DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Venres, 21 de xullo de 2006 Páx. 11.775

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 20 de xullo de 2006 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga convocada pola Federación de Servizos e Administracións Públicas de Comisións Obreiras de Galicia (FSAP-CC.OO.) no servizo de prevención e defensa contra incendios forestais da Xunta de Galicia para os días 25 de xullo, 15 de agosto e 15 de setembro de 2006.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece o dereito de folga dos traballadores para a defensa dos seus intereses, malia limitar o seu exercicio para garantir os servizos esenciais da comunidade, entre os que está a vixilancia e extinción de incendios.

O artigo 3 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, faculta o conselleiro competente por razón dos servizos esenciais afectados ante unha situación de folga para que, mediante orde, decida o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento deles, así como para determinar o persoal preciso para a súa prestación.

A FSAP-CC.OO. de Galicia convocou folga de carácter temporal que afecta todas as actividades do Servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais da Xunta de Galicia, desenvolvidas polo persoal laboral suxeito ao convenio único do persoal laboral da Xunta de Galiza, en todos os centros, dependencias e distritos forestais da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais, dependente da Consellería do Medio Rural, para os días 25 de xullo de 2006, 15 de agosto de 2006 e 15 de setembro de 2006.

Xa que logo, cómpre determinar os servizos mínimos que deben manter mentres dure a folga convocada nos citados centros de traballo para garantir a continuidade do servizo, tendo en conta que desde o 15 de xuño a 15 de outubro de 2006 está declarada como época de alto risco de incendios forestais, segundo resolución do director xeral de Montes e Industrias Forestais, con data do 12 de xuño de 2006, pola que se modifica a época de máximo perigo de incendio regulada na Resolución do 27 de xaneiro de 2005, sobre medidas para a prevención de incendios forestais, así como, as estatísticas dispoñibles en canto á proliferación de incendios forestais.

Na súa virtude, oído o Comité de Folga e no uso das competencias que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Os servizos mínimos que se deberán manter mentras dure a folga anunciada con carácter temporal no Servizo de Prevención e Defensa Contra Incendios Forestais para os días 25 de xullo de 2006, 15 de

agosto de 2006 e 15 de setembro de 2006, son os seguintes segundo as categorías especificadas:

1. Operador/codificador: 15 de setembro, o 50% dos efectivos correspondentes a esa categoría, asegurándose cando menos un operador/codificador por centro de traballo.

2. Vixilantes fixos: o 100% do persoal incluído nas quendas de traballo os días da folga.

3. Vixilantes móbiles: o 100% do persoal incluído nas quendas de traballo os días da folga.

4. Emisoristas: o 100% do persoal incluído nas quendas de traballo os días da folga.

5. Oficial 2ª mecánico: o 100% do persoal incluído nas quendas de traballo os días da folga.

6. Xefe de brigada: o 100% do persoal incluído nas quendas de traballo os días da folga.

7. Peóns condutores: o 100% do persoal incluído nas quendas de traballo os días da folga.

8. Peóns: 4 peóns por cada brigada incluída nas quendas de traballo os días de folga.

9. Condutores de motobomba: o 100% do persoal incluído nas quendas de traballo os días da folga.

Artigo 2º

O persoal que debe prestar os servizos mínimos establecidos de conformidade co diposto no artigo anterior será fixado polo director xeral de Montes e Industrias Forestais nos servizos centrais e polos delegados provinciais da Consellería do Medio Rural, facéndose pública a relación nos taboleiros de anuncios da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais, nas delegacións provinciais e na sede dos distritos forestais e dos centros afectos pola convocatoria da folga durante a xornada laboral inmediatamente anterior á sinalada para a súa celebración.

Artigo 3º

O incumprimento da obriga de atender os servizos mínimos fixados nesta orde sancionarase de conformidade coa lexislación vixente.

Artigo 4º

O establecido nesta orde non suporá ningunha limitación dos dereitos que a normativa reguladora ao dereito de folga lle recoñece aos/ás traballadores/as.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 20 de xullo de 2006.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural