DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 146 Luns, 31 de xullo de 2006 Páx. 12.090

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

RESOLUCIÓN do 7 de xullo de 2006, da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, pola que se dispón a publicación de instrucións sobre o procedemento de autorización para a implantación de estudos universitarios oficiais de posgrao conducentes ao título de máster e doutor.

O artigo 8.2º da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, establece que a implantación e supresión de ensinanzas conducentes á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional serán acordadas pola comunidade autónoma, e o seu artigo 35 establece que unha universidade poderá elaborar e aprobar un plan de estudos conducente á obtención dun título universitario de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional cando correspondan a ensinanzas previamente implantadas polas comunidades autónomas, ás cales tamén corresponde autorizar o momento da súa impartición.

No ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, esta materia está regulada polo Decreto 259/1994, do 29 de xullo (DOG do 16 de agosto), polo que se establece o procedemento para a creación e recoñecemento de universidades, centros universitarios e autorización de estudos na Comunidade Autónoma de Galicia.

O Real decreto 56/2005, do 21 de xaneiro, polo que se regulan os estudos universitarios oficiais de posgrao, introduciu un novo título oficial: o de máster. Esta nova regulación dos estudos de posgrao fixa o marco xurídico para que as universidades poidan estruturar as súas ensinanzas de posgrao de carácter oficial sen impoñer directrices xerais propias sobre os seus contidos formativos, agás ás que fai referencia o artigo 8.3º, polo que deixa ás universidades a responsabilidade para a organización destes programas de formación especializada. Porén, en canto que son ensinanzas que conducen á obtención de títulos universitarios de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional, requiren, para a súa implantación nunha universidade, a previa autorización da comunidade autónoma de acordo coa nova redacción do artigo 5 do Real decreto 56/2005 dada polo Real decreto 1509/2005, do 16 de decembro.

Por iso, con carácter transitorio, mentres non se modifique o Decreto 259/1994 coa finalidade de adaptalo ás novas exixencias do Espazo Europeo de Educación Superior, dítanse as seguintes instrucións procedementais para unificar o procedemento das tres universidades galegas cara á tramitación da correspondente autorización dos estudos de posgrao que pretendan implantar en virtude da súa autonomía e flexibilidade organizativas.

En consecuencia, a Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia, de conformidade coas funcións que lle atribúe o artigo 7 do Decreto 585/2005, do 29 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

RESOLVO:

Dispor a publicación no Diario Oficial de Galicia das seguintes instrucións que figuran como anexo desta resolución.

O que se fai público para os efectos oportunos.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2006.

José Ramón Leis Fidalgo

Director xeral de Ordenación e Calidade

do Sistema Universitario de Galicia

ANEXO

Instrución do 6 de xullo de 2006 sobre o procedemento de autorización para a implantación de estudos universitarios oficiais de posgrao conducentes ao título de máster e doutor:

Artigo 1º.-Procedemento.

1. A implantación de ensinanzas universitarias integradas nun programa oficial de posgrao por parte das universidades galegas farase en función das súas dispoñibilidades orzamentarias, e será autorizada pola Xunta de Galicia, de acordo co establecido no artigo 8.2º da Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, logo de avaliación da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG) e informe do Consello Galego de Universidades.

2. O procedemento será o establecido no Decreto 259/1994, do 29 de xullo. A autorización para a implantación de estudos oficiais de posgrao farase por decreto do Consello da Xunta de Galicia por proposta do Consello Social da universidade correspondente.

Artigo 2º.-Requisitos.

Os programas oficiais de posgrao que as universidades soliciten implantar deberán cumprir os requisitos establecidos particularmente na sección 6ª do capítulo II do Real decreto 557/1991, do 12 de abril, e deberán conter as xustificacións que se detallan no anexo I do Decreto 259/1994, do 29 de xullo.

Artigo 3º.-Documentación e prazo de presentación.

1. A solicitude de implantación dun programa de posgrao será presentada ante a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, polo reitor da universidade correspondente, antes do 15 de novembro do ano anterior a aquel en que se queira implantar. As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. A solicitude deberá ir acompañada dos documentos seguintes:

a) Certificación do acordo do Consello Social e do Consello de Goberno de cada universidade participante propoñendo a implantación do ensino, facendo referencia ao programa e títulos que o integran.

b) No caso de que as ensinanzas formen parte de programas oficiais de posgrao interuniversitarios, convenio de colaboración entre as universidades participantes.

c) No caso de que no programa oficial de posgrao en que se integran as ensinanzas colaboren outras institucións, organismos públicos ou privados ou empresas, autorización da colaboración polo órgano competente da universidade e o acordo de colaboración que se subscribise.

d) Memoria xustificativa da implantación do ensino de posgrao.

3. Tanto o modelo de solicitude, documentos complementarios así como o desenvolvemento dos aspectos a xustificar na memoria explicativa serán publicados na URL da Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia (http://www.edu.xunta.es) e na da ACSUG (http://www.acsug.es/posgraos).

Estes documentos presentaranse en formato papel e por duplicado, sen prexuízo da memoria xustificativa que se poderá presentar, en formato electrónico (CD-ROM).

4. Cando se trate de programas interuniversitarios, se a universidade coordinadora é unha universidade do sistema universitario de Galicia presentará a súa solicitude e tamén a/as solicitude/s e demais documentación que deben achegar as universidades participantes, de forma que se tramitará un único expediente por programa, sen prexuízo de que a autorización para implantación do ensino se realice para cada unha das universidades participantes no programa de posgrao.

Nos programas interuniversitarios coordinados por universidades de fóra do sistema universitario de Galicia, as universidades galegas solicitarán da Xunta de Galicia a autorización, como universidades participantes, para a implantación do ensino de que se trate.

Artigo 4º.-Tramitación e procedemento de autorización.

1. Se a solicitude está incompleta ou non reúne a documentación requirida no artigo anterior, darase un prazo de dez (10) días para que a universidade emende a falta dos documentos preceptivos con indicación de que, se non o fixese así, se considerará que desiste da solicitude, logo de resolución, nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. Os expedientes serán remitidos desde a Dirección Xeral de Ordenación e Calidade do Sistema Universitario de Galicia á ACSUG que procederá a súa avaliación, en particular respecto da adecuación deles aos índices legais de calidade recollidos no anexo IV do Decreto 259/1994, do 29 de xullo.

3. A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria someterá o expediente ao informe do Consello Galego de Universidades en exercicio da súa competencia sinalada no artigo 5 da Lei 2/2003, do 22 de maio, do Consello Galego de Universidades. O Pleno do Consello Galego de Universidades emitirá o seu informe logo de deliberación da Comisión de Titulacións e Centros do devandito órgano.

4. Á vista dos informes emitidos procederase, de ser o caso, a outorgar a autorización da implantación do ensino, a través de decreto do Consello da Xunta de Galicia.

5. De acordo co parágrafo anterior, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria informará o Consello de Coordinación Universitaria antes do prazo que establece o Real decreto 56/2005, do 21 de xaneiro, respecto aos programas de posgrao de nova implantación para o curso académico seguinte.

6. A efectiva impartición dos estudos autorizados queda condicionada ao procedemento ordinario de autorización que corresponde segundo a Lei orgánica 6/2001, de universidades.

Artigo 5º.-Revogación da autorización.

Se, con posterioridade á autorización de implantación do ensino de posgrao, se apreciase que a universidade incumpre os requisitos e compromisos adquiridos ao solicitar a súa autorización, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria requirirá da universidade que no prazo dun mes proceda á regularización da situación de incumprimento. Transcorrido este sen que a universidade efectuase tal regularización, logo de audiencia dela e do Consello Galego de Universidades, procederase a acordar a revogación da autorización.

Artigo 6º.-Modificación dun programa de posgrao.

1. A inclusión dun novo título nun programa xa autorizado dará lugar a un novo procedemento de autorización e suporá a modificación do programa.

2. A modificación da denominación, dos obxectivos, da estrutura de créditos ou dun número de materias superior ao vinte por cento do programa dos estudos universitarios conducentes ao título oficial de posgrao xa autorizados, requirirá o inicio dun novo proceso de autorización de acordo co que se establece nesta orde.

3. En todo caso, deberase comunicar á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria calquera tipo de modificación dun programa xa autorizado, para os efectos de que determine a necesidade de tramitar ou non o inicio dun novo procedemento de autorización.

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS

E TRANSPORTES