DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Venres, 14 de xullo de 2006 Páx. 11.379

VI. ANUNCIOS

DA ADMINISTRACIÓN AUTONÓMICA

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

RESOLUCIÓN do 17 de abril de 2006, da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, pola que se outorga a autorización ambiental integrada a unha central térmica de ciclo combinado formada por dous grupos duns 400 MW de potencia nominal eléctrica cada un, no concello de Arteixo (A Coruña), promovida por Unión Fenosa Generación, S.A. Clave: 2004/0215 AIA/IPPC.

Fundamentos de feito.

Primeiro.-O 22 de xullo de 2003 a Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia e Unión Fenosa Generación, S.A. subscriben un pacto ambiental co obxecto de establecer as actuacións encamiñadas a conseguir a sustentabilidade ambiental das súas instalacións.

Segundo.-No Boletín Oficial del Estado (nº 193), do 13 de agosto de 2003, publícase Resolución do 14 de xullo de 2003, da Secretaría Xeneral de Medio Ambiente, pola que se formula a declaración de impacto ambiental sobre o proxecto de construción de dous grupos térmicos en ciclo combinado de aproximadamente 400 MW de potencia nominal eléctrica cada un deles, utilizando gas natural como combustible principal, na central térmica de Sabón, termo municipal de Arteixo (A Coruña), promovidos por Unión Fenosa Generación, Sociedade Anónima.

Terceiro.-O 5 de agosto de 2004, Antonio Vázquez Gallardo, con DNI 1368399-Z, en nome e representación de Unión Fenosa Generación, S.A. con CIF A-82059833 solicita a autorización ambiental integrada para unha central con tecnoloxía de ciclo combinado duns 800 MW de potencia nominal eléctrica, no concello Arteixo (A Coruña). O 24 de novembro de 2004 recíbese documentación co fin de completar a solicitude de autorización ambiental integrada segundo o disposto no artigo 12 da Lei 16/2002.

Cuarto.-A documentación inclúe solicitude do promotor ao Concello de Arteixo de informe acreditativo da compatibilidade do proxecto co seu planeamento urbanístico.

Quinto.-No Diario Oficial de Galicia (nº 58), do 28 de marzo de 2005, publícase Anuncio do 1 de marzo de 2005 desta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental polo que se somete a infor

mación pública a solicitude de autorización ambiental integrada do proxecto obxecto desta resolución para os efectos previstos na Lei 16/2002.

Sexto.-En datas 6 de maio e 12 de xullo de 2005 recíbense os certificados de información pública emitidos, respectivamente, pola Delegación Provincial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e polo Concello de Arteixo, que deixan constancia de que durante o período de exposición pública non se formularon alegacións, suxestións ou observacións ao respecto.

Sétimo.-Concluído o período de información pública, e en cumprimento dos artigos 17 e 18 da Lei 16/2002, solicítase informe aos órganos que se considera que deben pronunciarse sobre as diferentes materias da súa competencia.

Oitavo.-Os organismos que emiten informe durante a tramitación da presente autorización son a Dirección xeral de Industria, Enerxía e Minas, as subdireccións Xerais de Calidade Ambiental, Tecnoloxía e Control Ambiental, e Avaliación Ambiental da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, a Dirección Xeral de Saúde Pública, Augas de Galicia, a E.T.S. de Enxeñaría da Universidade de Santiago de Compostela, o Concello de Arteixo, e a Deputación Provincial da Coruña.

Noveno.-En data 1 de marzo de 2006 realízase o trámite de audiencia en cumprimento do estipulado no artigo 20 da Lei 16/2002. Durante este trámite o promotor presenta documentación que completa a información presentada durante a tramitación, que se refire basicamente a sistema de vixilancia e control para o solo e as augas subterráneas; detalle do sistema de contedores para cada residuo e medidas protectoras e correctoras ao respecto; codificación dos residuos; datos do sistema auxiliar de vapor; e un estudo xeotécnico dos terreos en que terá lugar a implantación do proxecto.

Asemade, e como resultado do citado trámite de audiencia, o 13 de marzo de 2006 recíbense do promotor unha serie de aclaracións e solicitudes. Entre estas, o promotor solicita o incremento dos valores límite de emisión para os NOX empregando gas natural como combustible, considerando que a presente resolución debería incorporar o condicionado da declaración de impacto ambiental (DIA) do 14 de xullo de 2003 sen alteralo de xeito ningún, e que este feito vulneraría o artigo 28 da Lei 16/2002.

Analizada a antedita solicitude, esta dirección xeral desestímaa ao considerar que fixar límites de emisión máis restritivos que os recollidos na DIA non vulnera o referido artigo 28, tendo en conta que nunha declaración de impacto ambiental se impón o condicionado que limita a viabilidade ambiental dun proxecto, e por canto na presente resolución deberanse establecer os valores límite de emisión baseados nas mellores técnicas dispoñibles (artigo 22 da Lei 16/2002).

O resto de aclaracións e solicitudes presentadas estímanse na presente resolución.

Décimo.-O 27 de marzo de 2006, Unión Fenosa Generación, S.A. aboa as taxas administrativas correspondentes para a expedición desta autorización.

Fundamentos de dereito.

Primeiro.-A instalación de referencia está afectada pola Lei 16/2002, do 1 de xullo, de prevención e control integrados da contaminación (anexo I, grupo 1.1.a) e polo Real decreto lexislativo 1302/1986, do 28 de xuño, de avaliación de impacto ambiental modificado pola Lei 6/2001, do 8 de maio (anexo I, grupo 3.b.1º).

Segundo.-De conformidade co establecido no Real decreto 695/2000, do 12 de maio, e no Real decreto 1415/2000, do 21 de xullo, modificado polo Real decreto 376/2001, do 6 de abril, polos que se establece a estrutura orgánica básica e a atribución de competencias do Ministerio de Medio Ambiente, a Secretaría Xeneral de Medio Ambiente é o órgano competente para formular a declaración de impacto ambiental (DIA), na referida data da súa resolución.

Terceiro.-De conformidade co disposto no Decreto 1/2006, do 12 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sustentable, esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental é o órgano competente para outorgar a autorización ambiental integrada (AAI).

Cuarto.-A instalación está afectada polo Decreto 2414/1961, de 30 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de actividades molestas, insalubres, nocivas e perigosas.

Quinto.-De conformidade co disposto no capítulo II do antedito Decreto 2414/1961, do 30 de novembro, corresponde ao concello conceder licenza para o exercicio da actividade, polo que, de conformidade co establecido no artigo 29 da Lei 16/2002, recae neste organismo a resolución definitiva para o desenvolvemento da actividade prevista.

Á vista do exposto anteriormente, e unha vez completado o procedemento administrativo previsto,

RESOLVO:

Primeiro.-Concederlle a Unión Fenosa Generación S.A, a autorización ambiental integrada para o proxecto de dous grupos en ciclo combinado, duns 400 MW de potencia nominal eléctrica cada un, no polígono industrial de Sabón, concello de Arteixo (A Coruña) cos requirimentos que se fixan no anexo IV desta resolución, así como coas condicións contidas na documentación ambiental presentada (resumidas no anexo III) e as condicións que lle sexan de aplicación ao proxecto das recollidas na antedita declaración de impacto ambiental do 14 de xullo de 2003 en todo aquilo que non contradigan os requirimentos do citado anexo IV.

Segundo.-Asignar á instalación o número de rexistro 2004/0215 AIA/IPPC 0015.

Terceiro.-Establecer a obrigatoriedade de que Unión Fenosa Generación, S.A. comunique o fin das obras da instalación a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental con anterioridade ao comezo da actividade e achegando un certificado acreditativo visado polo colexio oficial competente; co fin de que se inspeccione a localización e as instalacións, e se verifique o cumprimento das condicións contidas nesta autorización.

Cuarto.-Establecer a obriga de que se notifiquen a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental con carácter anual, nas datas que lle sexan definidas por este organismo, os datos sobre as emisións á atmosfera e á auga, para efectos da elaboración e actualización do inventario de emisións e fontes contaminantes EPER, de acordo co establecido no artigo 8.3º da Lei 16/2002. Asemade, a empresa deberá adaptar o contido da información presentada ao inventario PRTR (segundo o establecido no Regulamento (CE) Nº 166/2006 do Parlamento Europeo e do Consello do 18 de xaneiro de 2006 relativo ao establecemento dun rexistro europeo de emisións e transferencias de contaminantes e polo que se modifican as directivas 91/689/CEE e 96/61/CE do Consello) que substituirá o actual inventario EPER. Os valores deberán ser xustificados na declaración segundo os termos que sexan definidos por esta dirección xeral, tanto se a mesma se realiza mediante datos de medición, cálculo ou estimación.

Quinto.-Establecer un prazo de vixencia máxima de oito (8) anos para esta autorización, contados a partir do día seguinte á súa publicación. Transcorrido o dito prazo observarase o disposto no artigo 25 da Lei 16/2002.

Sexto.-Establecer a obriga de que o titular comunique a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental calquera modificación da instalación que se pretenda levar a cabo, indicando razoadamente, en atención aos criterios sinalados no artigo 10.2º da Lei 16/2002, se considera que se trata dunha modificación substancial ou non substancial, acompañándose dos documentos xustificativos oportunos, sendo de aplicación o sinalado nos artigos 10.4º e 10.5º da citada lei.

Sétimo.-Establecer a obriga de que, de producirse un cambio de titularidade, este sexa comunicado á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, presentándose documentación que o acredite.

Oitavo.-Determinar a posibilidade de modificación desta resolución tanto de oficio, conforme os supostos establecidos no artigo 26 da Lei 16/2002, como por solicitude motivada do promotor, co obxecto de incorporar medidas que fornezan unha maior protección do medio.

Noveno.-Dar publicidade á presente resolución no Diario Oficial de Galicia.

Décimo.-Notificarlles esta resolución a Unión Fenosa Generación S.A. e ao Concello de Arteixo, para os efectos oportunos.

Fronte a esta resolución, que non pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso de alzada de conformidade co establecido nos artigos 107.1º, 114 e 115 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa redacción dada pola Lei 16/2002, ante o conselleiro de Medio Ambiente, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte de facer pública esta resolución.

Santiago de Compostela, 17 de abril de 2006.

Joaquín Lucas Buergo del Río

Director xeral de Calidade y Avaliación Ambiental

ANEXO I

Datos da empresa, do expediente e fianzas

1. Datos da empresa:

Razón social: Unión Fenosa Generación, S.A.

CIF: A-82059833.

Enderezo da sede social: avda. San Luis, nº 77 .

Código postal: 28033.

Localidade: Madrid.

Provincia: Madrid.

Representante legal: Antonio Vázquez Gallardo.

DNI: 1368399-Z.

2. Datos da instalación:

Localización do proxecto: parcela nº 99 do polígono industrial de Sabón.

Coordenadas UTM: X: 540.453, Y: 4.797.635.

CIF: A-82059833.

Dirección postal: polígono industrial de Sabón. Embalse s/n.

Código postal: 15142 .

Localidade: Arteixo .

Provincia: A Coruña.

3. Datos do expediente:

Clave do expediente: 2004/0215 AIA/IPPC.

Tipo de solicitude: nova instalación.

Categoría IPPC: anexo I, grupo 1.1.a.

Categoría AIA: anexo I, grupo 3.b.1º.

Actividade económica principal: produción de enerxía eléctrica.

C.N.A.E.-93 Rev.1: 40.112.

4. Fianzas.

-Establécese un aval ambiental en contía de 36.000 A na forma establecida no Decreto 455/1996, do 7 de novembro, de fianzas en materia ambiental, co obxecto de garantir o cumprimento das medidas protectoras e correctoras.

ANEXO II

Resumo do proxecto e do contorno de implantación

Resumo do proxecto

O obxecto do proxecto é a instalación dunha central de ciclo combinado formada por dous grupos térmicos de aproximadamente 400 MW de potencia nominal eléctrica cada un, utilizando gas natural como combustible principal. Os grupos de ciclo combinado fundaméntanse na conxunción dun ciclo de gas cun ciclo de vapor. Esta tecnoloxía permite aproveitar a enerxía térmica contida nos gases de escape do ciclo de gas para xerar vapor de auga con enerxía suficiente como para ser aproveitado no ciclo de vapor.

No proceso de ciclo combinado a turbina de gas comprime aire que se utiliza para queimar gas natural nunha cámara de combustión que disporá de queimadores de baixa emisión de NOx. Os gases obtidos expándense na turbina de gas e producen enerxía mecánica no eixe que se emprega para mover o compresor e o xerador eléctrico. A enerxía térmica dos gases de escape da turbina de gas aprovéitase na caldeira de recuperación de calor do tipo sen post-combustión con requentamento, onde esta se transfire á auga que circula pola caldeira, xerando vapor a varias presións. O vapor xerado na caldeira envíase á turbina de vapor, onde se expansiona e xera enerxía eléctrica.

A central funcionará empregando como combustible principal gas natural e como combustible de emerxencia gasóleo, e estará constituída basicamente por:

-Unha turbina de gas, unha turbina de vapor, unha caldeira de recuperación de vapor e un xerador eléctrico por cada grupo de ciclo combinado. Cada unha das caldeiras terá conectada unha cheminea de 65 m para evacuar os gases de saída.

-Estación de regulación e medida de gas natural.

-Tanques de gasóleo.

-Estación de tratamento de auga (para a produción de auga desmineralizada).

-Tanques para auga bruta, auga filtrada e auga desmineralizada.

-Instalacións de tratamento de efluentes.

-Instalacións de aire comprimido e de dosificación química.

-Balsa de pluviais.

-Sistema de refrixeración dos condensadores en circuíto aberto.

-Subestación eléctrica blindada.

-Caldeira de vapor auxiliar. Esta caldeira funcionará en condicións normais con gas natural e aproximadamente un 1,4% do tempo de operacionabilidade da central.

A implantación do proxecto desenvolverase en dúas fases; na primeira delas instalarase o primeiro grupo térmico e os servizos anteriormente descritos, e na segunda fase o segundo grupo térmico.

A nova central de ciclo combinado empregará as seguintes instalacións auxiliares con que conta a actual central térmica de Sabón: sistema de tratamento de auga de achega; liña de captación e vertedura de auga doce; sistema de captación e vertedura de auga de mar; liñas eléctricas existentes; servizos (oficinas, taller, almacén e comedor); e accesos actuais.

Para o abastecemento de gas natural ao proceso, contémplase o emprego dun gasoduto (ramal) de unión entre a central e a rede de subministración propiedade de Reganosa.

A refrixeración do condensador de cada novo grupo realizarase mediante un sistema en ciclo aberto utilizando auga de mar, empregando o actual sistema de captación que dá servizo á central térmica de Sabón. O punto de vertedura de auga de refrixeración na actualidade e previsto despois da implantación dos novos grupos é o mesmo (coordenadas UTM: X: 540.410, Y: 4.797.932).

A auga doce será subministrada pola actual liña de captación de auga doce da central, que capta auga da rede de abastecemento do polígono industrial de Sabón (a auga provén do encoro de Rosadoiro).

Os parámetros básicos que se estima que definirán o funcionamento dos novos grupos son:

1. Potencia eléctrica nominal total aproximada: 800 MW.

2. Rendemento neto: 57% (dado que se vai recuperar parte da enerxía).

3. Consumo medio de gas natural (a plena carga): 63.340 Nm3/h por grupo.

4. Consumo de gasóleo (combustible de emerxencia): 63.200 kg/h por grupo.

5. Necesidades de auga: 18,2 m3/h (5,11 l/s).

6. Auga de mar utilizada para refrixerar: 39.600 m3/h (11 m3/s).

7. Caudal de gases: 729,3 m3/s (15% O2 e 100ºC) por grupo.

8. Caudal de gases operando con gasóleo: 831,7 m3/s (15% O2 e 100ºC) por grupo.

9. Consumo de materias auxiliares: hipoclorito sódico (1.000 l/ano), cloruro férrico (750 l/ano), polielectrólito (1.300 l/ano), ácido clorhídrico (1.300 l/ano), sosa (1.600 l/ano), amoníaco comercial 24% (400 l/ano), hidracina (400 l/ano).

10. Consumo de hidróxeno: 500 Nm3/ano.

Estímase que o funcionamento da central de ciclo combinado proxectada sexa dunhas 6.500 horas anuais a plena carga.

Descrición do contorno.

Os novos grupos de ciclo combinado situaranse nunha zona de marcado carácter industrial e antropizada, concretamente dentro dos terreos en que se localiza a actual central térmica, no polígono industrial de Sabón, pertencente ao municipio de Arteixo, a uns 13 km ao SW da cidade da Coruña.

A parcela da actual central térmica de Sabón atópase limitada ao norte por Punta Cancela e a poboación de Rañobre, ao leste polo encoro de Rosadoiro (cuxo cerramento se atopa a uns 300 m da desembocadura do río Seixido, do cal se abastece), ao sur polo propio polígono industrial de Sabón e ao oeste pola praia de Alba, praia incluída no lugar de importancia comunitaria (LIC) Es 1110005 Costa da Morte.

ANEXO III

Resumo das técnicas e medidas propostas para a protección ambiental

Mellores técnicas dispoñibles (MTD) previstas para a instalación.

-Tecnoloxía de ciclo combinado, utilizando gas natural como combustible en condicións normais de funcionamento.

-Emprego de tecnoloxía de baixa emisión de NOx: cámaras de combustión (queimadores premix) de baixa emisión de NOx de tipo seco, funcionando con gas natural.

-No caso das operacións de emerxencia con gasóleo, inxectarase auga desmineralizada nas cámaras de combustión para minimizar a formación de NOx.

-Instalación de elementos de atenuación acústica: levaranse a cabo as seguintes actuacións:

-Cada compoñente da illa de potencia instalarase dentro dun cerramento acústico.

-O espazo baixo a turbina de gas cerrarase mediante parede fonoabsorbente.

-Os condutos de admisión de aire, os tubos de by-pass de vapor e os sobrequentadores estarán revestidos con cuberta acústica.

-As turbinas de gas, de vapor e xeradores irán en edificio pechado.

-O conduto de admisión e de saída, as válvulas de seguranza, e os tubos de recuperación de purgas das turbinas de gas estarán dotados de silenciadores.

-O cerramento térmico das caldeiras estará deseñado para reducir o nivel sonoro.

-As conexións entre o escape das turbinas de gas e as caldeiras e recuperación de calor estarán insonorizadas.

-Instalación de cubetos de recolla de derrames: todos os tanques de almacenamento irán provistos de cubetos de seguranza co fin de reter fugas imprevistas.

-Mantemento do correcto estado das impermeabilizacións, dos sistemas de contención de derrames, e dos contedores de almacenamento de aceite e outros produtos.

-Canalización das augas residuais a tratamentos de depuración segundo as súas características: os efluentes, unha vez canalizados, dirixiranse ás distintas partes dun sistema de tratamento de efluentes.

-Integración do proxecto no programa de Xestión Medioambiental de Unión Fenosa Generación, S.A..

Outras medidas de carácter ambiental.

Fase de obras.

-Balizaranse as diferentes zonas de obras e de acumulación de materiais.

-Procederase á rega de zonas expostas ao vento, ocupadas por materiais, terras, zonas de circulación frecuente de maquinaria e zonas de vexetación sensible.

-Levarase a cabo a posta a punto dos motores da maquinaria de obra mediante servizo autorizado e coa periodicidade requirida.

-Os camións que transporten material susceptible de emitir partículas estarán cubertos con lonas.

-Comprobarase que a maquinaria de obra teña actualizadas as inspeccións técnicas correspondentes e adecuarase a súa velocidade co fin de reducir as emisións sonoras.

-Realizarase un control da circulación do tráfico.

-Para as operacións de carga e descarga realizarase a vertedura de terras, entullos e gravas desde alturas o máis baixas posibles.

-Informarase os operarios das medidas a tomar para minimizar as emisións.

-Programaranse as actividades de obra de xeito que se eviten situacións en que a acción conxunta de varios equipamentos ou acción cause niveis sonoros elevados durante espazos prolongados de tempo.

-As áreas de obra estarán dotadas de bidóns e outros elementos de recolla de residuos cuxa situación deberá estar perfectamente sinalizada e en coñecemento de todo o persoal da obra.

-Todos os residuos xerados serán almacenados temporalmente en lugares específicos e xestionados en función da súa natureza.

-Comprobarase que non existan entullos ou desperdicios en lugares non autorizados.

-Habilitarase unha área específica impermeabilizada e con sistema de recolla de efluentes para desenvolver as operacións de mantemento da maquinaria de obra.

-O fornecemento de auga na fase de construción procederá da rede de abastecemento xeral do polígono industrial de Sabón.

-Durante as obras todas os escorrementos serán recollidas e controladas mediante drenaxes e gabias de decantación a fin de evitar arrastres de sólidos ao río Seixedo.

-Estableceranse pequenos diques coas terras procedentes de operacións de escavación nos noiros onde se executen as obras de canalización.

-Procederase á revisión e, se proceder, reparación dalgunhas das instalacións de captación de auga de mar, como as reixas para evitar a entrada de organismos e a balsa decantadora de area.

-Non se extraerán recursos minerais nos leitos fluviais, ribeiras e zonas contiguas.

-Controlarase a procedencia dos materiais de obra, sendo estes subministrados unicamente por empresas autorizadas. Os materiais, cores e formas de deseño escolleranse para unha axeitada integración paisaxística.

-As augas residuais fecais serán conducidas á rede de saneamento do polígono industrial, ou a un sistema de tratamento axeitado para ser recollidas por xestor autorizado.

-Retiraranse as instalacións provisorias da obra unha vez rematada esta.

-Adecuaranse as instalacións da actual rede de medición de inmisión xestionada pola central térmica de Sabón.

-De producirse a deterioración de estradas, camiños ou calquera outra infraestrutura ou instalación preexistente, restituirase a súa calidade aos niveis previos á execución do proxecto.

-Unha vez instalados os elementos de atenuación acústica e previamente á explotación da central procederase á valoración práctica dos resultados obtidos, segundo o disposto na normativa vixente.

Fase de explotación.

-Os residuos xerados serán almacenados temporalmente en lugares axeitados e serán xestionados en función da súa natureza.

-Contarase con equipamentos de control e rexistro das emisións atmosféricas: nas dúas chemineas proxectadas haberá sistemas de medición de emisións de SO2, NO, NO2, CO e partículas con transmisión de datos ao cadro de mando da central, e equipamentos de medición en continuo de contido en oxíxeno, contido en vapor de auga, temperatura e presión dos gases. Asemade contarase cun sistema informático que permita facilitar, en tempo real, os datos obtidos polo sistema de medición dos contaminantes e parámetros de funcionamento indicados anteriormente, así como datos de caudal e porcentaxe de carga de funcionamento da instalación.

-Contarase cunha estación de medida da calidade da auga de vertedura, que contará con caudalímetro e medidor de pH en continuo, así como de toma de mostras automática.

ANEXO IV

Requirimentos da autorización ambiental integrada

1. Sobre a atmosfera.

Tendo en conta:

-Que na nova planta se aplicaran as seguintes técnicas, consideradas como mellores técnicas dispoñibles para o sector:

-Tecnoloxía de ciclo combinado, utilizando gas natural como combustible (combustible limpo) en condicións normais de funcionamento, o que, entre outros aspectos implica a previsión dunha concentración de SO2 na emisión moi baixa.

-Emprego de queimadores de baixa emisión de NOx de tipo seco.

-O Decreto 833/1975, do 6 de febreiro, que desenvolve a Lei 38/1972 de protección do ambiente atmosférico, que no seu anexo II, punto 1.1.1 cataloga a actividade como potencialmente contaminadora da atmosfera dentro do grupo A.

-A existencia de dous focos de emisións gasosas: cheminea da caldeira de recuperación do grupo I e cheminea da caldeira de recuperación do grupo II.

-Os valores límite de emisión recollidos nos anexos V, VI e VII do Real decreto 430/2004, do 12 de marzo, polo que se establecen novas normas sobre limitación de emisións á atmosfera de determinados axentes contaminantes procedentes de grandes instalacións de combustión, e se fixan certas condicións para o control das emisións á atmosfera das refinarías de petróleo.

-Os valores límite de inmisión establecidos no Real decreto 1073/2002, do 18 de outubro, sobre a ava

liación e xestión da calidade do aire ambiente en relación co dióxido de xofre, dióxido de nitróxeno, óxidos de nitróxeno, partículas, chumbo, benceno e monóxido de carbono.

-O contorno da futura instalación e a existencia dunha rede de control de calidade do aire no contorno da actual central térmica de Sabón.

-A Lei 1/2005, do 9 de marzo, pola que se regula o réxime do comercio de dereitos de emisión de gases de efecto invernadoiro, modificada polo Real decreto lei 5/2005, do 11 de marzo, de reformas urxentes para o impulso da produtividade e para a mellora da contratación pública.

-A declaración de impacto ambiental, formulada no 14 de xullo de 2003 pola Secretaría Xeral de Medio Ambiente para este proxecto.

Establécese o seguinte: .

1.1. Valores límite de emisións gasosas.

-As emisións gasosas producidas polos focos emisores identificados, funcionando os grupos de ciclo combinado por encima do 70% de carga, non superarán os seguintes valores límite:

-Utilizando gas natural como combustible:

Contaminante: NOX (expresado como NO2).

Unidade: mg/Nm3.

Valor límite: 60.

Contaminante: SO2.

Unidade: mg/Nm3.

Valor límite: 11,6.

-Utilizando gasóleo como combustible:

Contaminante: NOX (expresado como NO2).

Unidade: mg/Nm3.

Valor límite: 120.

Contaminante: SO2.

Unidade: mg/Nm3.

Valor límite: 30.

Contaminante: partículas.

Unidade: mg/Nm3.

Valor límite: 20.

Para todos os casos as concentracións máximas admisibles nos gases expulsados exprésanse sobre gas seco cun contido do 15% de oxíxeno (O2).

-No que respecta aos valores límite de emisión para gases de efecto invernadoiro, e estando a actividade pretendida entre as incluídas no anexo I da antedita Lei 1/2005, observarase o disposto na autorización de emisións de gases de efecto invernadoiro.

1.2 Sistemas e procedementos para minimizar a contaminación.

-No que respecta ás emisións de SO2, o contido en xofre do gasóleo que se empregue como combustible non superará o 0,05% en peso.

-No caso de que, como consecuencia da actividade dos novos grupos, se xeren cheiros que poidan ser percibidos no contorno das instalacións, procederase ao estudo e establecemento de medidas que garantan a corrección desta situación.

1.3. Vixilancia e control.

Para controlar a contaminación atmosférica por emisións gasosas da nova instalación, cumpriranse as condicións de aplicación recollidas no punto 2 da referida declaración de impacto ambiental (DIA), coas seguintes puntualizacións:

-Observarase o disposto no anexo VIII do Real decreto 430/2004, do 12 de marzo, relativo ao método de medición das emisións. Asemade, e no que respecta á realización das medicións e a toma de mostras, terase en conta o recollido no anexo III da Orde do 18 de outubro de 1976, sobre prevención e corrección da contaminación atmosférica industrial, e nas instrucións técnicas do Laboratorio de Medio Ambiente de Galicia.

-Os resultados obtidos nas medicións avaliaranse mediante a aplicación dos criterios establecidos no citado anexo VIII e no artigo 14 do Real decreto 430/2004, do 12 de marzo.

-Polo menos unha vez cada ano controlaranse os sistemas de medición en continuo realizando medicións paralelas cos métodos de referencia.

-Asignarase un libro de rexistro de contaminantes atmosféricos a cada foco emisor, de conformidade co disposto no artigo 33 da referida Orde do 18 de outubro de 1976.

-Desenvolveranse as accións proxectadas, para a adecuación das actuais rede de control ambiental de inmisión e estación metereolóxica da central térmica de Sabón, no documento Avaliación da localización das estacións da rede de inmisión de Sabón. 18/11/04. Para estas accións así como para calquera outra relacionada co funcionamento destes sistemas, observarase o disposto, se for o caso, pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

-Os contaminantes que se notificarán para a elaboración do rexistro europeo de emisións serán como mínimo: CH4, CO, CO2, N2O, NOX, SOX, As e compostos, Cd e compostos, Cr e compostos, Ni e compostos, Pb e compostos, dioxinas e furanos, hidrocarburos aromáticos policíclicos, Cl e compostos inorgánicos do cloro, flúor e compostos inorgánicos do flúor, e PM10, sen prexuízo de que esta lista poida ser modificada pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

2. Sobre o nivel de presión sonora.

2.1 Valores límite.

Tendo en conta:

-A lexislación vixente de aplicación.

-As emisións sonoras e vibracións que ocasionarán os equipamentos, así como os sistemas de atenuación acústica propostos polo promotor na documentación ambiental avaliada.

-O contorno da futura central e a súa calidade sonora.

-A declaración de impacto ambiental (DIA), formulada no 14 de xullo de 2003 pola Secretaría Xeral de Medio Ambiente para este proxecto.

Establécese o seguinte:

-En xeral, os niveis de presión sonora relacionados coa instalación e explotación da nova central térmica de ciclo combinado non poderán superar os seguintes valores límite de recepción para ruído ambiente:

-Para as zonas de baixa sensibilidade acústica:

Horario: 8.00-22.00 horas.

Valor límite (dB(A)): 70.

Horario: 22.00-8.00 horas.

Valor límite (dB(A)): 60.

-Para as zonas de moderada sensibilidade acústica:

Horario: 8.00-22.00 horas.

Valor límite (dB(A)): 65.

Horario: 22.00-8.00 horas.

Valor límite (dB(A)): 55.

-En particular, o nivel de presión sonora no límite oeste da parcela non poderá superar os 60 dB(A), tal e como se recolle no punto 3 da referida DIA.

2.2 Sistemas e procedementos para minimizar a contaminación acústica.

-Durante a instalación e explotación dos novos grupos realizarase o mantemento preventivo da maquinaria e vehículos, e comprobarase periodicamente que os elementos de atenuación acústica cumpren cos obxectivos para os cales se instalan.

-Planificaranse as actividades de tránsito de vehículos de forma que estas se efectúen preferentemente en horario diúrno.

2.3 Vixilancia e control ambiental.

-Desenvolverase unha campaña de medición de presión sonora:

-Antes da posta en marcha dos novos grupos de ciclo combinado.

-Durante o primeiro mes de funcionamento dos novos grupos.

-Anualmente durante a explotación das instalacións, e en condicións de máxima actividade.

-Estas campañas de control serán efectuadas en horario diúrno e nocturno por unha entidade homologada pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, seguindo para isto os procedementos establecidos no Decreto 150/1999, do 7 de maio, polo que se aproba o Regulamento de protección contra a contaminación acústica.

-Os puntos de control do nivel de presión sonora serán aqueles que permitan controlar o cumprimento dos valores límite ao respecto establecidos nesta resolución. Con este obxectivo estableceranse puntos de control nas inmediacións das vivendas máis próximas.

3. Sobre os efluentes líquidos.

3.1. Valores límite.

Tendo en conta:

-O tipo de efluentes relacionados coa instalación e explotación dos novos grupos: .

-Augas residuais sanitarias.

-Augas contaminadas con graxas e aceites: estas produciranse ocasionalmente e procederán de escorrementos das zonas de almacenamento de gasóleo e en xeral de todas as zonas onde poidan estar as augas contaminadas con aceites e graxas (incluíndo as pluviais).

-Augas de proceso contaminadas con produtos químicos procedentes das drenaxes da zona de almacenamento de reactivos de tratamento de auga, do sistema de dosificación de reactivos, do laboratorio químico, e augas de rexeneración de resinas de desmineralización e das purgas de caldeira.

-Augas con sólidos en suspensión procedentes das purgas do decantador e do lavado dos filtros de pretratamento de auga.

-Auga de refrixeración dos condensadores.

-Augas pluviais de zonas limpas.

-O destino das verteduras:

-A auga de mar captada para refrixeración dos condensadores será devolta ao mar sen aplicarlle ningún tratamento previo en continuo, e efectuando a vertedura na desembocadura do río Seixedo, na súa marxe esquerda, e a través do actual canal de descarga da central térmica existente, no mesmo punto de vertedura.

-As augas susceptibles de estar contaminadas serán recollidas, e tratadas de ser necesario, antes de ser conducidas á rede de saneamento do polígono industrial de Sabón (durante as obras as augas residuais sanitarias entregaranse, de ser o caso, a xestor autorizado).

-A normativa vixente de aplicación, entre a cal se encontran as ordenanzas que regulan o uso dos terreos incluídos no polígono de Sabón-Arteixo.

-A declaración de impacto ambiental, formulada no 14 de xullo de 2003 pola Secretaría Xeral de Medio Ambiente para o proxecto.

Establécese o seguinte:

-Para a vertedura á rede de saneamento do polígono industrial de Sabón, observarase o disposto na alínea c) da ordenanza XIII (seguranza e hixiene) das que regulan o uso dos terreos incluídos no polígono industrial de Sabón-Arteixo.

-No que respecta á vertedura de auga de refrixeración ao mar, o caudal máximo de vertedura (caudal total de descarga para a actual central térmica e para os novos grupos de ciclo combinado) será de 50.205 m3/hora, cun salto térmico máximo de 13 ºC. No medio receptor, esta vertedura non producirá un incremento da temperatura de máis de 3 ºC a unha distancia de 100 m do punto de contacto da vertedura co medio mariño litoral, e a 1 m de profundidade da superficie libre.

Os límites cualitativos da vertedura de auga de refrixeración serán: .

Parámetro: temperatura.

Valor límite: < 35 ºC.

Para o resto dos parámetros os límites serán os que figuran no Real decreto 258/1989, do 10 de marzo, polo que se establece a normativa xeral sobre verteduras de substancias perigosas desde terra ao mar, e nas ordes ministeriais do 31 de outubro de 1989, 9 de maio de 1991, e 28 de outubro de 1992, e en calquera caso, deberanse cumprir os obxectivos de calidade fixados para o medio receptor.

3.2. Descrición dos sistemas e procedementos para o tratamento e a minimización de vertidos.

-En todo momento se adoptarán medidas para previr verteduras accidentais que poidan afectar o medio (especialmente a praia de Alba e o encoro de Rosadoiro) como consecuencia da execución do proxecto.

-As reformas ou reparacións que se realicen no actual sistema de captación e descarga de auga de mar non suporán o aumento da súa capacidade.

-Como está previsto, durante a explotación dos novos grupos, e previamente á incorporación á rede de saneamento do polígono industrial de Sabón:

-Todas as correntes contaminadas con produtos químicos se conducirán a unha balsa de neutralización e, en caso de ser, necesario, someteranse a un proceso de decantación.

-As augas residuais sanitarias trataranse, sempre que sexa necesario, mediante dixestión biolóxica (filtro biolóxico).

-Os efluentes susceptibles de estar contaminados con graxas e aceites conduciranse a un sistema de separación de aceites e graxas.

-As augas pluviais caídas en zonas susceptibles de contaminación serán recollidas de xeito segregado das augas pluviais limpas e procederase ao seu tratamento como efluentes que poidan conter graxas e aceites.

-Non se permitirá mesturar augas limpas, de refrixeración ou de calquera outro tipo con augas residuais ao obxecto de alcanzar as especificacións de vertedura por dilución.

-A empresa elaborará un plan de control de consumos e verteduras, co fin de estudalos e minimizalos, a partir dos diagramas de fluxo de auga doce e de tratamento de efluentes, recollidos na documentación ambiental avaliada.

3.3. Vixilancia e control ambiental das verteduras.

-Antes da vertedura á rede de saneamento do polígono industrial e despois de seren recollidos e, se for ocaso, tratados, os efluentes dirixiranse a unha arqueta de mestura e rexistro que se situará antes do punto de vertedura, e onde se realizará un control en continuo dos seguintes parámetros: caudal e pH.

-Asemade, realizarase, en mostras de auga recollidas na referida arqueta, un control trimestral que como mínimo, inclúa os seguintes parámetros:

Parámetros e unidades:

Parámetro: temperatura.

Unidades: ºC.

Parámetro: sólidos en suspensión.

Unidades: mg/l.

Parámetro: DQOtotal.

Unidades: mg/l.

Parámetro: DBO5.

Unidades: mg/l.

Parámetro: NH4.

Unidades: mg/l.

Parámetro: N total.

Unidades: mg/l.

Parámetro: aceites e graxas.

Unidades: mg/l.

-Tanto a mostraxe como as determinacións analíticas serán realizadas por entidade de inspección e laboratorio acreditados. Todas as análises se realizarán seguindo a metodoloxía e probas analíticas establecidas no Standard Methods ou nas correspondentes normas UNE existentes.

-Os resultados analíticos destes controis remitiranse anualmente á Dirección Xeral de Calidade

e Avaliación Ambiental, xunto con datos das medicións en continuo de pH e caudal.

-No que a vixilancia e control da vertedura de auga de refrixeración se refire, observarase o disposto para o efecto na autorización de vertedura DH.V15.11911/A/L do organismo autónomo Augas de Galicia, coa seguinte puntualización: o resultado das analíticas efectuadas serán remitidas a esta Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental nun prazo de seis meses desde o comezo da nova actividade, acompañadas dun plano en que se localicen os puntos de mostraxe, e dos resultados da última analítica efectuada relacionada só co funcionamento da actual central térmica.

4. Sobre a protección do solo e das augas subterráneas.

4.1 Sistemas e procedementos para evitar a contaminación.

-As prácticas e operacións con produtos perigosos realizaranse sobre superficies impermeables que contarán cunha rede de drenaxe e recolla de perdas ou derramamentos, de xeito que se garanta a súa adecuada xestión.

-Os tanques de combustible de emerxencia contarán cun sistema de impermeabilización que garanta a non afección ao solo e ás augas subterráneas.

4.2 Vixilancia e control ambiental.

-Implantarase un procedemento de control operacional que inclúa comprobacións semanais dos equipamentos da central e o rexistro, de ser o caso, de datos de incidentes por derramamentos e/ou fugas. Os rexistros arquivaranse nas instalacións un mínimo de 5 anos e estarán á disposición da Administración.

-Tendo en conta que a instalación está recollida no anexo I do Real decreto 9/2005, do 14 de xaneiro, polo que se establece a relación de actividades potencialmente contaminantes do solo e os criterios e estándares para a declaración de solos contaminados, que na documentación presentada polo promotor se inclúe o informe preliminar de situación do solo segundo se recolle no seu anexo II, e o disposto no artigo 3.4º do citado real decreto, a empresa remitira anualmente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental un informe de situación que describa os cambios que se produzan no emprazamento no referente aos materiais e actividades que supoñan un risco potencial para o solo. A periodicidade e contido destes informes poderá ser modificado pola Administración en función dos resultados que se vaian reflectindo nos informes de situación.

-A Administración poderá efectuar cando o considere oportuno análises de comprobación da calidade dos solos e das augas subterráneas. Estas análises serán efectuadas por un laboratorio recoñecido pola Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, sendo por conta do autorizado os gastos que por tal motivo se ocasionen.

5. Sobre a xestión de residuos.

5.1. Procedementos de xestión.

-De xeito xeral cumpriranse as prescricións que sobre residuos se establecen na Lei 10/1998, do 21 de abril, de residuos; no Real decreto 833/1988, do 20 de xullo, polo que se aproba o regulamento de execución da Lei 20/1986, do 14 de maio, básica de residuos tóxicos e perigosos; no Real decreto 952/1997, do 20 de xuño, polo que se modifica o regulamento para a execución da Lei 20/1986; no Decreto 221/2003, do 27 de marzo, polo que se establece un réxime simplificado no control dos traslados de residuos perigosos producidos por pequenos produtores de residuos; no Decreto 174/2005, do 9 de xuño, polo que se regula o réxime xurídico da produción e xestión de residuos e o rexistro xeral de Produtores e Xestores de Galicia, así como en todas as disposicións que fosen ou sexan ditadas na Administración do Estado e na Administración da Xunta de Galicia en materia de residuos.

-A empresa deberá inscribirse na Delegación Provincial da Coruña da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible como produtor de residuos da construción e demolición (RCD) e como pequeno produtor de residuos perigosos, segundo o disposto para o efecto no citado Decreto 174/2005, do 9 de xuño.

-Todos os residuos xerados co desenvolvemento do proxecto serán xestionados de acordo coa lexislación vixente e aplicación, en función da súa natureza, para o que, despois da identificación, clasificación ou caracterización segundo o caso, se segregarán en orixe, non se mesturarán entre si e serán depositados en envases e lugares adecuados.

-Os residuos urbanos ou asimilables entregaranse ao Concello de Arteixo ou empresa adxudicataria da xestión de residuos municipais nas condicións fixadas nas correspondentes ordenanzas. No caso de que a entidade local xustificadamente obrigue á xestión dalgún tipo de residuo desta natureza á empresa, esta xestionaraos a través de xestores autorizados de residuos sólidos urbanos.

-Os residuos perigosos e industriais non perigosos entregaranse a xestores autorizados e inscritos no rexistro xeral de Produtores e Xestores de Residuos de Galicia. Priorizarase a entrega a xestores que realicen operacións de valorización e que se atopen máis próximos á instalación.

-Particularmente, os lodos procedentes dos sistemas de tratamento das augas residuais entregaranse a xestor autorizado e inscrito no antedito rexistro.

-No caso de realizar o transporte de residuos perigosos ata os xestores autorizados, este deberá ser realizado por transportistas rexistrados. Os traslados dos residuos perigosos realizaranse do xeito indicado no Real decreto 833/1998, do 20 de xullo, e/ou no Decreto 221/2003, do 27 de marzo.

-A empresa adoptará as medidas adecuadas co obxecto de que os residuos se almacenen en condicións axeitadas de seguranza e hixiene, garantindo en todo caso que se impida calquera afección ao ambiente. Tendo en conta que os residuos perigosos xerados durante o funcionamento dos novos grupos se situarán no almacén destinado para o efecto da actual central térmica, deberán diferenciarse perfectamente para cada actividade os residuos xerados e os rexistros en que figurará a procedencia e xestión dos residuos.

-O tempo máximo de almacenamento de residuos perigosos na instalación, antes da súa retirada ou entrega a xestor autorizado, será de seis (6) meses, e o de residuos non perigosos dun (1) ano cando o destino final sexa a eliminación, e dous (2) anos cando o destino final sexa a súa valorización.

5.2. Sistemas e procedementos para a minimización de residuos.

-Durante o funcionamento da fábrica adoptaranse as medidas técnicas e economicamente viables para reducir a cantidade de residuos xerados no proceso.

-Co obxecto de levar a cabo plans de minimización dos residuos industriais, urbanos e asimilables, e poder avaliar e controlar as medidas adoptadas, a empresa levará un rexistro das cantidades e natureza dos residuos desta tipoloxía.

5.3 Vixilancia e control ambiental.

-Realizaranse comprobacións semestrais da eficacia da efectividade e estado de conservación das medidas e das instalacións para a prevención e control da contaminación producible pola xeración de residuos, incluíndo os sistemas de control de fugas e derramamentos.

6. Sobre seguranza industrial.

-A empresa deberá notificar, nos prazos e nos termos establecidos na normativa aplicable, os datos sobre substancias, cantidades e outras circunstancias aos órganos competentes de Industria da Comunidade Autónoma.

-Antes da posta en marcha da instalación de ciclo combinado, Unión Fenosa Generación, S.A., deberá acreditar ante o órgano competente nesta materia o cumprimento das súas obrigas, e de maneira específica no relativo a:

-Real decreto 1244/1979, do 4 de abril, polo que se aproba o Regulamento de aparellos a presión, e as súas modificacións (Real decreto 769/1999, do 7 de maio, polo que se modifica o regulamento anterior no referente a deseño, fabricación e avaliación da conformidade dos equipamentos a presión e dos conxuntos incluídos no ámbito de aplicación do citado real decreto, a partir do 29 de maio do ano 2002).

-Real decreto 1942/1993, do 5 de novembro, polo que se aproba o Regulamento de instalacións de

protección contra incendios, e a Orde do 16 de abril de 1998 sobre normas de procedemento e desenvolvemento do Real decreto 1942/1993 e revisión do seu anexo I e dos seus apéndices.

-Norma básica da edificación NBE-CPI/96: condicións de protección contra incendios nos edificios.

-Real decreto 2267/2004, do 3 de decembro, polo que se aproba o Regulamento de seguranza contra incendios nos establecementos industriais.

-Real decreto 1435/1992, do 27 de novembro, polo que se ditan as disposicións de aplicación da directiva do Consello 89/392/CEE, relativa á aproximación de lexislacións dos estados membros sobre máquinas, e as súas modificacións (Real decreto 56/1995, do 20 de xaneiro, polo que se modifica o Real decreto 1435/1992, e o Real decreto 1849/2000, do 10 de novembro, polo que se derrogan diferentes disposicións en materia de normalización e homologación).

-Real decreto 379/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o Regulamento de almacenamento de produtos químicos, e súas instrucións técnicas complementarias (MIE-APQ-1, 2, 3, 4, 5, 6 e 7).

-Real decreto 842/2002, do 2 de agosto, polo que se aproba o Regulamento electrotécnico de baixa tensión.

-Real decreto 3275/1982, do 12 de setembro, sobre condicións técnicas e garantías de seguranza en centrais eléctricas, subestacións e centros de transformación.

-Orde do 18 de novembro de 1974, polo que se aproba o Regulamento de redes e conexións de combustibles gasosos.

-Real decreto 2085/1994, do 20 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de instalacións petrolíferas e as súas modificacións.

-Calquera outra disposición regulamentaria ou técnica que lle sexa de aplicación.

7. Medidas que se deben adoptar en situacións de funcionamento anormais.

-De detectárense anomalías no funcionamento da instalación que deriven no incumprimento das condicións impostas nesta autorización, procederase á determinación inmediata da orixe do problema, á identificación e desenvolvemento das medidas correctoras, e no caso de persistiren, paralizarase a actividade causante das anomalías.

-Nas situacións de fugas, fallos de funcionamento e paradas temporais, procederase de acordo cos manuais de operación elaborados para tal fin.

-Se as anomalías implicaren riscos para a saúde das persoas ou prexuízo grave do equilibrio dos sistemas naturais, suspenderase inmediatamente a actividade, e comunicaraselle o feito a Protección Civil da provincia.

-En todo caso, estas incidencias serán comunicadas inmediatamente á Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental.

8. Condicións adicionais.

-En caso de peche da actividade, e como mínimo seis meses antes deste, redactarase un proxecto de abandono en función do uso futuro que se pretenda para o solo, que será remitido ao órgano ambiental. Este proxecto comprenderá, polo menos, o desmantelamento da maquinaria e a recolla e entrega a xestor autorizado de todos os residuos.

-Ao final das actuacións previstas para o abandono, e dentro dos dous meses seguintes a estas, remitirase ao órgano ambiental informe coa descrición detallada das accións con incidencia ambiental e medidas adoptadas ao respecto.

ANEXO V

Boas prácticas

A continuación enumérase un conxunto de boas prácticas que se recomenda ter en consideración:

-Implantar ou adherirse a un Sistema de Xestión Ambiental que forme parte inherente da xestión e operación global de toda a instalación.

-Implementar e adherirse a un Sistema de Xestión ambiental que incorpore en todo momento:

-Definición dunha política ambiental.

-Planeamento e establecemento dos procedementos necesarios.

-Implementación e operación de procedementos. É importante ter sistemas que aseguren que os procedementos se coñecen, entenden e aceptan.

-Accións de chequeo e correctivas.

-Revisión do sistema de xestión por parte da alta dirección.

-O sistema de xestión e procedemento de auditoría pode estar avaliado e validado por un corpo de certificación acreditado ou un verificado externo.

-Preparación e publicación (e posible validación externa) de declaracións ambientais regulares describindo todos os aspectos ambientais significantes da instalación, permitindo facer comparacións ano tras ano e relación coas metas e obxectivos ambientais, así como co rendemento do sector.

-Implementación e adherencia a un sistema voluntario aceptado internacionalmente como EMAS e EN ISO 14001:1996, que proporcionaría credibilidade ao sistema de xestión ambiental.

-Considerar o impacto ambiental de cesamento eventuais da actividade, na etapa de deseño dunha nova instalación.

-Respecto da descarga, almacenamento e xestión de combustibles líquidos e aditivos:

-Co fin de empregar sistemas axeitados de contención de derramamentos accidentais, as áreas de almacenamento deberían estar deseñadas de xeito que as fugas procedentes das porcións superiores dos tanques ou de sistemas de subministración ou descarga sexan interceptadas e recollidas neste recipiente exterior. Os contidos dos tanques deben ter asociadas alarmas e visualización externa. O uso de sistemas de control automático e de coñecemento previo de descargas é moi útil para previr a vertedura do contido dos tanques de almacenamento.

-As conducións situadas en zonas seguras, áreas abertas sobre terreo ou ao exterior de modo que as fugas poidan ser detectadas rapidamente. De empregar conducións enterradas, poderanse cartografar os seus percorridos e adoptar sistemas de escavación marcados. Para canalizacións baixo terra, pódense usar tubos de dobre parede con control automático do espaciado e construción especial das canalizacións (conducións de aceiro, conexións soldadas e sen válvulas na sección baixo terra).

-Para o pretratamento de combustibles líquidos (como o gasóleo), estacións de tratamento que inclúan unidades de limpeza de gasóleo centrífugas autolimpables ou de tipo electrostático.

-Emprego de técnicas de prevención da contaminación:

-Prequecemento do gas combustible por recuperación do contido enerxético do gas de saída ou outros sistemas.

-Chequeos regulares dos sistemas de canalización e subministración de gas dentro da central.

-Superficies seladas con sistemas de drenaxe (incluíndo separadores de aceite para evitar contaminación de solos e da auga, debido ao aceite lubricante).

-Emprego de sistemas e alarmas de detección de fugas.

-Para maior eficiencia enerxética:

-Prequecemento do combustible empregando calor residual ou outros sistemas.

-Utilización de materiais avanzados que permitan acadar temperaturas de operación elevadas e aumentar a eficiencia na turbina de gas.

-Dobre requecemento do vapor.

-Quecemento rexenerativo alimentación-auga.

-Control avanzado automático das condicións de combustión para a redución das emisións e funcionamento da caldeira.

-Utilización de sistemas avanzados de control automático para acadar un funcionamento óptimo da caldeira con condicións de combustión óptimas que produzan reducións nas emisións.

-Para emisións de partículas e SO2 cando se emprega o combustible de emerxencia (gasóleo líquido):

-Estacións de pretratamento de gasóleo do tipo autolimpeza por centrifugación, do tipo electrostático ou outro sistema.

-No que respecta ás emisións á auga:

-No lavado de caldeiras e turbinas de gas, recoméndase a neutralización e operación en ciclo cerrado, ou utilización de métodos de limpeza secos cando sexa tecnicamente posible.

-Tratamento dos escorrementos superficiais mediante sedimentación ou tratamento químico e reutilización interna.

-Sopradura con aire a presión das caldeiras de recuperación de calor.

-Respecto dos residuos:

-Reemprego de residuos xerados na combustión.

-Revisión periódica dos residuos que se xeran nas instalacións mediante auditorías.

-Garantir que as zonas de almacenamento están sinalizadas e rotuladas correctamente.

-Establecer a posibilidade de valorización en estacións máis ou menos próximas dos residuos.

-Técnicas de refrixeración:

-Escolla de materiais resistentes á corrosión para a superficie de intercambio de calor dos condensadores.

-Implementación de protección local (pinturas, protección catódica, ...).

-Redución de equipamentos que consuman enerxía (ventiladores, bombas).

-Instalación de sistemas antirruído (paredes, paneis, modificación dos puntos de descompresión, etcétera) ou escolla de solucións que produzan menos emisións (ventiladores pouco ruidosos).

-Optimización no uso dos reactivos de tratamento e montaxe de biomonitores e dispositivos de control e monitorización química.

-Estudo de sistemas que sexan capaces de soportar operacións a temperaturas elevadas.

-As tomas de auga e aire estarán equipadas con dispositivos para evitar a entrada de organismos macroinvertebrados e vertebrados.

-Control da calidade das descargas de auga de drenaxe (temperatura, oxíxeno, etc.).