DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Venres, 14 de xullo de 2006 Páx. 11.352

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 6 de xullo de 2006 pola que se aproban as bases e se convocan as subvencións aos concellos para resolver o problema da infravivenda rural.

O Decreto 233/2003, do 3 de abril, de axudas aos concellos para a infravivenda rural tiña un prazo de presentación de solicitudes que rematou o 31 de decembro de 2005, continuando vixente para a tramitación das solicitudes presentadas dentro do prazo.

A Consellería de Vivenda e Solo ten atribuídas todas as competencias en materia de vivenda e solo. No exercicio destas considera prioritario atender á necesidade aínda existente de resolver o problema da vivenda das familias e unidades convivenciais con baixos ingresos que habitan en infravivendas rurais de Galicia o que explica a oportunidade de publicar unha nova normativa actualizada, tanto na contía das subvencións como na súa estrutura en coherencia coas actuais disposicións vixentes en materia de subvencións.

A presente orde establece as bases reguladoras e abre a convocatoria de concorrencia non competitiva de subvencións aos concellos para resolver o problema das infravivendas rurais.

En virtude do anterior, logo dos informes preceptivos segundo o Decreto 287/2000, do 21 de novembro e a orde da Consellería de Presidencia e Admi

nistración Pública do 9 de decembro de 1993, e en uso das referidas autorizacións

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A presente disposición ten por obxecto aprobar as bases reguladoras, que terán vixencia indefinida, e establecer o marco da colaboración entre a Consellería de Vivenda e Solo e os concellos de Galicia, incentivados mediante a presente convocatoria de subvencións a fondo perdido que, en réxime de concorrencia non competitiva, se abre para o ano 2006, para a solución do problema das infravivendas rurais, de modo que as familias e unidades convivenciais con baixos ingresos que as habitan poidan acadar unha vivenda digna conservando a súa integración social co medio.

Artigo 2º.-Concepto de infravivenda rural.

1. Para os efectos da presente disposición enténdense por infravivendas rurais as edificacións situadas en entidades de poboación de menos de 1.500 habitantes que, sen reuniren as mínimas condicións de habitabilidade, veñen sendo utilizadas como vivendas por familias e unidades convivenciais con ingresos ponderados inferiores ao indicador público de efectos múltiples (IPREM).

2. Para os efectos desta orde as anteditas condicións mínimas de habitabilidade enténdense referidas aos seguintes aspectos: seguridade e estanquidade, condicións hixiénico-sanitarias, espazo habitable suficiente, servizos de auga e electricidade.

Artigo 3º.-Actuacións protexibles.

As axudas aos concellos previstas no presente decreto deberán destinarse a algunha das seguintes actuacións:

I. Actuacións en infravivendas ou terreos propiedade das persoas afectadas.

A) Rehabilitación da infravivenda.

Comprende actuacións de rehabilitación que figuran no anexo I da presente disposición.

B) Renovación da infravivenda.

Comprende as actuacións de renovación que figuran no anexo I da presente disposición.

C) Nova construción de vivenda unifamiliar.

Comprende a construción de vivenda nova unifamiliar con destino a realoxamento da familia que habita na infravivenda non susceptible dalgunha das actuacións precedentes.

II. Actuacións en edificacións ou terreos do concello.

D) Acondicionamento de edificacións do concello para o seu uso como vivendas.

Comprende as actuacións de rehabilitación e acondicionamento de edificacións dos concellos co fin de adaptalas para aloxamento das familias que habitan en infravivendas non susceptibles dalgunha das actuacións precedentes.

E) Nova construción de vivendas.

Comprende a construción de vivendas novas con destino a realoxamento das familias que habitan en infravivendas non susceptibles dalgunha das actuacións precedentes.

III. Requisitos das actuacións.

1. En todas as actuacións, seguirase a normativa técnica e urbanística en vigor.

2. As actuacións relativas á adecuación estrutural e de seguridade serán preferentes ás previstas en materia de habitabilidade e protección patrimonial, polo que, se o inmoble o precisase, non poderán acometerse estas sen a previa realización das primeiras.

3. As actuacións en mellora da habitabilidade, a elección do tipo de reforzo ou novo sistema estrutural, as de adecuación de espazos interiores, as de ampliación e as de inclusión ou modificación de instalacións terán sempre en consideración as condicións de protección do patrimonio.

4. As actuacións deberán respectar e manter as características tipolóxicas valiosas da edificación primitiva, conservando todos os elementos merecentes de protección polo seu valor cultural, histórico, arquitectónico ou tradicional e deberán, así mesmo, garantir a súa adecuación ao medio e á paisaxe en canto á elección de materiais e á disposición dos distintos elementos que compoñen o edificio ou o conxunto. Deberán ter en consideración as cuestións de uso racional de materiais, dando prioridade aos de procedencia local, e de eficiencia enerxética, cos illamentos e a elección axeitada dos sistemas de calefacción e auga quente.

5. As actuacións deberán cumprir a normativa vixente en materia de habitabilidade, e especificamente as exixencias derivadas do Decreto 311/1992, do 12 de novembro.

Artigo 4º.-Persoas beneficiarias.

Poderán solicitar as axudas reguladas nesta orde os concellos de Galicia con infravivendas rurais no seu termo habitadas por familias con ingresos familiares ponderados que non superen o indicador público de renda de efectos múltiples.

Artigo 5º.-Axudas.

1. As axudas aos concellos para as actuacións anteriormente sinaladas poderán acadar o 80% do orzamento protexido das obras para os concellos de poboación inferior a 50.000 habitantes, e o 65% para os restantes, sen que en ningún caso poidan superar a cantidade de 30.000 euros por vivenda

para as actuacións comprendidas nas letras A e D do artigo 3º deste decreto, e de 45.000 euros por vivenda para as actuacións comprendidas nas letras B, C, e E do devandito artigo.

Artigo 6º.-Ingresos familiares.

Para os efectos do determinado no artigo 2º da presente disposición enténdese:

1. Por ingresos familiares a contía, expresada en número de veces o IPREM que, nesta orde, substitúe como indicador ao salario mínimo interprofesional no seu cómputo anual, incluíndo dúas pagas extras, da parte xeral e especial da base impoñible reguladas nos artigos 39, 40 e 51 respectivamente, do texto refundido do imposto sobre a renda das persoas físicas, aprobado polo Real decreto lexislativo 3/2004, do 5 de marzo, e correspondente á declaración da persoa interesada e ás declaracións de cada un dos demais membros da unidade familiar, presentadas no período impositivo inmediatamente anterior, con prazo de presentación vencido, á solicitude da subvencións.

Se a persoa interesada non presentase declaración por non estar obrigada a iso, a acreditación dos seus ingresos familiares efectuarase mediante declaración responsable, relativa ás mencionadas parte xeral e especial da base, sen prexuízo da posible comprobación administrativa.

Descontaranse, en todo caso, os ingresos percibidos en concepto de pensións ou subvencións por invalidez ou minusvalidez.

2. Por ingresos familiares ponderados, os resultantes de lles aplicar aos ingresos familiares os seguintes coeficientes multiplicadores de ponderación en función do número de membros da unidade familiar:

Familias de 1 membro: 1.

Familias de 2 membros: 0,90.

Familias de 3-4 membros: 0,80.

Familias de 5-6 membros: 0,70.

Familias de máis de 6 membros: 0,60.

3. Por unidade familiar tal e como resulte definida polas normas reguladoras do imposto sobre a renda das persoas físicas.

As referencias á unidade familiar, para efectos de ingresos, fanse extensivas ás persoas que non estean integradas en ningunha unidade familiar.

Artigo 7º.-Solicitudes.

Os concellos que desexen acollerse aos beneficios da presente disposición formularán solicitude escrita que presentarán nas delegacións provinciais da Consellería de Vivenda e Solo que correspondan por razón da situación da vivenda ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e

do procedemento administrativo común, xunto coa seguinte documentación:

1. Memoria para cada unha das infravivendas obxecto das actuacións composta por:

1.1. Impreso, que figura no anexo II desta disposición cos datos da unidade familiar e da infravivenda, asinado necesariamente pola persoa da familia, ou unidade convivencial, que a represente e, se é o caso, pola persoa propietaria do inmoble, membro da unidade familiar.

1.2. Informe social sobre a composición, idades, situación económica, de saúde, cultural e de integración social da unidade familiar, con xustificación da necesidade e do axeitado das solucións propostas.

1.3. Informe sobre a infravivenda que ocupa a familia afectada, asinado polo técnico competente relativo á súa localización, características e estado de deteriorización, con reportaxe fotográfica en cor da edificación e xustificación da necesidade e idoneidade das actuacións propostas.

1.4. Proxecto técnico con memoria das actuacións propostas de entre as consideradas no artigo 3º da presente disposición, orzamento de execución material e calendario de execución.

1.5. Informe do técnico municipal de que as actuacións propostas cumpren os requisitos de planeamento, tipoloxía, habitabilidade e conservación do patrimonio exixidos no artigo 3.III da presente orde.

1.6. Custo total das actuacións e esquema de financiamento que xustifique a viabilidade financeira da operación.

2. Certificado do acordo da entidade local no que se solicite a subvención á Consellería de Vivenda e Solo aceptando os termos da presente disposición e de conformidade coa memoria, orzamento e prazo, que figuran no punto anterior, facultándose o alcalde para aceptación da subvención.

3. Declaración do conxunto de todas as subvencións solicitadas ou concedidas, para as actuacións obxecto desta solicitude, das administracións públicas ou doutros entes públicos.

Artigo 8º.-Prazo de solicitude.

O prazo de presentación de solicitudes comezará o día da entrada en vigor da presente disposición e rematará o día 15 de setembro de 2006.

Artigo 9º.-Concesión da subvención.

Á vista da documentación presentada e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren pertinentes a conselleira de Vivenda e Solo, por proposta do delegado provincial, procederá, tendo en conta os recursos económicos dispoñibles na correspondente aplicación orzamentaria, a conceder a subvención do expediente, no caso de cumprir os requisitos exixidos, ou a denegala, logo de proposta motivada, no caso de non cumprilos, con notificación ao concello.

A resolución de concesión comprenderá as actuacións que se van realizar así como as condicións que se coiden necesarias para a súa execución, o prazo de execución das obras, o orzamento protexido e a contía da subvención aprobada.

Fará, así mesmo, mención expresa de que o pagamento da subvención estará condicionado á correcta realización das actuacións obxecto da subvención e ao cumprimento dos demais requisitos exixidos pola convocatoria que a regula.

O prazo de execución non poderá exceder de 1 ano, a partir da data de notificación da concesión, para as actuacións de rehabilitación comprendidas no punto I.A do artigo 3º da presente disposición e de 2 anos para as restantes actuacións.

Excepcionalmente por causa xustificada e por petición motivada do concello, poderase conceder unha ampliación do prazo establecido que non exceda da metade del.

O gasto distribuirase plurianualmente conforme o artigo 58 da Lei de réxime financeira e orzamentaria de Galicia, dentro dos límites establecidos.

O non-cumprimento dalgún dos requisitos establecidos na presente disposición ou o feito de que as actuacións obxecto da solicitude xa estivesen realizadas con anterioridade ao momento da solicitude das axudas, será motivo da denegación da concesión da subvención do expediente.

Serán, así mesmo, obxecto da denegación as propostas de concesión que queden sen asignación de recursos por esgotamento dos previstos na orde de convocatoria.

O concello beneficiario dispoñerá do prazo dun mes contado a partir da notificación da concesión para remitir o escrito do alcalde aceptando a subvención nas condicións establecidas na resolución aprobatoria.

Transcorrido o devandito prazo sen que se produza a aceptación por parte da entidade solicitante entenderase anulada a subvención, agás por circunstancias excepcionais que deberán xustificarse dentro do prazo.

Os concellos aos que lles fosen denegadas as súas solicitudes por falta de recursos dispoñibles, poderán presentalas de novo na seguinte convocatoria anual. Neste caso, tomaranse como referencia os ingresos, proxecto e demais circunstancias que no seu día motivaron a proposta de concesión, sempre que o concello, con ocasión da nova solicitude, confirme a súa validez e permanencia.

Artigo 10º.-Pagamento da subvención.

O concello beneficiario, unha vez executadas as obras declaradas dentro do prazo concedido para o efecto, disporá dun prazo de 15 días para comunicar por escrito á delegación provincial da Consellería de Vivenda e Solo a súa finalización, xuntando fotografías que mostren as obras realizadas,

así como a acta de recepción e certificación valorada aprobada polo concello da total excecución das obras obxecto de concesión da subvención.

A falta de comunicación no dito prazo do concello, salvo causa xustificada, dará lugar á perda da subvención por incumprimento das condicións da concesión.

O delegado provincial da Consellería de Vivenda e Solo, á vista da documentación presentada, logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, certificará sobre o cumprimento das condicións exixidas para a elevación da proposta de pagamento á conselleira de Vivenda e Solo ou persoa en quen delegue.

No caso das actuacións cun prazo inicial de execución superior a un ano, logo de que o concello certifique a realización do 50% da actuación prevista, a conselleira de Vivenda e Solo, logo de certificación e proposta do delegado provincial, poderá resolver o pagamento do 50% da subvención concedida e o 50% restante logo da finalización das actuacións.

Os concellos beneficiarios, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

As subvencións serán aboadas aos concellos mediante transferencia bancaria.

Artigo 11º.-Perda da subvención.

Será motivo de perda da subvención non executar as obras obxecto da concesión de subvención dentro do prazo concedido para o efecto, así como non executalas segundo o proxecto aprobado.

A conselleira de Vivenda e Solo, ou persoa en quen delegue, após proposta motivada do delegado provincial, ditará resolución expresa na que figure o motivo da perda do dereito ao pagamento da subvención, comunicándolle ao concello o remate e arquivo do expediente.

Non obstante, poderá proporse o pagamento naqueles casos en que, conseguida a seguridade estrutural e a habitabilidade da vivenda e cumpridos os demais requisitos, se comprobe que as obras executadas de entre as declaradas provisionalmente chegan como mínimo ao 75% do orzamento protexido. Neste caso, a contía da subvención limitarase á porcentaxe inicialmente concedida do orzamento efectivamente executado.

Artigo 12º.-Recursos.

Contra as resolucións de aprobación ou denegación da concesión e do pagamento da subvención do expediente poderase interpoñer recurso potestativo de

reposición perante a conselleira de Vivenda e Solo, nos prazos establecidos no artigo 117 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou interpoñer directamente recurso contencioso-administrativo, perante o órgano xurisdicional competente, nos termos previstos no artigo 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 13º.-Obrigas.

1. A vivenda resultante das actuacións subvencionadas de entre as recollidas no punto I do artigo 3º desta disposición deberá dedicarse a residencia habitual e permanente durante polo menos 5 anos, da unidade familiar que ocupaba a infravivenda.

2. As vivendas resultantes das actuacións recollidas no punto II do artigo 3º do devandito artigo quedarán vinculadas á solución do problema da infravivenda definido na presente disposición.

Artigo 14º.-Facultade de inspección.

1. Desde o momento da presentación da solicitude a Consellería da Vivenda e Solo poderá realizar todas as inspeccións ou comprobacións que se consideren oportunas para verificar a exactitude dos datos achegados, a execución das obras aprobadas ou o destino da subvención concedida.

2. Os concellos están obrigados a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 15º.-Garantías.

1. O incumprimento das condicións establecidas para a concesión das axudas determinará a obriga do reintegro por parte do concello beneficiario dos recursos achegados pola Consellería da Vivenda e Solo.

2. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión das axudas.

Artigo 16º.-Prazos de resolución.

De acordo co artigo 42.2º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo establecido para resolver e notificar as resolucións de concesión da subvención será de tres meses. Así mesmo, segundo o disposto no artigo 44.1º da antedita lei, vencido o prazo máximo establecido sen que se ditase e notificase a resolución, os concellos interesados poderán entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

Artigo17º.-Rexistro de axudas e subvencións.

As subvencións que se outorguen integraranse, na forma que se estableza regulamentariamente, no

Rexistro de Axudas e Subvencións, que será de acceso público.

Artigo 18º.-Compatibilidade.

Os beneficios establecidos na presente disposición:

1. Son incompatibles con calquera outra axuda con cargo aos orzamentos da Consellería de Vivenda e Solo ou do Ministerio de Vivenda, destinadas ás mesmas actuacións.

2. Non poderán concederse a aqueles concellos que, ao abeiro de calquera norma autonómica reguladora de axudas para a infravivenda rural as teñan solicitado para a mesma infravivenda nos catro exercicios inmediatamente anteriores ao da presentación da solicitude, coa excepción daqueles casos en que as solicitudes rematasen o seu procedemento sen obter ningún beneficio.

Artigo 19º.-Crédito e contía.

Poderán concederse subvencións por un importe de 890.000 A con cargo ao crédito que figure consignado para esta finalidade na aplicación 17.02.331A.760.0 do estado de gastos dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

Disposición derradeira

A presente orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 6 de xullo de 2006.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

ANEXO I

Actuacións protexibles

Rehabilitación:

A) Actuacións en elementos exteriores, segundo tipoloxía da zona:

1. Acabamentos de fachada.

2. Carpintaría exterior.

3. Cubertas.

B) Condicións estruturais-seguridade.

4. Elementos estruturais e construtivos

5. Adecuación ou realización de instalacións en xeral.

6. Mellora das condicións de illamento en xeral.

7. Medidas de seguridade (incendios, sinistros, etc.).

8. Acabamentos de elementos comúns.

C) Habitabilidade.

9. Mellora no programa funcional das vivendas, tendo presente os posibles elementos de valor patrimonial.

10. Adecuación das dimensións da vivenda e as estancias.

11. Mellora na funcionalidade das diferentes instalacións. En xeral, obras dirixidas a adecuar as condicións hixiénico-sanitarias.

12. Condicións de ventilación, iluminación e aireación. En xeral, acondicionamento e mellora do comportamento higro-térmico, illamentos e estanquidade da vivenda.

14. Mellora das condicións construtivas tendo en conta o tipo construtivo de partida.

D) Condicións de protección patrimonial.

15. Melloras do volume externo.

16. Melloras de elementos singulares.

E) Accesibilidade. Outras actuacións.

18. Adaptación da vivenda ou do edificio para uso de persoas con discapacidade.

19. Supresión de elementos engadidos.

20. Acabamentos interiores.

Nestas actuacións, para o caso de que o promotor sexa distinto do concello, será necesaria a licenza municipal de obras.

Renovación:

1. Reforzo ou substitución parcial de elementos estruturais, quedando excluídas as reconstrucións totais de casas en ruína física como consecuencia de demolición ou baleirados da edificación primitiva.

2. Readaptación da configuración arquitectónica interior do edificio con adecuacións significativas dos seus elementos fixos ou estruturais, en actuacións de ampliación do espazo habitable dentro dos límites da edificación existente. Quedan excluídas todas as actuacións en vivendas, con ampliacións que supoñan aumento ou modificación do volume da edificación primitiva, feitas cunha antigüidade inferior aos 20 anos.

3. As obras en edificacións que só permiten a conservación de elementos illados da edificación primitiva, incorporándoos á edificación de nova planta.

4. Ampliación da vivenda.

No caso das actuacións recollidas nos puntos 1, 2 e 4 que leven aparelladas actuacións de rehabilitación, presentarase un só orzamento global, debidamente desagregado e o conxunto considerarase como actuación de renovación.

Para todas as actuacións de renovación será requisito, ademais da licenza municipal para o caso de que o promotor sexa distinto do concello, o correspondente proxecto así como o compromiso de dirección de obra asinado polo técnico competente que, ademais das calidades técnicas e de seguridade das obras garantirá os requisitos do artigo 3º III da presente disposición.