DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 151 Luns, 07 de agosto de 2006 Páx. 12.402

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

ORDE do 31 de xullo de 2006 pola que se ditan normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Decreto 106/1994, do 21 de abril, da Xunta de Galicia, e na Orde do 5 de outubro de 1994, do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, pola que se regula a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social a traballadores afectados por procesos de reestruturación de empresas.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 29.1º de acordo co 149.1º, 7º da Constitución española, recolle como competencia propia desta comunidade autónoma a execución da lexislación básica do Estado en materia laboral, asumíndose os servizos e funcións inherentes a través do Decreto 117/1982, do 5 de outubro, en materia de traballo, e o Decreto 168/1984, do 15 de novembro, relativo á unidade administradora do Fondo Nacional de Protección ao Traballo.

Na orde do Ministerio de Traballo e Seguridade Social do 5 de outubro de 1994 regúlase a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social de traballadores afectados por procesos de reestruturación de empresas.

A dita norma adecúa a regulación destas axudas consonte as causas de extinción de contratos de traballo previstas nos artigos 51 e 52 c) do texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

No Decreto 106/1994, do 21 de abril, establécese o réxime xeral das axudas e subvencións en materia de ámbito laboral e mellora das condicións de traballo que poderá conceder a Consellería de Traballo, ao que se axustarán as ordes anuais da convocatoria delas, baixo os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia de acordo co disposto nos artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e na Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, así como na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Por todo o exposto, oído o Consello Galego de Relacións Laborais, en uso das facultades que teño atri

buídas e para a debida aplicación dos créditos orzamentarios para o fin que foron establecidos,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito de aplicación

Artigo 1º.-Finalidade.

1. Esta orde ten por obxecto a convocatoria, para o exercicio 2006, do programa de axudas previsto no Decreto 106/1994, do 21 de abril, e na orde do Ministerio de Traballo e Seguridade Social do 5 de outubro (BOE nº 253, do 22 de outubro), sobre axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social a traballadores afectados por procesos de reestruturación de empresas.

2. As subvencións reguladas pola antedita orde teñen por obxecto facilitar unha cobertura económica aos traballadores afectados por procesos de extinción de relacións de traballo, por causas económicas, técnicas, organizativas e de produción, sempre que cumpran os requisitos e condicións nela exixidos, en tanto non accedan á situación de xubilación, na súa modalidade contributiva no sistema da Seguridade Social.

3. A solicitude, tramitación e concesión de axudas desta orde axustaranse ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

4. As axudas amparadas por esta convocatoria imputaranse á aplicación orzamentaria 16.04.472.0, do programa 214A Administración das Relacións Laborais e financiaranse con cargo á consignación de créditos que, como consecuencia da distribución territorial anual, efectúe a Administración do Estado para o citado programa de axudas.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán acollerse a este tipo de axudas as empresas afectadas por procesos de reestruturación producidos por causas económicas, técnicas, organizativas e de produción, previstas nos artigos 51 e 52 c) do Estatuto dos traballadores, para aqueles traballadores que, afectados polos ditos procesos, vexan extinguida a súa relación de traballo, logo de conformidade expresa e individual de cada un deles, sempre que estes, ao alcanzar a idade ordinaria para o acceso á pensión de xubilación na súa modalidade contributiva, no réxime da Seguridade Social de encadramento, teñan ou puidesen ter cuberto o período de cotización exixido para causar dereito á citada pensión de xubilación no dito réxime, estean en alta ou situación asimilada nel e teñan 60 anos de idade, real ou teórica por aplicación

dos coeficientes redutores da idade, como mínimo, cando accedan ao sistema destas axudas.

Non poderán obter a condición de beneficiario aquelas empresas nas que concorra algunha das circunstancias a que se refire o artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, extremo que poderá acreditarse por calquera dos medios previstos no parágrafo 7º do citado artigo.

Artigo 3º.-Contía da axuda.

1. A contía da axuda previa á xubilación ordinaria será o 75% do resultado de dividir entre sete a suma das bases de cotización de accidentes de traballo e enfermidades profesionais, excluídas as horas extraordinarias, correspondentes aos seis meses anteriores á data de efectividade da axuda, sen que en ningún caso poidan superar a pensión máxima establecida no réxime xeral da Seguridade Social para o ano que teña lugar a dita efectividade.

2. Esta axuda só poderá percibirse ata un máximo de cinco anos. A contía da axuda correspondente ao primeiro ano de percepción será a que resulte de aplicar o disposto no número anterior. Para o segundo e sucesivos anos, a dita contía incrementarase acumulativamente de acordo coas previsións de incremento do índice de prezos ao consumo do ano en que teña efectividade. Non obstante, as empresas poderán acordar cos seus traballadores complementos adicionais sobre a referida contía, sempre que o exceso resultante desta, sexa aboado integramente por aquelas, podendo solicitar que estes complementos sexan capitalizados conxuntamente coas axudas, e neste caso serán aboados pola entidade xestora correspondente.

Artigo 4º.-Situación do traballador e cotización á Seguridade Social.

De acordo co disposto no artigo 2 da citada orde ministerial durante o período de percepción da axuda, o traballador beneficiario será considerado en situación asimilada á alta no correspondente réxime da Seguridade Social, para efectos de continuar cotizando polo tipo correspondente a continxencias comúns establecido para o ano de efectividade da axuda. A base inicial de cotización do período determinarase tomando o promedio das últimas seis bases cotizadas por continxencias comúns anteriores á data en que deba comezar a percibir a axuda. Cando se trate de traballadores encadrados nun réxime especial da Seguridade Social no que se cotice para a continxencia de xubilación por unha base diferente á de continxencias comúns, tomarase como referencia a media das bases correspondentes á citada continxencia pola que se cotizou.

A base de cotización obtida actualizarase acumulativamente a partir do segundo ano de percepción na porcentaxe de incremento que se fixe para a actualización da axuda, sen que en ningún caso fose superior á base máxima vixente en cada momento para o grupo da categoría profesional de que se trate.

Cando os traballadores accedan ao sistema de axudas despois dun período de desemprego, a base de cotización inicial actualizarase tendo en conta a evolución que experimentasen as bases máximas de cotización do réxime xeral da Seguridade Social durante aquel período.

Artigo 5º.-Financiamento.

O financiamento destas axudas, así como as correspondentes cotizacións á Seguridade Social corresponderalle nun 60% á empresa solicitante e o 40% restante con cargo á aplicación orzamentaria 16.04.214A.472.0 cunha dotación inicial de 839.776,85 euros dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o ano 2006.

A participación da empresa poderá superar a dita porcentaxe, sempre que exista conformidade previa dela.

Capítulo II

Procedemento

Artigo 6º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes de axuda serán formalizadas polas empresas en instancia individualizada, segundo o modelo oficial que se xunta como anexo I a esta orde e presentaranse nos rexistros das respectivas delegacións provinciais da Consellería de Traballo atendendo ao lugar onde radique o seu centro de traballo, ou por calquera dos medios previstos no artigo 38.4º da vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

As axudas desta orde solicitaranse nos catro meses seguintes á data en que se aprobe o expediente de regulación de emprego no suposto a) do punto seguinte ou da data efectiva do despedimento no suposto b) do punto seguinte.

No suposto de que se autorice o expediente de regulación de emprego entre o 1 de xaneiro de 2006 e a data de publicación desta orde, ou no caso de que a data efectiva do despedimento se atope no devandito período de tempo, a solicitude de axuda poderá presentarse no prazo dos dous meses seguintes ao da publicación desta orde.

No caso de procedementos de regulación de emprego autorizados pola autoridade laboral nos que se demore o inicio da percepción da axuda, ben porque no momento da autorización do expediente de regulación de emprego os traballadores non teñan 60 anos de idade, ou ben porque se acorde que os traballadores vaian esgotar a prestación por desemprego, a empresa ratificará novamente a petición da axuda durante o período dos seis meses anteriores á data en que a axuda deba iniciarse, comunicando, así mesmo, a data exacta de esgotamento da prestación por desemprego, remitindo ademais a totalidade da documentación exixida no punto 2 deste artigo.

Nos supostos previstos no artigo 52 c) do Estatuto dos traballadores cando os traballadores pasen por un período de desemprego despois do despedimento, a empresa deberá de proceder de igual maneira que o parágrafo anterior.

Nos casos previstos nos dous parágrafos anteriores, o procedemento quedará en suspenso desde a data inicial de presentación de solicitudes, ata a súa ratificación, momento no que, e para estes supostos, empezarán a computarse os prazos previstos no artigo 9 para ditar resolución.

2. Á solicitude deberase xuntar a seguinte documentación, en orixinal ou copia autenticada, conforme a lexislación vixente:

a) Nos supostos dos despedimentos colectivos regulados polo artigo 51 do Estatuto dos traballadores, a que sexa requirida en cada caso, a teor do disposto no Real decreto 43/1996, do 19 de xaneiro, polo que se regulan os procedementos de regulación de emprego para a aplicación do Estatuto dos traballadores, para acreditar a existencia de causa económica, técnica, organizativa ou de produción, e que figura no anexo I desta orde.

b) Nos supostos previstos no artigo 52 c) do Estatuto dos traballadores acreditarase de forma que faga fe o cumprimento dos requisitos previstos na letra a) e c) do artigo 53.1º do dito texto legal, aos que se xuntará:

-Acordo adoptado entre a empresa e os representantes legais do traballador afectado pola medida, no que deberá constar o compromiso da empresa de financiamento do custo da axuda ao seu cargo na forma e prazos establecidos legalmente.

-Acreditación de forma que faga fe do consentimento do traballador de acollerse a esta e cesar a súa relación laboral na empresa, dándose por integrados neste acordo os documentos que se requiren con carácter xeral nos parágrafos d) e e) seguintes.

O devandito acordo, e para os únicos efectos de concesión da axuda de xubilación previa, poderá ser homologado pola autoridade laboral competente.

c) Relación dos traballadores para os que se solicitan as axudas, indicando con claridade as súas circunstancias persoais e laborais, número de afiliación á Seguridade Social, documento nacional de identidade e certificado de nacemento.

d) Documento no que se acredite a conformidade individualizada dos traballadores afectados, de acollerse a estas axudas.

e) Documento no que se recolla o compromiso da empresa de realizar a súa achega ao financiamento destas axudas, na forma e prazos que se establecen no artigo 10 desta orde e 7 da citada orde ministerial.

f) Documento no que se recolla o compromiso da empresa de anticiparlles aos traballadores as axudas

previas á xubilación ordinaria que lles fosen recoñecidas, se transcorridos tres meses dende a súa concesión non se fixesen efectivas por causas imputables a ela, podendo resarcirse esta das cantidades anticipadas, logo de acreditación delas, no momento de efectuar a súa achega.

g) Certificación da Tesouraría Xeral da Seguridade Social na que consten os extremos seguintes:

-Que o traballador se encontre en alta ou en situación asimilada á alta no momento da solicitude da axuda.

-Que o traballador para o que se solicita a axuda teña cuberto o período de cotización establecido para ter dereito á pensión de xubilación ordinaria, computando tamén o período que puidese transcorrer desde a data da solicitude ata a data en que acade a idade ordinaria de xubilación.

Á dita certificación xuntaranse os boletíns TC/1 e TC/2 de cotización á Seguridade Social correspondentes aos seis meses anteriores á data en que deba comezar a percibir a axuda o traballador.

h) Certificación do Instituto Nacional da Seguridade Social ou do Instituto Social da Mariña, sobre bonificación de idade que corresponda, se é o caso.

i) Declaración de conxunto de todas as solicitudes de axuda efectuadas ou concedidas, para a mesma prestación, das distintas administracións públicas competentes.

k) A presentación da solicitude de subvención pola empresa solicitante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia segundo o establecido no artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 (DOG nº 250, do 30 de decembro).

l) Calquera outra documentación que se considere esencial polo instrutor do expediente ou pola comisión de valoración, para a avaliación e resolución das axudas.

Ás solicitudes presentadas outorgaráselles por rigorosa orde de entrada un número correlativo.

Artigo 7º.-Instrución.

O xefe do Servizo de Relacións Laborais da delegación provincial correspondente procederá a comprobar se a solicitude e a documentación presentada reúne os requisitos exixidos nos artigos anteriores. De apreciarse algún defecto na documentación presentada, ou se estivese esta incompleta, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o citado órgano instrutor requirirá o solicitante para que, nun prazo

de dez días, efectúe as correccións oportunas ou achege os documentos preceptivos, coa indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Artigo 8º.-Avaliación das solicitudes.

1. Unha vez completados os expedientes, pasarán á comisión de valoración que, unha vez estudada cada solicitude e logo de consulta da existencia de crédito, efectuará proposta de resolución elevándolla ao conselleiro de Traballo.

Como criterios de avaliación teranse en conta as seguintes características das solicitudes presentadas, ordenadas segundo a súa importancia:

-Empresas radicadas en zonas nas que exista unha problemática socio-laboral máis acuciante.

-Empresas pertencentes a sectores produtivos ou de actividade que se atopen nunha situación coxuntural de especiais dificultades.

-Empresas cuxa viabilidade futura dependa do obxecto das referidas axudas.

-Número de traballadores afetados en relación co total do cadro de persoal da empresa solicitante.

En todo caso, e antes de ditar a proposta de resolución de concesión, o beneficiario deberá atoparse ao corrente das súas obrigas tributarias, estatais e autonómicas, e coa Seguridade Social e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da comunidade autónoma.

2. Para os efectos do disposto no punto anterior, a comisión de valoración estará composta polo delegado provincial, que actuará como presidente, e serán vogais o xefe de Servizo de Relacións Laborais, que ademais actuará como secretario, e un funcionario destinado na respectiva delegación provincial, designado polo delegado provincial.

3. Se por calquera causa no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario que para o efecto designe o delegado provincial e sempre que sexa posible o nomeamento deberá recaer noutro funcionario do mesmo servizo que o substituído. No caso de imposibilidade de asistencia do delegado provincial substituirao o secretario da delegación provincial.

Artigo 9º.-Resolución.

A resolución das axudas, logo de proposta da comisión de valoración e a fiscalización da Intervención Delegada da consellería, corresponderalle ao conselleiro de Traballo, e notificaráselles aos interesados.

O prazo máximo para resolver e notificar será de 6 meses a partir da presentación da solicitude, de acordo co establecido no artigo 42.2º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sempre que fosen consignados os correspondentes créditos pola Administración central do Estado. Transcorrido o prazo para resolver o procedemento sen que se dite resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria da concesión da axuda ou subvención.

Non obstante, dada a natureza e as canles de financiamento deste tipo de axudas, con carácter excepcional e motivadamente poderán ditarse resolucións fóra do prazo legal que se di no parágrafo precedente, de conformidade co establecido no artigo 12.2º do Decreto 106/1994, do 21 de abril.

A dita resolución poñerá fin á vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse potestativamente recurso de reposición ante o mesmo órgano no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa notificación.

Artigo 10º.-Forma de ingreso das achegas con cargo á empresa e á Administración pública.

Dos custos totais das axudas concedidas, o 40% será financiado pola Consellería de Traballo, e serán libradas por unha soa vez poñendo a disposición da Tesourería Xeral da Seguridade Social os fondos públicos necesarios para o seu aboamento.

O 60% restante correrá por conta da empresa solicitante, podendo efectuar o ingreso da súa achega en tantas anualidades como anos permanezan os traballadores percibindo as axudas, cun máximo de cinco. Non entanto, poderá optar por realizar un único pagamento se así o manifesta por escrito á Tesouraría Xeral da Seguridade Social, debendo efectuar o ingreso que lle corresponda dentro do prazo dos trinta días seguintes á súa notificación polo órgano xestor.

De acollerse ao financiamento por anualidades, o ingreso correspondente á primeira delas deberá realizarse no prazo de trinta días naturais, a partir da notificación da concesión das axudas polo órgano xestor, presentando no mesmo prazo garantías suficientes en dereito, a xuízo da Tesouraría Xeral de Seguridade Social, de acordo co previsto no artigo 10 da reiterada orde ministerial, para responder do pagamento das obrigas pendentes. A validez destas garantías estenderase desde que os traballadores deban comezar a percibir as axudas ata un ano despois do vencemento da anualidade que se garanta, como mínimo. De prestarse a garantía mediante aval, utilizaríase o modelo que figura no anexo II.

O prazo para o aboamento das anualidades restantes será o dos trinta días naturais inmediatamente anteriores á iniciación da anualidade de que se trate.

O incumprimento por parte da empresa das obrigas contraídas no financiamento de axudas desta clase concedidas con anterioridade poderá motivar a denegación de novas axudas.

Previo ao pagamento da axuda, ademais das garantías previstas nesta orde, o beneficiario deberá acreditar atoparse ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma de acordo co disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. Así mesmo, e no momento da xustificación da execución total do proxecto, presentará declaración xurada do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións públicas ou calquera dos seus organismos supere o custo total obxecto do proxecto.

Disposicións adicionais

Primeira.-Esta orde será de aplicación unicamente dentro do exercicio económico de 2006 e as axudas terán como límite global o crédito asignado a esta comunidade autónoma na distribución territorial anual da Administración central do Estado, correspondente ás axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social a traballadores afectados por procesos de reestruturación de empresas.

Non obstante, o sinalado no parágrafo anterior e no artigo 5º desta orde, o conselleiro de Traballo poderá propoñer a concesión de axudas extraordinarias como medida de apoio ás reguladas nesta orde, ao abeiro do previsto no artigo 40 b) da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, naqueles supostos de empresas galegas con problemas económicos e socio-laborais por excedentes de cadro de persoal, que polo seu obxecto se consideren de interese social, e sempre que estas acrediten mediante un plan de viabilidade á súa permanencia no mercado.

Segunda.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo o establecido no artigo 78.9º

do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e no artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Terceira.-No caso de que o beneficiario da axuda incumprise algunha das condicións ou obrigas estipuladas nesta orde, a Consellería de Traballo procederá ao reintegro total ou parcial da subvención concedida, e solicitará a devolución das cantidades percibidas e os correspondentes xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento, de habelos, segundo o disposto no artigo 78.10º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e nos artigos 19 e 20 do Decreto 287/2000.

Igualmente extinguiranse estas axudas polas causas previstas no artigo 6 e consonte o procedemento fixado no artigo 9 da citada orde ministerial.

Cuarta.-Os delegados provinciais da Consellería de Traballo poderán requirir en todo momento a documentación orixinal que consideren necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas, sempre que esta non se atopase xa en poder da Administración.

Quinta.-O beneficiario quedará sometido ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Traballo e ás de control financeiro que lle corresponde á Consellería de Economía e Facenda e ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

Para tal efecto, o beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Consello de Contas e o Tribunal de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control.

Sexta.-En todo o non disposto nesta orde, aplicarase de forma supletoria o establecido na Orde ministerial do 5 de outubro de 1994, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e demais disposicións que lle sexan de aplicación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a directora xeral de Relacións Laborais para que dite, no ámbito da súas competencias, as resolucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 31 de xullo de 2006.

Ricardo Jacinto Varela Sánchez

Conselleiro de Traballo