DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 147 Martes, 01 de agosto de 2006 Páx. 12.154

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 120/2006, do 20 de xullo, polo que se modifica o Decreto 343/2003, do 11 de xullo, polo que se aproba o Regulamento orgánico da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia.

Pasados xa case tres anos da entrada en vigor do Decreto 343/2003, do 11 de xullo, modificado pola disposición adicional terceira do Decreto 44/2006, do 2 de marzo, de estrutura orgánica dos órganos superiores dependentes da Presidencia da Xunta de Galicia, cómpre adaptalo ás novas necesidades da asistencia, representación e defensa xurídica que exixe a Administración pública autonómica, e acomodar a estrutura organizativa dos servizos xurídicos da Xunta de Galicia aos modelos técnicos máis avanzados existentes no noso contorno.

A reforma céntrase na creación dunha unidade administrativa especializada na área de dereito constitucional, materia de suma importancia e transcendencia na actividade ordinaria da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia e reforzar nas súas funcións o Gabinete de estudos e dereito comunitario, especialmente nas relacións coa materia e as institucións comunitarias. Cúmprese así coa aspiración de dotar os servizos xurídicos da Administración autonómica duns medios materiais e persoais adecuados e da máxima competencia nestes ámbitos, completándose tal anhelo coa definitiva dotación dunha xefatura de servizo na propia oficina da dirección xeral.

Igualmente, incide a modificación na necesidade de incorporar os tribunais que xulgan os procesos selectivos para o acceso á escala de letrados da Xunta de Galicia, de profesores titulares das facultades de dereito pertencentes ao sistema universitario de Galicia. A restrición na práctica a catedráticos causa importantes dificultades dado o escaso número de profesionais con tal titulación en Galicia, circunstancia que non favorece a necesaria substitución nos membros do tribunal dunha oposición a outra.

En virtude de todo o exposto e por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do vinte de xullo de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Modifícanse os artigos 3.4, 8.1, 9.1, 12, 18.1 e 18.2, 19 e 55 do Decreto 343/2003, do 11 de xullo, que quedan redactados da forma seguinte:

-Artigo 3.4: «Dependendo da Dirección Xeral da Asesoría Xurídica funcionará unha Secretaría de

Asuntos Xerais, con rango de xefatura de servizo, a que lle corresponderán os asuntos de xestión de persoal e orzamentaria, rexistro xeral, arquivo, biblioteca e todo o concernente ao réxime interior do centro directivo.

-Artigo 8.1: «Son Gabinetes centrais da Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, con nivel orgánico de subdirección xeral, os seguintes:

a) O Gabinete de Defensa Xurisdicional.

b) O Gabinete de Asuntos Constitucionais.

c) O Gabinete de Asesoramento de Apoio á Actualización Normativa.

d) O Gabinete de Desenvolvemento Lexislativo.

e) O Gabinete de Estudos e Dereito Comunitario».

-Artigo 9.1: «O Gabinete de Defensa Xurisdicional desempeñará as seguintes funcións:

a) O asesoramento á Administración da Comunidade Autónoma, os seus entes institucionais ou empresas propias para a defensa e o exercicio de accións xurisdicionais, excepto ás relativas ao coñecemento do Tribunal Constitucional e aos tribunais comunitarios ou internacionais.

b) A defensa e a representación en xuízo da Administración da Comunidade Autónoma, os seus entes institucionais ou empresas propias ante calquera órgano administrativo, arbitral ou xurisdicional, excepto os sinalados no punto anterior».

-Artigo 12. Do Gabinete de Estudos e Dereito Comunitario.

«Ao Gabinete de Estudos e de Dereito Comunitario, correspóndelle:

a) O seguimento da normativa comunitaria.

b) A representación e a defensa da Administración autonómica, ante os órganos e organismos internacionais ou supranacionais en que esta sexa parte en calquera procedemento xurisdicional, de acordo co previsto na normativa aplicable.

c) O asesoramento xurídico en materia de dereito comunitario europeo e dereito internacional.

d) A realización de estudos de dereito comunitario.

e) A confección e a conservación de arquivos e ficheiros de doutrina, lexislación e xurisprudencia.

f) A promoción de traballo de investigación e organización de actividades que teñan por obxecto a formación e perfeccionamento dos letrados da Xunta de Galicia e a difusión de materias relativas ao dereito comunitario, nacional ou autonómico.

g) O informe en dereito ou, se é o caso, a elaboración dos anteproxectos e proxectos de disposición cando afecten ou poidan afectar a Asesoría Xurídica da Xunta de Galicia, a súa organización, funcionamento e réxime de actuacións.

h) O seguimento, análise e avaliación da xestión operativa así como dos criterios interpretativos das normas xurídicas aplicadas polas unidades da asesoría xurídica nas súas actividades consultivas e procesuais.

-Artigo 18.1: «Os servizos centrais da asesoría xurídica do Sergas exercerán, en relación coa defensa en xuízo do Servizo Galego de Saúde, as funcións sinaladas nas letras a) e b) do artigo 9.1, e as previstas no punto b do artigo 12».

-Artigo 18.2: «Igualmente asumirán a defensa do Servizo Galego de Saúde nos recursos de amparo regulados na Lei orgánica 2/1979, do 3 de outubro, do Tribunal Constitucional, ou norma que a substitúa, en que aquel sexa parte interesada».

-Artigo 19: «Os servizos centrais exercerán, respecto ao asesoramento xurídico do Servizo Galego de Saúde, as funcións previstas nas letras a) e b) do artigo 10.1º, na letra e) do artigo 12 e nas letras a), b), d) e f) do artigo 13 punto 2».

-Artigo 55. Tribunal.

«A composición do tribunal das oposicións de letrados da Xunta de Galicia será a seguinte:

a) Presidente: o director xeral da asesoría xurídica da Xunta de Galicia, quen poderá delegar nalgún dos subdirectores xerais dela.

b) Vogais:

-Un maxistrado designado por proposta do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

-Un catedrático ou profesor titular das facultades de dereito das universidades do sistema universitario de Galicia, con competencia nunha ou máis disciplinas relacionadas co contido do programa, designado por proposta da Escola Galega de Administración Pública.

-Un licenciado en dereito, designado por proposta das organizacións sindicais.

-Un letrado da Xunta de Galicia, designado por proposta do director xeral da Asesoría Xurídica, que desempeñará, ademais, as funcións de secretario.

Artigo 2º

Incorpórase o artigo 9 bis, que terá a seguinte redacción:

-«Gabinete de asuntos constitucionais.

O Gabinete de asuntos constitucionais, desempeñará as seguintes funcións:

a) A representación e defensa da Xunta de Galicia e da Administración da Comunidade Autónoma, ante o Tribunal Constitucional en todos os procedementos previstos na lexislación vixente.

b) A preparación dos requirimentos de incompetencia que formule a Xunta de Galicia e das respostas que teña que dar aos que lle fosen formulados.

c) O asesoramento nas actuacións da Xunta de Galicia e da Administración Autonómica dirixidas á solución negociada ou a prevención da conflitividade constitucional e nas que afecten o seu ámbito de competencias; todo isto sen prexuízo das funcións que sobre estas materias corresponden a outros órganos consultivos ou asesores da Xunta de Galicia.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte de xullo de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administración Pública

e Xustiza

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA