DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 141 Venres, 21 de xullo de 2006 Páx. 11.773

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

INSTRUCIÓN do 7 de xullo de 2006, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, que modifica parcialmente a Instrución 1/2006, do 13 de xaneiro.

Na Instrución 1/2006, do 13 de xaneiro, da Dirección Xeral de Industria, Enerxía e Minas, establecéronse unha serie de criterios de interpretación e aplicación do Real decreto 1853/1993, do 22 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de instalacións de gas en locais destinados a usos domésticos, colectivos ou comerciais (DOG do 8 de febreiro de 2006).

No punto 2º, último parágrafo da referida instrución, indícase que lles corresponde aos subministradores de gas comprobar que existe compatibilidade entre a campá extractora de fumes con saída ao exterior e o quentador ou caldeira de circuíto aberto cando están instalados no mesmo recinto.

Así mesmo, no punto 3º.3, último parágrafo da referida instrución, indícase que antes da posta en servizo, a compañía distribuidora comprobará que aquela cumpre co regulamento anteriormente sinalado.

Non obstante nos artigos 12 e 13 do regulamento, así como nas ITC MI-IRG09, MI-IRG10 e MI-IRG11, relativos ás probas previas á posta en servizo das instalacións, á posta en servizo e á instalación, conexión e posta en marcha dos aparellos a gas, establécense con precisión as actividades que realizará o instalador, o fabricante e o subministrador, atribuíndo a cada un deles diversas actuacións.

Por todo iso deberá entenderse que:

-A comprobación da compatibilidade sinalada no punto 2º corresponderalle ao instalador e non ao subministrador.

-Que na posta en servizo das instalacións sinaladas no punto 3º.3 a compañía distribuidora terá exclusivamente que realizar as actividades que lle atribúe o regulamento e en ningún caso verificar o cumprimento do regulamento no seu conxunto.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2006.

Anxo Ramón Calvo Silvosa

Director xeral de Industria, Enerxía e Minas