DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 139 Mércores, 19 de xullo de 2006 Páx. 11.555

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS E XUSTIZA

DECRETO 114/2006, do 6 de xullo, polo que se declara a urxente ocupación, para os efectos de expropiación forzosa, polo Concello de Laxe, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de recuperación ambiental da lagoa e praia de Traba, do municipio de Laxe (A Coruña).

O Concello de Laxe, en sesión celebrada o día tres de maio de dous mil cinco, aprobou o proxecto de recuperación ambiental da lagoa e praia de Traba, do municipio de Laxe (A Coruña) e, na mesma sesión, acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens nos que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Que o dito expediente tivo entrada na Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza e, solicitados informes á Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Transportes, e á Dirección Xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, estes foron emitidos favorablemente, facendo mención neste último á adopción dunha serie de condicións que deberán terse en conta para a realización do citado proxecto.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que segundo sinala o concello, existe a necesidade de acondicionar paseos peonís polo risco de accidentes debido á falta de accesos adecuados para as persoas que se achegan tanto á praia coma á lagoa.

Así mesmo evitaríanse as actuacións incontroladas e corrixíanse os impactos negativos, como son a vertedura de entullos e outros residuos que producen un importante impacto contaminante, con riscos para a salubridade pública, ademais de incidir na pervivencia dun ecosistema de excepcional importancia, que está tendo un grave impacto tanto na flora como na fauna da lagoa, así como efectos negativos nas diferentes aves migratorias. A actuación acadaría o obxectivo da rexeneración da zona da lagoa e a praia, que posúe un importante cordón dunar composto de dunas tabulares e dunas en pendente con depresións de deglación eólica, moi degradadas ambientalmente, e na que se veñen depositando diferentes tipos de residuos, polo que se evitaría a contaminación e os cheiros, nunha zona que está nunhas

condicións de salubridade e limpeza que en nada se corresponden coa súa importancia ecolóxica e medio ambiental, ao que hai que engadir os riscos á saúde.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día seis de xullo de dous mil seis

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, polo Concello de Laxe para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de recuperación ambiental da lagoa e praia de Traba, do municipio de Laxe (A Coruña), coas condicións sinaladas nos informes emitidos ao respecto e, debendo, se é o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que foran necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, seis de xullo de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

José Luis Méndez Romeu

Conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas

e Xustiza