DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 148 Mércores, 02 de agosto de 2006 Páx. 12.217

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

DECRETO 124/2006, do 20 de xullo, polo que se derroga parcialmente o Decreto 427/2001, do 11 de decembro, polo que se aproba o texto do Regulamento de funcionamento interno dos centros de reeducación para menores e mozos sometidos a medidas privativas de liberdade.

O día 13 de xaneiro de 2001 entrou en vigor a Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, prevíndose no seu articulado o seu desenvolvemento regulamentario.

En vista da ausencia do dito desenvolvemento regulamentario, e ao abeiro das posibilidades ofrecidas pola Lei 5/2000 na disposición derradeira sétima, onde se establece no seu punto segundo que «durante o prazo mencionado no punto anterior, as comunidades autónomas con competencia respecto á protección e reforma de menores adaptarán a súa normativa para a adecuada execución das funcións que lles outorga esta lei» aprobouse na Comunidade Autónoma de Galicia o Decreto 427/2001, do 11 de decembro, polo que se aproba o texto do Regulamento de funcionamento interno dos centros de reeducación para menores e mozos sometidos a medidas privativas de liberdade, que ten por obxecto, como se pon de manifesto no seu artigo 1º «a regulación da execución pola Comunidade Autónoma de Galicia, das medidas privativas de liberdade e medidas cautelares de internamento que se impoñan polos xuíces de menores, de conformidade coa Lei orgánica 5/2000, e da actividade interna dos centros de reeducación para

menores da Comunidade Autónoma de Galicia nos que vaian executarse as ditas medidas». Este decreto supón por outra banda un certo desenvolvemento das disposicións recollidas na Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e a adolescencia, que no capítulo IV trata dos menores en conflito social e dos centros de reeducación.

Posteriormente o 30 de agosto de 2004 publicouse no Boletín Oficial del Estado o Real decreto 1774/2004, do 30 de xullo, polo que se aproba o Regulamento da Lei orgánica 5/2000, do 12 de xaneiro, reguladora da responsabilidade penal dos menores, que entrou en vigor o 28 de febreiro de 2005, e que pretende abordar un desenvolvemento parcial da devandita lei no referente a tres materias concretas: a actuación da Policía Xudicial e o equipo técnico, a execución das medidas cautelares e definitivas e o réxime disciplinario dos centros.

Non obstante, en materia de organización e funcionamento dos centros ao ser unha cuestión non regulada polo Real decreto 1774/2004 na súa totalidade, considerase apropiado manter a vixencia do título V do Decreto 427/2001 para atender a cober

tura da materia, para que xunto co Decreto 329/2005, do 28 de xullo, polo que se regulan os centros de menores e os centros de atención á infancia (DOG nº 156, do 16 de agosto) e a Orde de 1 de agosto de 1996 (DOG nº 168, de 28 de agosto), sen prexuízo da realización dunha revisión do tratamento da materia no actual marco normativo da comunidade autónoma galega.

En consecuencia, unha vez que entra en vigor este regulamento desaparece a motivación que levou á aprobación do Decreto 427/2001, coa excepción do título V, polo que, por proposta da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, de acordo co ditame do Consello Consultivo e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día vinte de xullo do dous mil seis

DISPOÑO:

Artigo único.

1. Queda derrogado o Decreto 427/2001, do 11 de decembro, polo que se aproba o texto do Regulamento de funcionamento interno dos centros de reeducación para menores e mozos sometidos a medidas privativas de liberdade, salvo o disposto no punto seguinte.

2. Sen prexuízo da lexislación vixente na materia, mantense en vigor o título V do mencionado Decreto 427/2001, do 11 de decembro, mentres non se aprobe unha nova regulación.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de xullo de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar