DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 145 Venres, 28 de xullo de 2006 Páx. 12.034

II. AUTORIDADES E PERSOAL

NOMEAMENTOS:

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 5 de xullo de 2006 pola que se modifica a do 19 de novembro de 2003, pola que se fai pública a composición do Consello Social da Universidade de Vigo.

Pola Orde do 19 de novembro de 2003 (DOG do 24 de novembro), faise pública a composición do Consello Social da Universidade de Vigo.

De acordo co artigo 10.1º b) da Lei 1/2003, do 9 de maio, dos consellos sociais do sistema universitario de Galicia, os membros dos consellos sociais cesarán por renuncia, incapacidade declarada por resolución xudicial firme, morte ou declaración de falecemento. A renuncia deberá presentárselles por escrito á autoridade, entidade ou institución designante e ao presidente do Consello Social, quen lla comunicará á consellería competente en materia universitaria, e publicarase no Diario Oficial de Galicia, data desde a que producirá efectos.

Segundo o artigo 10.2º, as vacantes deberán ser cubertas pola autoridade, entidade ou institución correspondente no prazo máximo de tres meses. De non comunicárselle o acordo de designación dentro do devandito prazo ao conselleiro/a competente en materia universitaria, o posto permanecerá vacante ata a finalización do correspondente mandato. En todo caso, o membro substituído entenderase nomeado polo período que reste do anterior mandato.

O artigo 7.2º establece que son membros natos do Consello Social o reitor da universidade, o secretario xeral e o xerente da universidade.

O artigo 7.3º regula a representación dos intereses sociais no Consello Social. Na alínea e) establece que serán membros deste consello catro membros designados polas organizacións empresariais máis representativas dos sectores estratéxicos da economía galega, na área de influencia da universidade, e na alínea f) establece que será membro do consello unha persoa designada polas corporacións dos concellos nos que se localizan os campus.

De acordo co artigo 7.4º, os acordos de designación de membros do Consello Social seranlle comunicados ao conselleiro/a competente en materia universitaria, quen procederá ao seu nomeamento mediante orde da súa consellería. A condición de membro do Consello Social adquírese unha vez cumpridos os requisitos de designación, nomeamento e publicación no Diario Oficial de Galicia, e produce efectos a partir desa data.

Con data do 7 de abril de 2006, o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo comunícalle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a renuncia de Lois Pérez Castrillo, designado polo Concello de Vigo.

Con data do 3 de maio de 2006, o presidente do Consello Social da Universidade de Vigo comunícalle

á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a renuncia de Guillermo Alonso Jáudenes, designado pola Confederación de Empresarios de Pontevedra.

Con data do 8 de xuño de 2006, a Confederación de Empresarios de Galicia comunícalle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria a proposta de substitución do seu representante, Guillermo Alonso Jáudenes, no Consello Social da Universidade de Vigo, por Pilar Blanco Tuimil.

Con data do 5 de xullo de 2006, o Consello Social da Universidade de Vigo remítelle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria comunicación do Concello de Vigo propoñendo a substitución de Lois Pérez Castrillo, no Consello Social da Universidade de Vigo, por Lucía Molares Pérez.

O Decreto 96/2006, do 8 de xuño, nomea reitor da Universidade de Vigo o profesor doutor Alberto Gago Rodríguez. Con data do 5 de xullo de 2006 recíbese na Consellería de Educación e Ordenación Universitaria escrito do Consello Social da Universidade de Vigo comunicando o nomeamento de Esther María González Pillado como secretaria xeral da Universidade de Vigo.

Por todo iso,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Facer públicos os cesamentos como representantes do Consello Social da Universidade de Vigo de Lois Pérez Castrillo, designado polo Concello de Vigo, e de Guillermo Alonso Jáudenes, designado pola Confederación de Empresarios de Pontevedra.

Artigo 2º

Nomear a Lucía Molares Pérez como membro do Consello Social da Universidade de Vigo, en representación do Concello de Vigo, en substitución de Lois Pérez Castrillo.

Artigo 3º

Nomear a Pilar Blanco Tuimil como membro do Consello Social da Universidade de Vigo, en representación da Confederación de Empresarios de Pontevedra, en substitución de Guillermo Alonso Jáudenes.

Artigo 4º

Nomear a Alberto Gago Rodríguez reitor da Universidade de Vigo e a Esther María González Pillado secretaria xeral da Universidade de Vigo, como membros natos do Consello Social da Universidade de Vigo.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2006.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación Universitaria