DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 155 Venres, 11 de agosto de 2006 Páx. 12.760

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 4 de agosto de 2006 pola que se modifican os concertos educativos cos centros docentes privados de educación primaria, educación secundaria obrigatoria, educación especial, programas de garantía social, ciclos formativos de grao medio e ciclos formativos de grao superior.

A Orde do 10 de xaneiro de 2005 (DOG do 14 de xaneiro) ditou as normas para a aplicación, a partir do curso académico 2005-2006, do réxime de concertos educativos previstos na Lei orgánica 8/1985, do 3 de xullo,

reguladora do dereito á educación e no Real decreto 2377/1985, do 18 de decembro, polo que se aproba o regulamento de normas básicas sobre concertos educativos.

Cumpridos todos os trámites previstos na antedita Orde do 10 de xaneiro de 2005 e tendo en conta a proposta formulada pola Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa.

Esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Modificar os concertos educativos aprobados por Orde do 6 de xullo de 2005 (DOG do 18 de xullo), modificada pola Orde do 11 de outubro de 2005 (DOG do 24 de outubro), cos centros docentes privados que se relacionan no anexo I desta orde e que terán unha duración de tres (3) anos.

Segundo.-Como consecuencia da modificación de concertos educativos que se recolle no antedito anexo I desta orde, publícase, no anexo II, a relación de todos os centros docentes privados acollidos ao réxime de concertos.

Terceiro.-Aprobar a formación en centros de traballo, anexo III, para os ciclos formativos de grao medio e grao superior de duración dun curso, que se realizará nos meses de setembro a novembro de 2006.

Cuarto.-De acordo co establecido no punto vixésimo da Orde do 10 de xaneiro de 2005 a subscrición das modificacións efectuarase mediante addenda ao documento administrativo de formalización de concerto educativo subscrito polo centro e que só afectará aos centros que se relacionan no anexo I desta orde. A dita addenda será asinada pola conselleira de Educación e Ordenación Universitaria e polo titular do centro privado ou persoa con representación debidamente acreditada.

Os anteditos centros deberán acreditar ante a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa, no prazo dun mes desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, que se atopan ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social.

Se o titular do centro privado non subscribise o documento de formalización na data que se lle notifique, entenderase decaído no seu dereito.

Quinto.-Esta orde terá efectos económicos e administrativos do 1 de setembro de 2006.

Sexto.-Contra esta disposición, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante a conselleira de Educación e Ordenación Universitaria, no prazo dun mes, a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, de conformidade coa Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 4 de agosto de 2006.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria