DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Venres, 14 de xullo de 2006 Páx. 11.358

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 6 de xullo de 2006 pola que se aproban as bases e se convocan as subvencións complementarias destinadas a xente moza adquirente de vivendas de protección pública.

A Consellería de Vivenda e Solo ten atribuídas todas as competencias en materia de vivenda e solo. No exercicio destas considera prioritario favorecer o acceso á vivenda digna da súa cidadanía, dando así cumprimento ao mandato constitucional e estatutario.

É atención preferente da Consellería de Vivenda e Solo apoiar o colectivo de xente moza para facer fronte á decisión de acceder a unha vivenda, que permita a súa autonomía e construción de vida propia, instrumentando subvencións complementarias aos plans de vivenda e continuando agora coa liña de subvencións en beneficio dos mozos de baixo poder adquisitivo que accedesen en propiedade a unha vivenda financiada ao amparo dos plans estatais de vivenda anteriores ao Plan de vivenda 2002-2005 e no período que se determina.

A Orde do 11 de febreiro de 2005 xa regulou para o dito ano as axudas complementarias destinadas a xente moza adquirente de vivendas de protección pública.

En virtude do anterior, logo dos informes preceptivos segundo o Decreto 287/2000, do 21 de novembro e a orde da Consellería de Presidencia e Administración Pública do 9 de decembro de 1993, e en uso das referidas autorizacións,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, que terán vixencia indefinida, e a convocatoria para o ano 2006 das subvencións complementarias destinadas a xente moza adquirente de vivendas de protección pública no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, en réxime de concorrencia non competitiva.

Artigo 2º.-Actuacións subvencionables.

1. A adquisición, adxudicación ou promoción para uso propio de vivendas de protección oficial de promoción privada.

2. A adquisición, adxudicación ou promoción para uso propio de vivendas declaradas protexidas pola comunidade autónoma.

3. A adquisición protexida doutras vivendas xa construídas e de vivendas a prezo taxado.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán resultar beneficiarios das subvencións as persoas físicas adquirentes, adxudicatarios ou promotores para uso propio que reúnan os seguintes requisitos:

1. Que o solicitante e, se é o caso, os demais membros da unidade familiar, acrediten unha idade non superior a 35 anos na data de formalización da escritura pública de compravenda, de adxudicación ou, se é o caso, de obra nova rematada.

2. Que os ingresos anuais ponderados da unidade familiar non excedan de 21.000 euros.

3. Que obtivesen préstamo cualificado coa debida conformidade do Ministerio de Fomento con cargo aos convenios dos correspondentes plans de vivenda, anteriores ao Plan Estatal de Vivenda 2002-2005, debendo estar formalizado entre o 1 de xaneiro de 1999 e a data de presentación, dentro do prazo,

da solicitude destas subvencións, e en período de amortización.

4. Que a vivenda se destine a residencia habitual e permanente do adquirente, adxudicatario ou promotor para uso propio.

5. Que non solicitasen as devanditas axudas ao abeiro das ordes do 22 de setembro de 2000, do 18 de xullo de 2001, do 13 de xuño de 2002, do 20 de marzo do 2003, do 10 de marzo de 2004 e do 11 de febreiro de 2005, coa excepción daqueles casos en que as solicitudes remataron o seu procedemento sen obter ningún beneficio.

Artigo 4º.-Requisitos.

1. Os ingresos determinantes do dereito a obter a subvención virán referidos aos ingresos familiares anuais que se ponderarán segundo se establece no punto 2 deste artigo. Os ingresos familiares obteranse da declaración da renda de todos os membros da unidade familiar referida ao último período impositivo con prazo de presentación vencido na data da solicitude desta subvención. O cálculo farase sumando a parte xeral e especial, reguladas nos artigos 39 e 40, e restando á cantidade resultante a redución prevista no artigo 51, preceptos estes do texto refundido do imposto sobre a renda das persoas físicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2004.

Se o interesado non presentase declaración da renda por non estar obrigado a iso, a acreditación dos seus ingresos familiares efectuarase mediante declaración responsable relativa ás contías arriba mencionadas, sen prexuízo de ter que achegar os documentos acreditativos que se establecen para a súa comprobación no artigo 11 e) desta orde.

2. Aos ingresos determinados na forma prevista no punto anterior aplicarase o seguinte coeficiente multiplicador de ponderación en función do número de membros da unidade familiar:

Familias dun membro: 1,00.

Familias de dous membros: 0,97.

Familias de tres membros: 0,93.

Familias de catro membros: 0,90.

Familias de cinco membros: 0,87.

Familias de seis ou máis membros: 0,83.

3. Para os efectos desta orde, a unidade familiar enténdese tal e como resulta definida polas normas reguladoras do imposto sobre a renda das persoas físicas.

As referencias á unidade familiar, para efectos de ingresos, fanse extensivas ás persoas que non estean integradas en ningunha unidade familiar así como ás parellas de feito recoñecidas legalmente segundo a normativa establecida ao respecto.

Artigo 5º.-Subvención.

A contía das axudas en forma de subvención será de 1.500 euros por vivenda para os beneficiarios que cumpran os requisitos especificados nesta orde.

Artigo 6º.-Tramitación.

1. Unha vez finalizado o prazo de presentación de solicitudes, examinadas estas e, á vista da documentación presentada e logo das comprobacións e inspeccións oportunas, o delegado provincial da Consellería de Vivenda e Solo elevará a proposta de concesión de subvención de cada expediente, no caso de cumprirse os requisitos exixidos, ou proposta de denegación motivada, nos supostos de incumprimento, á conselleira, quen, á vista delas e tendo en conta os recursos económicos dispoñibles na

correspondente aplicación orzamentaria, resolverá o que conforme dereito proceda.

Serán obxecto de denegación as solicitudes presentadas que queden sen cobertura orzamentaria.

Contra a resolución da conselleira, que pon fin á vía administrativa, poderase interpoñer recurso potestativo de reposición no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, de conformidade co previsto nos artigos 116 e 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben poderá ser impugnada directamente ante o xulgado do contencioso-administrativo no prazo de dous meses, consonte o establecido no artigo 46 da Lei 29/1998, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

2. O prazo máximo para resolver será de tres meses. Transcorrido este prazo sen que se ditase e notificase resolución expresa, os interesados que solicitasen as subvencións convocadas por esta orde poderán entender desestimada a súa solicitude.

3. Ditada a resolución de concesión e tramitado o correspondente expediente de pagamento, as subvencións aos beneficiarios serán aboadas mediante transferencia bancaria.

Artigo 7º.-Compatibilidade.

Esta subvención é compatible con outras formas de axuda que o beneficiario poida obter de calquera Administración, entidade pública ou privada, sen que, en ningún caso, a suma das axudas percibidas poida superar o custo da actuación que se protexe.

Artigo 8º.-Garantías.

1. O incumprimento ou falsidade nas condicións requiridas para o outorgamento da subvención levará consigo, ademais das sancións que pudiesen corresponder, o reintegro da subvención percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu aboamento.

2. Os beneficiarios, ademais das obrigas establecidas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, quedan sometidos á obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Consellería de Vivenda e Solo así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das subvencións.

3. Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 9º.-Rexistro de axudas e subvencións.

As subvencións que se outorguen integraranse, na forma que se estableza regulamentariamente, no Rexistro de axudas e subvencións, que será de acceso público.

Artigo 10º.-Prazo de solicitude.

O prazo de presentación de solicitudes iniciarase a partir do día seguinte ao da data de publicación desta orde no DOG, e rematará o día 15 de setembro de 2006.

Artigo 11º.-Solicitudes.

As solicitudes deberán formalizarse mediante instancia dirixida á delegación provincial da Consellería de Vivenda e Solo que corresponda por loca-

lización da vivenda, seguindo o modelo que se recolle no anexo a esta orde. Presentaranse nas oficinas da delegación provincial da Consellería de Vivenda e Solo que corresponda por razón da situación da vivenda, ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Estas solicitudes deberán ir xunto coa seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI do solicitante e, se é o caso, dos demais membros da unidade familiar.

b) Certificación bancaria acreditativa do préstamo cualificado obtido ao abeiro dos plans de vivenda, indicando data de formalización, inicio de amortización, convenio e ano a que se acolle, así como que se atopa en período de amortización.

c) Copia compulsada da escritura de compravenda, adxudicación ou, se é o caso, de obra nova rematada.

d) Certificado municipal de empadroamento na vivenda obxecto das axudas.

e) De non estar obrigado a presentar a declaración do IRPF, copia da notificación-liquidación emitida pola Axencia Estatal da Administración Tributaria para os que presentaron o modelo de solicitude de devolución 104-105.

Nos demais casos, declaración responsable de todos os ingresos obtidos, xuntando, ademais, os seguintes documentos: declaración das circunstancias familiares, certificado de retribucións e retencións da empresa ou empresas en que estivese de alta no devandito exercicio e, de ser o caso, certificado de pensións ou prestacións periódicas, certificado do INEM e certificados das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario.

f) De non ter sido presentada con anterioridade, solicitude de transferencia bancaria.

g) Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para a mesma finalidade, das distintas administracións públicas competentes.

h) Acreditación da composición familiar e número de perceptores de ingresos, mediante copia cotexada da declaración do IRPF ou, no caso de non estar obrigado a presentala, declaración responsable e copia cotexada do libro de familia.

A solicitude de subvención implicará a autorización para que a Administración da comunidade autónoma poida solicitar información de carácter tributario ou económico que fose legalmente pertinente, no marco da colaboración que se estableza coa Axencia Estatal da Administración Tributaria ou con outras administracións públicas, para o cumprimento dos fins relacionados directamente coas funcións de recoñecemento, seguimento e control da subvención.

Artigo 12º.-Crédito orzamentario e contía.

Poderanse conceder subvencións por un importe de 400.000 A con cargo ao crédito que figure consignado para esta finalidade na aplicación 17.02.331A.783.3 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2006.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA