DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Mércores, 19 de xullo de 2006 Páx. 11.560

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 7 de xullo de 2006 pola que se convocan, para a campaña 2006, as axudas para a utilización de métodos de produción agraria compatibles co ambiente.

A procura de satisfacer as necesidades alimentarias mantendo o potencial produtivo agrícola remarca a necesidade de utilizar métodos de obtención de produtos agrarios que garantan a biodiversidade por un lado e produtos de alta calidade e salubridade contrastada,

polo outro. Este modelo de agricultura sustentable poténciase a través das axudas para o fomento de métodos de produción agraria compatibles co ambiente, formando parte dun conxunto de estratexias dirixidas a promover un cambio no modelo agrario que persegue o mantemento de biodiversidade, a seguridade alimentaria e a rastrexabilidade dos alimentos.

O Regulamento (CE) 1257/1999, do Consello, do 17 de maio, sobre axudas ao desenvolvemento rural por cargo do Fondo Europeo de Orientación e Garantía Agraria (Feoga), modificado polo Regulamento (CE) 1783/2003, do Consello, do 29 de setembro, establece no seu capítulo VI, título II, e nos seus artigos 22 ao 24, un réxime de axudas para a utilización de métodos agropecuarios que permitan protexer o ambiente, manter o campo e mellorar o benestar dos animais.

Pola súa parte, as disposicións de aplicación do Regulamento (CE) 1257/1999, modificado polo Regulamento (CE) 1783/2003, prevense no Regulamento (CE) 817/2004, da Comisión, do 29 de abril, aplicado no ámbito estatal polo Real decreto 708/2002, de 19 de xullo, modificado polo Real decreto 172/2004, do 30 de xaneiro, polo que se establecen medidas complementarias ao programa de desenvolvemento rural para as medidas de acompañamento da política agraria común.

A Orde do 23 de agosto de 2002 estableceu nesta comunidade autónoma as bases reguladoras das axudas para o fomento de métodos de produción agrarias compatibles co ambiente, así como a súa convocatoria para o ano 2002.

Mediante as ordes do 1 de abril de 2003, do 17 de xuño de 2004 e do 15 de xuño de 2005, modificáronse determinados artigos das bases reguladoras e establecéronse as convocatorias das axudas para as campañas 2003, 2004 e 2005 respectivamente.

A dispoñibilidade orzamentaria para este tipo de medidas e a conveniencia de non condicionar o novo período de programación de medidas agroambientais cos compromisos económicos orixinados no marco do actual programa aconsellan limitar as solicitudes de axudas ás solicitudes de pagamento anual como consecuencia de aprobacións realizadas en exercicios anteriores. Polo tanto, non se poderán presentar solicitudes iniciais de participación no réxime de axudas agroambientais, nin solicitudes de ampliación de compromisos.

Tendo en conta que a dita Orde do 23 de agosto de 2002, con vixencia plurianual, cumpre cos requisitos previstos para as bases reguladoras aplicables á concesión de axudas e subvencións no artigo 78.6º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, conforme a redacción dada poa Lei 8/1999, de 30 de decembro, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, establécese nesta orde a convocatoria para o año 2005, que, á súa vez, cumpre os requisitos exixidos no artigo 8.3º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

En virtude do exposto, de conformidade co artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia, e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e o seu presidente,

modificada pola Lei 11/1998, e o Decreto 50/2002, do 14 de febreiro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Por medio da presente orde establécese a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, para o ano 2006, das axudas para a utilización de métodos de produción agraria compatibles co ambiente en Galicia, de acordo coas bases reguladoras previstas na Orde do 23 de agosto de 2002, publicadas no Diario Oficial de Galicia nº 172, do 6 de setembro, coas modificacións introducidas na sección primeira da Orde do 1 de abril de 2003, na sección primeira da Orde de 11 de xuño de 2004 e na sección primeira da Orde de 15 de xuño de 2005. Os tipos de solicitudes a presentar de acordo coa presente orde de convocatoria serán as seguintes:

a) Solicitudes anuais de pagamento, de acordo co anexo II, para aqueles beneficiarios que iniciasen compromisos en exercicios anteriores.

b) Solicitudes de modificación de compromisos consistentes en:

a. Solicitudes de subrogación nos compromisos adquiridos polo beneficiario inicial.

b. Solicitudes de conclusión total ou parcial de compromisos por renuncia ou causa de forza maior.

Non se poderán presentar solicitudes iniciais de participación no réxime das axudas para o fomento de métodos de produción agraria compatibles co ambiente, nin solicitudes de ampliación de compromisos.

Artigo 2º.-Prazo e presentación das solicitudes de axuda.

Para a convocatoria 2006 e en cumprimento do artigo 42 da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, as solicitudes de axuda presentaranse no prazo dun mes contado desde o día siguiente ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e, preferentemente nas oficinas agrarias comarcais da Consellería do Medio Rural.

No caso de envío por correo realizarase de acordo co regulamentariamente previsto no artigo 31 do Real decreto 1829/1999, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento polo que se regula a prestación dos servizos postais, en desenvolvemento do establecido na Lei 24/1998, do 13 de xuño, do servizo postal universal e de liberalización dos servizos postais, presentándose en sobre aberto, co obxecto de que na cabeceira da primeira folla do documento que se queira enviar, se faga constar, con claridade, o nome da oficina e a data, o lugar, a hora e o minuto da súa admisión.

Os interesados presentarán as solicitudes anuais de pagamento axustadas aos modelos e coa documentación establecida, de ser o caso, conforme o disposto nas bases reguladoras da Orde do 23 de agosto de 2002 e as súas modificacións posteriores.

As solicitudes que se presenten dentro dos vinte e cinco días naturais seguintes á finalización do prazo

establecido terán unha penalización do un por cento, por cada día hábil transcorrido, sobre o total da axuda correspondente. As solicitudes presentadas fóra destes prazos consideraranse como non presentadas.

Artigo 3º.-Xustificación do cumprimento dos compromisos.

Os beneficiarios deberán de comunicar, antes do 15 de setembro, a realización do programa agroambiental do que se trate, ao Servizo Provincial de Explotacións Agrarias funcionalmente dependente da Dirección Xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias, xuntando a documentación establecida no artigo 11 da Orde do 23 de agosto de 2002.

Artigo 4º.-Financiamento.

Para a concesión das axudas reguladas nesta orde existe crédito axeitado e suficiente nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 por un total de 4.205.315 A na aplicación orzamentaria 11.02.614A.772.1.

Así mesmo, os importes dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia cos que se financiarán estas axudas poderán ser incrementados con outros fondos do Feoga-Garantía, dos orzamentos xerais do Estado e da Comunidade Autónoma. Nese caso tramitarase o oportuno expediente de xeración ou transferencia e ampliación de crédito.

A concesión da axuda estará sometida á condición suspensiva de existencia de crédito axeitado e suficiente no momento da resolución.

Estas axudas son cofinanciadas polo Feoga-Garantía nun 75%.

Disposición adicional

Segundo o establecido no artigo 43 da lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia a presentación da solicitude de concesión de axuda ou subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

Non obstante quedan exentos de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas ás que se refire o artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, as axudas especificadas no artigo 41 da Lei 7/2005, do 29 do decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Estruturas e Infraestruturas Agrarias para ditar as instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 7 de xullo de 2006.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural