DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Venres, 11 de agosto de 2006 Páx. 12.780

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 31 de xullo de 2006, da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional, pola que se inicia o procedemento para o recoñecemento do grao I de desenvolvemento profesional das categorías de diplomados sanitarios do Servizo Galego de Saúde.

De conformidade co acordo da mesa sectorial do 4 de xullo de 2006, sobre carreira profesional do persoal das categorías de diplomados sanitarios do Servizo Galego de Saúde, aprobado polo Consello da Xunta con data do 27 de xullo, correspóndelle a este centro directivo iniciar mediante resolución o procedemento para o recoñecemento extraordinario dos sucesivos graos no momento en que proceda, consonte a secuencia temporal de implantación do sistema.

O persoal estatutario fixo das categorías de diplomados sanitarios, con praza en propiedade nos equipos das institucións sanitarias do Sergas obtida con anterioridade ao remate dos procesos executados ao abeiro da Lei 16/2001, ao que lle resulte de aplicación o sistema retributivo da Lei 55/2003, do estatuto marco (transitoriamente Real decreto lei 3/1987 e normativa complementaria), pode acceder ao grao I con efectos de xullo de 2006.

En consecuencia, coa aprobación da comisión de seguimento do acordo con data do 28 de xullo de 2006,

RESOLVO:

Primeiro.-Obxecto.

Esta resolución ten por obxecto iniciar o procedemento para o recoñecemento do grao I de desenvolvemento profesional a determinado colectivo de persoal estatutario das categorías de diplomados sanitarios, con apertura do prazo para a presentación de solicitudes.

Segundo.-Ámbito de aplicación e requisitos.

Poderá solicitar o recoñecemento do grao I o persoal estatutario fixo, das categorías de diplomados sanitarios, con praza en propiedade nos equipos das institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde obtida con anterioridade ao remate dos procesos exe

cutados ao abeiro da Lei 16/2001, ao que lle resulte de aplicación o sistema retributivo da Lei 55/2003, do estatuto marco (transitoriamente Real decreto lei 3/1987 e normativa complementaria).

Os solicitantes deberán reunir ademais os seguintes requisitos:

a) Ter prestados alomenos 5 anos de servizos na mesma categoría no réxime estatutario. Para estes efectos computaranse os servizos, previos á resolución de integración no réxime estatutario, prestados baixo outro réxime xurídico.

Á marxe de que o profesional unicamente poderá acceder á carreira nunha profesión sanitaria (categoría), serán igualmente computados os servizos prestados en categorías para cuxo exercicio se requira a mesma diplomatura.

b) Estar en situación de activo ou asimilada (reserva de posto), de conformidade co establecido na Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco.

Para valorar o cumprimento dos requisitos atenderase á data do 30 de xuño de 2006.

O persoal laboral e funcionario con vínculo de fixeza que, como consecuencia da próxima oferta de integración realizada pola Consellería de Sanidade, resulte integrado no réxime estatutario nas correspondentes categorías de diplomados sanitarios, accederá ao grao I nas mesmas condicións que o persoal estatutario. Para iso a orde de integración abrirá o prazo de solicitudes de acceso cos mesmos requisitos que os contidos neste procedemento.

Terceiro.-Prazo de presentación e modelo de solicitude.

O profesional deberá presentar a solicitude a través de calquera dos procedementos do artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, advertindo que na folla de solicitude debe figurar o selo de rexistro, quedando os orixinais en poder da Administración e expedindo copia para o interesado. A solicitude deberá dirixirse ao comité de avaliación (diplomados sanitarios) da institución sanitaria en que teña praza en propiedade, no prazo que se inicia o día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia e finaliza o 22 de setembro de 2006.

Cada participante deberá cubrir unha única solicitude, axustándose necesariamente ao modelo que figura como anexo I desta resolución.

O modelo de solicitude está publicado na páxina web do Sergas (www.sergas.es).

Cuarto.-Documentación que debe achegarse coa solicitude.

a) Certificado acreditativo de 5 anos de servizos prestados.

Non será preciso presentar certificado de servizos prestados no caso do solicitante que teña prestado na institución de destino actual os 5 anos de servizos requiridos para o acceso. Noutro caso, o solicitante deberá presentar o certificado ou certificados, emi

tidos polo centros correspondentes, que sexan precisos para completar este período.

b) Autoavaliación/relación de méritos.

A autoavaliación deberá axustarse necesariamente ao modelo que figura como anexo II desta resolución. O modelo está publicado na páxina web do Sergas (www.sergas.es).

c) Documentación acreditativa dos méritos correspondentes a outras actividades: formación continuada; actividade docente; compromiso coa organización. Deberán xuntarse as certificacións acreditativas correspondentes.

Quinto.-Avaliación.

Avaliaranse os seguintes aspectos da actividade e desenvolvemento profesional:

1. Nivel de cumprimento dos requirimentos básicos profesionais (máximo 80 puntos): o comité de avaliación da institución sanitaria solicitará do correspondente xefe, supervisor ou coordinador un informe de conformidade ou desconformidade sobre a autoavaliación (anexo II) realizada polo solicitante respecto ao nivel persoal de cumprimento dos requirimentos básicos profesionais (baixo, normal ou alto). En caso de desconformidade coa autoavaliación, o responsable do informe deberá pronunciarse entre un dos tres niveis referidos de cumprimento.

Os representantes da institución no comité de avaliación emitirán o informe naqueles supostos en que non resulte posible a avaliación dun xefe, supervisor ou coordinador.

O nivel confirmado de cumprimento outorgará ao solicitante as seguintes puntuacións: baixo (50 puntos); normal (70 puntos); alto (80 puntos).

2. Outras actividades: máximo 50 puntos.

Recoñecerase o desenvolvemento acadado polo profesional nos seguintes aspectos:

a) Formación continuada para a actividade profesional: valorarase en todo caso a asistencia, debidamente xustificada, a cursos de formación e perfeccionamento acreditados pola Comisión de Formación Continuada do Sistema Nacional de Saúde, ou pola Comisión Autonómica, sempre que teñan un contido relacionado coas funcións propias da categoría (1 crédito= 10 puntos).

Valoraranse igualmente os cursos finalizados con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2000, relevantes para o desempeño das correspondentes funcións, que se inclúan nalgún dos seguintes grupos:

-Cursos convocados e impartidos pola Administración estatal, autonómica, universidades, Inem, Cruz Vermella, colexios oficiais de diplomados sanitarios, organizacións sindicais ou avalados polo Servizo Galego de Saúde.

-Cursos realizados ao abeiro do acordo de formación continua das administracións públicas ou do Plan de formación continua do Servizo Galego de Saúde.

En ausencia de acreditación por créditos, cada hora de formación asimilarase a 0,1 créditos.

Para a formación universitaria posgraduada non se terá en conta a citada data de referencia (1 de xaneiro de 2000).

b) Actividade docente (pregrao, posgrao e formación continua): ata 10 puntos.

c) Compromiso coa organización:

-Participación en grupos de traballo e comisións con funcións que redunden na mellora na prestación do servizo: ata 10 puntos.

-Elaboración de protocolos e proxectos de mellora: ata 10 puntos.

-Participación na formación posgraduada impartida en unidades do organismo: ata 10 puntos.

-Exercicio de funcións de dirección, xefatura, coordinación e supervisión: ata 10 puntos.

Os solicitantes que acaden 70 puntos obterán avaliación favorable.

Os comités de avaliación fixarán os criterios de puntuación nas epígrafes de actividade docente e compromiso coa organización.

Sexto.-Supostos excepcionais.

Os comités de avaliación absteranse de avaliar os méritos dos solicitantes que, por atoparse en situacións que impliquen desvinculación da actividade

asistencial, ou por outras causas debidamente motivadas, non poidan someterse ao sistema xeral de avaliación.

Nestes supostos remitirán as solicitudes e documentación anexa á Comisión Técnica de Avaliación de Diplomados Sanitarios, con sede nas dependencias da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional, coa finalidade de que esta comisión proceda a realizar a correspondente avaliación.

Sétimo.-Resolución.

O órgano de avaliación -comité de avaliación ou, de ser o caso, comisión técnica de avaliación- emitirá proposta de resolución, dirixida á División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional, sobre a estimación ou desestimación do recoñecemento do grao I de desenvolvemento profesional. Esta proposta incluirá certificación sobre o cumprimento dos requisitos establecidos na disposición segunda desta resolución e sobre o resultado favorable ou desfavorable da correspondente avaliación.

A comisión técnica emitirá informe, previo á resolución, sobre as solicitudes que acadaran avaliación desfavorable dos comités de avaliación.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2006.

Antonio José Fernández Paniagua

Director xeral da División de Recursos

Humanos e Desenvolvemento Profesional

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA