DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 143 Mércores, 26 de xullo de 2006 Páx. 11.922

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 5 de xullo de 2006 pola que se modifica a do 14 de abril de 1999, pola que se ordenan e organizan as ensinanzas de bacharelato para adultos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Por Orde do 14 de abril de 1999 (DOG do 29 de abril), a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria regulou as ensinanzas de bacharelato para as persoas adultas, adaptando para este alumnado o establecido no Decreto 275/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia. Por Orde do 17 de xuño de 1999 (DOG do 12 de xullo), modificouse a orde anterior ampliando a franxa horaria na cal se debían impartir estas ensinanzas.

Como consecuencia da modificación introducida polo Real decreto 3474/2000, do 29 de decembro, o Decreto 275/1994, do 29 de xullo, polo que se establece o currículo do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia, foi modificado polo Decreto 231/2002, do 6 de xuño (DOG do 15 de xullo; corrección de erros no DOG do 5 de novembro).

A oferta educativa regulada na citada Orde do 14 de abril de 1999 vai dirixida ás persoas adultas que desexan iniciar ou completar os estudos de bacharelato como parte do seu itinerario formativo, no contexto xeral da súa formación ao longo da vida. A reflexión social e pedagóxica invitan permanentemente a flexibilizar as ensinanzas das persoas adultas e a adaptalas a contextos cada vez máis complexos no mundo familiar e laboral.

A experiencia destas ensinanzas nos anos de vixencia da mencionada orde aconsella organizar as mencionadas ensinanzas cunha carga horaria que non supere os vinte e tres períodos lectivos por semana. Esta diminución da carga horaria semanal trae como consecuencia a necesidade de impartir as materias do bacharelato para persoas adultas en tres cursos escolares, distribución e calendario que sancionan no terreo normativo, o que lle sucede na realidade dos centros á gran maioría de persoas que cursan estas ensinanzas.

En virtude do exposto, e para facer compatible as ensinanzas do bacharelato das persoas adultas coas limitacións derivadas da vida familiar e laboral, e favorecer así unha educación flexible que favoreza a formación ao longo de toda a vida, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPÓN:

Artigo 1º

Modifícase o artigo 4º da Orde do 14 de abril de 1999, pola que se ordenan e organizan as ensinanzas de bacharelato para adultos na Comunidade Autónoma de Galicia, que queda redactado como segue:

«Artigo 4º

1. O bacharelato de adultos presencial impartirase en tres bloques de materias, cada un deles nun curso

escolar, de acordo coa distribución que aparece no anexo desta orde.

2. Na formalización da matrícula, cada alumno poderá optar por calquera das dúas opcións que se sinalan:

a) Cursar unha das modalidades do bacharelato por bloque completo.

b) Cursar unha das modalidades do bacharelato por materias.

3. Os períodos lectivos de cada materia non poderán ser inferiores a cincuenta minutos.

4. As ensinanzas do bacharelato presencial para persoas adultas impartiranse, con carácter xeral, entre as dezaoito (18.00) horas e as vinte e tres (23.00) horas, de luns a venres.

5. Para o establecemento do horario teranse en conta, dentro do posible, as necesidades específicas do alumnado que desexe cursar estas ensinanzas.

6. Calquera alteración do horario sinalado deberá contar coa autorización expresa da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, logo de solicitude motivada da dirección do centro e informe da Inspección Educativa».

Artigo 2º

Modifícase o artigo 10º da orde citada, que queda redactado como segue:

«Artigo 10º

1. Cando a matrícula se formalice por materias non se poderá superar a carga lectiva semanal de vinte e tres períodos lectivos previstos para este nivel de ensinanzas por bloque completo.

2. Coa finalidade de facilitar a adecuación do itinerario formativo de cada alumno ás súas posibilidades de escolarización, durante o primeiro trimestre do curso, o director do centro, en función das súas posibilidades, poderá autorizar a ampliación ou a anulación da matrícula por materias. Para tal fin, os alumnos que desexen cursar materias correspondentes a máis dun bloque deberán matricularse inicialmente só nas materias correspondentes ao primeiro dos bloques. Unha vez coñecidos os horarios, poderán ampliar a matrícula con materias do seguinte ou seguintes bloques, sempre que poidan asistir a máis do 65 por cento das horas lectivas, agás no caso de materias de dúas sesións semanais, que será de máis do 49 por cento».

Artigo 3º

Engádeselle ao artigo 13 da citada orde un punto 6 coa seguinte redacción:

«6. O alumnado con materias non superadas do primeiro ou do segundo bloque, e que teña a posibilidade de acceder ao título de bacharelato na convocatoria ordinaria, realizará a avaliación ordinaria desas materias na segunda quincena do mes de maio».

Artigo 4º

Modifícase o artigo 14º da orde citada, que queda redactado como segue:

«Artigo 14º

1. Para a promoción do bloque primeiro ao segundo, ou deste ao terceiro, no caso do alumnado matriculado

por bloque completo, será preciso que o alumno supere todas as materias, con dúas materias avaliadas negativamente como máximo, de calquera dos bloques anteriores. Neste caso, esas materias terán a mesma consideración que as materias pendentes do réxime ordinario de bacharelato.

2. No caso de non poder promocionar de bloque por ter máis de dúas materias avaliadas negativamente, poderá realizar a matrícula por materias».

Artigo 5º

Engádeselle ao texto da citada Orde do 14 de abril de 1999 a seguinte disposición transitoria:

«Disposición transitoria

Única.

1. Durante o curso escolar 2006-2007, as ensinanzas do bacharelato presencial de adultos, nos institutos que as teñen autorizadas, organizaranse do seguinte xeito:

a) Impartirase o primeiro bloque de materias dos establecidos no anexo desta orde. Os alumnos de nova matriculación que accedan ao primeiro curso de bacharelato de adultos presencial matricularanse do bloque primeiro completo ou de materias illadas correspondentes a el.

b) Ademais, impartiranse as materias correspondentes ao segundo curso do bacharelato, segundo figuran no anexo I da Orde do 4 de xullo de 2002, pola que se regula a organización académica do bacharelato na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG do 29 de xullo), e en horario de dezaseis (16.00) horas a vinte e dúas horas trinta minutos (22.30). Os alumnos que cursaron no ano escolar 2005-2006 ou anteriores ensinanzas de bacharelato de adultos presencial e poidan acceder ao segundo curso, matricularanse no segundo curso de bacharelato.

c) A Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria correspondente, logo de informe da Inspección Educativa, poderá autorizar que se impartan as materias de primeiro curso de bacharelato incluídas no segundo bloque dos establecidos no anexo desta orde, en caso de existir alumnado que, matriculado no centro no ano 2005-2006, solicite cursar algunha desas materias.

2. Durante o curso escolar 2007-2008, nos institutos que teñen autorizadas as ensinanzas do bacharelato presencial de adultos, estas ensinanzas organizaranse do seguinte xeito:

a) Impartiranse o primeiro e o segundo bloque de materias dos establecidos no anexo desta orde.

b) A Delegación Provincial da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria correspondente, logo de informe da Inspección Educativa, poderá autorizar que se impartan as materias incluídas no terceiro bloque dos establecidos no anexo desta orde, en caso de existir alumnado que, matriculado no centro no ano 2006-2007, solicite cursar algunha desas materias.

3. Durante o curso escolar 2008-2009 e seguintes impartiranse neses mesmos centros os tres bloques de materias dos establecidos nesta orde».

Artigo 6º

Modifícanse os anexos 1 e 2 da mencionada Orde do 14 de abril de 1999, pola que se ordenan e organizan as ensinanzas de bacharelato para adultos na Comunidade Autónoma de Galicia, que quedan substituídos polo anexo que figura nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízanse as direccións xerais de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais e de Ordenación e Innovación Educativa a ditar as instrucións precisas para a aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2006.

Laura Sánchez Piñón

Conselleira de Educación e Ordenación

Universitaria

ANEXO

Distribución dos bloques de materias no bacharelato presencial para persoas adultas

Primeiro bloque

de materias

Carga

lectiva

Segundo bloque

de materias

Carga

lectiva

Terceiro bloque

de materias

Carga

lectiva

-Lingua castelá I.-Filosofía I.-Educación física.-3 materias de modalidade de 1º.

-1 materia optativa de 1º

23 sesións-Lingua galega I.-Lingua castelá II.-Lin. estranxeira I-Relixión/activid. estudo alternativas-1 materia de modalidade de 2º curso.

-1 materia optativa de 2º

19 sesións-Lingua galega II.-Lingua estranxeira II-Historia.-Filosofía II.-2 materias de modalidade de 2º curso.21 sesións

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA