DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 154 Xoves, 10 de agosto de 2006 Páx. 12.690

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E TRANSPORTES

ORDE do 28 de xuño de 2006 pola que se aproba definitivamente a modificación puntual número 8 (modificación de aliñacións nas rúas Granxa, Serra do Faro, Diego Sarmiento de Acuña, Serra da Moa, Escalinata, Rampa Mosquera e Pena Redonda) do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Ourense.

O Concello de Ourense remite o proxecto de modificación puntual referido, para a súa aprobación definitiva, conforme o artigo 85.5º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

I. Antecedentes.

1. O Concello de Ourense dispón na actualidade de Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado definitivamente o 29 de abril de 2003, publicado no DOG nº 84, do 2 de maio, e no BOP nº 144, do 25 de xullo de 2003.

2. A modificación é formulada polo Concello de Ourense e ten por finalidade ampliar a superficie destinada a vías que modifica o largo da banda de edificación reducindo de 16 metros a 14 metros, para adaptalo á edificación consolidada e de recente construción. A diminución da ocupación supón o aumento na mesma cantidade da superficie de rede viaria. A diminución da ocupación tamén se traduce na diminución da edificabilidade prevista no plan xeral que se cuantifica en 1.621,43 m.

3. Antecedentes da tramitación.

-O Pleno da Corporación, na súa sesión do 4 de novembro de 2005, acordou a aprobación inicial da modificación puntual, que posteriormente foi sometida a información pública polo prazo dun mes mediante anuncio publicado no DOG nº 8, do 12 de xaneiro de 2006, e nos xornais La Voz de Galicia e en La Región o 16 de decembro de 2005.

-O 20 de decembro de 2005 foronlle solicitados os respectivos informes sectoriais á Dirección Xeral de Obras Públicas da CPTOPT e á Consellería de Medio Ambiente, constando informe favorable da Dirección Xeral de Obras Públicas.

-O concello en sesión plenaria ordinaria do 3 de marzo de 2006 aprobou provisionalmente a modificación puntual nº 8 do PXOM.

II. Consideracións e fundamentación.

II.1. Con data do 27-6-2006, a Dirección Xeral de Urbanismo eleva un informe-proposta no que se expresan as seguintes consideracións:

1. O interese público xustifícase na necesidade de axustar as aliñacións á situación real das vías

existentes e á edificación construída, resolvéndose un erro do plan xeral que non tivo en conta que as edificacións grafadas sobre a cartografía base incluían os beirados.

2. A nova ordenación mellora substancialmente a ordenación vixente ao axustar as aliñacións á situación real das vías existentes e á edificación construída, ampliándose a superficie destinada a vías.

3. A reforma presentada unicamente afecta solo urbano consolidado e non aumenta a súa superficie, a súa edificabilidade, a intensidade de uso nin os usos previstos.

4. As vías afectadas pola modificación puntual manteñen a súa cualificación de sistema local pertencente á rede viaria; están executadas na súa maior parte, con excepción dun tramo da Escalinata que será urbanizado e cedido polos propietarios para que as parcelas reúnan a condición de soar, polo que non afecta o estudo económico-financeiro.

II.2. De conformidade cos artigos 89 e 93.4º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co artigo 1 do Decreto 519/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, a competencia para resolver sobre a aprobación definitiva das modificacións do planeamento xeral lle corresponde á conselleira de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes.

III. Resolución.

Visto canto antecede,

RESOLVO:

Primeiro.-De acordo co punto 5º a) do artigo 85 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, aprobar definitivamente a modificación puntual nº 8 (modificación de aliñacións nas rúas Granxa, Serra do Faro, Diego Sarmiento de Acuña, Serra da Moa, Escalinata, Rampa Mosquera e Pena Redonda) do Plan Xeral de Ordenación Municipal do Concello de Ourense.

Segundo.-Contra esta orde cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses, que se contarán desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Terceiro.-De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar no BOP a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente.

Cuarto.-Notifíqueselle esta orde ao concello e publíquese no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2006.

María José Caride Estévez

Conselleira de Política Territorial, Obras Públicas

e Transportes