DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Venres, 11 de agosto de 2006 Páx. 12.773

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN conxunta do 28 de xullo de 2006, da Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde e da Dirección Xeral da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional, pola que se ordena a publicación do acordo subscrito pola Administración sanitaria e as organizacións sindicais UGT, CC.OO., CSI-CSIF e Cemsatse, polo que se regula o acceso extraordinario á carreira profesional do persoal diplomado sanitario con vínculo estatutario fixo nas institucións sanitarias do Sergas e as bases de negociación do réxime definitivo de carreira profesional.

No marco da mesa sectorial da negociación do persoal das institucións sanitarias do Sergas, após o proceso negociador, a Administración sanitaria e as organizacións sindicais Cemsatse, CC.OO., CSI-CSIF e UGT acadaron o acordo polo que se regula o acceso extraordinario á carreira profesional do persoal diplomado sanitario con vínculo estatutario fixo nas institucións sanitarias do Sergas, así como as bases de negociación do réxime definitivo de carreira profesional, que foi asinado polos representantes da Consellería de Sanidade e as citadas organizacións sindicais o día 4 de xullo de 2006.

O acordo anexo tivo lugar con base no disposto no artigo 37 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, pola que se regulan os órganos de presentación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ao servizo das administracións públicas, modificado pola Lei 18/1994, do 30 de xuño e de acordo co previsto no artigo 80 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco de persoal estatutario dos servizos de saúde.

O contido do acordo é o que figura como anexo a esta resolución, que foi autorizado polo Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día 27 de xullo de 2006.

Para xeral coñecemento, de acordo co disposto no artigo 36 da Lei 9/1987, faise necesaria a súa publicación no Diario Oficial de Galicia. Na súa virtude,

RESOLVEN:

Dispoñer a publicación do acordo polo que se regula o acceso extraordinario á carreira profesional do persoal diplomado sanitario con vínculo estatutario fixo nas institucións sanitarias do Sergas e as bases de negociación do réxime definitivo de carreira profesional.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2006.

Antolín Rodríguez MartínezAntonio José Fernández Paniagua

Secretario xeral do SergasDirector xeral da División de

Recursos Humanos e Desenvolvemento

Profesional do Sergas

Acordo sobre carreira profesional

do persoal das categorías de diplomas sanitarios

do Servizo Galego de Saúde

Exposición preliminar.

De conformidade coa Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias (BOE do 22 de novembro) -en diante LOPS-, as administracións sanitarias deben regular, para os seus propios centros e establecementos, o recoñecemento do desenvolvemento profesional do persoal licenciado e diplomado sanitario. Este sistema, segundo o propio texto legal, ten por finalidade recoñecer publicamente, de forma expresa e individualizada, o desenvolvemento acadado por un profesional en canto a coñecementos, experiencia nas tarefas asistenciais, docentes e de investigación, así como en canto ao cumprimento dos obxectivos asistenciais e investigadores da organización en que prestan os seus servizos.

Consonte a exposición de motivos da lei, o sistema é imprescindible para propiciar o desenvolvemento do sistema sanitario de acordo co principio de calidade asistencial.

Entre os aspectos básicos do sistema, relacionados no título III da propia LOPS, figuran as seguintes:

1. O recoñecemento articularase en catro graos, coa posibilidade de establecer un grao inicial.

2. A obtención do primeiro grao, e o acceso aos superiores, requirirá a avaliación favorable dos méritos do interesado en relación cos seus coñecementos, competencias, formación continuada acreditada, actividade docente e investigación. Así mesmo, deben avaliarse, por unha parte, os resultados da actividade asistencial do interesado, a súa calidade e o cumprimento dos indicadores que para a súa valoración se teñan establecido; por outra, a implicación do profesional na xestión clínica.

3. Para obter o primeiro grao será necesario acreditar cinco anos de exercicio profesional, e a avaliación para acceder aos graos superiores poderá solicitarse transcorridos, como mínimo, cinco anos desde a precedente avaliación positiva.

Estes e outros principios esenciais incorporados á LOPS, e vinculantes para as administracións sanitarias polo seu carácter básico, deben adaptarse ás condicións e características organizativas, sanitarias e asistenciais dos servizos de saúde, respectando en todo caso os dereitos xa establecidos.

A disposición adicional cuarta da repetida lei establece que os efectos que sobre a estrutura das retribucións e a contía destas puideran derivar do recoñecemento de graos de desenvolvemento profesional se negociarán en cada caso coas organizacións sindicais que corresponda consonte a normativa aplicable.

O estatuto marco aprobado pola Lei 55/2003, do 16 de decembro (BOE do 17 de decembro), ademais de reiterar a obriga de establecer mecanismos de carreira profesional para o persoal estatutario (artigo 40), introduce un concepto retributivo novidoso, e exclusivo ata o momento dentro da estrutura xeral e básica dos fun

cionarios públicos, para esta relación funcionarial de carácter especial: o complemento de carreira destinado a retribuír o grao acadado na carreira profesional.

O Decreto 155/2005, do 9 de xuño (DOG do 13 de xuño) regula o réxime extraordinario de recoñecemento profesional do persoal licenciado sanitario do Sergas, previo á implantación do réxime axustado á LOPS.

Como se argumenta na exposición de motivos do decreto, o réxime configurouse como extraordinario porque naquel momento non estaban aprobados, consonte prevén os artigos 39 da LOPS e 40 do estatuto marco, os principios e criterios básicos de homologación dos sistemas de carreira dos diferentes servizos de saúde do sistema nacional de saúde.

Recentemente -o pasado 19 de abril-, a Comisión de Recursos Humanos do Sistema Nacional de Saúde aprobou os criterios xerais de homologación dos sistemas de carreira profesional do persoal dos servizos de saúde. Este feito eliminou o obstáculo fundamental que impedía o deseño coa debidas garantías dun réxime ordinario, con vocación de permanencia, de carreira profesional. Por tal motivo, e dado que nos próximos meses debe procederse a regular o réxime ordinario de desenvolvemento profesional axustado á LOPS, considérase necesario incorporar a este acordo, xunto ao réxime extraordinario de recoñecemento do desenvolvemento profesional do persoal estatutario, diplomado sanitario, actualmente fixo e con praza en propiedade no Sergas, os elementos básicos do referido réxime ordinario.

Con este contido, o acordo establece por unha parte un sistema ponderado de recoñecemento da traxectoria profesional e achega ao sistema do persoal que accedeu no pasado a vínculos de fixeza e, por outra, as bases do que será nun futuro próximo o réxime ordinario de recoñecemento do desenvolvemento profesional axustado á normativa básica. A incorporación destas últimas bases, ademais, permite eliminar certas inseguridades e incertezas sobre cales serán as posibilidades de recoñecemento profesional futuro do persoal actualmente fixo que, como consecuencia de non acadar os períodos de servizos precisos para progresar dentro do réxime extraordinario, ou dunha eventual avaliación negativa, precise instar no seu momento o recoñecemento de graos consonte ao dito réxime ordinario.

O contido foi negociado no seo da mesa sectorial de negociación do persoal das institucións sanitarias do Sergas, de conformidade co artigo 35 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, pola que se regulan os órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ao servizo das administracións públicas, e de acordo co previsto no artigo 80 da Lei 55/2003,do 16 de decembro, do estatuto marco de persoal estatutario dos servizos de saúde, co resultado de acordo entre os representantes da Administración sanitaria e as centrais sindicais UGT, CSIF, CC.OO. e Cemsatse.

Unha vez recibidos os informes favorables previstos na vixente Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, para xeral coñecemento, de acordo co disposto no artigo 36 da citada Lei 9/1987, faise

necesaria a súa publicación no Diario Oficial de Galicia polos órganos competentes.

I. Obxecto.

1. A regulación dun réxime extraordinario de recoñecemento do desenvolvemento profesional do persoal estatutario, diplomado sanitario, actualmente fixo e con praza en propiedade no Sergas, e o seu encadramento nos graos de carreira profesional (punto III do presente acordo).

2. Abordar a elaboración conxunta cos asinantes deste acordo dun anteproxecto de norma que regule a carreira profesional do persoal incluído no ámbito de aplicación do estatuto marco e en desenvolvemento da LOPS, que será negociada en mesa sectorial e que conterá como mínimo os puntos de acordo recollidos neste documento (punto IV), coa garantía de que serán incorporados a un anteproxecto de decreto.

II. Seguimento.

Para levar a efecto o desenvolvemento deste acordo, constituirase unha comisión de seguimento na cal estarán representadas as organizacións asinantes e a Administración. Corresponderalle á dita comisión resolver as cuestións que se susciten na interpretación e execución do acordo; en particular, e ademais doutras intervencións expresamente referidas no clausulado, correspóndelle a este órgano participar na elaboración do anteproxecto de decreto previsto e das disposicións que se diten e medidas que se adopten para a aplicación do réxime extraordinario.

Dado que para o deseño deste réxime existe un marco xurídico común para o persoal licenciado e diplomado sanitario -LOPS e Lei estatuto marco así como un prazo para a súa implantación que se estende ata decembro de 2007, a comisión de seguimento participará igualmente na elaboración do borrador do anteproxecto de decreto que regule o réxime ordinario de carreira do persoal licenciado sanitario, procurando a simultaneidade dos prazos de elaboración e tramitación das dúas disposicións.

III. Réxime extraordinario de recoñecemento do desenvolvemento profesional do persoal estatutario fixo das categorías de diplomas sanitarios do Sergas.

1. Obxecto.

A. Regular un réxime extraordinario de recoñecemento do desenvolvemento profesional para o persoal estatutario fixo das categorías sanitarias de diplomados sanitarios do Servizo Galego de Saúde.

B. Introducir, na estrutura retributiva deste colectivo, o complemento de carreira previsto polo estatuto marco.

2. Ámbito de aplicación.

a) O persoal estatutario fixo, das categorías de diplomados sanitarios (profesións do artigo 2.2º b) da LOPS), con praza en propiedade nos equipos das institucións sanitarias do Sergas, ao que lle resulte de aplicación o sistema retributivo da Lei 55/2003, do estatuto marco (transitoriamente Real Decreto-Lei 3/1987 e normativa complementaria).

b) O persoal fixo de atención primaria, con praza en propiedade no Servizo Galego de Saúde que, por non ter optado pola integración no novo sistema, manteña unha estrutura retributiva diferente á do estatuto marco, nos termos previstos na cláusula adicional primeira.

3. Principios xerais.

O réxime extraordinario de recoñecemento do desenvolvemento profesional a que se refire o presente acordo configúrase con base nos seguintes principios:

a) Voluntariedade: a participación no sistema é voluntaria e só procede por solicitude do interesado.

b) Gradualidade: o progreso na carreira profesional concrétase na aplicación dalgún dos graos que se definen no presente acordo.

c) Personalidade: o recoñecemento do grao ten carácter persoal e individual.

d) Progresividade: o acceso aos diferentes graos é progresivo e sucesivo, de tal xeito que o acceso ao grao superior só se realizará logo de acreditación do recoñecemento do grao inmediatamente inferior.

e) Mérito e competencia profesional: o recoñecemento do desenvolvemento profesional realízase en atención á experiencia do profesional e á avaliación favorable dos seus méritos.

f) Irreversibilidade: o grao recoñecido a un profesional ten carácter irreversible e consolidable no ámbito do Sergas.

g) Efectos retributivos: o recoñecemento dun grao implica o dereito a percibir o complemento de carreira na contía correspondente.

h) Excepcionalidade: o réxime extraordinario ten carácter excepcional e será de aplicación por unha soa vez aos profesionais comprendidos no seu ámbito de aplicación.

4. Graos de carreira profesional. Encadramento neles.

1. O sistema extraordinario de recoñecemento de desenvolvemento profesional, e de encadramento nos graos de carreira profesional, estrutúrase en catro graos (I a IV). O grao acadado polo profesional despregará plenos efectos no réxime de desenvolvemento profesional que se estableza en execución da normativa de ordenación das profesións sanitarias.

2. Para acceder aos sucesivos graos será preciso ter completados, en xornada ordinaria, os seguintes períodos de servizos prestados (como persoal estatutario, na mesma categoría, nas institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde):

Grao I: 5 anos.

Grao II: 12 anos.

Grao III: 19 anos.

Grao IV: 25 anos.

Á marxe de que o profesional unicamente poderá acceder á carreira nunha profesión sanitaria (categoría), serán computados, para os efectos previstos nesta cláusula, os servizos prestados en categorías para cuxo exercicio se requira a mesma diplomatura.

3. Non se computarán os servizos como persoal laboral en formación e os prestados con nomeamento de atención continuada.

4. Os servizos prestados como persoal funcionario ou laboral nas institucións sanitarias transferidas ao Servizo Galego de Saúde, polo persoal integrado no réxime estatutario en virtude dos procesos de homologación tramitados polo Sergas, considéranse como prestados nas institucións sanitarias do Sistema Nacional de Saúde para os efectos do previsto no punto 2 desta cláusula.

5. Acceso ao sistema. Requisitos.

Para acceder ao recoñecemento dos graos I e sucesivos, os profesionais deberán cumprir ou estar en condicións de cumprir, nas datas de efectos a que se refire a cláusula 10, os requisitos seguintes:

a) Ter a condición de persoal estatutario fixo da correspondente categoría, con praza en propiedade nas institucións sanitarias do Sergas.

b) Estar en situación de activo ou asimilada, de conformidade co establecido na Lei 55/2003, do 16 de decembro, do estatuto marco, no intre da solicitude.

c) Acreditar o tempo de experiencia profesional, na mesma categoría, ao que se refire a cláusula anterior para cada grao.

d) Ter acreditado o grao inmediatamente inferior ao solicitado, para os casos do grao II e sucesivos.

e) Obter a avaliación favorable do comité avaliador da respectiva institución ou, e ser o caso, da comisión técnica de avaliación.

f) Presentar solicitude de recoñecemento do desenvolvemento profesional en tempo e forma.

6. Criterios de avaliación.

1. O recoñecemento dos sucesivos graos requirirá a avaliación favorable dos méritos do interesado relacionados cos seguintes aspectos do seu desenvolvemento profesional:

a) Actividade do profesional nos ámbitos da documentación asistencial e informativa que se determinen. Cando para un colectivo, servizo ou unidade específico resulte imposible, difícil ou inapropiado utilizar a documentación sanitaria e informativa como obxecto de avaliación, esta adaptarase ás características específicas da súa prestación de servizos.

b) Formación continuada acreditada e actividade docente.

c) Compromiso coa organización. Entre outras, consideraranse relacionadas con este aspecto do desenvolvemento profesional as seguintes actividades: participación en actividades de formación especializada; participación en comités internos ou proxectos institucionais; exercicio de funcións de dirección, xefatura, coordinación e supervisión.

d) Resultados de actividade (con indicadores obxectivables).

2. A comisión de seguimento do presente acordo determinará, para a súa publicación, os méritos e baremos aplicables para o acceso aos sucesivos graos, dentro

da estrutura fixada no punto anterior e en atención ao nivel de implantación do sistema.

Para a fixación dos baremos atenderase ao desenvolvemento profesional individual na súa globalidade, de forma que poderán establecerse fórmulas que permitan compensar o maior ou menor desenvolvemento dos diversos aspectos da actividade profesional.

O baremo de méritos, e o proceso de avaliación, poderá modularse en atención ao nivel asistencial e ás peculiaridades do centro de destino.

3. O Servizo Galego de Saúde, ou os órganos directivos das institucións adscritas a el, poderán determinar aspectos ou requirimentos específicos, dentro dos deberes profesionais ou estatutarios dos diplomados sanitarios, que serán especialmente considerados nos baremos e no proceso de avaliación. A relevancia destes aspectos ou requirimentos específicos, na avaliación da actividade, estará condicionada á previa difusión ou publicación dos mesmos.

7. Supostos excepcionais.

Prescindirase dos méritos vinculados directamente coa actividade asistencial, na correspondente avaliación, no caso dos profesionais que permanecesen nalgunha das seguintes situacións:

a) Situación de servizos especiais a que se refire o artigo 64 da Lei 55/2003, do 16 de decembro, do Estatuto marco do persoal estatutario dos servizos de saúde.

b) Os períodos de permisos sindicais.

c) Excedencia por coidado de familiares.

d) Licenza por maternidade

e) Incapacidade temporal.

8. Órganos de avaliación.

1. Comités de avaliación: constituirase un comité de avaliación en cada institución sanitaria e, de ser o caso, nivel asistencial. A súa composición determinaraa a comisión de seguimento do presente acordo, garantindo e todo caso a participación de profesionais das categorías de diplomados sanitarios obxecto de avaliación.

Correspóndelles a estes comités avaliar os méritos dos solicitantes adscritos á institución e emitir as propostas de resolución.

2. Créase a comisión técnica de avaliación, de carácter paritario, integrada por un representante designado por cada unha das organizacións sindicais asinantes do acordo e idéntico número de membros designados pola Administración, exercendo a presidencia un representante da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional do Sergas. Todos os membros deberán pertencer ao mesmo ou superior grupo de clasificación ca os diplomados sanitarios.

Correspóndelle á comisión técnica de avaliación:

a) Realizar o seguimento dos procesos de avaliación e fixar criterios de xeral aplicación.

b) Emitir informe, previamente a que se dite a correspondente resolución, sobre as avaliacións negativas realizadas polos comités, así como sobre calquera solicitude de recoñecemento de grao que lle sexa sometida facultativamente pola División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional.

A comisión, motivadamente, poderá asumir a avaliación dos méritos de determinados colectivos de solicitantes; particularmente, daqueles que, por atoparse en situacións que impliquen desvinculación da actividade asistencial, non poidan someterse ao sistema xeral de avaliación.

9. Efectos do recoñecemento.

O recoñecemento do desenvolvemento profesional outorgará aos profesionais os seguintes dereitos:

a) A súa constancia para os efectos do currículo. O grao acadado polo profesional despregará plenos efectos no réxime de desenvolvemento profesional que se estableza en execución e de conformidade coa normativa de ordenación das profesións sanitarias.

b) A acceder ao grao superior sempre que se acrediten os demais requisitos exixidos.

c) A percepción do complemento de carreira na contía correspondente ao grao de encadramento.

10. Desenvolvemento do sistema.

O recoñecemento extraordinario de desenvolvemento profesional, e o conseguinte encadramento nos sucesivos graos, realizarase nunha única vez e nun único procedemento no ano de efectividade para cada un dos graos e colectivos, de conformidade coa seguinte secuencia:

a) O persoal estatutario fixo e con praza en propiedade nos equipos das institucións sanitarias do Sergas, obtida con anterioridade ao remate dos procesos executados ao abeiro da Lei 16/2001, pertencente ás categorías de diplomados sanitarios das actuais categorías sanitarias.

-Grao I: efectos de xullo de 2006.

-Grao II: efectos de xullo de 2007.

-Grao III: efectos de xullo de 2008.

-Grao IV: efectos de xullo de 2009.

b) O persoal estatutario pertencente ás categorías de diplomados sanitarios que teña obtido a condición de fixo e praza en propiedade das actuais categorías sanitarias, nunha institución sanitaria do Sergas, con ocasión do remate dos procesos executados ao abeiro da Lei 16/2001.

-Grao I: efectos de xullo de 2007.

-Grao II: efectos de xullo de 2008.

-Grao III: efectos de xullo de 2009.

-Grao IV: efectos de xullo de 2010.

11. Procedemento de recoñecemento do grao de desenvolvemento profesional.

Por resolución da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional iniciarase o procedemento para o recoñecemento do correspondente grao.

Esta resolución determinará en todo caso:

a) O baremo aplicable, de conformidade co que se establece na cláusula 6.

b) O prazo de presentación de solicitudes, que será como mínimo de vinte días hábiles.

c) A documentación que deberá presentar o solicitante.

d) O procedemento de avaliación, nos termos previsto neste acordo.

As solicitudes serán resoltas nos tres meses seguintes á finalización do prazo para a súa presentación. Caso de non notificarse a resolución nese prazo, entenderanse desestimadas.

12. Complemento de carreira.

Establécese, para o colectivo incluído no ámbito de aplicación deste acordo, e como retribución complementaria de carácter fixo, o complemento de carreira destinado a retribuír o grao recoñecido de desenvolvemento profesional. A contía anual do complemento será 1.950 A por grao recoñecido. Durante a implantación do sistema, a contía anual será a seguinte:

-2006: 1.650 A (825 A 2º semestre; secuencia temporal do punto a) da cláusula 10).

-2007: 1.725 A.

-2008: 1.800 A.

-2009: 1.875 A.

-2010: 1.950 A.

Efectos retributivos do progreso na carreira (cada grao 1.950 A):

Grao II: 3.900 A

Grao III: 5.850 A

Grao IV: 7.800 A

A partir do período de implantación a contía 1.950 A anuais por grao recoñecido incrementarase na porcentaxe fixada na Lei de orzamentos para as retribucións dos empregados públicos.

Plan de pagamentos resultante:

Plan de pagamentos (importe anual A)

Persoal fixo antes 2006: anos de servizoAno 2006Ano 2007Ano 2008Ano 2009Ano 2010Ano 2011

e sucesivos

5 anos en xullo 2006: G-I8251.7251.8001.8751.9501.950 + Lei orzamentos

12 anos en xullo 2007: G-II 2.5883.6003.7503.9003.900 + Lei orzamentos

19 anos en xullo 2008: G-III 4.5005.6255.8505.850 + Lei orzamentos

25 anos en xullo 2009: G-IV 6.5637.8007.800 + Lei orzamentos

Plan de pagamentos (importe anual A)

Persoal fixo proceso consolidación: anos de servizoAno 2007Ano 2008Ano 2009Ano 2010Ano 2011

e sucesivos

5 anos en xullo 2007: G-I8631.8001.8751.9501.950 + Lei orzamentos

12 anos en xullo 2008: G-II 2.7003.7503.9003.900 + Lei orzamentos

19 anos en xullo 2009: G-III 4.6885.8505.850 + Lei orzamentos

25 anos en xullo 2010: G-IV 6.8257.800 + Lei orzamentos

A Administración, logo de acordo da comisión de seguimento deste acordo, poderá dispoñer a percepción do contía anual nun único pagamento.

13. Cláusulas adicionais.

Primeira.-Persoal fixo de atención primaria que non optou pola integración

O persoal a que se refire o punto b da cláusula 2 poderá acceder ao sistema extraordinario de recoñecemento do desenvolvemento profesional nos seguintes termos:

1. O tempo de experiencia profesional requirido para o acceso aos graos I e sucesivos serán os establecidos na cláusula 4 punto 2.

2. Con anterioridade ao encadramento no grao I, este persoal deberá ter recoñecido o nivel de pregrao.

Para acceder ao pregrao será preciso acreditar a experiencia profesional necesaria para acceder ao grao I e solicitar a integración funcional nas unidades e servizos de atención primaria. A integración funcional suporá a incorporación á actividade da unidade ou servizo en termos de xornada, horario e participación na actividade asistencial e prestacional, sen modificacións adicionais do seu actual réxime xurídico e retributivo, e de conformidade coa programación funcional da xerencia.

O recoñecemento do nivel de pregrao outorgará ao profesional o dereito a percibir un complemento de carreira na contía establecida para o grao I.

3. A integración funcional requirirá ser avaliada favorablemente para acceder aos graos I e sucesivos. A avaliación favorable da integración funcional do persoal encadrado no pregrao suporá o encadramento no grao I de desenvolvemento profesional, con percepción do complemento de carreira correspondente ao dito grao e a absorción do complemento de carreira pregrao.

4. A avaliación negativa da integración, impeditiva do recoñecemento do grao I de desenvolvemento profesional, suporá a extinción da integración funcional, a recuperación das condicións previas en materia de xornada, horario e participación na actividade asistencial e prestacional, e a perda simultánea de todos os dereitos, económicos ou de calquera índole, nacidos do réxime extraordinario de desenvolvemento profesional. Particularmente, a avaliación negativa suporá a perda do complemento de carreira pregrao.

De conformidade co que antecede, a integración funcional entenderase provisional durante o período de encadramento no pregrao, e definitiva e irreversible tralo recoñecemento do grao I de desenvolvemento profesional.

5. A comisión de seguimento do acordo determinará o procedemento, efectos e criterios de avaliación aplicables para o acceso aos graos I e sucesivos.

6. A Administración promoverá as medidas necesarias para que o acceso aos sucesivos graos sexa efectivo coa seguinte secuencia temporal:

-Pregrao: xaneiro de 2007

-Graos I (absorción pregrao) e grao II: xaneiro de 2008.

-Grao III: xaneiro de 2009.

-Grao IV: xaneiro de 2010.

Segunda.-Absorción.

O complemento de carreira absorberá os complementos persoais transitorios de conformidade coa normativa orzamentaria, agás o complemento persoal que estean a recibir os profesionais que se integrasen integrado no novo modelo de atención primaria ao abeiro da disposición transitoria primeira do Decreto 200/1993, do 29 de xullo, de ordenación da atención primaria na Comunidade Autónoma de Galicia.

Terceira.-Persoal exento de prestación de servizos.

O persoal estatutario do Servizo Galego de Saúde, licenciado ou diplomado sanitario, exento da prestación de servizos por permiso sindical retribuído, ou que desempeñe un posto de traballo da relación de postos de traballo do Servizo Galego de Saúde ou da Consellería de Sanidade, un cargo das referidas estruturas ou un posto directivo das institucións sanitarias do organismo autónomo, percibirá o complemento de carreira correspondente ao grao de desenvolvemento profesional que teña recoñecido.

Cuarta.-Persoal funcionario e laboral fixo.

Acceso a carreira do persoal funcionario e laboral fixo de institucións hospitalarias do Sergas :

Para facilitar o acceso do persoal que non optou á integración en anteriores convocatorias, tramitarase unha nova oferta de integración no réxime estatutario, en tempo e forma, que permita a este colectivo incorporarse ao réxime extraordinario nas mesmas condicións que o resto de persoal.

Quinta.-Axudantes técnicos sanitarios e demais profesionais.

De acordo co previsto na disposición adicional sétima da LOPS, neste acordo en canto ao establecido para diplomados sanitarios, enténdense incluídos os profesionais sanitarios que teñen a titulación de axudantes técnicos sanitarios e demais profesionais que, sen posuír o título académico de diplomado sanitario, están habilitados por norma legal ou regulamentaria para exercer algunha das categorías sanitarias incluídas na clasificación de diplomados sanitarios.

IV. Bases do sistema de carreira profesional.

Estas bases, que serán incorporadas ao anteproxecto de decreto que regule o réxime ordinario de carreira profesional, e desenvolvidas e completadas co que resulte dunha próxima negociación,

teñen por finalidade eliminar certas inseguridades e incertidumes sobre cales serán as posibilidades de progresar na carreira profesional do persoal actualmente fixo que, como consecuencia de non acadar os períodos de servizos precisos para progresar dentro do réxime extraordinario, ou dunha eventual avaliación negativa, precise instar no seu momento o recoñecemento de graos consonte ao dito réxime ordinario. Igualmente, incorporan a garantía de que os servizos prestados como persoal temporal serán tomados en consideración no dito réxime ordinario.

1. Motivación da implantación do sistema de carreira.

A carreira profesional é un dereito dos diplomados sanitarios do Sergas a progresar de forma individualizada, ao longo da súa vida profesional, como recoñecemento ao desenvolvemento profesional acadado en canto a coñecementos, experiencia, responsabilidade e mellor adecuación das competencias e calidades persoais aos obxectivos do Servizo Galego de Saúde.

Ademais, responde á aplicación do complemento de carreira do estatuto marco ao persoal incluído no seu ámbito.

2. Principios xerais

a) Voluntariedade: a participación no sistema será voluntaria e só procederá por solicitude do interesado.

b) Gradualidade: o progreso na carreira profesional concretarase na aplicación dalgún dos graos que se definen na cláusula 4.

c) Personalidade: o recoñecemento do grao terá carácter persoal e individual.

d) Progresividade: o acceso aos diferentes graos será progresivo e sucesivo ao logo da vida laboral, de forma que para o acceso a un grao superior deberá acreditarse un período de permanencia no grao inmediatamente inferior.

e) Mérito e competencia profesional: o recoñecemento do desenvolvemento profesional realízase en atención á avaliación favorable dos méritos do interesado.

f) Actualización: o sistema de recoñecemento do desenvolvemento profesional, e moi especialmente os baremos de avaliación, adaptarase ás exixencias da calidade asistencial en cada momento, coa finalidade de acadar unha mellora permanente das prestacións sanitarias.

g) Irreversibilidade: o grao recoñecido a un profesional terá carácter irreversible e consolidable no ámbito do Sergas.

h) Efectos retributivos: o recoñecemento dun grao implica o dereito a percibir o complemento de carreira na contía correspondente.

3. Estrutura de graos do sistema

O sistema articúlase nun grao inicial e catro graos:

Grao inicial.

Grao I: poderase acceder a este tras 5 anos de exercicio profesional no grao inicial.

Grao II : poderase acceder a este tras 7 anos de exercicio profesional no grao I.

Grao III: poderase acceder a este tras 7 anos de exercicio profesional no grao II.

Grao IV: poderase acceder a este tras 6 anos de exercicio profesional no grao III.

4. Efectos do recoñecemento.

O recoñecemento do desenvolvemento profesional outorgará aos profesionais os seguintes dereitos:

a) Á súa constancia para os efectos do currículo.

b) A facer constar publicamente o grao de desenvolvemento que teñan acadado.

c) A acceder ao grao superior sempre que se acrediten os demais requisitos exixidos.

d) Á percepción do complemento de carreira na contía correspondente ao grao de encadramento.

e) A que o grao acadado se tome en consideración, incluso como requisito, no acceso a postos de xefatura e coordinación e na designación de membros de órganos colexiados de selección de persoal, de asesoramento e de participación, nos termos que dispoña a normativa específica.

5. Áreas de avaliación.

Para o acceso aos sucesivos graos será obxecto de recoñecemento o desenvolvemento profesional acadado nos aspectos recollidos na LOPS nos termos que resulten da negociación.

Establecerase un calendario para a publicación dos baremos de acceso a cada grao.

Nos baremos recollerase unha epígrafe de valoración da dedicación exclusiva.

6. Criterios singulares.

Os baremos de avaliación, e o sistema de cómputo da experiencia profesional necesaria para progresar na estrutura de graos axustaranse, mediante criterios singulares, para atender as seguintes situacións do persoal: incapacidade; situacións amparadas pola normativa reguladora da conciliación da vida familiar e laboral; actividade sindical; exercicio da función directiva nas institucións sanitarias ou nas estruturas da Administración pública sanitaria; actividades de cooperación ao desenvolvemento ou axuda humanitaria no ámbito da saúde.

7. Complemento de carreira.

O recoñecemento do desenvolvemento profesional será retribuído co complemento de carreira, configurado como retribución complementaria de carácter fixo.

A contía do complemento de carreira para cada grao fíxase en 1.950 A..

A comisión de seguimento determinará o seu aboamento en pagamento único ou mensual.

8. Recoñecemento do desenvolvemento profesional acadado noutros servizos de saúde.

1. O Servizo Galego de Saúde recoñecerá, para todos os efectos, os graos de carreira recoñecidos e acreditados polo persoal diplomado sanitario, estatutario fixo doutros servizos de saúde, que se incorpore ao servizo activo no organismo polos sistemas xerais de provisión previstos no estatuto marco.

O recoñecemento realizarase por solicitude do interesado, que deberá achegar a resolución de recoñecemento de grao ditada polo órgano competente do servizo de saúde de orixe. Esta solicitude poderá presentarse a partir da súa incorporación efectiva a un posto do Servizo Galego de Saúde.

O recoñecemento terá carácter definitivo ou provisional, segundo sexa a natureza do destino acadado.

2. O recoñecemento do grao suporá a incorporación ao sistema de carreira dos profesionais do Servizo Galego de Saúde nas mesmas condicións ca estes, co conseguinte dereito a percibir o complemento de carreira na contía correspondente.

3. A experiencia profesional acreditada no servizo de saúde de orixe, durante o período de encadramento no grao obxecto de recoñecemento, será tomada en consideración para ascender de grao no Servizo Galego de Saúde. Os méritos acadados durante ese período, parangonables aos establecidos para o persoal deste organismo, serán así mesmo considerados para superar a correspondente avaliación.

Réxime transitorio: non poderá recoñecerse un grao superior ao máximo que puido ter acadado o persoal do Sergas pola secuencia temporal de implantación do sistema extraordinario.

9. Disposición transitoria (para o persoal incluído no ámbito de aplicación do réxime extraordinario regulado no punto III deste acordo).

1. O grao acadado polo profesional consonte o réxime extraordinario regulado no acordo e mesa sectorial producirá plenos efectos no réxime de desenvolvemento profesional establecido no decreto.

2. O período de servizos prestados excedentes do cómputo para o acceso a un grao no réxime extraordinario reducirá o período de permanencia necesario para acceder ao grao seguinte dentro do réxime ordinario, nos termos que resulten da negociación. O período de permanencia nun grao non será en ningún caso inferior a tres anos.

10. Disposición transitoria (para o persoal non incluído no ámbito de aplicación do réxime extraordinario regulado no punto III deste acordo).

Os servizos prestados como persoal temporal, polo persoal que acceda no futuro á condición de fixo, serán tomados en consideración para reducir o período de permanencia no grao inicial.

O período de permanencia non será en ningún caso inferior a tres anos.

11. Desenvolvemento.

Correspóndelle ás Divisións de Asistencia Sanitaria e á de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional do Sergas o desenvolvemento das materias contidas neste acordo mediante instrucións que faciliten a súa aplicación.