DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 153 Mércores, 09 de agosto de 2006 Páx. 12.626

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 132/2006, do 27 de xullo, polo que se regulan os rexistros públicos creados nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

A Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais para o ano 2006, recolle nos seus artigos 44 e 45 os mandatos de creación dos rexistros de axudas, subvencións e convenios e de sancións administrativas nesta materia, caracterizados por ser de acceso público a través de procedementos informáticos. A medida inscríbese dentro dos procesos de mellora da xestión da Administración pública encamiñados a lograr a transparencia da información mediante a súa apertura aos cidadáns e organizacións sociais.

No plano normativo, a transparencia inspira distintos textos legais de ámbito estatal e autonómico. O Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, recolle como principios informadores da xestión das axudas e subvencións, entre outros, os de publicidade e transparencia. Con este obxecto, a Administración resulta obrigada a facer públicos os datos que se establezan, aínda que a obriga está referida á publicidade que se practique no Diario Oficial de Galicia. Igualmente debe remitirllos aos destinatarios tradicionais da información financeira, integrados nos procedementos de información e rendición de contas.

Non obstante, as novas tecnoloxías, en particular a internet, posibilitan a apertura de novas canles de comunicación coa sociedade, o que vai redundar na mellor aplicación destes principios. Por iso se establece a publicación dos datos na páxina web, sen prexuízo do cumprimento polos órganos xestores e os beneficiarios das axudas, subvencións e convenios daquelas obrigas impostas noutras normas legais ou regulamentarias.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día vinte e sete de xuño de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios e de sancións.

1. De acordo co disposto nos artigos 44 e 45 da Lei 7/2005, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, mediante este decreto créanse os rexistros públicos de axudas, subvencións e convenios comprensivos destas, outorgadas de conformidade co disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e de sancións nesta materia.

2. Correspóndelle á Consellería de Economía e Facenda a organización, dirección e xestión destes rexistros.

Artigo 2º.-Funcións básicas dos rexistros.

Son funcións básicas dos rexistros:

1. A ordenación e xestión das bases de datos que permitan o acceso á información prevista neste decreto.

2. A coordinación coas bases de datos establecidas, ou que poida establecer a Unión Europea, a Administración xeral do Estado, as administracións doutras comunidades autónomas ou outros entes públicos.

3. A colaboración con órganos ou entidades de control das axudas e subvencións.

4. A publicidade das axudas e subvencións nos termos previstos neste decreto, con carácter meramente informativo, e sen prexuízo da que lles corresponda realizar aos órganos xestores ou beneficiarios destas en virtude de norma legal ou regulamentaria.

Artigo 3º.-Obxecto dos rexistros.

1. Nos rexistros constarán, nos termos que se establecen neste decreto e nas disposicións que o desenvolvan, os datos relevantes para a súa finalidade.

2. O Rexistro de Axudas, Subvencións e Convenios comprenderá os datos relativos aos seguintes actos, acordos ou disposicións:

1º Bases reguladoras e convocatorias de axudas e subvencions.

2º Actos de concesión de axudas e subvencións, con cargo aos capítulos IV e VII do orzamento de gastos da comunidade autónoma ditados por:

a) A Administración da Xunta de Galicia e os seus organismos autónomos.

b) As entidades de dereito público da Xunta de Galicia que poidan outorgalas en virtude de norma de rango legal ou como consecuencia do exercicio de potestades administrativas.

3º Convenios de colaboración outorgados polos suxeitos a que fai referencia o parágrafo anterior dos cales derive unha achega de financiamento afectada a realización de obras ou servizos en favor doutra Administración pública, entidade ou personificación pública ou privada.

Non serán obxecto do rexistro as achegas que se teñan que facer efectivas en virtude de plans ou programas que se publicasen previamente.

4º Actos ou convenios de modificación ou prórroga das condicións de concesión ou do outorgamento das axudas, subvencións ou convenios.

5º Convenios asinados con entidades colaboradoras.

3. O Rexistro de Sancións comprenderá os datos relativos ás sancións desde a firmeza da resolución administrativa que as impoña.

Artigo 4º.-Contido dos rexistros.

1. O Rexistro de Axudas, subvencións e convenios conterá como mínimo os seguintes datos básicos:

a) Relativos ás convocatorias e bases reguladoras:

1º Denominación e obxecto.

2º Órgano que as dita.

3º Tipo e número da convocatoria.

4º Data de publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Relativos aos actos de concesión e as súas modificacións:

1º Identificación do beneficiario e do órgano concedente.

2º Data da resolución de concesión ou de modificación.

3º Importe da axuda ou subvención concedida ou da modificación.

4º Finalidade da axuda ou subvención.

5º Referencia ás bases reguladoras, convocatoria ou normativa que a fundamenta.

6º Anualidades de financiamento previstas e posibilidade de prórroga.

c) Relativos aos convenios de colaboración e ás súas modificacións:

1º Identificación das partes intervenientes.

2º Importe das achegas de financiamento.

3º Data da sinatura.

4º Obxecto ou finalidade do convenio.

5º Período de vixencia.

6º Anualidades de financiamento previstas e posibilidade de prórroga.

d) Relativos aos convenios con entidades colaboradoras:

1º Identificación das partes intervenientes

2º Data da sinatura.

3º Obxecto de convenio, axudas e subvencións xestionadas pola entidade colaboradora.

4º Período de vixencia.

2. O Rexistro de Sancións conterá os seguintes datos básicos:

1º Identificación da persoa física ou xurídica afectada.

2º Normativa infrinxida

3º Tipo e importe da sanción.

4º Indicación do cumprimento da sanción ou pendencia deste.

Artigo 5º.-Instalación e levanza do rexistro.

1. A instalación e levanza do rexistro realizarase en soporte informático e garantirase a interconexión cos órganos xestores e co sistema contable público da Comunidade Autónoma de Galicia, de modo que permita o intercambio de información con este último.

2. A información contida nos ficheiros informáticos do rexistro só poderá ser utilizada para o cumprimento das funcións de comprobación dos órganos xestores e as propias dos órganos de control interno, para fins estatísticos e contables e como instrumento de publicidade e transparencia.

Artigo 6 º.-Comunicación de datos.

1. Os titulares das consellerías ou dos órganos con dotación diferenciada nos orzamentos, os presidentes ou directores dos organismos autónomos e os órganos de goberno das restantes entidades públicas a que se refire o artigo 3º, estarán obrigados a comunicarlles aos rexistros de Axudas, Subvencións e Convenios e

de Sancións da Xunta de Galicia os datos relativos ás subvencións, axudas e convenios e ás sancións recaídas en procedementos da súa competencia.

Se a competencia para conceder se delegase ou desconcentrase noutros órganos, a obriga recaerá nos competentes para resolver.

2. Os órganos a que se refire o punto anterior deberán facilitar, en relación ás axudas, subvencións e convenios da súa competencia, a información que se establece no artigo 4º deste decreto. No mesmo trámite indicarase se deben ser obxecto de publicidade ou queden excluídos en virtude do disposto no artigo 9º deste decreto.

Igualmente deberán facilitarse cantos datos sexan requiridos polo órgano responsable dos rexistros como detalle e aclaración dos remitidos con anterioridade.

3. Os suxeitos obrigados serán responsables da veracidade e actualidade dos datos que faciliten.

4. Os datos que se lle comuniquen ao Rexistro de Zxudas, Subvencións e Convenios e ao de Sancións obteranse dos documentos que consten nos expedientes de aprobación das bases reguladoras e convocatorias, de concesión ou outorgamento ou de carácter sancionador coas especificacións que se determinen en desenvolvemento deste decreto.

Artigo 7º.-Procedemento de recollida de datos.

1. A subministración de información realizarase polo sistema e de acordo coas especificacións e formato que se establezan en desenvolvemento deste decreto.

2. A información relativa a cada trimestre natural deberá subministrarse antes dos trinta días seguintes á súa finalización. Non obstante, cando así o permita o sistema a que teña acceso o órgano obrigado a realizar a comunicación, poderá facilitarse tan pronto como sexa coñecida.

Artigo 8º.-Consultas aos rexistros.

1. Os órganos de contratación e os órganos xestores de axudas e subvencións poderán consultar en calquera momento da tramitación toda información que conste nos rexistros respecto daquelas da súa competencia.

2. As entidades colaboradoras e aquelas que participen no outorgamento das axudas, subvencións ou convenios poderán consultar no rexistro todos os datos que sexan significativos para a determinación da concorrencia de axudas a través do correspondente órgano xestor.

3. Os órganos da Administración da Xunta de Galicia que teñan atribuído o control financeiro poderán consultar os rexistros para o exercicio das súas funcións.

Artigo 9º.-Publicidade de datos.

1. Os datos básicos relativos aos actos e convenios e sancións a que se refire o artigo 4º deste decreto serán públicos a través da internet, coas excepcións previstas neste artigo.

2. As bases reguladoras, as solicitudes das axudas e subvencións, así como os textos dos convenios que se asinen deberán informar os interesados dos extremos previstos no artigo 5 da Lei orgánica de protección de datos.

3. Non será necesaria a publicidade nas axudas, subvencións e convenios cando os importes das subvencións concedidas, individualmente consideradas sexan de contía inferior a 1.500 euros.

4. Non procederá a publicidade nas axudas, subvencións e convenios seguintes:

a) Cando a publicación dos datos do beneficiario por razón do obxecto da subvención poida ser contraria ao respecto e salvagarda do honor, á intimidade persoal e familiar das persoas físicas en virtude do establecido na Lei orgánica 1/1982, do 5 de maio, de protección civil do dereito ao honor, á intimidade persoal e familiar e á propia imaxe.

b) En calquera outro suposto en que resulte excluída en virtude de norma de rango legal.

5. Así mesmo, non será necesaria a publicidade dos datos relativos ás sancións correspondentes a expedientes de axudas, subvencións ou convenios que non fosen obxecto de publicación segundo o disposto no punto anterior deste artigo.

6. A publicidade dos datos polos rexistros non excluirá aquela que deban practicar os órganos xestores en virtude de norma legal ou regulamentaria ou establecida nas bases reguladoras das axudas e subvencións ou nos instrumentos de concesión.

7. Con independencia do disposto neste artigo, os beneficiarios de axudas e subvencións cumprirán as medidas de difusión relativas ao carácter público do financiamento da actividade obxecto desta que, de ser o caso, se establezan nas bases reguladoras ou nos instrumentos de concesión.

Artigo 10º.-Acceso á información dos rexistros.

1. A información dos rexistros, de acordo co establecido no artigo anterior, figurará na web da Xunta de Galicia e o acceso terá lugar a través do enderezo da internet http://www.xunta.es.

2. Os datos de carácter persoal dos titulares de expedientes de axudas, subvencións e convenios que consten nos rexistros están protexidos segundo o establecido na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal. Os dereitos de acceso, rectificación, consulta, cancelación e oposición de datos de carácter persoal exerceranse ante o rexistro (IXCA), de conformidade coas prescricións da citada lei orgánica.

Artigo 11º.-Cancelación dos datos do rexistro.

A cancelación dos datos obxecto de publicidade correspondentes aos expedientes de axudas, subvencións e convenios e de sancións producirase cando transcorran dez anos desde a derradeira anotación realizada neles.

Disposición adicional

1. O consentimento expreso do interesado á Administración ou ente concedente para incluír e facer públicos, nos rexistros regulados neste decreto, os datos relevantes referidos ás axudas e subvencións recibidas, así como ás sancións impostas, deberá incluírse nas bases reguladoras aplicables á concesión e, especificamente, nos impresos de solicitude da axuda ou subvención, así como nos convenios que se regulan no artigo 3º deste decreto.

2. Salvo os casos sinalados no artigo 9º.3 c) deste decreto, a reserva que o peticionario poida facer no senso de non autorizar a obtención de datos ou a publicidade dos datos nos rexistros, que en todo caso terá que se expresar, poderá dar lugar á exclusión do proceso de participación para obter a axuda ou subvención ou, noutro caso, á revogación do acto de outorgamento e, se procede, ao reintegro do importe concedido.

Disposición derradeiras

Primeira.-Facúltase a Consellería de Economía e Facenda para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e sete de xullo de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Ramón Fernández Antonio

Conselleiro de Economía e Facenda

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA