DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Venres, 14 de xullo de 2006 Páx. 11.348

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 23 de xuño de 2006 pola que se acorda a cesión de uso dun ben moble adscrito á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ao Concello de Vilaboa.

A Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local (artigo 25.2º, letra c), así como a Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administación local de Galicia (artigos 80, 81 e 82), determina que o concello, como entidade básica da organización territorial, é a vía de participación dos seus cidadáns en diferentes materias e, entre elas, a protección civil xa que, ante unha situación de emerxencia que poida poñer en perigo a vida dos cidadáns ou as súas pertenzas, o concello será o primeiro en actuar tanto en tempo de resposta como en mobilización de recursos.

Por outra banda, e tendo en conta o marco de colaboración entre as distintas administracións públicas, cómpre cederlle ao concello de Vilaboa o uso dun ben moble adscrito a esta consellería, para ser destinado a fins de utilidade pública ou interese social.

Para tal fin, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos tramitou o expediente de cesión, de conformidade co disposto no artigo 35 bis, da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 96 bis, do seu Regulamento, aprobado polo Decreto 50/1989, do 9 de marzo, engadido polo Decreto 238/1998, do 24 de xullo.

Polo exposto e, en uso das facultades que me confiren os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1998, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Acórdase a cesión de uso a favor do concello de Vilaboa do ben moble seguinte:

Carrozaría sen motor do vehículo Nissan Terrano II matrícula 6021BG e nº de bastidor VSKKVNR20U0207100.

Artigo 2º

A cesión sinalada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) De conformidade ao establecido polos artigos 35 bis, da Lei 3/1985, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e 96 bis, do Decreto 50/1989, polo que se aproba o seu Regulamento, o ben cedido será destinado polo concello cesionario a fins de utilidade pública ou interese social, de xeito especial, á realización de tarefas da agrupación de voluntarios de protección civil no seu respectivo ámbito territorial.

b) A cesión realizarase por un período de catro anos, contados a partir da súa formalización en acta subscrita polo secretario xeral da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, sendo prorrogable por períodos sucesivos de igual duración, sempre que exista acordo expreso desta consellería, despois da petición formulada polo concello cesionario con anterioridade ao vencemento do período anterior, quedando excluída a tácita recondución.

c) O concello cesionario farase cargo dos gastos necesarios para a reparación e posta en funcionamento do dito ben, realizando tamén todas as reparacións que sexan necesarias para mantelo en bo estado de uso, sen que no momento da súa devolución á Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, poida esta ser compelida á satisfacción dos gastos realizados por ningún destes conceptos.

d) Tanto se o ben cedido non se aplicase aos fins sinalados, como se se descoidase ou utilizase con grave quebramento, ou se incumprisen as condicións do acordo, considerarase resolta a cesión e o ben reverterá á Comunidade Autónoma de Galicia, que terá dereito a percibir, logo da taxación pericial, o valor dos detrimentos ou deterioración que sufrise.

e) O concello cesionario responderá do valor do ben cedido no caso de destrución, roubo ou perda e asumirá a obriga de constituír un seguro de responsabilidade civil coa finalidade de garantir a cobertura dos danos que puidesen ocasionarse, tanto ás persoas como ás propiedades, coa utilización do ben cedido.

Artigo 3º

A devandita cesión formalizarase mediante acta subscrita polo secretario xeral desta consellería ou funcionario en que delegue, debendo constar nela o acordo de cesión e a aceptación do cesionario.

Disposición derradeira

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos, a través da Secretaría Xeral, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón nesta orde.

Santiago de Compostela, 23 de xuño de 2006.

María Carmen Gallego Calvar

Conselleira de Pesca e Asuntos Marítimos