DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Luns, 24 de xullo de 2006 Páx. 11.857

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

RESOLUCIÓN do 21 de xuño de 2006, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Editorial Compostela, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito autonómico da empresa Editorial Compostela, S.A., (código de convenio nº 8200142), que se subscribiu coa data do 13 de marzo de 2006, entre a representación da empresa e os representantes dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta Dirección Xeral de Relacións Laborais,

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remitir o texto orixinal ao correspondente servizo deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de xuño de 2006.

Pilar Cancela Rodríguez

Directora xeral de Relacións Laborais

Convenio colectivo de Editorial Compostela, S.A. anos 2006-2007

Capítulo I

Disposicións preliminares

Sección primeira

Ámbito do convenio

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio é de aplicación en todos os centros de traballo de Editorial Compostela, S.A. actualmente existentes e naqueles que durante a vixencia deste convenio puidesen establecerse.

Artigo 2º.-Ámbito funcional e persoal.

Este convenio é de obrigatoria aplicación a todo o persoal da empresa Editorial Compostela, S.A., coa excepción dos seguintes casos:

-Persoal de alta dirección.

-Persoal con contratación mercantil.

-Colaboradores artísticos (non suxeitos a contrato de traballo).

Sección segunda

Vixencia e prórroga

Artigo 3º.-Vixencia.

Este convenio colectivo páctase por unha duración de dous anos e entrará en vigor para todos os seus efectos o 1 de xaneiro de 2006, con independencia da data da súa publicación no DOG, terminando a súa vixencia o 31 de decembro de 2007.

Artigo 4º.-Denuncia e prórroga.

O convenio poderá ser denunciado por calquera das partes cunha anticipación mínima de dous meses á súa finalización.

En caso de non ser denunciado en tempo e forma, entenderase prorrogado tacitamente por anualidades ata a conclusión da negociación dun novo convenio.

Unha vez producida a denuncia, manterá a súa vixencia o contido íntegro do vixente convenio ata a sinatura dun novo.

Sección terceira

Organización do traballo, peche do periódico e concorrencia

Artigo 5º.-Organización do traballo.

Na organización do traballo, sendo competencia exclusiva da empresa, teranse en conta os informes da representación legal dos traballadores. Cando non se chegue a un acordo entre as partes, as modificacións pretendidas deberán ser aprobadas pola autoridade laboral.

Terán a consideración de modificacións substanciais de traballo as que afecten ás seguintes materias:

-Xornada de traballo.

-Horario.

-Réxime de traballo.

-Sistema de remuneración.

-Sistema de traballo a rendemento.

Artigo 6º.-Peche do periódico.

Tendo en conta que constitúe obxectivo esencial en toda empresa xornalística o facer chegar aos seus lectores os seus produtos co máximo de información e a unha hora idónea, faise necesario fixar esta meta como punto primordial de referencia para a organización dos seus ciclos de produción.

Consecuentemente, convense que o horario de peche do periódico e comezo da tirada da primeira edición, será o fixado pola empresa en cada caso, oído o comité de empresa segundo as necesidades en atención aos obxectivos expostos. O comezo das restantes edicións levarase a cabo sen outras interrupcións, respecto do fin de tiraxe da precedente, que as normais orixinadas polo cambio de pranchas da rotativa.

Os xefes e mandos intermedios dos distintos departamentos e seccións coordinarán os traballos dos diferentes grupos ao seu cargo e establecerán entre

si os contactos que coiden necesarios para tal fin, sendo responsables dos atrasos indebidos que se orixinen por defecto ou falta da mencionada coordinación, ou por non exercicio das súas competencias ou cometidos específicos.

Artigo 7º.-Concorrencia.

Os métodos de produción e as informacións de todo tipo que afecten o proceso industrial, informativo ou administrativo da empresa, son datos exclusivos desta, que non deben ser citados ou divulgados a terceiros. Por conseguinte, sen prexuízo do obrigado cumprimento do que antecede, os empregados non poderán colaborar con outros medios, axencias ou empresas cuxas actividades sexan concorrentes ou competitivas coas propias de Editorial Compostela, S.A., de non mediar autorización escrita desta. Non obstante, respectaranse nas súas mesmas condicións os acordos verbais existentes con anterioridade á sinatura deste convenio.

Capítulo II

Melloras de carácter salarial

Sección primeira

Do salario base

Artigo 8º.-Retribucións.

Os salarios base do persoal afectado por este convenio son os que se refliten na táboa do anexo I.

Páctase expresamente un incremento salarial do 3,75% para o ano 2006. O incremento para o ano 2007 establecerase en función do disposto no artigo 32º deste convenio.

O incremento resultante repartirase de forma lineal entre todos os traballadores, quedando establecido para o ano 2006 na cantidade de 35 euros por traballador a xornada completa e mes, importe que se incrementará no punto de salario base.

Sección segunda

Dos complementos persoais

Artigo 9º.-Complemento de antigüidade.

Por este concepto percibiranse aumentos nos haberes por ano de servizo na empresa, excluído o período de aspirantado, aprendizaxe e botóns, consistentes en dous trienios do 5% e quinquenios sucesivos do 5%, calculado sobre o salario base correspondente a cada categoría. Estes incrementos comezarán a devengarse a partir do día primeiro do mes seguinte a aquel en que se produza este feito.

Artigo 10º.-Xubilacións anticipadas.

Os traballadores que, de mutuo acordo coa empresa se xubilen antes da idade regulamentaria (65 anos), negociarán coa mesma calquera tipo de compensación económica que individualmente resulte do pacto entre ambas as partes. Este pacto deberá ser plasmado por escrito.

Artigo 11º.-Compensación por enfermidade.

O traballador que se encontre en situación de baixa por ILT será compensado pola empresa mentres permaneza de baixa, a partir do primeiro día dela, cunha cantidade que, sumada á prestación da Seguridade Social polo dito concepto, alcance o 100% do seu salario mensual fixo e continuo.

Artigo 12º.-Títulos.

Páctase de forma expresa a desaparición do chamado complemento de titulación. Aqueles traballadores que o viñesen desfrutando ata a data percibirano reconvertido baixo a epígrafe de gratificación de complemento persoal.

Artigo 13º.-Complemento de libre disposición.

Os subdirectores, redactores-xefe, xefes de sección e redactores que presten servizos en réxime de libre disposición recibirán un complemento equivalente ao 35% do soldo base sinalado na táboa.

Sección terceira

Dos complementos de posto de traballo

Artigo 14º.-Complemento de nocturnidade.

Considérase traballo nocturno o que se realiza entre as 22.00 e as 6.00 horas. O traballo comprendido neste período retribuirase cun incremento do salario base correspondente á xornada completa equivalente ao 25% del, cando polo menos 4 horas se efectúen en tal período, sendo para os inferiores a esta duración, retribuído á pro rata do salario base diario.

Artigo 15º.-Complemento de rúa.

Os redactores que en cómputo mensual desenvolven ao menos a metade da súa xornada nas tarefas profesionais denominadas de rúa, percibirán por tal concepto un complemento de 43 euros mensuais, rateándose na proporción correspondente, para aqueles cuxa duración nas devanditas funcións sexa inferior. Este complemento non é computable para efectos de pagas e horas extraordinarias e non se percibirá en caso de enfermidade, accidente ou xubilación.

Artigo 16º.-Complemento de penosidade.

Todos os traballadores pertencentes ás seccións de preimpresión, rotativa, peche, distribución e repartición recibirán unha cantidade lineal de 33 euros mensuais por este concepto.

Artigo 17º.-Complementos.

Dentro deste punto, irán incluídos os distintos incentivos á produción de carácter mensual e variable que en cada momento se estableza. Este complemento non intervirá para efectos de cómputo de pagas extraordinarias.

Artigo 18º.-Horas extraordinarias.

Dadas as especiais características da produción da industria de prensa, poderán realizarse horas extraordinarias durante o período comprendido entre as 10.00 da noite e as 6.00 da mañá.

Sección cuarta

Dos complementos de vencemento periódico

superior a un mes

Artigo 19º.-Pagas extraordinarias.

Os traballadores afectados por este convenio recibirán 4 gratificacións extraordinarias ao ano, nas datas e contías seguintes:

-15 de marzo: retribuirase de acordo co establecido no artigo 65 da ordenanza laboral de traballo en prensa, salvo os conceptos expresamente excluídos deste complemento.

-15 de xullo: retribuirase a razón dun salario dunha mensualidade completa, salvo os conceptos expresamente excluídos deste complemento, segundo o disposto no último punto deste artigo.

-15 de outubro: o importe será o equivalente a unha paga extra normal, co límite máximo de 862 euros para o ano 2006. Para aqueles traballadores cuxa xornada de traballo sexa inferior á normal, aplicarase a parte proporcional do devandito límite.

-15 de decembro: retribuirase a razón dun salario dunha mensualidade completa, salvo os conceptos expresamente excluídos deste complemento.

Para efectos de confección das pagas de 15 de marzo, 15 de xullo e 15 de decembro soamente se computarán os seguintes conceptos: salario base, complemento convenio, antigüidade, nocturnidade, títulos e complemento de libre disposición.

O traballador que ingrese ou cese no transcurso do ano percibirá a parte proporcional que corresponde ao tempo da súa permanencia na empresa, en cómputo anual.

Capítulo III

Melloras sociais

Artigo 20º.-Premio de permanencia.

Todos os traballadores percibirán por este concepto unha paga equivalente ao salario dunha mensualidade, salvo os conceptos expresamente excluídos deste premio. Percibirase ao cumprir os 20, 30, 35 e 45 anos de permanencia ininterrompida na empresa. O importe deste premio calcularase conforme o disposto no punto penúltimo do artigo 19º.

Artigo 21º.-Premio de natalidade.

Establécese un premio de natalidade na contía de 225 euros por cada fillo, debendo acreditarse tal circunstancia documentalmente ante a empresa. No suposto de que o pai e a nai do nacido traballasen nesta empresa, ambos causarán dereito a este premio.

Artigo 22º.-Premio de nupcialidade.

Durante a vixencia deste convenio, os traballadores que contraian matrimonio percibirán, por este concepto, a cantidade de 325 euros, logo de xustificación documentada.

Artigo 23º.-Premio xubilación.

O traballador que estando ao servizo da empresa se xubile con dereito a prestación económica por tal concepto da Seguridade Social percibirá en concepto de premio e por unha soa vez a cantidade equivalente ao salario dunha mensualidade, salvo os conceptos expresamente excluídos deste premio, que se lle fará efectiva de acordo co establecido na lexislación vixente.

Artigo 24º.-Póliza de seguros.

A empresa contratará unha póliza de seguro colectivo de vida e accidente, para garantir un capital para caso de morte ou invalidez absoluta a cada un dos compoñentes do colectivo asegurado, sempre que pertenza ao cadro de persoal da empresa en activo, e os riscos sexan ou fosen en cada caso aceptados pola compañía de seguros. Esta póliza entrará en vigor aos cinco días da sinatura deste convenio.

Os capitais asegurados son os seguintes:

En caso de morte natural e invalidez absoluta por causa natural: 6.000 A.

En caso de morte por accidente e invalidez absoluta por accidente:12.000 A.

Para estes efectos enténdese por invalidez absoluta a situación física irreversible provocada por causas naturais e accidentes orixinados independentemente da vontade do asegurado, determinante da total ineptitude deste para o mantemento permanente de calquera relación laboral ou actividade profesional.

Capítulo IV

Outras percepcións

Artigo 25º.-Axudas de custo e quilometraxe.

Os traballadores que, dentro do territorio nacional e por necesidades da empresa, teñan que efectuar viaxes ou desprazamentos a localidades distintas a aquelas en que radique o seu centro de traballo, percibirán as seguintes cantidades:

Media axuda de custo: 26,67 euros/día.

Axuda de custo completa: 53,34 euros/día (se non se pernoita).

Se se pernoita fóra de casa, a empresa cubrirá os gastos de estancia nun hotel de 3 estrelas, logo de exhibición da correspondente factura.

No suposto de que o traballador, por razóns do seu cometido profesional teña que desprazarse fóra do territorio nacional, as axudas de custo satisfaranse a razón dos gastos que se lle orixinen, de acordo cos criterios establecidos pola empresa, debendo ser, en calquera caso, xustificados documentalmente:

Así mesmo, aboarase a quilometraxe a razón de 0,19 A/quilómetro.

Capítulo V

Xornada, vacacións e rendemento

Artigo 26º.-Xornada anual.

Establécese a xornada laboral anual para os anos de vixencia deste convenio en 1.632 horas de traballo efectivo.

Artigo 27º.-Vacacións.

Todo o persoal ao servizo da empresa desfrutará dun período de vacacións de 31 días naturais.

Dadas as especiais características da empresa, poderase traballar aquelas festividades que no correspondente calendario laboral figuren como aboables e non recuperables, compensándose o devandito traballo mediante 21 días de vacacións, ou parte proporcional se non traballasen todas as festividades.

Para efectos de posibles reclamacións por parte dos traballadores en canto á adxudicación dos respectivos períodos de vacacións, a empresa exporá no taboleiro de anuncios, ao menos cun mes de anticipación ao desfrute, as distintas quendas mensuais.

Se durante o desfrute de vacacións o traballador sofre algunha enfermidade ou accidente non laboral, estas quedarán interrompidas sempre que medie baixa da Seguridade Social, e se xustifique esta cun prazo, salvo forza maior, de 72 horas, podendo o traballador afectado continuar as vacacións ata completar o período que lle corresponda a partir da data de alta, ou ben, de común acordo co empresario, nas datas que fixen ambas as partes.

Por outro lado, os traballadores que desfruten as súas vacacións no período comprendido entre o 1 de outubro e o 31 de maio recibirán en compensación unha bolsa de vacacións de 120 euros dunha soa vez.

Artigo 28º.-Permisos e licenzas.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

-15 días naturais en caso de matrimonio.

-4 días naturais en casos de nacemento dun fillo, enfermidade grave ou falecemento de parentes ata segundo grado de consanguinidade ou afinidade. Este permiso é máximo, independentemente de que o traballador afectado teña que desprazarse.

-2 días por traslado de domicilio habitual.

-Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, haberá que atersa ao que esta dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

-Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do 20% das horas laborais nun período de tres meses, poderá a empresa pasar ao traballador afectado á situación de excedencia regulada no punto un do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

-No suposto de que o traballador, por cumprimento do deber ou desempeño do cargo, perciba unha

indemnización, descontarase o seu importe do salario a que tivese dereito na empresa.

-Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

Artigo 29º.-Cómputo de rendementos.

O rendemento normal de cada produtor do artigo anterior será o que normalmente e no mesmo tempo realiza outro traballador da mesma sección e igual categoría profesional, cando non haxa punto de comparación propio, pois, de ser coñecido o rendemento normal propio anterior, a el haberá que aterse.

Os rendementos normais das seccións que se indican non poderán ser inferiores aos que a continuación se expresan:

1. Persoal de fotocomposición: o persoal integrado na empresa con anterioridade ao 1 de xaneiro de 1984 dará unha produción debidamente corrixida non inferior a 12.000 pulsacións home/hora con orixinal bo. O persoal ingresado con posterioridade á citada data dará unha produción non inferior a 15.000 pulsacións, tamén computada individualmente, con orixinal bo.

2. Montadores: corenta minutos por páxina, de termo medio.

3. Persoal de fotomecánica: doce minutos por páxina.

4. Correctores: vinte liñas por minuto, con orixinal bo.

No non especificado expresamente neste artigo, seguriase o disposto nos manuais de estilo das respectivas seccións, as cales serán de obrigado cumprimento.

Capítulo VI

Outras cuestións

Artigo 30º.-Contratos temporais.

De todos os contratos temporais, sexa cal for a súa modalidade, a empresa facilitará información ao comité, indicando tanto a cantidade dos contratos como os motivos que a levarán a realizalos.

Se o pedise o traballador, a sinatura do contrato realizarase en presenza do comité de empresa. Do dito contrato facilitaráselle copia ao traballador e ao comité.

O salario dos traballadores con contrato temporal será o correspondente ao que figure no convenio para a súa categoría profesional.

Artigo 31º.-Contratos eventuais por circunstancias da produción.

A teor do disposto en ao artigo 15 b) do texto refundido do Estatuto dos traballadores e o Real decreto 2546/1994, do 29 de decembro (RCL 1995, 226) ambos vixentes, este contrato ten por obxecto

atender exixencias circunstanciais do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos, mesmo tratándose da actividade normal da empresa.

Formalización de contrato: formalizarase por escrito consignándose con suficiente precisión e claridade a causa e circunstancia que o motive, rexistrándose no Instituto Nacional de Emprego.

Duración e prórroga: a duración destes contratos non poderá ser inferior a sete días ni superior a doce meses, dentro dun período de dezaoito meses, contados a partir do momento en que se produzan as causas ou circunstancias que os motivaron.

En caso de que se concerte o contrato por un prazo inferior aos doce meses, poderá ser prorrogado mediante acordo das partes, sen que a duración total do contrato poida exceder do dito límite máximo. As prórrogas terán unha duración mínima de quince días. A duración mínima do contrato e das súas prórrogas axustaranse ao disposto anteriormente, salvo que exista pacto en contrario.

Artigo 32º.-Revisión salarial.

No existirá revisión salarial para o ano 2006, quedando pactado, de forma definitiva, no 3,75%. O incremento para o exercicio 2007 calcularase da seguinte forma:

Determinarase o valor medio dos tres IPC de referencia no ano 2006 (provincial da Coruña, autonómico de Galicia e estatal de España), redondeándose ao cuarto de punto superior.

Artigo 33º.-Liquidacións.

Todo traballador poderá solicitar a presenza do comité de empresa con obxecto de recibir o asesoramento que coide oportuno antes de proceder á sinatura do recibo liquidación.

Artigo 34º.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria será un órgano de interpretación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento do convenio colectivo. As súas funcións serán as seguintes:

1. Interpretación xeral do convenio.

2. Coñecemento, arbitraxe e resolución dos conflitos, problemas ou cuestións que lle sexan sometidas por ambas as partes en asuntos derivados deste convenio colectivo.

3. Vixilancia do cumprimento do pactado.

As resolucións ou acordos adoptados por unanimidade terán carácter vinculante.

Artigo 35º.-Promoción interna.

Os traballadores fixos da empresa terán preferencia en igualdade de condicións para cubrir as vacantes ou postos de nova creación. Da existencia de dichas vacantes darase coñecemento con 15 días de anticipación. Para tal efecto crearase un órgano cualificador que contará coa participación dos representantes do comité de empresa ou persoal en quen designe.

Artigo 36º.-Dereitos laborais básicos

Recoñécese expresamente o dereito dos traballadores de Editorial Compostela, S.A., á non discriminación laboral por razóns de sexo, estado civil, raza, condición social, ideas relixiosas ou políticas, afiliación ou non a un sindicato, así como por razón de lingua, discapacidades ou minusvalidez física, psíquica ou sensorial.

Artigo 37º.-Dereitos sindicais.

Os traballadores afiliados a un sindicato poderán, no ámbito da empresa:

-Constituír seccións sindicais de conformidade co establecido nos estatutos do sindicato.

-Celebrar reunións logo de autorización do empresario, recadar cotas e distribuír información sindical, sen que por iso se perturbe a actividade normal da empresa.

-Recibir información que lle remita o sindicato.

As seccións sindicais terán os seguintes dereitos:

-Disposición dun taboleiro de anuncios situado nun lugar visible de fácil acceso para os traballadores no centro de traballo.

-A 12 horas anuais retribuídas para realizar asembleas.

-As seccións sindicais estarán representadas, para todos os efectos, por un delegado sindical elixido por e entre os seus afiliados.

-A un local adecuado onde poidan realizar os seus labores sindicais.

Artigo 38º.-Comité de empresa.

O comité de empresa estará constituído polos delegados de taller, administración e redacción. Recoñécenselle, sen prexuízo dos contidos na lei, os seguintes dereitos:

1. Recibir información pola dirección da empresa e trimestralmente, sobre a evolución xeral do sector económico ao que pertence a empresa, evolución do negocio, situación da produción e evolución do emprego na empresa.

2. Coñecer e ter anualmente á súa disposición:

-O balance de contas de resultados.

-As memorias e cantos documentos se dean a coñecer aos socios.

3. Logo de xustificación de gastos, a empresa dotará o comité de empresa dun fondo de 800 A ao ano para levar a cabo as funcións que lle son propias.

Cada delegado do comité de empresa terá dereito ás horas mensuais que lle correspondan legalmente para o exercicio dos seus labores sindicais.

Artigo 39º.-Protección de datos de carácter persoal.

Toda persoa vinculada á empresa por relación laboral ou contractual de calquera índole, e que no

desenvolvemento das súas funcións interveña en calquera fase do tratamento dos datos de carácter persoal incluídos nos ficheiros pertencentes á empresa, queda obrigada, en cumprimento da normativa vixente en materia de protección de datos, a gardar secgredo profesional respecto deles, a non reproducilos por ningún medio nin utilizalos con fins persoais ou distintos dos que son obxecto do desempeño das súas funcións na empresa. Estas obrigas subsistirán mesmo despois de finalizar as súas relacións contractuais coa empresa.

Cláusula adicional

En todo o non establecido neste convenio seguirase disposto na normativa vixente en cada momento e, en especial, o Estatuto dos traballadores.

ANEXO I

Táboa de retribucións para o exercicio 2006

Categorías

Salario

base A

Compl.

convenio A

* Persoal técnico

Técnico titulado de grao superior1.177,00500,00

Técnico titulado de grao medio889,00500,00

Técnico non titulado748,00500,00

* Persoal de redacción

Subdirector1.177,00500,00

Redactor xefe1.033,00500,00

Xefe de sección889,00500,00

Xefe de área748,00500,00

Redactor631,00500,00

Documentalista571,00500,00

Auxiliar de redacción510,00500,00

* Persoal administrativo

Xefe de sección748,00500,00

Xefe de negociado631,00500,00

Oficial primeira510,00500,00

Oficial segunda492,00500,00

Auxiliar de administración459,00500,00

* Servizos auxiliares

Telefonista459,00500,00

Conserxe459,00500,00

* Persoal de talleres

Rexente652,00500,00

Subrexente631,00500,00

Xefe de sección561,00500,00

Corrector528,00500,00

Oficial primeira510,00500,00

Oficial segunda492,00500,00

Oficial terceira471,00500,00

Peón441,00500,00

Aprendiz424,00500,00

* Distribución e peche

Xefe de sección (distribución)631,00500,00

Distribuidor441,00500,00

Repartidora (media xornada)255,50250,00

Xefe de sección (peche)561,00500,00

Repartidor-atador459,00500,00

Empaquetador-manipulador459,00500,00

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA