en colaboración cos centros educativos do municipio ou das AMPAS, como no ámbito da familia ou na sociedade.

e) Formación, información e sensibilización dirixidas ao persoal técnico e político das diferentes áreas municipais para dinamizar o compromiso coa igualdade de oportunidades no contorno local.

2. Eliminación da violencia de xénero.

Poderán ser obxecto de subvención os programas ou actividades seguintes:

a) Programas e actividades que teñan como fin a información ás mulleres sobre os programas e servizos que existen no termo municipal ou na comarca dirixidos a proporcionar apoio de distinta índole ás mulleres que sofren violencia de xénero.

b) Xornadas, seminarios, cursos e actividades análogas sobre a violencia de xénero.

c) Traballos de investigación relacionados coa violencia de xénero en Galicia, as súas causas e consecuencias, os medios necesarios para evitala, o grao de sensibilización da sociedade ante ela e os medios necesarios para a súa erradicación.

d) Cursos nos cales se promova a sensibilización e formación do persoal da entidade local e/ou outros grupos de profesionais do municipio ou municipios implicados no tema, tales como persoal dos servizos sociais, policía local, persoal dos servizos sanitarios de centros de saúde, etc., en aspectos relacionados coa atención específica a mulleres que sofren violencia de xénero.

e) Elaboración e difusión de materiais e metodoloxías de información, sensibilización e/ou formación de aspectos relacionados coa loita contra a violencia de xénero.

f) Programas dirixidos aos fillos/as das mulleres que sofren malos tratos, orientados a optimizar os aspectos afectivos, sociais, educativos, de ocio e de tempo libre.

Cada entidade poderá obter subvención só para unha actividade ou programa por cada unha das liñas de actuación 1 e 2.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Artigo 4º.-Orzamento.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar financiará as subvencións obxecto desta convocatoria por un importe total máximo de 120.000 euros e con cargo ás seguintes partidas orzamentarias: 05.20.212 A.460.2, cunha contía de 60.000 euros e 05.20.212 A.460.3 cunha contía de 60.000 euros dos orzamentos da Comunidade Autonóma de Galicia para o ano 2006.

Artigo 5º.-Solicitudes, prazo de presentación e documentación.

1. As solicitudes de subvención presentaranse agrupadas por liña de actuación, segundo o modelo que se publica como anexo I. As solicitudes, xunto coa documentación, remitiranse á Secretaría Xeral da Igualdade da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, e presentaranse no rexistro central da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, nas delegacións provinciais ou través dalgunha das formas establecidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, entre as cales se inclúen os rexistros dos concellos que teñan subscrito o convenio de cola

boración para a implantación dun sistema intercomunicador do rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O prazo para a presentación de solicitudes será de 30 días naturais desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

3. A solicitude poderá formalizala:

a) O/A alcalde/sa presidente/a ou persoa en quen delegue.

b) O/A presidente/a da mancomunidade ou persoa en quen delegue.

c) O/A representante que se estableza no acordo de cooperación, para os supustos previstos no artigo 3º.2 desta orde, soamente un deles/as en representación dos/as demais, logo de delegación de cada un dos concellos.

En calquera dos casos, o/a solicitante deberá ser autorizado/a e designado/a polo Pleno, Comisión de Goberno da entidade peticionaria, ou decreto da Alcaldía.

4. As solicitudes presentaranse acompañadas da seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI da persoa que teña a representación legal da entidade solicitante.

b) Fotocopia compulsada do CIF da entidade solicitante da subvención.

c) Certificación do/a secretario/a que recolla o acordo do órgano competente, de solicitude da subvención, e en que se nomee un/unha representante se procede.

d) Certificación do órgano competente sobre a existencia de crédito para facer fronte á porcentaxe de financiamento que asume a entidade local sobre o total do proxecto presentado.

e) Acción para a cal se solicita subvención e orzamento estimado.

f) Para os concellos que se acollan á fórmula de solicitude regulada no artigo 2º.2 desta orde, documento no cal se acorde a colaboración dos concellos e certificación dos/as secretarios/as, dos acordos do Pleno ou Comisión de Goberno delegando a petición de subvención no concello que actúe como representante de todos eles.

g) Declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas concedidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, así como non estar incurso/a nas prohibicións para obter a condición de beneficiario/a sinaladas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no modelo que se publica como anexo II.

h) Memoria detallada, con descrición da acción ou accións que se van desenvolver, e que incluirá como mínimo para cada unha das accións para as que se solicite subvención:

* Denominación de cada acción.

* Descrición da acción.

* Necesidade ou conveniencia da execución da acción.

* Cronograma.

* Obxectivo perseguido por cada acción.

* Número estimado de persoas destinatarias da acción.

* Lugar e data de realización.

* Orzamento.

* Indicadores ou medidores cuantificables do grao de cumprimento do obxectivo ou obxectivos perseguidos.

5. Conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, se a solicitude non reúne os requisitos exixidos nesta orde, o/a interesado/a será requirido/a para que nun prazo de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da recepción do devandito requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, de non o facer, se considerará que desistiu na súa solicitude, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da devandita lei.

Artigo 6º.-Procedemento e resolución.

1. A Secretaría Xeral da Igualdade será o órgano competente para a instrución do procedemento de concesión, realizando as actuacións necesarias para comprobar e determinar os datos en virtude dos cales se teña que ditar a resolución.

2. As actividades de instrución comprenderán as seguintes actuacións:

a) Petición de cantos informes coide necesarios o órgano instrutor.

b) Pre-avaliación das solicitudes, verificando os seguintes extremos: cumprimento por parte dos/as solicitantes dos requisitos exixidos para obter a condición de beneficiario/a desta subvención, presentación en regra de toda a documentación necesaria.

c) Formular os requirimentos de emenda oportunos, nos termos do artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

d) Formulación da proposta de resolución debidamente motivada, á vista do correspondente expediente e do informe da comisión de valoración.

3. Conforme o establecido no artigo 9 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, crearase unha comisión de valoración para o efecto que estará presidida pola secretaria xeral da Igualdade ou a persoa en quen delegue, e da cal formarán parte, ademais, a subdirectora xeral de Promoción da Igualdade, a subdirectora xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero, un/unha funcionario/a da Subdirección Xeral de Promoción da Igualdade, que actuará como secretario/a, e un/unha funcionario/a da Subdirección Xeral para o Tratamento da Violencia de Xénero.

4. A comisión de valoración, motivadamente, poderá requirir das entidades solicitantes das subvencións información ou documentación adicional que, non estando en poder da Administración, teña fundamental relevancia e unha relación directa para unha mellor avaliación das solicitudes.

5. Avaliadas as solicitudes seguindo os criterios de valoración establecidos no artigo 7, e á vista das valoracións emitidas pola comisión de valoración e recollidas na acta da reunión, a secretaria xeral da Igualdade elevará unha proposta de resolución e o vicepresidente da Igualdade e do Benestar ditará a resolución de concesión ou denegación da subvención solicitada.

Artigo 7º.-Criterios de valoración.

1. Na valoración das solicitudes presentadas polas entidades peticionarias teranse en conta os seguintes aspectos e de acordo coas porcentaxes sinaladas a continuación:

a) Interese do proxecto da actividade que se propón (20%).

b) Programas e actividades das entidades locais, que fosen consensuados cos consellos de mulleres municipais ou comarcais (15%).

c) Programas e actividades que prevexan as dificultades de conciliación das responsabilidades familiares, xerando servizos de atención a menores durante o desenvolvemento do programa de actividades (15%).

d) Os programas e actividades planificados para o curto e medio prazo pero que se insiran en liñas de actuación que pretendan xerar e provocar cambios na realidade das mulleres, fronte a propostas illadas ou puntuais (15%).

e) Indicadores de avaliación do impacto e utilización de mecanismos de avaliación axeitados (15%).

f) Participación da entidade no financiamento das actuacións (10%).

g) Carácter innovador das actuacións pola metodoloxía, destinatarias/os ou avaliación (10%).

2. Terán carácter prioritario as solicitudes de subvención para a elaboración e publicación do plan de igualdade de oportunidades naquelas entidades que non o teñan elaborado, e que deberá conter unha área de actuación específica relativa a medidas de eliminación da violencia de xénero, tal e como se recolle no artigo 3º.1.a) desta orde.

Artigo 8º.-Contía da subvención.

1. A contía da subvención determinarase sobre a base da puntuación asignada en función dos criterios de valoración establecidos no artigo 7, por proposta da comisión de valoración.

2. De resultar saldo dispoñible nalgunha das liñas de actuación obxecto desta convocatoria, unha vez valoradas todas as solicitudes presentadas, poderase incrementar o importe total da liña que teña esgotado o crédito nun importe equivalente a ese saldo dispoñible, logo dos trámites orzamentarios oportunos.

3. A suma total das contías das subvencións concedidas non poderá superar a contía do crédito asignado nesta convocatoria para cada unha das partidas orzamentarias ás cales se refire o artigo 4 desta orde.

Artigo 9º.-Resolución.

1. Á vista das valoracións efectuadas pola comisión de valoración e recollidas na acta da reunión, a secretaria xeral da Igualdade elevará unha proposta de resolución e o vicepresidente da Igualdade e do Benestar ditará a resolución de concesión ou denegación da subvención solicitada.

2. A resolución de subvención ditarase no prazo máximo de tres meses contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o prazo sen resolución expresa, as solicitudes entenderanse desestimadas.

Artigo 10º.-Réxime de recursos.

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados ao abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa e contra elas caberá interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto. Todo isto sen prexuízo do disposto no artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 11º.-Forma de pagamento.

1. O pagamento da subvención efectuarase unha vez realizada a actividade ou actividades e xustificados correctamente os gastos realizados segundo o artigo 11 desta orde, e o previsto no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A subvención farase efectiva nun único pagamento ao achegar os xustificantes de ter realizada a actividade ou actividades polo importe total subvencionado; non obstante, poderanse facer pagamentos parciais, de acordo co artigo 16.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, ata un máximo do 80% da contía total concedida na medida en que se vaia xustificando. O restante 20% aboarase cando remate totalmente a actividade ou actividades subvencionadas.

2. Non se poderá facer en ningún caso o pagamento da subvención mentres a entidade beneficiaria non estea ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, sexa debedora en virtude de resolución declarativa de procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera outro concepto, coa Administración da comunidade autónoma, correspondéndolle, en todo caso, a carga da proba á Administración pública da comunidade autónoma.

3. En ningún caso o importe das subvencións concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver a entidade beneficiaria.

Artigo 12º.-Gastos subvencionables.

1. Terán a consideración de subvencionables aqueles gastos correntes que de xeito indubitado respondan á natureza da actuación presentada na solicitude e se realicen antes do 15 de novembro de 2006, como é o caso, entre outros, dos seguintes:

a) Gastos asociados ao persoal que imparta as accións formativas, e sempre que non pertenza ao cadro de persoal da entidade solicitante.

b) Gastos asociados á organización de actividades formativas.

c) Gastos de elaboración e difusión dos materiais.

d) Outros gastos suplementarios, directamente derivados da actividade, que estean perfectamente xustificados e se consideren fundamentais para o seu desenvolvemento: servizo de atención a menores, ludoteca, etc.

2. Considérase gasto realizado o que foi efectivamente pagado dentro do prazo de finalización do período de xustificación.

Artigo 13º.-Xustificación.

1. A data límite para executar as actuacións que fosen obxecto de subvención e para xustificar o correspondente pagamento é o 15 de novembro de 2006. Para isto a entidade beneficiaria deberá enviarlle á Secretaría Xeral da Igualdade a seguinte documentación:

-Certificación expedida polo/a secretario/a da entidade local co visto e prace da persoa que teña a

representación legal (anexo II), no cal se faga constar:

a) O conxunto de todas as axudas concedidas e/ou solicitadas para a mesma actividade ou actividades procedentes das distintas administracións públicas ou doutros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais.

b) A relación de actividades realizadas.

c) O importe do gasto efectuado (en cifras e en letras). Achegarase relación anexa dos gastos, con indicación expresa do seu número, data, acredor co seu NIF/CIF e importe. Achegaranse tamén fotocopias compulsadas dos ditos documentos tendo que ser efectuada a compulsa polo/a secretario/a da entidade local ou funcionario/a habilitado/a para o efecto.

d) O cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención.

-Memoria de execución do proxecto que deberá prever, como mínimo, breve descrición do proxecto desenvolvido, valoración do cumprimento dos obxectivos, valoración global do proxecto, actividades de publicidade e divulgación que se realizaron, persoas participantes.

2. Os órganos competentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar poderán solicitar as aclaracións ou informes dos medios de xustificación a que se refire o artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que consideren convenientes. No caso de que a entidade beneficiaria non os remitise dentro do prazo que se sinale, entenderase que renuncia á subvención.

Artigo 14º.-Obrigas das entidades locais beneficiarias.

Son obrigas das entidades beneficiarias das subvencións reguladas nesta orde:

1. Xustificar ante o órgano concedente o cumprimento dos requisitos e condicións, así como a realización da actividade e o cumprimento da finalidade que determinen a concesión da subvención. O cumprimento desta obriga de xustificación realizarase nos termos previstos no artigo 30 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na normativa regulamentaria de desenvolvemento e no disposto nesta orde.

2. Someterse a actuacións de comprobación para efectuar polo órgano concedente da subvención, así como calquera outra de comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, facilitando canto información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

3. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polas entidades beneficiarias e,

de ser o caso, a obtención doutras subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación ten que efectuarse tan pronto como se coñezan e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

4. A entidade beneficiaria terá a obriga de publicitar a subvención concedida en toda actividade subvencionada durante a realización desta, así como nos anuncios e programas previos, de ser o caso, á súa realización. Así mesmo, deberá facer constar en todos aqueles soportes informativos e publicacións que se realicen que as actividades foron subvenciondas pola Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar-Secretaría Xeral da Igualdade. Deberá remitirse á Secretaría Xeral da Igualdade proba documental do cumprimento desta obriga.

5. Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos recollidos no artigo 37 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

6. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos, en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Artigo 15º.-Seguimento e avaliación.

1. A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, a través da Secretaría Xeral da Igualdade, establecerá os mecanismos oportunos para o seguimento e avaliación das actividades subvencionables, e para tal fin as entidades beneficiarias da subvención comprométense a facilitar a tarefa de seguimento.

2. Para realizar estas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á súa disposición para comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados e o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación. Para estes efectos, as entidades beneficiarias deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde.

Artigo 16º.-Fiscalización e control.

A concesión das subvencións reguladas nesta orde estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma nos termos que establece o capítulo V do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Artigo 17º.-Reintegro das subvencións.

Procederá o reintegro total ou parcial da subvención e dos xuros de demora devengados desde o momento do pagamento ata a data en que se acorde a procedencia de tal reintegro nos casos previstos no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido

da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e réxime administrativo.

Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver a entidade local beneficiaria ou, de ser o caso, a porcentaxe máxima de investimento subvencionable que se estableza.

O procedemento de reintegro tramitarase de acordo co establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

As cantidades que deban reintegrarse terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 ao 23 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 18º.-Modificación da subvención.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión de subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da subvención, tal e como se establece no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a secretaria xeral da Igualdade para que dite as disposicións necesarias para a aplicación do establecido nesta orde.

Segunda.-En todo o non previsto nesta orde rexerá a normativa xeral en materia de subvencións contida na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción dada polo artigo 12 da Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, ademais do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no que non resulte derrogado pola normativa anteriormente citada.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago Compostela, 9 de agosto de 2006.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar