DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Venres, 14 de xullo de 2006 Páx. 11.344

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 4 de xullo de 2006 pola que se determinan as bases reguladoras e se convocan prazas de educadores bolseiros para o centro de asistencia e educación especial Santiago Apóstolo da Coruña.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 27.23 atribúelle á comunidade autónoma a competencia exclusiva en materia de asistencia social.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, segundo a estrutura orgánica fixada polo Decreto 517/2005, do 6 de outubro, é o órgano responsable da dirección e control do desenvolvemento das funcións e competencias que, en materia de servizos sociais, lle corresponden á Xunta de Galicia.

Con esta convocatoria preténdense dotar de bolseiros para a formación e estudo no campo educativo e asistencial o centro de asistencia e educación especial Santiago Apóstolo, estes bolseiros, como contrapartida, gozarán de aloxamento e mantenza gratuítos nel durante o curso escolar 2006-2007, así como de axudas para sufragar os gastos ocasionados polo pagamento de matrícula académica e material escolar.

Neste marco xeral hai que incardinar esta orde, que ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se convocan prazas de educadores bolseiros, en réxime de concorrencia competitiva, para o centro de asistencia e educación especial Santiago Apóstolo da Coruña, dependente da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, de conformidade co establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tendo en conta as posteriores modificacións, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas que concede a Administración autonómica, e na Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade galega para o ano 2006 e na normativa de desenvolvemento, na cal se establecen os requisitos e as normas necesarias e básicas para a xestión e actividade económico-financeira, a

esta normativa, en consecuencia, adaptarase esta orde, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Na súa virtude, en uso das facultades que teño atribuídas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto da convocatoria.

Convocar a cobertura de 12 prazas de educadores-bolseiros, polo réxime de concorrencia compe

titiva previsto no artigo 22.1 da Lei xeral de subvencións, para o curso escolar 2006-2007 no Centro de Asistencia e Educación Especial Santiago Apóstolo dependente da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Artigo 2º.-Condicións dos solicitantes.

Son requisitos para participar na convocatoria:

a) Idade comprendida entre os 18 e 28 anos na data en que remate o prazo para ditar resolución.

b) Estar cursando estudos superiores, medios, de formación profesional grao superior (FP2) e/ou técnicos superiores de formación profesional, nunha facultade, colexio universitario ou escola técnica, ou ter rematados estes estudos.

c) Non ter perdido con anterioridade a condición de educador-bolseiro por causa imputable ao solicitante.

d) Non padecer enfermidade ou limitación física e psíquica que impida o desenvolvemento normal da actividade.

Artigo 3º.-Solicitudes.

Os interesados deberán presentar a súa solicitude en modelo normalizado (anexo á orde) no rexistro da Delegación Provincial da Igualdade e do Benestar da Coruña; avda. do Exército, 2, CP 15006, xunto coa seguinte documentación:

a) Fotocopia do DNI.

b) Certificación académica e, se é o caso, título académico que capacite para participar ou xustificante de que se solicitou a súa expedición.

c) Curriculum vitae do solicitante.

d) Fotocopia da tarxeta de asistencia sanitaria.

e) Declaración xurada de non desempeñar unha actividade profesional remunerada por conta propia ou allea, e de todas as solicitudes de subvencións efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou entidades privadas.

O prazo de presentación de solicitudes será dun mes contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Se a solicitude non cumpre os requisitos sinalados, requirirase o interesado para que, no prazo de dez días, emende a falta ou xunte os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, terase por desistido da súa petición, logo da resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 4º.-Dereitos dos adxudicatarios.

1. A concesión da bolsa comporta aloxamento e mantenza gratuítos no centro desde o 1 de setembro de 2006 ata o 30 de xuño de 2007. O aloxamento será de tal xeito que lle permita ao bolseiro a normal realización dos seus estudos.

2. O pagamento por parte da vicepresidencia de ata 170 A para gastos de matrícula, logo da xustificación do correspondente gasto.

3. O pagamento por parte da vicepresidencia de ata 100 A para adquisición de libros relacionados cos estudos cursados polos bolseiros nas condicións fixadas na alínea 2.

4. O pagamento pola vicepresidencia da contía de 70 A mensuais, logo da certificación pola dirección do centro dos estudos e formación adquirida.

5. Ao rematar a estadía no centro, seralles entregado un diploma acreditativo pola Dirección Xeral de Acción Social, logo do informe favorable do director do centro das prácticas realizadas.

Artigo 5º.-Duración da bolsa.

A duración da bolsa será do 1 de setembro de 2006 ao 30 de xuño de 2007.

Valorarase a colaboración e a formación adquirida en temas de discapacidade polo bolseiro mediante informe emitido polos responsables do centro.

Artigo 6º.-Financiamento.

O gasto financiarase con cargo á aplicación orzamentaria 05.31.212D.485.0 por un importe máximo de 11.640 A, desagregado por anualidades do seguinte xeito:

-Ano 2006: 6.600 A.

-Ano 2007: 5.040 A.

Artigo 7º.-Obrigas dos bolseiros.

1. A condición de educador-bolseiro obriga a este nos termos previstos no artigo 14.1 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 78.4 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, coa excepción do cumprimento da obriga de xustificación a que se refire o artigo 78.4 c), de acordo co disposto na Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006 e, especialmente, a realizar as tarefas de colaboración que a dirección do centro lle encomende en relación co estudo e formación sobre a atención dos acollidos nel, en horas de actividade extraescolar, fundamentalmente en fins de semana

e festivos, de tal xeito que resulten compatibles co aproveitamento académico do propio bolseiro e redunden na súa formación adquirindo ou ampliando coñecementos sobre temas relacionados coas persoas con discapacidade.

2. Os bolseiros teñen a obriga de facilitar por escrito toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

3. Antes do derradeiro pagamento os educadores-bolseiros presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou das entidades vinculadas ou dependentes. En todo caso. a concesión da bolsa é incompatible con calquera outra axuda para aloxamento e mantenza.

Artigo 8º.-Procedemento de selección.

1. Unha vez presentadas as solicitudes ou emendadas, de ser o caso, remitiranse á Comisión de valoración, presidida polo secretario provincial da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, sendo vogais dous funcionarios, designados pola delegada provincial, o director do centro e o xefe de internado, que se rexerá no seu funcionamento polo disposto no capítulo II do título II da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, que examinará as solicitudes, valorando os seguintes datos:

-Ter sido educador-bolseiro dalgún centro dependente desta vicepresidencia (de 0 a 40 puntos).

-Experiencia en animación sociocultural e deportiva (de 0 a 30 puntos).

-Expediente académico, dando prioridade os solicitantes que estean cursando ou teñan finalizado os estudos de: psicoloxía, pedagoxía, psicopedagoxía, profesorado de educación primaria, enfermaría, educación social, estimulador, fisioterapia, terapia ocupacional, logopedia, psicomotricidade, monitor ocupacional, técnicos superiores en integración social e educación infantil (FP) (de 0 a 30 puntos).

2. A Comisión confeccionará unha lista das solicitudes recibidas, elevando a proposta de adxudicación ou denegación á delegada provincial, antes de que pasen vinte días naturais, contados a partir do seguinte a aquel en que remate o prazo para presentar as instancias. A proposta de adxudicación poderá incluír a adxudicación de todas as bolsas, de parte delas ou de ningunha.

3. Correspóndelle á delegada provincial da Igualdade e do Benestar, por delegación do Vicepresidente e logo da fiscalización da Intervención, a competencia para a adxudicación das bolsas, mediante resolución que se comunicará tanto ao centro como a todos os solicitantes. O prazo para notificar a resolución expresa será ata o 31 de agosto. Se no devandito prazo non se ditase resolución expresa, entenderase que quedan desestimadas as solicitudes presentadas.

A resolución establecerá os bolseiros adxudicatarios e suplentes por orde de puntuación. Estes últimos serán chamados automaticamente e pola orde establecida, cando por algunha circunstancia algún dos adxudicatarios non acreditase os requisitos e condicións de adxudicación, non puidese formalizar a aceptación da bolsa ou, unha vez iniciadas as actividades, non continuase na execución delas.

4. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, e en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

5. As resolucións ditadas en relación con estas prazas poñerán fin á vía administrativa podendo interpoñer contra elas recurso potestativo de reposición, no prazo dun mes contado a partir da data da notificación da resolución, ante o mesmo órgano que as ditou ou ser impugnadas directamente ante a orde xurisdicional contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados, así mesmo, desde a data da notificación.

Os seleccionados terán de prazo ata o 1 de novembro de 2006 para presentar a documentación requirida para o efecto pola Delegación Provincial da Coruña (datos da conta e entidade bancaria e xustificantes da matrícula e libros). A mora motivará que non se proceda ao aboamento correspondente, agás acreditación suficiente de imposibilidade de presentación en prazo.

Artigo 9º.-Natureza da relación bolseiros-Administración.

A solicitude da bolsa e a súa posterior aceptación, no caso de adxudicación, implicarán a aceptación do disposto nesta orde.

Os seleccionados adquirirán exclusivamente a condición de bolseiros, sen ningunha outra relación laboral ou administrativa.

Artigo 10º.-Revogación ou interrupción no desfrute das bolsas.

A delegada provincial, logo dos informes pertinentes, tras a audiencia ao interesado e motivando a resolución procederá á revogación da resolución

de outorgamento das bolsas nos casos previstos no artigo 78.10 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como cando os adxudicatarios:

a) Incumprisen as condicións, obrigas e incompatibilidades previstas nos artigos 2º e 7º desta orde.

b) Incorresen en ausencias reiteradas e inxustificadas.

c) Incumprisen a disciplina do centro.

O suposto de revogación obrigará o adxudicatario a reintegrarlle ao Tesouro Público as cantidades percibidas ata o momento de acordarse aquela.

No caso de interrupción do desfrute da bolsa, por vontade do bolseiro, a delegada provincial, apreciando as circunstancias concorrentes, resolverá se procede exixir a devolución total ou parcial das cantidades aboadas, ou suspender ou anular os pagamentos pendentes.

Os adxudicatarios quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Disposición adicional

Única.-Apróbase a delegación de competencias na delegada provincial da Igualdade e do Benestar da Coruña, ao abeiro do establecido no artigo 78 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das subvencións previstas nesta orde, autorizar e dispoñer os gastos, así como o recoñecemento das obrigas e a proposta dos pagamentos, en relación co disposto no artigo 73.a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Acción Social para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2006.

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar