DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Xoves, 10 de agosto de 2006 Páx. 12.696

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

DECRETO 134/2006, do 27 de xullo, polo que se acorda a cesión en propiedade, a título gratuíto, do predio número 770, da zona de concentración parcelaria de Santa Eulalia de Vedra (Vedra-A Coruña).

O artigo 31.3º da Lei 12/2001, do 10 de setembro, de modificación da Lei 10/1985, do 14 de agosto, de concentración parcelaria para Galicia, sinala que a consellería competente en materia de agricultura

está autorizada a exercer as funcións dominicais sobre o fondo de terras segundo o establecido na lexislación patrimonial, sen prexuízo do informe previo da Consellería de Economía e Facenda para os actos de disposición sobre bens inmobles.

O Concello de Vedra solicitou a cesión en propiedade dun inmoble situado no seu termo municipal, o predio sobrante nº 770 da zona de concentración parcelaria de Santa Eulalia de Vedra, que pertence á Comunidade Autónoma de Galicia, en virtude do disposto no artigo 31 da Lei de concentración parcelaria para Galicia.

Por orde da Consellería do Medio Rural do 9 de xuño de 2006 (DOG nº 131, do 7 de xullo) declarouse a alienabilidade do antedito inmoble.

A Secretaría Xeral da Consellería do Medio Rural tramitou o expediente de cesión de acordo co previsto nos artigos 83 e seguintes do Regulamento que desenvolve a Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto, de conformidade coa proposta do conselleiro do Medio Rural e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e sete de xullo de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión en propiedade, a título gratuíto, a favor do Concello de Vedra do seguinte ben inmoble:

Predio nº 770 da zona de concentración parcelaria de Santa Eulalia de Vedra, concello de Vedra, terreo dedicado a labradío e monte no sitio Monte de Veiga, que ten unha superficie de 6.670 m, e estrema: norte, Amelia Estévez Freiría e outro (774); sur, camiño; leste, Emilia Cutrín Fernández (763), descoñecidos (764-1) e outros propietarios (predios nº 764-2, 765, 766, 767, 768 e 769); e oeste, Manuel Pazos Blanco (771). Inscrito no Rexistro da Propiedade nº 1 de Santiago de Compostela, tomo 1.343, libro 124, folio 13, predio nº 13.412.

Artigo 2º

A cesión en propiedade relacionada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión será a dedicación do inmoble á instalación dun punto limpo.

b) A potestade de reversión que o artigo 87 do Regulamento para a execución da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega lle atribúe a esta Administración será aplicable no caso de non ser dedicada á finalidade última para a que foi solicitada esta cesión, a instalación dun punto limpo.

c) A cesión formalizarase mediante escritura pública, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario, sendo os custos de outorgamento por conta do cesionario, así como os impos

tos derivados da transmisión, incluído se o houbese o de incremento de valor de terreos.

Disposición derradeira

A Consellería do Medio Rural, a través da Secretaría Xeral, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón neste decreto.

Santiago de Compostela, vinte e sete de xullo de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural