DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 144 Xoves, 27 de xullo de 2006 Páx. 11.993

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 13 de xullo de 2006 pola que se convocan varios cursos de formación continua para o persoal da Xunta de Galicia.

Dentro do programa de actividades de formación continua da EGAP para 2006, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de

modificación da anterior, convócanse os cursos referidos no anexo I desta resolución, que se desenvolverán de conformidade coas seguintes bases:

Primeira.-Solicitudes.

1. O persoal que desexe participar nos cursos programados deberá solicitalo coa presentación da instancia e da certificación que, como modelos oficiais, se recollen nos anexos II e III desta resolución respectivamente.

2. A falsidade ou ocultación de datos esenciais para a selección dos aspirantes dará lugar á exclusión automática do curso solicitado, así como á imposibilidade de participar en calquera outro curso neste ano.

3. O prazo de presentación de instancias será de quince días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia.

4. As solicitudes, dirixidas ao director da EGAP, presentaranse no rexistro xeral da Escola, sita na rúa de Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas, 15707 Santiago de Compostela, ou en calquera das dependencias recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Segunda.-Acceso ás actividades.

Poderá participar só o persoal da Xunta que cumpra os requisitos específicos exixidos para cada curso no aludido anexo I. Queda excluído o persoal docente e sanitario que non desempeñe postos na Administración xeral e o persoal de Xustiza que conte co seu propio plan de formación continua.

Terceira.-Selección.

1. Os criterios selectivos que se van empregar serán os sinalados con carácter xeral na resolución da Escola Galega de Administración Pública do 11 de febreiro de 2004 (Diario Oficial de Galicia nº 34, do 18 de febreiro) e, se é o caso, os criterios específicos que se establezan para cada acción formativa no anexo I.

2. Para os efectos do previsto no artigo 45 da Lei 7/2004, do 16 de xullo, o persoal que teña concedido un curso cuxa realización coincida co período en que goza dunha licenza de maternidade, un permiso de paternidade, unha redución de xornada ou unha excedencia para o coidado de familiares incorporarase na seguinte convocatoria do mesmo curso. O persoal interesado presentará xunto coa solicitude unha copia compulsada do xustificante de que goza das mencionadas situacións.

3. As relacións co persoal seleccionado para participar nos cursos previstos publicaranse nos taboleiros de anuncios da Escola Galega de Administración Pública e do Centro de Información Administrativa e Atención ao Cidadán e, se é o caso, nas delegacións provinciais da Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza. Así mesmo, co obxecto de facilitarlles o acceso á información dunha forma áxil e rápida, evitando desprazamentos innecesarios, publicaranse na páxina web: http://egap.xunta.es.

Cuarta.-Certificacións de asistencia.

1. Outorgaráselle o correspondente certificado de asistencia ao alumnado que participou con regularidade e dedicación no desenvolvemento dos cursos. Para os efectos de avaliar os coñecementos adquiridos polos alumnos, a EGAP poderá realizar as probas ou controis que considere oportunos ou requirir a presentación dun traballo final de prácticas.

2. É obrigatoria a asistencia e puntualidade a todas as sesións dos cursos. Toda ausencia deberá ser xustificada debidamente polo interesado. A falta de asistencia, aínda que sexa xustificada, a máis do 15% das horas lectivas programadas, impedirá a expedición da certificación anteriormente referida e dará lugar á baixa no curso coa perda de todos os dereitos.

3. Para coñecemento e constancia no seu expediente, os/as participantes nos cursos deberanlles facilitar copia das certificacións recibidas aos servizos de persoal do centro directivo ao cal estean adscritos.

Quinta.-Modificacións.

1. A EGAP poderá modificar o desenvolvemento e mais os contidos dos cursos anunciados co fin de adaptalos ás necesidades da Administración, así como ás distintas continxencias que poidan xurdir.

2. No suposto de que o número de instancias recibidas sexa inferior ao 50% das prazas convocadas, a EGAP reserva para si o dereito de suspender a realización do curso de que se trate, empregando para o efecto os medios de notificación aos/ás interesados/as previstos na normativa vixente.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2006.

Antonio Izquierdo Escribano

Director da Escola Galega de Administración Pública

ANEXO I

* Curso: Desenvolvemento sustentable e integración ambiental.

1. Obxectivos.

Dar a coñecer o concepto de desenvolvemento sostible e o reto que representa para unha Administración autonómica a súa aplicación práctica. Formar o persoal no seguimento que se fará da Estratexia galega de desenvolvemento sustentable; a futura avaliación ambiental estratéxica á que deberán someterse os plans e programas elaborados polas consellerías; o fenómeno do cambio climático e as implicacións que supón para a Administración autonómica e, en particular, para as políticas sectoriais.

2. Persoal ao cal vai dirixido.

Persoal funcionario dos grupos A e B e persoal laboral fixo dos grupos I e II das diferentes consellerías da Xunta de Galicia.

3. Criterios de selección.

O persoal será seleccionado de acordo coa seguinte orde de preferencia: persoal que participe directamente na Estratexia galega de desenvolvemento sus

tentable e no Plan galego de loita fronte ao cambio climático, persoal da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible e persoal que estea interesado en formarse nestes temas e que participe na definición de plans e programas nas diferentes consellerías.

Terán preferencia, por esta orde, os funcionarios de carreira, os laborais fixos, os funcionarios interinos, a maior antigüidade e a maior titulación.

4. Desenvolvemento.

4.1. Duración: 15 horas.

4.2. Lugar: EGAP, rúa de Madrid, 2-4.

4.3. Datas: os días 30 e 31 de outubro.

4.4. Horarios: das 9.00 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 19.00 horas.

4.5. Prazas: 25.

5. Contido.

O concepto de desenvolvemento sustentable: antecedentes e situación actual. As estratexias de desenvolvemento sustentable: Administración europea, estatal, autonómica e local. A Estratexia galega de desenvolvemento sustentable. Núcleos de sustentabilidade: urbanismo sostible. O Plan de loita fronte ao cambio climático e a implicación das políticas sectoriais. A avaliación ambiental estratéxica de plans e programas e as súas implicacións prácticas.

6. Entidade colaboradora.

Subdirección Xeral de Fomento do Desenvolvemento Sostible (Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible).

* Curso: Introdución, administración e xestión da base de datos Oracle.

1. Obxectivos.

Con este curso poderanse crear e manter obxectos da base de datos, almacenar, recuperar e manipular datos no contorno de Oracle Database e ten por obxecto conseguir os coñecementos necesarios para estar capacitado como administrador de bases de datos.

2. Persoal ao cal vai dirixido.

Persoal funcionario da escala técnica auxiliar de informática (grupo C), escala de xestión de sistemas de informática (grupo B), escala de sistemas e tecnoloxías da información (grupo A), persoal laboral técnico especialista en informática (grupo III, categoría 91), técnico superior diplomado en informática (grupo II, categoría 27) e persoal licenciado informático (grupo I, categoría 18) da Xunta de Galicia.

3. Desenvolvemento.

3.1. Duración: 30 horas.

3.2. Lugar: praza de Vigo, 2, entresollado.

3.3. Datas: do 11 ao 26 de setembro.

3.4. Horarios: das 15.00 ás 17.00 horas.

3.5. Prazas: 20.

4. Contido.

Arquitectura de Oracle. Creación de tablespaces. Usuarios. Táboas. Operacións sobre táboas. Consultas. PL/SQL. Cursores. Índices.

5. Entidade colaboradora.

Dirección Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas (Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza).

* Curso: Introdución a Windows 2003, Directorio Activo.

1. Obxectivos.

O curso centrarase no contorno de servizos de directorio Windows Server 2003, no que se inclúen a estrutura de dominios e bosques, o sistema de nomes de dominio (DNS), a réplica e topoloxía do sitio, a estrutura de unidade organizativa e delegación de administración, as directivas de grupo e as estratexias de contas de equipo, grupo e usuario. Os obxectivos son os seguintes: configurar a ruta mediante o servizo de ruta e acceso remoto, asignar direccións IP mediante DHCP, administrar e supervisar DHCP, resolver nomes: resolver nomes de host mediante DNS, administrar e supervisar DNS, resolver nomes do sistema básico de entrada/saída de rede, configurar o acceso á rede, administrar e supervisar o acceso á rede.

2. Persoal ao cal vai dirixido.

Persoal funcionario da escala técnica auxiliar de informática (grupo C), escala de xestión de sistemas de informática (grupo B), escala de sistemas e tecnoloxías da información (grupo A), persoal laboral técnico especialista en informática (grupo III, categoría 91), técnico superior diplomado en informática (grupo II, categoría 27) e persoal licenciado informático (grupo I, categoría 18) da Xunta de Galicia.

3. Desenvolvemento.

3.1. Duración: 30 horas.

3.2. Lugar: praza de Vigo, 2, entresollado.

3.3. Datas: do 9 ao 25 de outubro.

3.4. Horarios: das 15.00 ás 17.00 horas.

3.5. Prazas: 20.

4. Contido.

Introdución ás infraestruturas de Active Directory (en diante AD). Implementación dunha estrutura de dominios e bosques de AD. Implementación da estrutura dunha unidade organizativa. Implementación de contas de usuario, grupo e equipo. Implementación de directivas de grupo. Utilización de directivas de grupo para implementar e administrar software. Implementación de sitios para administrar a réplica de AD. Implementación de localización de controladores de dominio. Administración dos mestres de operacións. Mantemento da dispoñibilidade de AD. Formulación e implementación dunha infraestrutura de AD.

5. Entidade colaboradora.

Dirección Xeral de Calidade e Avaliación das Políticas Públicas (Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza).

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA