DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 138 Martes, 18 de xullo de 2006 Páx. 11.483

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

ORDE do 13 de xullo de 2006 que modifica a do 13 de febreiro de 2001 pola que se crea a Comisión Galega de Bioética.

Mediante Orde do 13 de febreiro de 2001 (DOG nº 45, do 5 de marzo) créase a Comisión Galega de Bioética como órgano colexiado de carácter permanente e consultivo adscrito á División de Asistencia Sanitaria do Servizo Galego de Saúde.

Como consecuencia das modificacións introducidas na estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde polo Decreto 46/2006, do 23 de febreiro (DOG nº 56, do 21 de marzo) e, segundo o disposto no seu artigo 4.5º, a Comisión Galega de Bioética adscríbese á Secretaría Xeral do Sergas.

Estas modificacións fan necesaria a adaptación de diversos preceptos da Orde do 13 de febreiro de 2001 ao Decreto 46/2006, do 23 de febreiro.

Polo tanto, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo único.-Modificar os artigos 1 e 4 da Orde do 13 de febreiro de 2001 pola que se crea a Comisión Galega de Bioética.

1. O artigo 1 queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 1º.-Creación e ámbito de actuación.

Créase a Comisión Galega de Bioética como un órgano colexiado de carácter permanente e consultivo, dependente da Consellería de Sanidade, adscrito á Secretaría Xeral do Servizo Galego de Saúde.

O seu ámbito de actuación será o da Comunidade Autónoma galega».

2. O artigo 4, no seu inciso primeiro queda redactado do seguinte xeito:

«Artigo 4º.-Presidente.

O presidente da Comisión Galega de Bioética será o secretario xeral do Servizo Galego de Saúde ou persoa en quen delegue».

Disposición derrogatoria

Única.-Quedan derrogadas as disposicións de igual ou inferior rango no que contradigan ou se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 13 de xullo de 2006.

María José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade