DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Venres, 11 de agosto de 2006 Páx. 12.768

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

ORDE do 3 de agosto de 2006 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para 2006 axudas para a prevención de ataques do lobo ao gando.

Ao abeiro do disposto no artigo 148.1º.11 da Constitución española, en virtude do establecido no artigo 27.15º do Estatuto de autonomía de Galicia, esta comunidade autónoma ten competencia exclusiva en materia de caza.

O Decreto 211/2005, do 3 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, crea a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, establecéndose a súa estrutura orgánica básica polo Decreto 232/2005, do 11 de agosto, en que se inclúe a Dirección Xeral de Conservación da Natureza como un dos centros directivos adscritos a ela. Segundo o Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, compételle á devandita consellería a ordenación e o aproveitamento dos recursos cinexéticos, precisamente a través da citada dirección xeral.

A presenza do lobo en espazos rurais moi humanizados é, con frecuencia, causa de conflito cos gandeiros. Por iso, a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible estableceu unha liña de axudas a favor dos gandeiros afectados por esta actividade depredatoria dos lobos. Nesa mesma liña, preténdese agora artellar diversas accións de protección dos rabaños para evitar os danos que causan estes cánidos sobre o gando do noso país. Son medidas, tradicionais unhas e máis innovadoras outras, que pretenden afastar do gando doméstico, que pasta en réxime de liberdade ou de semiliberdade, os lobos que puidesen depredalo.

O réxime xeral das axudas e subvencións nesta Administración pública establécese nas disposicións básicas da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, así como nos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aprobou o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. A nivel regulamentario, a normativa principal constitúea o Decreto 287/2000, do 21 de novembro. Esta orde de convocatoria de axudas en réxime de concorrencia competitiva cumpre coas exixencias da citada normativa.

Na súa virtude, consonte o disposto no artigo 27.15º do Estatuto de autonomía e no uso das atribucións que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ámbito obxectivo, finalidade e principios.

1. Esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras, así como a súa convocatoria para 2006,

dunha liña de axudas para fomentar a aplicación de medidas de protección do gando, para o que se incentivará a adquisición de elementos preventivos e disuasorios dos ataques do lobo ao gando saneado das especies vacúa, caprina, ovina, así como da equina.

2. Estas axudas tramitaranse en réxime de publicidade, concorrencia competitiva, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, con eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados na asignación e utilización dos recursos públicos, con sometemento ao previsto nos artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro; así como no previsto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. Así mesmo, resultarán de aplicación os preceptos básicos da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 2º.-Actuacións subvencionables.

Ao abeiro desta orde, subvencionarase a adquisición de cans mastíns, a instalación de valados e pastores eléctricos, o emprego de curros e a instalación de detonadores de propano.

Artigo 3º.-Beneficiarios e requisitos comúns.

1. Poderanse acoller a estas axudas os gandeiros con explotacións de animais domésticos das especies ovina, vacúa, caprina e equina na nosa comunidade autónoma.

2. O gando haberá de estar identificado e saneado de acordo coa normativa aplicable para o efecto.

3. Os beneficiarios destas axudas terán que acreditar a súa condición de gandeiro de gando bovino e equino superior ás 10 cabezas e de ovino e caprino superior ás 30 cabezas.

4. Non poderán obter a condición de beneficiarios das axudas previstas nesta orde as persoas ou entidades en que concorra algunha das circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 4º.-Adquisición de cans mastíns.

1. O solicitante presentará xunto coa solicitude de axuda (anexo I) un certificado, expedido por un veterinario colexiado, en que se acredite a idade do can e a súa raza. Soamente será subvencionable a adquisición dos cans de raza mastín leonés dunha idade inferior aos 4 meses. Deberase achegar a documentación sobre os controis sanitarios.

2. Estas axudas poderán cubrir a totalidade do custo de adquisición dos cans mastíns. O número dos subvencionables por explotación estará en función da cantidade de gando, podendo subvencionarse

un máximo dun mastín por cada 100 reses de gando menor e 10 reses de bovino; ata dous mastíns por explotación. O importe das axudas non excederá de 120 A por mastín.

Artigo 5º.-Valados electrificados e pastores eléctricos.

1. As axudas relativas á instalación dos valados electrificados ou pastores eléctricos poderán cubrir a totalidade do seu custo de adquisición.

2. A contía máxima da axuda por cada valado será de 100 A, podendo concederse varias axudas para a instalación de máis valados nunha mesma explotación e formuladas nunha mesma solicitude, en razón das características da explotación.

Artigo 6º.-Emprego de curros.

1. Estas axudas concederanse para explotacións en réxime de gandaría extensiva ou semiextensiva, sempre que o gando teña que pernoitar no campo.

2. As axudas concedidas poderán cubrir a totalidade do custo de adquisición dos curros e serán compatibles coa adquisición de cans mastíns. A contía máxima da axuda para o emprego de curros será de 60 A por explotación.

Artigo 7º.-Detonadores de propano.

1. O solicitante terá que acreditar a súa condición de gandeiro cun gando de natureza bovina superior ás 10 cabezas ou de natureza ovina e caprina superior ás 30 cabezas, en réxime de manexo semiextensivo.

2. A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible subvencionará un detonador por cada 10 hectáreas, ata un máximo de 3 detonadores por explotación.

3. O importe máximo da axuda será de 150 A por detonador, sen que poida superarse, en ningún caso, o seu custo total.

Artigo 8º.-Compromisos por parte do gandeiro que perciba unha subvención.

1. O gandeiro perceptor da axuda asume o compromiso do mantemento e debido uso dos sistemas de prevención de danos que sexan obxecto de subvención. Para tal efecto, poderá solicitarlle asesoramento técnico á Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

2. A Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible poderá realizar as inspeccións que estime oportunas para comprobar o estado, manexo e eficiencia dos sistemas de prevención de danos subvencionados.

3. O beneficiario destas axudas asume a obriga, polo menos durante un prazo de tres anos, de destinar estes elementos preventivos e disuasorios obxecto de subvención aos fins de protección recollidos nesta orde.

Artigo 9º.-Criterios para a concesión da axuda.

Para a concesión das axudas establécense os seguintes criterios de valoración, por orde de preferencia:

1. Existencia de ataques de lobos e reincidencia de ataques (*) (10 puntos).

2. Presenza e densidade do lobo na zona (**) (8 puntos).

3. Nº de cabezas de gando bovino, equino, ovino e caprino:

Gando bovino e equino:

-Máis de 10 cabezas: 2 puntos.

-Máis de 20 cabezas: 4 puntos.

-Máis de 40 cabezas: 6 puntos.

Gando ovino e caprino:

-Máis de 30 cabezas: 2 puntos.

-Máis de 60 cabezas: 4 puntos.

-Máis de 100 cabezas: 6 puntos.

(*) A existencia de ataques de lobos toma como criterio espacial o do concello en que se produzan os ataques e, como criterio temporal, o do último ano.

(**) A presenza e densidade de lobos na zona determinarase en función dos datos que figuran no mapa de densidades do Plan de xestión do lobo que ten elaborado a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

Artigo 10º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes formalizaranse mediante instancia dirixida ao conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, segundo o modelo normalizado que se recolle no anexo I desta orde.

2. Estas solicitudes presentaranse nos servizos provinciais de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible ou en calquera dos lugares e segundo o procedemento previsto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

4. Xunto coa solicitude presentarase a seguinte documentación:

a) Copia das follas do libro da explotación gandeira nas cales aparezan os animais da explotación.

b) Fotocopia do CIF/NIF do propietario das reses.

c) Ficha para a transferencia bancaria no modelo que se xunta como anexo II a esta orde.

d) Se o titular fose unha persoa xurídica, acordo do órgano competente desta polo que se aprobou a solicitude desta axuda.

e) Cando se actúe en nome doutra persoa, física ou xurídica, así como dunha comunidade de bens, deberase acreditar a representación coa que se actúa e mailo acordo dos partícipes para solicitar a subvención.

f) Declaración do conxunto das solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas, para o mesmo fin, das distintas administracións públicas.

5. A presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado, segundo o artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, conlevará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo o requirido nas correspondentes bases reguladoras. Esta comprobación efectuarase tanto antes de ditar resolución de concesión como da tramitación do pagamento.

Artigo 11º.-Tramitación.

1. Os servizos provinciais de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible comprobarán que as solicitudes cumpren cos requisitos exixidos e que se acompañan dos documentos sinalados. No caso de que fosen detectadas faltas ou omisións, o servizo provincial requirirá o solicitante para que, no prazo de dez días contados a partir do día seguinte ao da recepción do requirimento, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, indicándolle que se non o fixese, poderase considerar que desistiu da súa petición e arquivala sen máis trámites, de acordo co disposto no artigo 71.1º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Constituirase en cada delegación provincial unha comisión de valoración, presidida polo delegado provincial da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, ou persoa en quen delegue, da que formarán parte, ademais, o xefe do Servizo de Conservación da Natureza e un funcionario da citada unidade administrativa, que actuará como secretario.

3. Examinadas as solicitudes e a documentación presentada, e efectuada a correspondente valoración, as delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible elaborarán a oportuna proposta, que lla elevarán á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, para continuar coa tramitación.

Artigo 12º.-Resolución e recursos.

1. O conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible resolverá a concesión ou a denegación das solicitudes nun prazo máximo de catro meses, desde a publicación no DOG desta orde.

O vencemento do prazo máximo indicado sen que se ditase a resolución posibilitará que os interesados poidan entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo, sen prexuízo da obriga de resolver expresamente, conforme o disposto nos artigos 42 e 44 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999.

2. As resolucións, de concesión ou denegatorias, notificaránselles aos solicitantes, dentro dos dez días seguintes ao da súa sinatura.

A resolución do titular da consellería porá fin á vía administrativa e contra ela poderase interpor diante súa recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes, que comezará a contar a partir do día seguinte ao da recepción da notificación da resolución, ou no de tres meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo; ou ben impugnala directamente ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses se a resolución fose expresa, ou de seis meses desde que se entenda desestimada por silencio administrativo, de acordo co disposto nos artigos 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, e artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, da xurisdición contencioso-administrativa.

3. A Dirección Xeral de Conservación da Natureza ordenará a publicación no Diario Oficial de Galicia das subvencións concedidas con expresión da convocatoria, do programa e o crédito orzamentario a que se imputan, dos beneficiarios, da cantidade concedida e da finalidade ou finalidades da subvención.

Artigo 13º.-Compatibilidade.

1. As axudas recollidas nesta orde serán compatibles con calquera outra destinada aos mesmos fins, sempre que o total das subvencións non supere o custo total do investimento solicitado. Na concesión destas axudas respectaranse os límites máximos declarados pola Unión Europea en sectores específicos.

2. No momento da xustificación da execución total ou parcial do proxecto, e con anterioridade ao pagamento, o beneficiario deberá presentar unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para esta mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

Artigo 14º.-Xustificación do gasto.

1. A xustificación do investimento obxecto de axuda deberase realizar mediante facturas orixinais.

Só serán subvencionables os gastos efectivamente pagados polo beneficiario, o que debe xustificar a través de distintos medios, como copia da transferencia bancaria ao provedor, selo de pagado na factura, coa sinatura de conformidade do provedor, ou calquera outro dos medios previstos no artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. O prazo para a xustificacións dos investimentos será de dous meses, contados a partir da notificación da resolución de outorgamento da axuda.

Artigo 15º.-Revogación.

1. Serán causa de revogación das axudas as seguintes:

a) Destinar o seu importe a unha finalidade diferente daquela para a que foron concedidas.

b) A non realización dos traballos obxecto da subvención.

c) A non presentación, ou presentación fóra de prazo, de calquera documentación requirida en calquera momento da tramitación.

d) Modificación das accións previstas, de forma que desvirtúen os obxectivos descritos nesta orde.

e) Ocultar, manipular, falsear datos ou entorpecer de forma deliberada o labor de inspección e control.

f) O incumprimento de calquera das condicións establecidas tanto nesta orde coma no resto da normativa aplicable.

g) Por incumprimento de calquera das disposicións legais vixentes.

2. En todos os supostos anteriormente citados, por proposta do director xeral de Conservación da Natureza, tralo informe previo do servizo provincial e audiencia previa ao interesado, o conselleiro de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible poderá revogar, total ou parcialmente, as axudas que foron concedidas no seu día e declarará a obriga de reintegrar á Xunta de Galicia as cantidades percibidas, co aboamento dos xuros de demora fixados pola lei.

Artigo 16º.-Reintegro.

1. Os beneficiarios destas subvencións deberán reintegrar, total ou parcialmente, a axuda pública recibida, cos xuros de demora, no caso de incumprimento das condicións establecidas para a súa concesión, así como nos supostos de incumprimento da obriga de xustificación, de obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión e incumprimento da finalidade para a que foi concedida, conforme o artigo 19 do Decreto 287/2000, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas na Comunidade Autónoma de Galicia, e o artigo 78.10º do Decreto lexislati

vo 1/1999, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. Aos beneficiarios seralles de aplicación, nos seus propios termos, o réxime de infraccións e sancións en materia de subvencións, establecido no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Real decreto 1398/1993, do 4 de agosto, polo que se aproba o Regulamento do procedemento para o exercicio da potestade sancionadora.

Artigo 17º.-Obriga de facilitar información.

Ademais da documentación complementaria que os órganos correspondentes da Dirección Xeral de Conservación da Natureza lles poidan exixir durante a tramitación do procedemento, os beneficiarios das axudas previstas nesta orde teñen a obriga, conforme o disposto no artigo 78.8º j) do devandito Decreto lexislativo 1/1999, de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas públicas, así como a que lle sexa solicitada por calquera órgano de inspección ou control da Unión Europea.

Disposicións adicionais

Primeira.-As axudas concedidas ao abeiro desta orde finánciaas a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible con cargo á aplicación orzamentaria 15.02.342A.770.1, código de proxecto 15.00.705, dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, ata un importe máximo de 100.000 A.

Segunda.-Esta dotación orzamentaria, cofinanciada con fondos Feoga-Orientación, poderá incrementarse en función das dispoñibilidades orzamentarias, con cargo á mesma aplicación.

Terceira.-As axudas para as actuacións subvencionables outorgaranse ata a o límite da dotación orzamentaria, sen preferencia para a adxudicación entre cada unha delas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Desenvolvemento.

Facúltase o director xeral de Conservación da Natureza para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento do establecido nesta orde.

Segunda.-Entrada en vigor.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 3 de agosto de 2006.

Manuel Vázquez Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente

e Desenvolvemento Sostible