DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Venres, 14 de xullo de 2006 Páx. 11.349

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE E DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE

RESOLUCIÓN do 16 de xuño de 2006 pola que se convocan as probas para a obtención do certificado de capacitación para o adestramento de cans no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Decreto 90/2002, do 28 de febreiro, polo que se regula a tenza de animais potencialmente peri-

gosos na Comunidade Autónoma de Galicia e se crean os rexistros galegos de Identificación de Animais de Compañía e Potencialmente Perigosos e de Adestradores Caninos dedica o seu capítulo IV á regulación do adestramento.

Con data 24 de outubro de 2002 publícase no Diario Oficial de Galicia nº 206 a Orde do 16 de outubro de 2002 pola que se determinan os títulos que habilitan para a expedición directa do certificado de capacitación para o adestramento, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia. Esta orde establece no seu anexo os títulos que se estiman suficientes para a expedición directa do certificado de capacitación para o adestramento, en consideración a que presupoñen a superación de probas ou son expedidos por organismos públicos ou institucións de recoñecida solvencia na materia. Os interesados que reúnan os requisitos de titulación presentarán perante a Dirección Xeral de Conservación da Natureza a documentación relacionada no artigo 14 punto 2º do Decreto 90/2002, á que xuntarán o documento acreditativo da titulación posuída. Tras o exame e comprobación da documentación achegada, o director xeral de Conservación da Natureza expedirá o certificado de capacitación para o adestramento.

Nos demais casos, os solicitantes deberán someterse a unha proba que será avaliada por unha comisión nomeada para o efecto polo director xeral de Conservación da Natureza. A proba versará sobre os contidos do programa que figura no anexo VII do Decreto 90/2002 e terá por obxecto comprobar os coñecementos teóricos e prácticos dos solicitantes. A superación desta proba é requisito previo e indispensable para a expedición do certificado de capacitación.

En virtude da citada competencia,

RESOLVO:

Convocar as probas para a obtención do certificado de capacitación para o adestramento de cans no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, con suxeición ás seguintes:

Bases da convocatoria

Primeira.-Obxecto da convocatoria.

O obxecto da convocatoria é a determinación das probas que deben superarse para a obtención do certificado de capacitación para o adestramento de cans no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Segunda.-Requisitos dos aspirantes.

Para ser admitidos á realización das probas, os aspirantes deben reunir, de conformidade co disposto no artigo 14.2º do Decreto 90/2002, os seguintes requisitos:

a) Ser maior de idade.

Acreditarase mediante copia autenticada do DNI ou do pasaporte.

b) Non estar incapacitado física nin psiquicamente.

Acreditarase mediante o certificado de capacidade física e aptitude psicolóxica, expedido para a tenza de animais potencialmente perigosos, polo director dun centro médico-psicotécnico debidamente acreditado.

c) Falta de antecedentes penais por delitos de homicidio, lesións, torturas, contra a liberdade, ou contra a integridade moral, a liberdade sexual e a saúde pública, de asociación con banda armada ou de narcotráfico.

Acreditarase mediante o certificado negativo correspondente.

d) Ausencia de sancións por infraccións en materia de protección animal ou en materia de tenza de animais potencialmente perigosos.

Acreditarase mediante certificado negativo expedido por calquera das delegacións provinciais da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

e) Antecedentes e experiencia acreditada durante un mínimo de 5 anos.

Acreditarase mediante o curriculum vitae e os correspondentes certificados que os demostren.

f) De ser o caso, dispoñibilidade de instalacións e aloxamentos axeitados desde o punto de vista hixiénico-sanitario, de protección animal e de seguridade cidadá, que deberán reunir as condicións sinaladas no artigo 15 do Decreto 90/2002.

Acreditarase mediante copia autenticada do certificado de rexistro do establecemento en que se efectúa a actividade de adestramento.

g) Compromiso de cumprimento de normas de manexo e de comunicación de datos.

Este requisito acreditarase mediante declaración xurada do solicitante.

Estes requisitos deberán posuírse no día de finalización do prazo de presentación de solicitudes.

Terceira.-Solicitudes e documentación.

Os aspirantes deberán solicitar a súa admisión ás probas mediante instancia dirixida ao director xeral de Conservación da Natureza da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, segundo o modelo que figura no anexo VI do Decreto 90/2002. Esta instancia irá acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos, especificada na base segunda.

As solicitudes presentaranse no rexistro central da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, no das súas delegacións provinciais ou nos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992,

do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

Cuarta.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo de presentación de solicitudes para a realización dos exames será dun mes, que comezará a contar o día seguinte ao da publicación desta resolución no DOG.

As solicitudes presentadas con anterioridade a esta resolución serán igualmente válidas, sempre que cumpran coas condicións especificadas na base terceira.

Quinta.-Admisión de solicitudes.

Terminado o prazo de presentación de solicitudes a lista provisional de admitidos e excluídos publicarase na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible (http://medioambiente.xunta.es/).

Os aspirantes excluídos, así como os que non figuren na relación de admitidos e excluídos, disporán de dez días hábiles, contados a partir do día seguinte ao da publicación, para a emenda de defectos.

Sexta.-Tribunal cualificador.

O tribunal cualificador das probas será designado por resolución do director xeral de Conservación da Natureza, que se publicará no DOG. Nesta resolución fixarase, así mesmo, a data e o lugar de realización das probas.

Sétima.-Desenvolvemento dos exames.

Os exámenes estarán constituídos por un exercicio teórico por escrito e un exame práctico con cans seleccionados pola Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

O exame teórico será tipo test, por escrito, consistente na resolución de preguntas propostas polo tribunal conforme o seguinte programa:

A) Cinoloxía:

1. Historia dos cans.

Antepasados do can:

-Cynodictis.

-Tomarctus.

-Canis familiaris palustris.

-Canis familiaris intermedius.

-Canis familiaris metris optimae.

-Canis familiaris leineri.

-Canis familiaris inostranzewi.

2. Bases da aprendizaxe canina:

Definición e clases de cada un dos seguintes puntos:

-Instintos.

-Instinto de caza.

-Instinto de supervivencia.

-Comportamentos instintivos.

-Impulsos.

-Reflexos.

-Condicionamentos.

-Condicionamento clásico.

-Condicionamento instrumental.

3. Bases do comportamento canino.

Como se manifestan os seguintes comportamentos:

-Comportamento investigativo.

-Comportamento alelomimético.

-Comportamento epimelético.

-Comportamento et-epimelético.

-Comportamento eliminativo.

-Comportamento conflitivo ou agonístico.

-Comportamento sexual.

-Comportamento inxestivo.

-Comportamento contactual.

4. Principios básicos do adestramento canino.

-Coñecementos prácticos.

-Repetición.

-Paciencia.

-Eloxios.

-Corrección.

5. Técnicas de modificación de conduta.

-Extinción.

-Contracondicionamento.

-Castigo.

-Insensibilización.

-Desbordamento ou saturación.

6. O estado mental e emocional do can.

-As emocións.

-O medo.

-A frustración.

-Neurose.

-Intelixencia.

-Disposición.

-Motivación.

-Enerxía.

-Sensibilidade (graos).

7. Sistemas de aprendizaxe.

Factores que afectan a aprendizaxe:

-Extinción.

-Xeneralización.

-Discriminación.

-Reforzos básicos ou primarios.

-Reforzos de segunda orde.

-Alteracións comúns da conducta.

-Temor á xente.

-Temor aos ruídos.

-Hiperactividade.

-Sobreactividade ou hipercinesia.

-Ansiedade por separación.

-Problemas de evacuación.

-Agresión.

-Agresión entre machos.

-Agresión por medo ás persoas.

-Agresión por dor.

-Agresión aprendida.

-Agresión pola cadela xestante.

-Agresión por invasión do territorio.

-Agresión por dominio.

B) Características físicas e morfolóxicas:

1. Clasificación oficial das razas caninas por grupos.

2. Clasificación morfolóxica das razas.

3. Coñecementos de anatomía canina.

4. Fisioloxía dos órganos dos sentidos.

5. Coñecemento das razas caninas españolas.

C) Dominio e coñecemento dos sistemas de educación:

A superación do exame teórico é requisito imprescindible para realizar o exame práctico co can, que consistirá en exercicios de obediencia. No desenvolvemento do exame práctico, os membros do tribunal poderán realizar preguntas orais aos aspirantes, que versarán sobre o contido do programa e aspectos derivados da realización da proba.

Para a realización dos exames os aspirantes deberán ir provistos do documento nacional de identidade ou documento fidedigno acreditativo da súa identidade, a xuízo do tribunal.

Oitava.-Cualificación dos exames.

Os aspirantes cualificaranse como aptos ou non aptos.

Novena.-Lista de aprobados.

O tribunal cualificador elevará á Dirección Xeral de Conservación da Natureza a relación provisional de aprobados. O director xeral de Conservación da Natureza elevará a definitiva a lista de aprobados, que se publicará na páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible.

O tribunal cualificador resolverá cantas incidencias se susciten nesta convocatoria e contra as súas resolucións poderase interpoñer recurso de alzada perante o director xeral de Conservación da Natureza.

Santiago de Compostela, 16 de xuño de 2006.

Xosé Benito Reza Rodríguez

Director xeral de Conservación da Natureza