DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 142 Luns, 24 de xullo de 2006 Páx. 11.842

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 13 de xullo de 2006 pola que se aproban as bases que rexerán as convocatorias de axudas para o fomento da innovación empresarial no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2006.

Esta orde ten por obxecto a aprobación das bases reguladoras para a concesión de axudas para o

fomento da Innovación Empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia, mediante o apoio e incentivación de iniciativas que teñan por finalidade a innovación, e proceder á súa convocatoria en réxime de concorrencia competitiva para o ano 2006.

Nesta orde enténdese por innovación todas as accións, iniciativas e instrumentos destinados a incrementar a competitividade das empresas galegas mediante a xeración e introdución de novos produtos no mercado, ou novos procesos en calquera punto da cadea de valor, de xeito que se consiga un incremento da capacidade competitiva e, polo tanto, un fortalecemento do tecido empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Concíbese o proceso da innovación como unha sucesión de accións levadas a cabo ata a consecución dun resultado tanxible na cadea de valor da empresa. No marco empresarial de referencia actual teñen unha especial relevancia o desenvolvemento sustentable, así como as estratexias de revalorización de residuos, a redución da contaminación producida e a optimización dos recursos enerxéticos empregados. Isto será posible grazas á introdución ou desenvolvemento de novas tecnoloxías que precisen da creación e consolidación de emprego estable cualificado.

Así, nesta convocatoria, comézase incentivando a creación de plataformas tecnolóxicas que busquen e favorezan as sinerxias entre os distintos actores da innovación nun determinado sector empresarial estratéxico para Galicia. Dado que a base dos bos resultados é unha planificación ordenada, financiaranse os estudos de viabilidade, co fin de que os proxectos que se desenvolvan nun futuro posúan unha maior probabilidade de éxito, por ter sido analizados polo miúdo previamente e terse desenvolvido segundo unhas boas prácticas de xestión. Así mesmo, subvencionarase a realización de proxectos de innovación que estean xa próximos á fase de produción, distinguindo dúas modalidades segundo a empresa solicitante sexa PEME ou non: INNOVAPEME e INNOVAMAIS. Nestes proxectos, e co fin de incentivar a absorción de novas tecnoloxías, terán cabida tamén aqueles investimentos que supoñan unha aposta estratéxica empresarial pola transferencia de tecnoloxía doutros sectores xa consolidados ou a

absorción de tecnoloxía presente noutros países. Por último, co obxectivo de motivar ao sector empresarial a asociarse e presentar os seus proxectos a convocatorias non autonómicas, apoiarase a preparación de propostas a estas e concenderanse incentivos aos proxectos financiados en convocatorias resoltas en anos anteriores, na medida en que os proxectos sexan plurianuais e non sobrepasen os límites legais máximos establecidos.

Deste xeito péchase a incentivación de todas as partes da cadea de valor da innovación, desde a

idea ata a transformación nun novo produto ou proceso comercializable.

A tecnoloxía e a innovación constitúen, neste contexto, variables que deben ser enfocadas de xeito estratéxico, que debe abranguer a planificación, o coñecemento do proceso innovador, os factores que inciden nel, así como a formulación da estratexia innovadora e a xestión das tecnoloxías que se van utilizar.

O director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación nomeará un xestor de Fomento da Innovación Empresarial, persoa de recoñecido prestixio no ámbito de aplicación da innovación empresarial, así como avaliadores externos con experiencia demostrada no seu ámbito de coñecemento, que serán nomeados por proposta do xestor, en función da temática específica dos proxectos presentados a esta convocatoria.

O contido desta orde axústase ao establecido polo Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia e financiarase coa participación do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) e, en consecuencia, a súa tramitación quedará condicionada ao cumprimento do sinalado na normativa da Unión Europea.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Modalidades de axuda.

Convocar en réxime de publicidade, obxectividade e concorrencia competitiva as modalidades de axudas que a continuación se indican, tendo en conta o disposto con carácter xeral no artigo 6º desta orde sobre gastos subvencionables e subcontratación:

A. Axudas á creación de plataformas tecnolóxicas:

As plataformas tecnolóxicas son instrumentos específicos que teñen como obxectivo fundamental o planeamento da estratexia referente á investigación, desenvolvemento e innovación, a través das actuacións científico-tecnolóxicas relacionadas cun sector empresarial determinado.

O obxectivo desta liña de axuda é incentivar a posta en marcha no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia de plataformas tecnolóxicas, co fin de planificar a investigación e o desenvolvemento estratéxico a medio e longo prazo en sectores nos que as sinerxias xurdidas entre empresas, centros de investigación, universidades e centros tecnolóxicos poidan incrementar a capacidade innovadora e situar a Galicia como un polo tecnolóxico estratéxico a nivel estatal e europeo.

Preténdese que na etapa inicial de creación o líder da plataforma sexa o centro tecnolóxico de referencia do sector, ou o cluster empresarial correspondente

se o houber. Será necesario que a plataforma tecnolóxica conte con axentes representativos dos diferentes contornos (produtivo, científico e tecnolóxico), así como un plan de actuación que recolla a elaboración dun documento de visión a medio-longo prazo e unha axenda estratéxica de investigación.

B. Axudas á realización de estudos de viabilidade:

Poderán acollerse a esta liña de axuda os estudos de viabilidade técnica previos a actividades de investigación industrial, desenvolvemento tecnolóxico e innovación empresarial, así como aqueles estudos que teñan por obxecto o diagnóstico tecnolóxico das capacidades da empresa e que sirvan de referencia para un determinado plan estratéxico de innovación. Estes estudos críticos estarán destinados á adquisición de coñecementos que poidan resultar de utilidade e garantir a creación ou mellora de produtos, procesos ou servizos, a través da realización posterior dun proxecto de investigación, desenvolvemento tecnolóxico ou innovación no ámbito dos programas do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica. Non se admitirán proxectos que teñan como finalidade a implantación dunha determinada norma ou certificación.

C. Axudas ao desenvolvemento de proxectos de innovación empresarial:

As axudas ao desenvolvemento de proxectos de innovación empresarial están dirixidas a actividades que, a través da utilización da tecnoloxía como medio para introducir un cambio na empresa, encaixen nalgunha das actividades seguintes:

i) A obtención directa ou lanzamento e posta no mercado de novos produtos ou procesos, ou melloras substancialmente significativas dos xa existentes,

ii) A incorporación de procedementos eficientes de xestión empresarial e innovacións de alcance no sistema loxístico,

iii) A transferencia de tecnoloxía doutros sectores xa consolidados ou a absorción de tecnoloxía desenvolvida e experimentada xa noutros países, sempre que supoñan unha aposta estratéxica empresarial.

En calquera caso, aínda que o máis importante dos proxectos é o seu carácter innovador, estes poderían estar acompañados dalgún compoñente de investigación industrial ou desenvolvemento precompetitivo.

Os proxectos presentados deberán consistir en actividades innovadoras en sectores estratéxicos no país (téxtil e moda, naval, automoción, madeira e moble, construción e rochas ornamentais como a lousa e o granito, turismo, audiovisual e comunicación, agroalimentario, loxística e distribución, ambiente, enerxético, ...), ou estar desenvolvidos nos sectores das tecnoloxías emerxentes (aeronáutica, industria farmacéutica, tecnoloxías de computación, novos sistemas de telecomunicacións, instrumentación cien

tífica, ...), ou pertencer a algunha das tecnoloxías críticas transversais (TICs, nanotecnoloxía, biotecnoloxía e enerxías renovables).

Como consecuencia das actuacións desenvolvidas espérase un incremento da produtividade, da área de negocio, unha diversificación sectorial, o acceso a novos mercados e, en xeral, a mellora da competitividade empresarial. Terán especial consideración aqueles proxectos que, como resultado da súa execución obteñan unha redución significativa da contaminación, do consumo enerxético ou o incremento do capital humano das empresas.

Dentro desta liña de axudas inclúense dúas submodalidades:

C.1. INNOVAPEME: proxectos desenvolvidos por Pemes, cun custo mínimo de 90.000 A, e unha intensidade máxima de axuda do 50%.

C.2. INNOVAMAIS: proxectos desenvolvidos por grandes empresas, cun custo mínimo de 300.000 A, e unha intensidade máxima de axuda do 40%

D. Axudas á preparación e participación en proxectos estatais e internacionais:

O obxectivo desta liña de axudas é incrementar a participación das empresas galegas en proxectos estatais e internacionais (Programa Marco, programas de innovación da UE, Eureka, Iberoeka, CDTI, PROFIT, etc.).

Preténdese promover accións que faciliten a presenza das empresas da Comunidade Autónoma de Galicia en actividades financiadas por outros organismos para asegurar os adecuados retornos científicos, tecnolóxicos e industriais (artigo 8.2º c) da Lei de fomento e coordinación xeral da investigación científica e técnica).

Contemplaranse dúas submodalidades de axuda:

D.1. Axudas á preparación de novos proxectos: esta axuda estará condicionada á presentación oficial do proxecto ante a Administración correspondente.

D.2. Incentivos a proxectos concedidos con anterioridade noutros programas de axudas doutras administracións, na medida que sexan compatibles e cumpran co disposto no artigo 5º desta orde. Os ditos proxectos deberán ter sido subvencionados con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2004, e non poderán estar rematados no momento de presentación da solicitude.

Segundo.-Requisitos dos beneficiarios.

Os posibles beneficiarios das axudas citadas deberán reunir os requisitos que a continuación se indican para cada caso:

Modalidade A): centros tecnolóxicos públicos ou privados da Comunidade Autónoma galega e clusters empresariais. Para estes efectos serán considerados como beneficiarios os centros tecnolóxicos sinalados no punto C do artigo 2º da orde de convocatoria

de axudas de 2006 correspondentes ás accións dos programas sectoriais de recursos naturais, tecnoloxías para a innovación e servizos ao cidadán do Plan Galego de Investigación, Desenvolvemento e Innovación Tecnolóxica. (DOG nº 101, do 29 de maio).

Modalidades B) e D): poderán ser beneficiarias as empresas de carácter privado con personalidade xurídica que estean validamente constituídas no momento de presentación das solicitudes e que teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma galega.

Non terán a condición de beneficiario as asociacións de empresas ou calquera outra entidade sen ánimo de lucro.

Modalidade C): poderán ser beneficiarias as empresas de carácter privado con personalidade xurídica que estean validamente constituídas no momento de presentación das solicitudes e que teñan o seu domicilio social ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma galega, así como as agrupacións de empresas privadas que individualmente reúnan os anteriores requisitos.

Non terán a condición de beneficiario as asociacións de empresas ou calquera outra entidade sen ánimo de lucro.

As agrupacións de empresas que carezan de personalidade xurídica e que desexen participar na modalidade C) (axudas ao desenvolvemento de proxectos de innovación empresarial), deberán facelo presentando un proxecto coordinado entre as empresas pertencentes á agrupación de empresas. Para cada un dos subproxectos que deberá presentar cada unha das empresas rexerán as condicións e requisitos dun proxecto individual. Unha das empresas participantes desenvolverá o papel de líder do proxecto, sendo a responsable de presentar a documentación completa ante a Administración na modalidade que corresponda. Non poderá disolverse a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 23 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Terceiro.-Contía das axudas e conceptos subvencionables.

Estas axudas poderán acadar distintas contías de subvención en función da modalidade seleccionada:

A. Axudas á creación de plataformas tecnolóxicas.

Estas axudas poderán acadar o 100% do custo subvencionable, establecéndose unha contía máxima de subvención de 90.000 euros para a creación de cada plataforma tecnolóxica.

En xeral, as axudas solicitadas para este tipo de proxectos deberán referirse a algún dos conceptos seguintes:

1. Gastos de persoal destinado ao proxecto sempre que se xustifique adecuadamente a súa necesidade

e o seu vínculo coa execución do proxecto de creación.

2. Gastos de consultoría externa ou servizos externos.

3. Outros gastos suplementarios directamente derivados do proxecto de creación ou actuación e que, á vista da solicitude presentada, se consideren fundamentais para o seu desenvolvemento (viaxes, xornadas, publicacións, material funxible, etc).

B. Axudas á realización de estudos de viabilidade.

Estas axudas poderán acadar o 50% do custo subvencionable, establecéndose uns límites de custo subvencionable mínimo e máximo de 9.000 e 30.000 euros respectivamente, fóra dos cales non serán atendidas solicitudes. En xeral, as axudas solicitadas para proxectos de realización de estudos de viabilidade deberán referirse a algún dos conceptos seguintes:

1. Gastos de persoal destinado ao proxecto sempre que se xustifique adecuadamente a súa necesidade e o seu vínculo coa execución do proxecto.

2. Gastos de consultoría externa ou servizos externos.

3. Outros gastos suplementarios directamente derivados do proxecto ou actuación e que, á vista da solicitude presentada, se consideren fundamentais para o seu desenvolvemento (viaxes, xornadas, publicacións, material funxible, etc).

C. Axudas ao desenvolvemento de proxectos de innovación empresarial.

C.1. INNOVAPEME: estas axudas poderán acadar o 50% do custo subvencionable establecéndose unha contía de custo subvencionable mínimo de 90.000 euros para cada un dos proxectos, por debaixo da cal non serán atendidas solicitudes.

C.2. INNOVAMAIS: estas axudas poderán acadar o 40% do custo subvencionable establecéndose unha contía de custo subvencionable mínimo de 300.000 euros para cada un dos proxectos, por debaixo da cal non serán atendidas solicitudes.

As axudas solicitadas para proxectos de innovación empresarial deberán referirse a algún dos conceptos seguintes, tendo en conta o disposto con carácter xeral nesta orde sobre gastos subvencionables e subcontratación:

1. Persoal adicional técnico-científico que contrate a empresa para a realización do proxecto e que no momento da contratación non teña vinculación laboral coa empresa nin a tivese nos dous últimos anos. Na solicitude deberá figurar o perfil requirido para a persoa que se contrate, que deberá ser titulado medio ou superior.

2. Gastos de persoal propio da empresa, sempre que se xustifique adecuadamente a súa necesidade para o proxecto e o seu vínculo coa execución deste.

3. Material inventariable: adquisición de activos fixos novos, tales como maquinaria e bens de equipo, licenzas ou patentes para a súa explotación, relacionados directamente coa actividade da empresa, incluíndo os correspondentes á potenciación de laboratorio, oficina técnica, enxeñaría e loxística, sempre que sexan de primeiro uso. Non terán a consideración de proxectos de innovación aqueles que consistan unicamente na adquisición de inventariable. No caso de leasing, financiarase o arrendamento sempre e cando se cumpran os tres requisitos seguintes:

i) Deberá existir un compromiso oficial por escrito de adquisición do investimento ao final do contrato de leasing.

ii) O obxecto do contrato debe ser a compra de material.

iii) As cotas de arrendamento deberán finalizar antes ou ao mesmo tempo que o proxecto obxecto da axuda.

4. Material funxible que non resulte da actividade produtiva propia da empresa solicitante.

5. Servizos tecnolóxicos externos ou gastos de consultoría externa, realizados por outras empresas, centros tecnolóxicos ou organismos públicos de investigación.

6. Gastos de viaxes realizadas polo persoal técnico-científico do proxecto, debidamente xustificados.

7. Outros gastos necesarios para o seu desenvolvemento que estean suficientemente razoados na memoria (formación específica impartida por axentes externos, adquisición de licenzas de explotación, etc.).

Non serán considerados como subvencionables, de ser o caso e con carácter xeral, os seguintes investimentos e gastos, segundo conceptos:

a) Adquisición de terreo.

b) Urbanización e obra civil.

c) Adquisición de edificio, nave ou local.

d) Aluguer de edificio, nave ou local.

e) Gastos financeiros.

f) Investimentos en equipos usados.

g) Transporte exterior e interior.

h) Mobiliario en xeral.

i) Redacción do proxecto de obra civil e dirección facultativa.

j) Gastos destinados á implantación e certificación de sistemas de xestión da calidade, xa que dispoñen

dunha liña específica de axudas nesta consellería para o fomento da certificación en Galicia, a través dun convenio aberto de colaboración coas empresas avaliadoras da conformidade.

k) Aqueles que, a xuízo da comisión de valoración, resulten de carácter xeralista e escasamente innovadores e que acheguen, unicamente, calidades ou capacidades básicas para o correcto funcionamento das liñas de produción, ou dos distintos equipos.

En ningún caso entenderanse como susceptibles de apoio os investimentos en activos procedentes de sociedades do mesmo grupo, nin os custos derivados do uso de consumibles producidos pola propia empresa, ou empresas do mesmo grupo empresarial.

D. Axudas á preparación e participación en proxectos estatais e internacionais.

D.1. Axudas á preparación de novos proxectos.

Estas axudas poderán acadar o 50% do custo subvencionable establecéndose unha contía de custo subvencionable máximo de:

i) 18.000 euros para a participación en proxectos internacionais (Programa Marco, programas de innovación da UE, Eureka, Iberoeka,...) e no programa nacional Cenit.

ii) 6.000 euros para os demais proxectos estatais do CDTI, PROFIT, etc.

As axudas solicitadas para a preparación de proxectos deberán referirse a algún dos conceptos seguintes:

1. Gastos de persoal destinado á preparación do proxecto sempre que se xustifique adecuadamente a súa necesidade e o seu vínculo coa execución do proxecto.

2. Gastos de consultoría externa ou servizos externos para labores de busca de socios, elaboración e presentación de propostas, redación de memorias técnicas, etc.

3. Outros gastos suplementarios directamente derivados do proxecto ou actuación e que, á vista da solicitude presentada, se consideren fundamentais para o seu desenvolvemento (viaxes, material funxible, etc.).

D.2. Incentivos a proxectos concedidos con anterioridade noutros programas de axudas doutras administracións:

Nestes casos cofinanciaranse os mesmos conceptos que os especificados na convocatoria á que foi presentado o proxecto. No caso de que estes non sexan especificados asumiranse como gastos subvencionables aqueles conceptos que aparecen especificados na convocatoria sectorial do PXIDIT para a modalidade de proxectos de investigación industrial desenvolvidos por empresas privadas.

A porcentaxe de cofinanciación establecerase tendo en conta as seguintes disposicións:

i) As establecidas na convocatoria na que foi financiado o proxecto con respecto a incompatibilidades e concorrencias de axudas.

ii) A subvención total non poderá exceder, en termos de subvención neta equivalente, a porcentaxe do 40% sobre o custo subvencionable no caso de grandes empresas, e o 50% no caso de Pemes.

iii) En calquera caso, a subvención nunca poderá ser superior a 300.000 euros repartidos como máximo en tres anualidades.

En ningún caso se cofinanciarán proxectos aprobados en convocatorias da Comunidade Autónoma de Galicia, calquera que fose a súa natureza.

Cuarto.-Actuacións e ámbito temporal.

As actuacións subvencionables nesta orde enmárcanse no Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia.

Estas actuacións están ademais enmarcadas no artigo 11 do devandito decreto, polo que serán subvencionables nesta orde as actuacións e investimentos realizados a partir do 1 de xaneiro de 2006.

As modalidades A), B) e D1) terán unha única anualidade; na modalidade C) considerarase a realización de proxectos que se inicien no ano da convocatoria e que teñan unha duración máxima de dúas anualidades, excepcionalmente tres; para a modalidade D2) consideraranse como máximo tres anualidades contadas desde a anualidade de 2006, independentemente de cando comezase o proxecto. Enténdese por anualidade o período comprendido entre a data de admisión de custos e a data de xustificación destes, establecida no artigo 11º desta orde (31 de outubro da anualidade correspondente).

Para as actuacións plurianuais entenderase que os investimentos realizados desde a data límite de xustificación da anualidade corrente ata o final de ano corresponderán á anualidade seguinte e, polo tanto, poderanse presentar para o cobramento da devandita anualidade.

Quinto.-Incompatibilidades. Concorrencia de axudas públicas.

As axudas previstas nesta orde serán incompatibles con calquera outra das que poida conceder esta consellería para o mesmo proxecto.

Polo demais, e coas excepcións establecidas para a modalidade D2) (Incentivos a proxectos concedidos con anterioridade noutros programas de axudas doutras administracións), estas axudas serán compatibles con calquera outra destinada ao mesmo proxecto, calquera que sexa a súa natureza e a entidade que a conceda, sempre que conxuntamente non

superen o custo total do proxecto. Non obstante, no caso das empresas, o conxunto das axudas acadadas non poderá exceder, en termos de subvención neta equivalente, a porcentaxe do 40% sobre o custo subvencionable. No caso de axudas a empresas PEME, engadirase un 10% adicional ao dito límite.

Enténdese por subvención neta equivalente o beneficio último que a axuda debería proporcionar á empresa unha vez deducido o imposto sobre sociedades aboado en concepto da dita axuda.

Estes límites máximos aplicaranse tanto se a axuda provén integramente de fontes nacionais como se foi cofinanciada con fondos comunitarios (punto 19 do Regulamento (CE) nº 70/2001 da Comisión do 12 de xaneiro de 2001 relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do tratado CE ás axudas estatais ás pequenas e medianas empresas (DO L 10.13.1.2001).Os beneficiarios das axudas terán a obriga de manter o investimento subvencionado ou o emprego ligado a este durante un período mínimo de cinco anos. Esta norma non impedirá a substitución de instalacións ou equipos que tivesen quedado obsoletos neste prazo de cinco anos debido á evolución tecnolóxica, sempre e cando a actividade económica se manteña en Galicia durante o dito prazo.

Para todos aqueles parágrafos desta orde nos que se fai referencia á pequena e mediana empresa, entenderemos como tal a que cumpre cos seguintes requisitos: que ocupa menos de 250 persoas e o seu volume de negocio anual non excede de 50 millóns de euros ou o seu balance anual non excede de 43 millóns de euros. Para o cálculo dos efectivos e os importes financeiros mencionados haberá que aterse ao disposto na Recomendación da Comisión do 6 de maio de 2003 sobre a definición de microempresas, pequenas e medianas empresas (DOUE L 124, do 20 de maio).

Sexto.-Subcontratación das actividades subvencionadas aos beneficiarios.

Será de aplicación o disposto no artigo 29 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. Para os efectos desta orde non se entende por subcontratación a adquisición por parte do beneficiario de maquinaria e bens de equipo nin a contratación de servizos externos para realizar as actividades subvencionables nas distintas modalidades de axuda desta convocatoria.

Sétimo.-Formalización e presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Os formularios de solicitude das axudas seguirán os formatos normalizados dos que, a título exclusivamente informativo, figuran como anexos as respectivas carátulas e que se deberán obter e cubrir

necesariamente a través da aplicación informática establecida no enderezo de internet http://www.xunta.es/conselle/in/index.htm da Xunta de Galicia. Para a correcta formalización dos formularios de solicitude, nos citados enderezos da internet disporase de instrucións de axuda a seguir polos solicitantes. Poderanse cubrir e obter os formularios ata as 24 horas do día anterior á data de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Rexeitarase calquera solicitude que non se formalice segundo o indicado no parágrafo anterior.

No caso de dúbida, dificultades técnicas ou necesidade de máis información, poderán dirixirse á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, a través do teléfono 981 54 39 87, do número de fax 981 54 10 93, ou do enderezo electrónico dxidi.informatica*xunta.es, que adoptará as medidas necesarias para facilitar a presentación de solicitudes.

As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

Co obxecto de garantir a igualdade nun procedemento en concorrencia competitiva non serán admitidas a trámite as solicitudes que non inclúan a memoria exixida sen que sexa admitida nestes supostos a emenda de documentación a que alude o artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999. A dita memoria non será obxecto de emenda ou posterior mellora da documentación que conteña.

Segundo o artigo 43 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, a presentación da solicitude de concesión de axudas ou subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deba emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

En función da modalidade de axuda, a solicitude constará dos seguintes documentos:

A. Axudas á creación de plataformas tecnolóxicas.

A.1. Os centros tecnolóxicos de carácter privado e os clusters empresariais terán que presentar a documentación que a continuación se sinala:

a) Formularios normalizados de solicitude, por triplicado, obtidos a través da aplicación informática sinalada anteriormente, impresos sen engadir novos datos e sen realizar emendas ou riscaduras no seu formato orixinal. Estes formularios deberán presentarse co visto e prace do representante legal do centro ou cluster correspondente.

b) Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as admi

nistracións públicas, utilizando para estes efectos o documento que se inclúe no modelo de solicitude.

c) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención de subvencións recollidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Memoria libre que describa as accións que se van realizar para a constitución da plataforma, incluíndo un cronograma que conteña que se van relación detallada das actividades complementarias.

e) Cartas ou documentos de adhesión á plataforma dos distintos axentes que formarán parte dela.

f) Unha copia compulsada do CIF da entidade solicitante.

g) Unha copia compulsada do xustificante de alta na Seguridade Social.

h) Unha copia compulsada do poder bastante co que actúa o representante legal da entidade solicitante.

i) Unha copia compulsada do documento nacional de identidade do representante legal da entidade.

j) Unha copia compulsada da escritura de constitución da entidade e modificacións, se é o caso, da persoa xurídica á que representa, debidamente inscrita no rexistro mercantil ou industrial.

A.2. Os centros tecnolóxicos de carácter público presentarán unicamente os documentos sinalados no punto anterior coas letras a), b), c), d) e e).

B. Axudas para a realización de estudos de viabilidade.

a) Formularios normalizados de solicitude, por triplicado, obtidos a través da aplicación informática sinalada no punto anterior, impresos sen engadir novos datos e sen realizar emendas ou riscaduras no seu formato orixinal. Estes formularios deberán ser asinados polo representante legal da entidade.

b) Declaración do conxunto das axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo fin de todas as administracións públicas, utilizando para estes efectos o documento que se inclúe no modelo de solicitude.

c) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das prohibicións para a obtención de subvencións recollidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

d) Memoria libre que describa as accións que se van realizar que conteña un resumo do estudo a levar a cabo, planteamento do problema, estado da arte, actuacións futuras e, se é o caso, motivos que leven ao uso de servizos externos.

e) Unha copia compulsada do CIF da entidade solicitante, ou NIF no caso de empresario individual.

f) Unha copia compulsada do xustificante de alta na Seguridade Social.

g) Unha copia compulsada do poder bastante co que actúa o representante legal da entidade solicitante.

h) Unha copia compulsada do documento nacional de identidade do representante legal da entidade.

i) Unha copia compulsada da escritura de constitución da entidade e modificacións, se é o caso, da persoa xurídica á que representa, debidamente inscrita no rexistro mercantil ou industrial.

j) Curriculum vitae de todos os membros do equipo de desenvolvemento en formato normalizado da Dirección Xeral de I+D+I , que se poderá obter na páxina web http://www.dxid.org.

C. Axudas ao desenvolvemento de proxectos de innovación empresarial.

As solicitudes presentadas dentro desta modalidade incluirán a mesma documentación especificada na epígrafe B anterior.

D. Axudas á preparación e participación en proxectos estatais e internacionais.

D.1. Axudas á preparación de novos proxectos.

-A especificada para estudos de viabilidade na epígrafe B, agás o especificado nos puntos d) e j) (memoria libre e curriculum vitae).

-Declaración responsable do representante legal da entidade solicitante, comprometéndose á presentación do proxecto ante a Administración correspondente.

D.2. Incentivos a proxectos concedidos con anterioridade noutros programas de axudas doutras administracións:

-A especificada na epígrafe anterior (D1).

-Copia da solicitude presentada ao organismo que financiou o proxecto.

-Copia da resolución de concesión.

-Memoria libre indicando o estado de execución do proxecto.

Oitavo.-Tramitación.

A instrución do procedemento de concesión destas axudas correspóndelle á Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación.

Se a documentación achegada estivese incompleta, por parte da Dirección Xeral de I+D+I requirirase ao solicitante para que, no prazo de dez días, complete a documentación ou emende as deficiencias, con advertencia de que, de non facelo, consideraráselle desistido da súa solicitude, procedéndose conforme o disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999.

Non axustarse aos termos da convocatoria, o incumprimento dos requisitos nela establecidos, a ocultación ou falsificación de datos, a súa alteración ou calquera manipulación da información solicitada será causa de desestimación da solicitude presentada con independencia de que poidan acordarse outro tipo de actuacións.

Noveno.-Avaliación e selección.

A selección das solicitudes e a determinación da contía da axuda será realizada por unha comisión de selección constituída polos seguintes membros:

-O subdirector xeral de Innovación Empresarial ou persoa en que delegue, que actuará como presidente.

-O subdirector xeral de Promoción Industrial.

-O subdirector xeral de Administración Industrial

-O xestor de Fomento da Innovación Empresarial

-Un funcionario da DXIDI, que actuará como secretario con voz e voto.

Para a selección dos beneficiarios das axudas desta convocatoria teranse en conta os seguintes criterios:

A. Axudas á creación de plataformas tecnolóxicas.

Na valoración realizada pola comisión de selección se terán en conta os seguintes aspectos (máximo 100 puntos):

-Valoración da proposta de actividades realizada na memoria (máximo 40 puntos).

-Participación de todos os actores do Sistema Galego de Innovación no sector específico da plataforma (máximo 30 puntos).

-Interese para Galicia do sector produtivo no que se enmarca a plataforma (máximo 15 puntos).

-Grao de implicación do sector privado na constitución da plataforma (máximo 10 puntos).

-Número de programas tecnolóxicos da convocatoria sectorial do PXIDIT que abrangue a plataforma (máximo 5 puntos).

B. Axudas á realización de estudos de viabilidade.

Na valoración realizada pola comisión de selección teranse en conta os seguintes aspectos (máximo 100 puntos):

-Interese innovador do proxecto para o sector produtivo correspondente (máximo 30 puntos).

-Aplicabilidade e posibilidade de transferencia dos resultados previstos (máximo 30 puntos).

-Capacidade da empresa para desenvolver proxectos de I+D+I (máximo 20 puntos).

-Orixinalidade e adecuación da metodoloxía do estudo de viabilidade (máximo 20 puntos).

C. Axudas ao desenvolvemento de proxectos de innovación empresarial (INNOVAPEME e INNOVAMAIS).

O director xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación nomeará avaliadores que realizarán dúas avaliacións técnicas de cada solicitude, e unha terceira no caso de discrepancia significativa.

O xestor, tendo en conta os informes de avaliación, realizará un informe sobre a idoneidade das solicitudes presentadas.

Ao obxecto de elaborar a proposta de resolución das subvencións concedidas e denegadas as propostas someteranse a dúas fases de avaliación:

a) A valoración técnica realizada polos expertos externos terá un máximo de 50 puntos, sendo causa de exclusión a obtención dunha valoración inferior a 10, e nela teranse en conta os seguintes aspectos:

-Interese innovador do proxecto e potenciais beneficios: teranse en conta a aplicabilidade e posibilidade de transferencia dos resultados, o interese para o sector e os posibles beneficios (máximo 15 puntos).

-A valoración técnica da empresa para desenvolver o proxecto, así como a experiencia da empresa e o seu equipo de desenvolvemento na dirección de proxectos de innovación e a transferencia de resultados ao seu sector produtivo (máximo 15 puntos).

-Calidade do proxecto: teranse en conta a orixinalidade da proposta, o grao de coñecemento dos antecedentes, e claridade, precisión e factores críticos dos obxectivos (máximo 7 puntos).

-Metodoloxía: terase en conta a orixinalidade, así como a súa viabilidade e a adecuación (máximo 7 puntos).

-Plan de traballo: teranse en conta a compatibilidade e coherencia cos obxectivos, e os factores de risco (máximo 3 puntos).

-Adecuación do orzamento: terase en conta o grao de xustificación (máximo 3 puntos).

b) A valoración realizada pola comisión de selección na que se terán en conta os seguintes aspectos (máximo 50 puntos):

-Alcance e dimensión económica do proxecto presentado, así como o investimento en I+D+I nos catro últimos anos e a valoración dos resultados obtidos pola empresa en proxectos financiados anteriormente pola Xunta de Galicia (máximo 20 puntos).

-A coherencia dos obxectivos do proxecto coa política científica e tecnolóxica da Xunta de Galicia, en particular, as implicacións medioambientais, redución significativa da contaminación ou do consumo enerxético, así como o interese, importancia e oportunidade do proxecto para a resolución de problemas do sector (máximo 14 puntos).

-Existencia e valoración do plan de explotación de resultados (máximo 8 puntos).

-Creación de novos postos de traballo e presenza significativa de mulleres no equipo de desenvolvemento (máximo 8 puntos).

Así mesmo, a comisión poderá fixar o número máximo de proxectos que poden financiarse a unha mesma empresa ou grupo empresarial.

D. Axudas á preparación e participación en proxectos estatais e internacionais.

Na valoración realizada pola comisión de selección teranse en conta os seguintes aspectos (máximo 100 puntos):

D.1. Axudas á preparación de novos proxectos.

-Carácter internacional do proxecto (máximo 20 puntos).

-Capacidade investigadora do consorcio que presenta o proxecto (máximo 20 puntos).

-A coherencia dos obxectivos do proxecto coa política científica e tecnolóxica da Xunta de Galicia, en particular, as implicacións ambientais, redución significativa da contaminación ou do consumo enerxético, así como o interese, importancia e oportunidade do proxecto para a resolución de problemas do sector (máximo 20 puntos).

-Grao de adecuación do orzamento (máximo 20 puntos).

-Implicación de máis dun axente executor no futuro proxecto, en particular pertencentes ao sector público (máximo 20 puntos).

D2. Incentivos a proxectos concedidos con anterioridade noutros programas de axudas doutras administracións.

-Carácter internacional do proxecto (máximo 20 puntos).

-Capacidade investigadora do consorcio que presenta o proxecto (máximo 20 puntos).

-A coherencia dos obxectivos do proxecto coa política científica e tecnolóxica da Xunta de Galicia, en particular, as implicacions ambientais, redución significativa da contaminación ou do consumo enerxético, así como o interese, importancia e oportunidade do proxecto para a resolución de problemas do sector (máximo 20 puntos).

-Implicación de máis dun axente executor (proxectos coordinados), en particular, pertencentes ao sector público (máximo 20 puntos).

-Creación de novos postos de traballo cualificados, multidisciplinariedade do equipo de traballo, número significativo de doutores e presenza significativa de mulleres no equipo de desenvolvemento (máximo 20 puntos).

Décimo.-Resolución.

As comisións de selección elevarán para a súa resolución a súa proposta, a través da Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación, ao conselleiro de Innovación e Industria. Esta resolución publicarase no Diario Oficial de Galicia e notificaráselles aos interesados.

Para tal efecto a comisión, tendo en conta toda a información pertinente, elaborará unha proposta de concesión para cada modalidade na que se incluirá:

a) Relación priorizada dos proxectos que se propoñen para ser financiados, na que se incluirá unha proposta de orzamento, relación de proxectos avaliados positivamente en lista de espera e relación de proxectos que se consideran non financiables, de ser o caso.

b) No caso dos proxectos que se consideran non financiables, deberán indicarse as razóns de tal consideración.

O prazo máximo para resolver as solicitudes presentadas ao abeiro da correspondente convocatoria será de 6 meses, contados desde a apertura do prazo de presentación de solicitudes. De non mediar resolución expresa no devandito prazo as solicitudes deberán entenderse desestimadas.

Contra as resolucións expresas ou presuntas que poñen fin á vía administrativa, poderán os interesados interpoñer potestativamente recurso de reposición ante o conselleiro de Innovación e Industria, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao de recepción da correspondente notificación no caso de resolucións expresas. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

De non estimar a presentación deste recurso poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao de recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

Décimo primeiro.-Libramento da subvención.

Para poder percibir as axudas, será preciso presentar, na data límite do 31 de outubro do exercicio correspondente á anualidade de que se trate, os seguintes documentos:

a) Un resumo da execución da subvención no que conste o concepto subvencionable, o provedor, o importe (IVE excluído) e a data de cada un dos

xustificantes presentados agrupados por conceptos de gastos.

b) Xustificación do investimento: orixinal e copia das facturas en relación cos gastos subvencionados, emitidas dentro do período comprendido entre a data de inicio e a data límite de xustificación da anualidade correspondente.

c) Xustificación do pagamento: transferencia bancaria, certificación bancaria ou extracto de pagamento. En ningún caso se admitirán xustificantes de pagamento con data posterior ao 31 de decembro do exercicio correspondente. Nestes documentos deberán estar claramente identificados o receptor e o emisor do pagamento e a satisfacción do importe total da factura. Non se admitirán xustificantes de pagamentos en efectivo ao mesmo provedor superiores a 1.200 A, xustificándose neste caso cunha certificación do provedor debidamente asinada e selada, na que figuren o número e a data da factura, así como o importe aboado.

d) No caso dos custos de persoal, tanto técnico propio como adicional técnico-científico contratado, con destino específico ao proxecto, deberá achegarse:

-Certificación emitida polo responsable de persoal co visto e prace do xerente ou director da empresa ou agrupación de empresas, consistente nunha relación detallada por meses do persoal dedicado ao proxecto que deberá incluír os seguintes datos: DNI, nome, apelidos, posto na empresa, retribución bruta mensual, data de pagamento das retribucións, importe da Seguridade Social con cargo á empresa, data de pagamento da Seguridade Social e custo total imputado ao proxecto (Retribucións + Seguridade Social) segundo a dedicación de cada traballador a este.

Poderanse requirir xustificantes de pagamento relativos aos datos que figuran na devandita certificación.

-Un parte de traballo no que figure a dedicación de cada persoa ao proxecto, que deberá recoller as horas de dedicación mensual ao proxecto e as sinaturas dos traballadores co visto e prace do responsable de persoal.

-Copia compulsada do contrato de traballo no caso do persoal adicional técnico-científico con destino específico ao proxecto.

e) No caso de gastos de viaxes relacionados coa execución do proxecto achegarase unha certificación por cada viaxe realizada que deberá incluír os seguintes datos: lugar de destino, data de ida, data de volta e motivo da viaxe, apelidos, nome, DNI e cargo das persoas desprazadas, facturas, de ser o caso, concepto e importes imputados; asinado polo traballador e co visto e prace do responsable da entidade solicitante.

f) Certificación expedida pola entidade bancaria na que se sinale o número de conta do beneficiario onde se deba realizar o pagamento.

g) No caso de proxectos plurianuais con importe superior a 30.050,61 euros, xustificante de depósito de aval bancario ou de entidade aseguradora depositado na Caixa Xeral de Depósitos da Xunta de Galicia, que deberá cubrir o importe da correspondente anualidade xunto cos xuros deste calculados ao tipo de xuro legal do diñeiro, vixente no momento da concesión e polo prazo que medie entre a data da solicitude e como mínimo aquela en que se cumpran dous meses da do remate do prazo de xustificación previsto.

h) Unha memoria, en formato libre, na que se detallará o desenvolvemento do proxecto así como os resultados parciais obtidos.

Todos os datos incluídos na memoria, excepto cando explicitamente se indique que formarán parte dunha base de datos, serán confidenciais e non se poderá facer uso deles salvo autorización expresa dos seus propietarios.

No caso de axudas para a realización de estudos de viabilidade, presentarase unha copia do dito estudo en lugar da memoria.

i) Para efectuar o último pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou dos seus organismos, entes ou sociedades.

j) No caso de axudas á creación de plataformas tecnolóxicas (modalidade A), engadirase ademais:

1) Toda a documentación editada.

2) De ser o caso, a documentación de constitución.

k) No caso de axudas á preparación de novos proxectos (modalidade D1), engadirase ademais:

1) Certificación expresa de que a solicitude foi admitida a trámite na Administración correspondente.

No suposto de que a data límite para a presentación dos proxectos se situase no primeiro trimestre de 2007, a devandita certificación poderá ser substituída por unha declaración responsable do representante legal da empresa acreditativa de tal circunstancia, o que sería suficiente para alcanzar a fase de recoñecemento de obriga, cumplidos o resto dos requisitos exixidos no artigo 73.a.3) da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia. A proposta de pagamento poderase levar a cabo unha vez que se acredite que a solicitude foi admitida a trámite na Administración correspondente.

Poderán realizarse pagamentos parciais por conta da liquidación final nas condicións establecidas na normativa vixente.

Nos proxectos plurianuais enténdese que os investimentos que se efectúen dende a data límite de xustificación da anualidade corrente ata final de ano corresponden á anualidade seguinte e, polo tanto, poderán presentarse como xustificante para o cobramento desta anualidade.

No caso de proxectos coordinados, a achega ante a Administración desta documentación centralizarase a través do líder de cada proxecto. O incumprimento dun dos socios considerarase incumprimento do total do proxecto.

Décimo segundo.-Modificación da resolución de concesión de axudas.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión de axuda, que será ditada pola Consellería de Innovación e Industria, tal e como se especifica no artigo 12 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, nos seguintes supostos:

1. Cando o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, e sempre que esta minoración non supoña unha realización deficiente do proxecto.

2. Pola obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, estatais ou internacionais.

3. Cando se modifiquen as circunstancias que alteran a solicitude presentada inicialmente, o beneficiario deberá solicitar a devandita modificación, mediante instancia dirixida ao conselleiro de Innovación e Industria, na que se indiquen as devanditas circunstancias, con anterioridade á data de finalización do prazo de xustificación do investimento.

Décimo terceiro.-Reintegro da axuda.

Os beneficiarios das axudas concedidas ao abeiro desta orde deberán proceder ao reintegro total ou parcial da subvención ou axuda pública percibida e os xuros de demora devengados desde o momento do seu pagamento ata a data na que se acorde a procedencia do reintegro nos supostos recollidos no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime orzamentario de Galicia na súa vixente redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Décimo cuarto.-Renuncia das axudas.

No caso de que o beneficiario renunciase ás axudas unha vez percibidas, procederase conforme o establecido no artigo anterior.

Décimo quinto.-Seguimento dos proxectos.

A Dirección Xeral de Investigación, Desenvolvemento e Innovación poderá utilizar os procedementos que considere precisos para coñecer o desenvolvemento da acción financiada e o investimento subvencionadas. En calquera caso, solicitaranse memoria parcial ou final, que acrediten o proceso da innovación en curso e dean conta dos resultados obtidos ata ese momento e ademais, no caso de proxectos empresariais, realizaranse visitas á propia empresa coa mesma finalidade.

O xestor poderá coñecer a marcha das actuacións financiadas e propoñer a suspensión da axuda se da análise se derivara unha mala utilización dos fondos ou un desvío dos obxectivos previstos.

Décimo sexto.-Dotacións orzamentarias.

As axudas imputaranse ás aplicacións orzamentarias que se indican no seguinte cadro, expresadas todas en euros, nas que existe crédito axeitado e suficiente no orzamento da comunidade autónoma para o ano 2006.

Todas as aplicacións orzamentarias están cofinanciadas con Fondos Feder.

AplicaciónCrédito

orzamentaria200620072008

10.02.712B.780.0240.00000

10.02.712B.771.08.822.1918.000.0003.000.000

10.02.712B.771.11.177.80900

TOTAL10.240.0008.000.0003.000.000

Non entanto, todas as cantidades citadas poderán incrementarse en función das solicitudes presentadas e de acordo coas dispoñibilidades de créditos.

Décimo sétimo.

As bases que rexen a concesión das axudas e todos cantos actos administrativos se deriven da súa aplicación, poderán ser impugnados polos interesados nos casos e na forma establecidos na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de marzo.

Disposición derradeira

En todo o non recollido nesta orde aplicarase o disposto para esta materia nos artigos 78 e 79 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas a subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e demais normativa que resulte de aplicación.

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2006.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria