DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Venres, 21 de xullo de 2006 Páx. 11.793

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 17 de xullo de 2006 pola que se convoca o Curso superior de técnico de urbanismo.

Conforme os fins que lle asigna a este centro a normativa que o regula (Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da Escola Galega de Administración Pública, modificada pola Lei 10/1989, do 10 de xullo), a EGAP convoca o Curso superior de técnico de urbanismo.

1. Obxectivos.

Desde unha vertente xeral, e con particular incidencia desde a perspectiva da lexislación galega, co fin de adaptar as ensinanzas do contido do curso á singular realidade da nosa comunidade, preténdese profundar nos coñecementos tanto teóricos como prácticos de dúas pezas claves do urbanismo: o planeamento e a xestión urbanística, instrumentos esenciais para a súa materialización e, podería dicirse, para a súa propia existencia.

2. Contido.

O curso estrutúrase nos seguintes módulos:

-Módulo I: réxime urbanístico do solo.

1. a) Lexislación urbanística galega.

b) Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, coas modificacións derivadas da Lei 15/2004, do 29 de decembro.

c) Principios xerais.

2. Réxime urbanístico do solo.

a) Clasificación do solo segundo a Lei 6/1998 en relación coa LOUGA.

b) Solo urbano, categorías e réxime.

c) Solo urbanizable, réxime.

d) Solo de núcleo rural, réxime.

e) Solo rústico, categorías, réxime. Autorizacións.

-Módulo II: planeamento urbanístico.

1. Clases de instrumento de ordenación. Disposicións xerais.

2. Normas subsidiarias e complementarias de planeamento.

3. Plan xeral de ordenación municipal.

a) Determinacións.

b) Documentación.

4. Plan de sectorización.

5. Planeamento de desenvolvemento.

a) Plans parciais. Obxecto. Determinacións. Documentación.

b) Plans especiais:

-Protección.

-Reforma interior.

-Infraestruturas e dotacións.

-Protección, rehabilitación e mellora do medio rural.

c) Catálogos.

6. Elaboración e aprobación dos instrumentos de ordenación. Natureza xurídica dos plans. Publicidade.

7. Efectos da aprobación dos plans.

8. Modificación e revisión dos plans. Supostos indemnizatorios.

-Módulo III: normas de aplicación directa.

Módulo final.

a) Disposicións adicionais.

b) Disposicións transitorias.

c) Disposicións derrogatorias e finais.

3. Prazas: 48.

4. Destinatarios.

4.1. A metade das prazas (24) ten como destinatario o persoal das diferentes administracións públicas de Galicia: funcionarios de carreira ou persoal interino dos grupos A e B, que estean en posesión do título de licenciado, arquitecto ou enxeñeiro superior, ou o de diplomado, arquitecto ou enxeñeiro técnico, así como o persoal laboral dos grupos I e II, que se atope en posesión de calquera dos título anteriormente citados.

Para os efectos do establecido na Resolución do 26 de outubro de 1994, do Instituto Nacional de Administración Pública, pola que, en cumprimento do disposto na Orde do 10 de agosto de 1994, do Ministerio para as Administracións Públicas, se determinan os criterios de recoñecemento e valoración dos cursos de administración local, e no Decreto 136/1987, da Xunta de Galicia, do 5 de xuño, sobre a determinación dos méritos que lle corresponde fixar á comunidade autónoma nos con

cursos para a provisión de prazas reservadas a funcionarios de Administración local con habilitación de carácter nacional, este curso valorarase con 1,5 puntos no caso daqueles alumnos aprobados que estean comprendidos dentro do ámbito de aplicación da citada normativa.

4.2. Á outra metade das prazas poderán optar os profesionais que dispoñan do título de licenciado, arquitecto, enxeñeiro superior, diplomado, arquitecto ou enxeñeiro técnico.

No caso de que as prazas de calquera dos grupos non chegasen a cubrirse, pasarán ao outro grupo.

5. Dereitos de inscrición.

1. Mil douscentos euros (1.200 A) para todos aqueles solicitantes que pertenzan ás diferentes administracións públicas de Galicia e que cumpran as condicións prescritas no primeiro parágrafo do punto 3, destinatarios, e que, ademais, no desenvolvemento do seu traballo habitual realicen tarefas que estean vinculadas co urbanismo. Esta circunstancia acreditarase mediante unha certificación expedida polos xefes de persoal do organismo de dependencia, segundo o modelo que se xunta como anexo II á convocatoria deste curso.

O importe anterior deberase facer efectivo en dous prazos, no primeiro aboarase o 30% dos dereitos de inscrición (360 A), que se fará efectivo no momento de formalizar a matrícula.

O segundo prazo será polo 70% restante (840 A), e farase efectivo entre o 1 e o 31 de xaneiro de 2007.

2. Dous mil catrocentos euros (2.400 A) para os demais peticionarios.

O importe deberase facer efectivo en dous prazos. No primeiro aboarase o 30% dos dereitos de inscrición (720 A), que se fará efectivo no momento de formalizar a matrícula.

O segundo prazo será polo 70% restante (1.680 A), e farase efectivo entre o 1 e o 31 de xaneiro de 2007.

6. Forma de pagamento.

O aboamento do primeiro e do segundo prazo efectuarase mediante un ingreso na conta corrente da EGAP, na Caixa de Aforros de Galicia, oficina de organismo de Santiago de Compostela, número 2091-0388-95-3110000520.

O pagamento dos prazos farase utilizando o impreso que para estes efectos a EGAP lles proporcionará aos alumnos admitidos no curso.

En ningún caso a EGAP procederá á devolución dos pagamentos efectuados.

7. Incumprimento dos prazos de pagamento.

Os alumnos que non fagan efectivo o importe dos dereitos de inscrición, dentro dos prazos marcados para cada caso perderán a súa condición de asis

tentes a este curso e non terán dereito á devolución das contías ingresadas con anterioridade.

8. Prazo de inscrición, solicitudes e documentos.

Para a participación neste curso ábrese un prazo de inscrición que comezará o día seguinte ao de publicación deste escrito e finalizará o día 10 de setembro de 2006, para que as persoas que figuren como destinatarias a poidan formalizar, segundo o modelo que figura no anexo I desta convocatoria.

Para a formalización da inscrición será preciso presentar o pertinente boletín cos seguintes documentos, de maneira que serán rexeitadas as solicitudes que non se ateñan aos modelos establecidos:

a) Se o peticionario é funcionario ou persoal laboral da Administración pública:

-Fotocopia do DNI.

-Dúas fotos de cor, tamaño carné.

-Currículo.

-Certificado, conforme o modelo do anexo II desta convocatoria, que deberá ser expedido polo responsable de persoal do organismo de que dependa o solicitante.

b) Para os restantes peticionarios:

-Fotocopia do DNI.

-Dúas fotos de cor, tamaño carné.

-Orixinal ou copia debidamente cotexada de estar en posesión do título de licenciado, arquitecto, enxeñeiro superior ou de diplomado, arquitecto ou enxeñeiro técnico.

-Currículo.

9. Criterios de selección.

Os participantes serán seleccionados por unha comisión designada para estes efectos cuxa composición será publicada na páxina web da EGAP.

Os criterios selectivos para a admisión neste curso serán os seguintes:

a) Se os solicitantes son funcionarios, persoal interino ou persoal laboral das administracións públicas de Galicia:

Priorizarase que exista unha relación directa entre as tarefas que realiza o interesado no desempeño do seu posto de traballo e a materia obxecto deste tema, o que se acreditará mediante as certificacións e acreditacións curriculares correspondentes.

b) Se os solicitantes non son persoal ao servizo das administracións públicas:

Gozarán de preferencia aqueles solicitantes que documentalmente acrediten que a súa actividade profesional mantén relación co urbanismo e poidan demostrar, a través do seu currículo, unha constatada experiencia neste campo. Valoraranse os seguintes méritos vinculados coa materia expresada: doutoramento, cursos de urbanismo, formar parte de equi

pos redactores de planeamento xeral ou de planeamento de desenvolvemento ou documentos de xestión, asistencia técnica a concellos e ensino universitario.

Toda a documentación que remitan os solicitantes, que non sexa orixinal, terá que vir debidamente compulsada.

En calquera caso, esta convocatoria rexerase polos criterios de participación nas actividades docentes da Escola Galega de Administración Pública, publicados no DOG nº 149, do 3 de agosto de 1994.

Poderanse establecer cotas para garantir o carácter interdisciplinario e interadministrativo nos compoñentes do curso de acordo coas solicitudes recibidas.

10. Certificado de aproveitamento.

Para a superación deste curso e a obtención do aludido certificado de aproveitamento, os alumnos deberán presentar cadanseu traballo sobre unha materia, que deberá aprobar previamente o director desta actividade e que terá relación coa temática da actividade convocada. O devandito traballo será avaliado.

O prazo de entrega do traballo fixarase durante a realización do curso e seralles comunicado aos alumnos.

A aprobación do mencionado curso queda tamén supeditada a que os alumnos acudan con regularidade a este, a que a súa asistencia a esta actividade supoña unha porcentaxe superior ao 85% das horas programadas e a que o traballo teña unha calidade mínima. Os participantes que non alcancen este límite, sexa cal for a causa, quedarán eliminados coa perda de todos os dereitos.

11. Desenvolvemento.

O curso realizarase na Escola Galega de Administración Pública, rúa de Madrid, 2-4, polígono das Fontiñas, Santiago de Compostela, comezará o 29 de setembro de 2006 e acabará o 18 de maio de 2007, e están previstas, ademais, visitas a cinco concellos.

A súa duración será de 216 horas, 201 presenciais, que se distribuirán a razón de 8 horas por semana, ordinariamente os venres das 9.00 ás 14.30 e das 16.00 ás 19.00 horas e 15 horas de visitas a concellos.

12. Modificacións.

A EGAP reserva para si facultade de interpretar e resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento deste curso, así como de cancelalo se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

Santiago de Compostela, 17 de xullo de 2006.

Antonio Izquierdo Escribano

Director da Escola Galega de Administración

Pública

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA