DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 157 Mércores, 16 de agosto de 2006 Páx. 12.913

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA E DEPORTE

ORDE do 24 de xullo de 2006 pola que se declara de interese galego a Fundación Nino Mirón Pontevedra Club de Fútbol e se ordena a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego.

Con data do 18 de xullo de 2006 foi publicada no Diario Oficial de Galicia a orde da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, do 28 de xuño de 2006, pola que se clasifica de interese a Fundación Nino Mirón Pontevedra Club de Fútbol, adscribíndoa á Consellería de Cultura e Deporte, que exercerá plenamente o protectorado sobre ela.

Esta fundación, de acordo co establecido no artigo 6 dos seus estatutos, ten como obxecto promocionar, desenvolver e impulsar o deporte, con especial atención á participación dos nenos en idades de formación, universitarios e minusválidos, así como procurar a inserción socio-laboral dos deportistas, unindo a cultura, a educación e a práctica deportiva para o desenvolvemento integral da sociedade e contribuír así á formación dunha mocidade máis sa desde o punto de vista persoal e social.

Por iso, en virtude das competencias que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e segundo o establecido no artigo 8 da Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, e no artigo 32.3º a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, aprobado polo Decreto 248/1992, do 18 de xuño,

DISPOÑO:

Primeiro.-Declarar de interese galego a Fundación Nino Mirón Pontevedra Club de Fútbol xa que os seus estatutos cumpren as prescricións que, para tal efecto, sinala a vixente lexislación en materia de fundacións de interese galego.

Segundo.-Ordenar a inscrición da Fundación Nino Mirón Pontevedra Club de Fútbol no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Consellería de Cultura e Deporte, para os efectos constitutivos que sinala a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime das fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro.

Terceiro.-Esta fundación queda sometida ao disposto na normativa de xeral aplicación, en especial, á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación

dos seus servizos. Tamén queda obrigada a renderlle contas anualmente ao protectorado e a xustificar, a través dunha memoria anual, o cumprimento da finalidade fundacional, así como a presentar o proxecto de orzamento, con anterioridade ao inicio do exercicio económico para o que se formula e a solicitar as preceptivas autorizacións do protectorado.

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 24 de xullo de 2006.

Ánxela Bugallo Rodríguez

Conselleira de Cultura e Deporte