DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 150 Venres, 04 de agosto de 2006 Páx. 12.318

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

RESOLUCIÓN do 28 de xullo de 2006 pola que se desenvolve o Decreto 111/2006, do 30 de xuño, e se regulan en réxime de concorrencia competitiva as axudas para rehabilitación e adaptación de edificios de vivendas de protección oficial de promoción pública.

O Decreto 111/2006, do 30 de xuño, constitúe o marco normativo polo que se regula a concesión de subvencións para a rehabilitación e adaptación de vivendas de protección oficial de promoción pública.

A súa disposición derradeira primeira faculta a presidenta do Instituto Galego da Vivenda e Solo para ditar, no marco das súas competencias, cantas

disposicións sexan necesarias para o desenvolvemento e aplicación do referido decreto.

En uso da referida autorización,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Solicitudes.

Para os efectos do previsto no artigo 9 do Decreto 111/2006, determínase:

1. Como modelo de solicitude, o que figura no anexo desta disposición, achegando os seguintes documentos:

a) Relación de propietarios.

b) Copia compulsada do libro de actas onde se nomea o presidente da comunidade de propietarios.

c) DNI do presidente.

d) Certificado expedido polo secretario da comunidade do acordo adoptado pola xunta de propietarios para a execución das obras.

e) Fotografías do edificio e das zonas que se van reparar.

f) Memoria valorada asinada por un facultativo competente que incluirá, polo menos, os seguintes documentos:

1. Memoria xustificativa da necesidade das reparacións solicitadas con proposta da solución técnica.

2. Orzamento protexible detallado de conformidade co establecido no artigo 5 do Decreto 111/2006.

Cando a solicitude comprenda diferentes tipos de actuacións, a documentación sinalada neste punto deberá presentarse individualmente para cada unha delas.

g) CIF da comunidade de propietarios.

h) Certificado emitido pola entidade bancaria onde se recolla o número de conta en que figure como titular a comunidade de propietarios.

i) Declaración do presidente da comunidade en que se sinalen todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo proxecto, polas distintas administracións públicas.

j) Outros documentos que, se é o caso, resulten necesarios como complemento da documentación anterior.

2. O prazo de presentación das solicitudes será dun (1) mes desde a entrada en vigor da presente resolución.

3. De conformidade co artigo 13.3º da Lei 49/1960, do 21 de xullo, de propiedade horizontal, o presidente terá a representación da comunidade neste procedemento e será o asinante da solicitude.

4. As solicitudes presentaranse preferentemente, xunto coa documentación, nos rexistros dependentes

da Consellería de Vivenda e Solo, ou por calquera outro medio previsto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

No caso de envío por correo, farase de acordo co regulamentariamente previsto no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xullo, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, que indica que se presentará en sobre aberto, co obxecto de que na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar se faga constar, con claridade, o nome da oficina e a data, o lugar, a hora e o minuto da súa admisión.

Artigo 2º.-Criterios de selección de beneficiarios.

As solicitudes aceptadas valoraranse de acordo cos criterios de baremación que a continuación se sinalan por orde decrecente de importancia, con suxeición estrita ás dispoñibilidades orzamentarias da convocatoria:

* Obras de adecuación estrutural: ata un máximo de 9 puntos.

* Obras de adecuación funcional:

-Seguridade fronte a accidentes, sinistros, estabilidade de elementos de fachada ou obras consideradas de emerxencia respecto doutros elementos funcionais: ata un máximo de 8 puntos.

-Condicións de estanquidade fronte á choiva, humidade e illamento térmico: ata un máximo de 6 puntos.

-Medidas tendentes ao aforro enerxético tanto na envolvente do edificio como na mellora das instalacións e implantación de novas tecnoloxías: ata un máximo de 5 puntos.

-Supresión de barreiras arquitectónicas e outras medidas que fomenten a accesibilidade: ata un máximo de 4 puntos.

-Redes xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, calefacción e servizos xerais: ata un máximo de 4 puntos.

* Antigüidade da edificación desde a entrega das vivendas:

-Máis de 20 anos: ata un máximo de 2 puntos.

-Ata 20 anos: ata un máximo de 1 punto.

Nos casos de igualdade de puntuación a orde de prelación será con base na urxencia das obras que se vaian realizar, que será apreciada pola comisión da valoración.

En calquera caso, cando non quede suficientemente acreditada a necesidade da reparación soli

citada ou a idoneidade da solución técnica proposta e así se desprenda dos informes elaborados polos servizos técnicos do IGVS, a solicitude xa non será obxecto de baremación.

Artigo 3º. -Contía da axuda.

A contía da subvención fixarase porcentualmente en función do tipo da actuación que se vai realizar:

-Adecuación estrutural: 60% do orzamento protexible, sen que o importe dela poida superar os 3.800 A por vivenda.

-Adecuación funcional: 50% do orzamento protexible sen que o importe dela poida superar os 3.000 A por vivenda.

En ambas as actuacións, o importe dos conceptos que non sexa propiamente obra subvencionarase ao 50%.

Artigo 4º.-Resolución e inicio de obras.

Para os efectos do disposto no artigo 14 do Decreto 111/2006 os beneficiarios daquelas actuacións seleccionadas provisionalmente presentarán no prazo de 2 meses contados desde o día seguinte ao da recepción da resolución da aprobación provisional a seguinte documentación:

-Proxecto de execución de obras redactado por técnico competente. No caso que o concello determine que pola natureza ou características das obras non sexa preciso presentar proxecto deberá ser acreditado tal extremo expresamente pola entidade local.

-Licenza de obras ou xustificante da súa solicitude ante o concello.

-Orzamento de execución definitivo asinado pola empresa construtora encargada da execución das obras e aceptado pola comunidade de propietarios.

-De ser o caso, atendendo á normativa vixente, contrato de dirección de obras.

O orzamento do proxecto non poderá superar en ningún caso o orzamento máximo fixado na aprobación provisional como orzamento protexible. Revisada toda a documentación, e comprobada a adecuación do proxecto, así como os prezos de cada unidade de obra tomando como referencia os establecidos no parágrafo segundo do artigo 5º do decreto, a presidenta do IGVS ditará a resolución no prazo dun mes, pola que se aproba definitivamente e se autoriza o inicio das obras. Esta resolución recollerá o orzamento protexible, a contía concreta da subvención e o prazo de execución.

A resolución poralle fin á vía administrativa e poderá ser impugnada, potestativamente, en reposición ante a conselleira de Vivenda e Solo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación. Se non fose acto expreso, o prazo será de 3 meses desde o día seguinte ao que se produza o acto presunto.

Transcorridos os prazos de interposición unicamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo.

Artigo 5º.-Pagamento da subvención.

O pagamento das subvencións concedidas efectuarase unha vez rematadas as obras, tras a presentación por parte da comunidade de propietarios do correspondente certificado fin de obra, acompañado das facturas emitidas pola empresa que realizou as obras, acreditación dos tributos satisfeitos e honorarios facultativos.

Será requisito inescusable que previo o pagamento do IGVS da contía prevista de subvención a comunidade de propietarios acredite o pagamento á empresa encargada das obras da porcentaxe que lle corresponde sobre o orzamento total destas.

Non obstante, cando o importe da subvención supere a cifra de 30.050 A, poderanse efectuar pagamentos parciais a conta da liquidación sempre que concorran os requisitos e as circunstancias sinaladas no artigo 19.2º do Decreto 111/2006.

En todo caso antes do pagamento, ou -no caso de pagamento parcial- do derradeiro pagamento, o presidente da comunidade deberá presentar unha declaración das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para este proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 6º.-Aplicación orzamentaria.

Estas axudas financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 17.90.331A.783.20 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, destinándose para tal fin 101.085,05 A no ano 2006 e 3.236.500,40 A no ano 2007.

Artigo 7º.-Vivendas do IGVS.

Respecto ás situacións reguladas no artigo 21 do Decreto 111/2006, relativo ás vivendas propiedade do IGVS, as axudas financiaranse con cargo á aplicación orzamentaria 17.90.331A.617.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia.

Para o pagamento destas contías, a comunidade de propietarios presentará bimensualmente ante o IGVS a oportuna certificación de obra executada, así como un certificado expedido polo presidente da comunidade onde se sinale o importe correspondente ao IGVS en función das cotas de participación das vivendas da súa propiedade.

Disposición derradeira

Única.-Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xullo de 2006.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA