DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Mércores, 19 de xullo de 2006 Páx. 11.559

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN E INDUSTRIA

ORDE do 18 de xullo de 2006 pola que se determinan os servizos mínimos durante a folga convocada con carácter temporal, desde as 23.00 horas do 19 de xullo de 2006 ata as 24.00 horas do día 20 de xullo de 2006 , e desde as 23.00 horas do 25 de xullo de 2006 ata as 24.00 horas do 27 de xullo de 2006 no centro de traballo de Masa Galicia, S.A., Isastur, S.A.-Imoga, S.A., Rodabell Maquinaria, S.L., Cuiña, S.A., Danigal, S.L., Senax UTE na mina de As Pontes, titularidade de Endesa Generación, S.A.

O artigo 28.2º da Constitución española recoñece o dereito de folga dos traballadores para a defensa dos seus intereses, malia limitar o seu exercicio para garantir os servizos esenciais da comunidade, entre os que está a subministración de electricidade.

O artigo 3 do Decreto 155/1988, do 9 de xuño, faculta o conselleiro competente por razón dos servizos esenciais afectados ante unha situación de folga para que, mediante orde, decida o mínimo de actividade necesaria para asegurar o mantemento deles, así como para determinar o persoal preciso para a súa prestación.

A CIG convocou unha folga con carácter temporal, desde as 23.00 horas do 19 de xullo de 2006 ata as 24.00 horas do día 20 de xullo de 2006 -25 horas-, e desde as 23.00 horas do 25 de xullo de 2006 ata as 24.00 horas do 27 de xullo de 2006 -49 horas-, no centro de traballo da mina das Pontes, que pode ter incidencia na subministración de lignito pardo á central térmica das Pontes e na prestación dun servizo esencial como é a subministración de electricidade.

Polo tanto, cómpre determinar os servizos mínimos que se deben manter mentres dure a folga convocada no referido centro de traballo para garantir as debidas condicións de seguridade de persoas, bens e instalacións e asegurar o abastecemento de carbón á central térmica de Meirama.

Na súa virtude, oído o comité de folga e no uso das competencias que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º

1. Os servizos mínimos que se deberán manter mentras dure a folga anunciada con carácter temporal, desde as 23.00 horas do 19 de xullo de 2006 ata as 24.00 horas do día 20 de xullo de 2006-25

horas-, e desde as 23.00 horas do 25 de xullo de 2006 ata as 24.00 horas do 27 de xullo de 2006 -49 horas- no centro de traballo de Danigal, S.L., Vulcarol, S.L., Ripados Rodabell, S.L. ,Rodabell As Pontes, Mecanizados Acebron, S.L., Imoga, S.A., Isatur, S.A., Cuiña, S.A., Transporte Cuiña, S.A., Lobelle, S.A., Masa Galicia, S.A., Maessa Senax UTE, Bamyl, Rodabell Maquinaria, S.L., Cuitrans, S.L. , Áridos Forgoselo, S.L., Composa, Autónomos Cuiña, Talleres Alija, Electricidad Mourín, Grupo Canosa, Depisa, Grupo San Martín, Hermanos Gabeiras, Prieto Rey Hermanos, Luis Mata Quintela, Prosegur, UTE Maessa-Lainsa na mina das Pontes, titularidade de Endesa Generación, serán os seguintes:

Instalacións do parque:

-2 oficiais eléctricos por quenda.

-2 oficiais mecánicos por quenda.

Instalacións da mina (operación):

-1 operador de recolledor por quenda.

-1 oficial de limpeza por quenda.

-2 oficiais bombeiros por quenda.

A estes postos deberá sumarse un encargado común para as instalacións de parque e mina.

Por outra banda, se a folga dura máis de tres días, para garantir o funcionamento do servizo de bombeo, será necesario engadir:

-3 oficiais mecánicos por quenda.

Ademais, se as reservas do parque de carbón baixan de 100.000 tm durante o transcurso da folga, será necesario engadir:

-2 oficiais eléctricos de mina por quenda.

-2 oficiais mecánicos de mina por quenda.

2. No caso de producirse algunha avaría ou incidente de carácter grave ou desabastecemento do parque de carbón da central térmica, a dirección e o comité de folga reuniranse co fin de acordar o persoal necesario para a correspondente reparación.

Artigo 2º

O incumprimento da obriga de atender os servizos mínimos fixados nesta orde sancionarase de conformidade coa lexislación vixente.

Artigo 3º

O establecido nesta Orde non suporá ningunha limitación dos dereitos que a normativa reguladora do dereito de folga lles recoñece aos traballadores.

Disposición derradeira

Está Orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 18 de xullo de 2006.

Fernando Xabier Blanco Álvarez

Conselleiro de Innovación e Industria