DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 136 Venres, 14 de xullo de 2006 Páx. 11.338

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

DECRETO 111/2006, do 30 de xuño, de subvencións para a rehabilitación e adaptación de edificios de vivendas de protección oficial de promoción pública.

O incentivo das actuacións de reparacións nos edificios de vivendas de promoción pública mediante subvencións ás comunidades de propietarios/as considérase un obxectivo necesario dirixido a colectivos

cunha maior dificultade para acometer as obras necesarias de adecuación e adaptación dos seus edificios ás novas necesidades de funcionalidade que polo transcurso do tempo se foron producindo. O presente decreto adáptase ao novo réxime xurídico introducido pola entrada en vigor da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e as recentes modificacións do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobada polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e demais normativa de aplicación.

Na súa virtude, por proposta da conselleira de Vivenda e Solo e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día trinta de xuño de dous mil seis,

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxecto acordar as bases reguladoras da concesión de subvencións á rehabilitación e adaptación dos edificios de vivendas de promoción pública.

Artigo 2º.-Actuacións subvencionables.

As actuacións nestes edificios referiranse ás modalidades que se definen a continuación:

1. Adecuación estrutural do edificio: obras que proporcionen ao edificio condicións de seguridade construtiva de xeito que garantan a súa estabilidade, resistencia e solidez.

2. Adecuación funcional: obras que proporcionen ao edificio condicións suficientes respecto de accesos, estanquidade fronte á choiva e á humidade, redes xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, servizos xerais e seguridade fronte a accidentes e sinistros, supresión de barreiras arquitectónicas e instalación de calefacción, adecuando estes á normativa técnica aplicable con posterioridade á terminación do edificio. Tamén se considerarán incluídas neste punto todas aquelas outras que teñan por obxecto a redución do consumo enerxético, illamento térmico e acústico, tanto na súa envolvente como na mellora das instalacións, mediante actuacións que optimicen o funcionamento das existentes como aqueloutras que incorporen novas tecnoloxías conducentes ao dito obxectivo.

Artigo 3º.-Beneficiarias.

Poderán solicitar as subvencións previstas neste decreto as comunidades de propietarios/as de vivendas de promoción pública que cumpran as seguintes condicións:

1. Que o edificio teña unha antigüidade superior a 10 anos, ou aqueloutros que, non posuíndoa, xustifiquen debidamente a urxencia da actuación e sexa tida en consideración pola comisión de valoración.

2. Que as comunidades beneficiarias non obtivesen, nos dez anos inmediatamente anteriores ao da convocatoria, outra axuda concedida polo Instituto Galego da Vivenda e Solo para a realización de obras polo mesmo concepto.

3. Que os edificios que vaian ser rehabilitados para obter a adecuación funcional, dispoñan xa da adecuación estrutural ou vaian acadala simultaneamente.

Artigo 4º.-Contía da subvención.

As subvencións que se concedan rexeranse, no seu réxime de concesión, polo procedemento de concorrencia competitiva, polo que non será suficiente para a obtención da axuda reunir todos os requisitos exixidos pola convocatoria, senón que será necesario tamén obter un número de orde segundo a puntuación obtida no baremo establecido na resolución de convocatoria, que o sitúe incluído nas disposicións orzamentarias dispoñibles.

Na resolución de convocatoria anual que desenvolverá este decreto consignarase a porcentaxe que fixará a contía da subvención en función do tipo da actuación que se vaia realizar, a aplicación orzamentaria á que se aplicará o procedemento así como as anualidades destinadas en cada exercicio orzamentario.

Artigo 5º.-Orzamento protexible.

Para os efectos deste decreto, o orzamento protexible sobre o que se calculará a contía da subvención estará integrado polo custo real das obras determinado polo prezo total de execución destas, os honorarios facultativos e os tributos satisfeitos por razón das actuacións.

En ningún caso serán subvencionables os impostos indirectos cando sexan susceptibles de recuperación ou compensación.

En todo caso, establécense como prezos máximos para a redacción do orzamento de execución material os das distintas partidas da base de datos da construción de Galicia vixentes no momento da apertura do prazo de presentación de solicitudes e, para as partidas non definidas, determinaranse os rendementos por asimilación a outras partidas, ou, se é o caso, aqueloutros que debidamente se xustifiquen e sexan conformados polos servizos técnicos do IGVS.

Artigo 6º.-Compatibilidade das subvencións.

As subvencións establecidas nesta disposición serán compatibles con outras, calquera que fose a súa natureza e a Administración ou entidade que as conceda, sempre que o importe total das subvencións concedidas non supere o custo total da actuación.

Artigo 7º.-Obrigas das comunidades beneficiarias.

As comunidades beneficiarias destas subvencións deberán cumprir cos requisitos e obrigas establecidos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime

financeiro e orzamentario de Galicia, modificado polo artigo 12 da Lei 14/2004, polo que se adapta a normativa autonómica á Lei estatal 38/2003, do 17 de decembro, xeral de subvencións, entre as que se atopan:

1º. Realizar as obras e, no seu momento, acreditar a súa execución, segundo o proxecto aprobado e nos prazos dispostos na resolución de concesión da subvención;

2º. Someterse ás actuación de comprobación e inspección que polo IGVS sexan consideradas pertinentes ao longo do proceso de execución, e

3º. Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos destinados á execución das obras.

O incumprimento das condicións establecidas para o outorgamento da subvención levará consigo, ademais das sancións que puidesen corresponder, o reintegro da axuda percibida incrementada co xuro legal correspondente desde o seu aboamento.

Capítulo II

Procedemento de concesión das subvencións

Artigo 8º.-Órganos competentes para a instrución e resolución do procedemento de concesión da subvención.

1. Corresponderalle ás áreas provinciais do IGVS a instrución dos procedementos.

2. Co obxecto de realizar a selección das comunidades beneficiarias constituirase unha comisión de valoración que terá a seguinte composición:

Presidencia: o/a xerente do IGVS.

Vogais:

-O/a director/a técnico de Construcións.

-O/a director/a técnico de Xestión Patrimonial.

-O/a xefe/a de Servizo de Xestión Financeira.

-O/a xefe/a de Servizo de Programación, Xestión de Investimentos e Apoio Administrativo.

-O/a xefe/a da Oficina Técnica dos servizos centrais do IGVS.

-Os/as delegados/as provinciais da Consellería de Vivenda e Solo.

Secretario/a: unha funcionario/a designado/a para tal efecto polo IGVS.

3. En virtude do artigo 78.3º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, o/a presidente/a do Instituto Galego de Vivenda e Solo resolverá respecto da concesión ou denegación das subvencións solicitadas.

Artigo 9º.-Presentación de solicitudes.

A Consellería de Vivenda e Solo publicará unha resolución de convocatoria anual deste decreto na que se determinará o prazo de presentación de solicitudes, o modelo ao que se axustarán, a documentación que os solicitantes deberán achegar e o crédito dispoñible.

Artigo 10º.-Emenda das solicitudes.

A solicitude e a documentación presentadas serán examinadas pola área provincial do IGVS que corresponda. Se non reunisen os requisitos exixidos ou non se acompañasen os documentos preceptivos, requiriranse os solicitantes para que, de conformidade co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, nun prazo de dez días contados desde o seguinte ao da recepción da notificación, emenden a falta ou acompañen os documentos preceptivos, coa indicación de que, de non facelo así, teráselles por desistidos da súa petición, logo de resolución do delegado/a provincial da Consellería de Vivenda e Solo, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42.1º da referida lei.

Do mesmo xeito, o delegado/a provincial da Consellería de Vivenda e Solo que corresponda por razón do territorio, ditará resolución na que se acordará a inadmisión a trámite daquelas solicitudes que se presenten fóra de prazo.

As ditas resolucións deberán ser notificadas aos interesados nos termos previstos no artigo 59 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Artigo 11º- Criterios de selección de beneficiarios.

As solicitudes aceptadas valoraranse de acordo cos criterios de baremación que a continuación se sinalan por orde decrecente de importancia, con suxeición estrita ás dispoñibilidades orzamentarias da convocatoria:

-Obras de adecuación estrutural: ata un máximo de 9 puntos.

-Obras de adecuación funcional:

-Seguridade fronte a accidentes, sinistros, estabilidade de elementos de fachada, ou obras consideradas de emerxencia respecto doutros elementos funcionais: ata un máximo de 8 puntos.

-Condicións de estanquidade fronte á choiva, humidade e illamento térmico: ata un máximo de 6 puntos.

-Medidas tendentes ao aforro enerxético tanto na envolvente do edificio como na mellora das instalacións e implantación de novas tecnoloxías: ata un máximo de 5 puntos.

-Supresión de barreiras arquitectónicas e outras medidas que fomenten a accesibilidade: ata un máximo de 4 puntos.

-Redes xerais de auga, gas, electricidade, telefonía, saneamento, calefacción e servizos xerais: ata un máximo de 4 puntos.

-Antigüidade da edificación desde a entrega das vivendas:

-Máis de 20 anos: ata un máximo de 2 puntos

-Ata 20 anos: ata un máximo de 1 punto

Nos casos de igualdade de puntuación a orde de prelación será con base á urxencia das obras que

se vaian realizar, que será apreciada pola comisión de valoración.

Artigo 12º.-Fase de instrución.

Recibidas as solicitudes, admitidas estas a trámite, e realizados, se é o caso, os requirimentos de emenda e aclaracións pertinentes, nas áreas provinciais do IGVS á vista da documentación presentada e logo das comprobacións e inspeccións que se consideren oportunas, elaborarán os seguintes informes:

-Un informe de carácter técnico no que se baremará a tipoloxía das actuacións requiridas cunha valoración da necesidade das reparacións solicitadas, a aptitude da solución técnica aplicable, o prazo máximo de execución e o orzamento de actuación. Cando unha comunidade de propietarios/as solicite diferentes obras de rehabilitación, estas valoraranse individualmente en función do tipo de actuación de que se trate, de tal xeito que poida aprobarse soamente unha das obras solicitadas;

-Doutra banda as unidades de xestión patrimonial emitirán informe sobre aqueles aspectos da súa competencia e referidos á comunidade solicitante, nos que conste identificación do grupo, relación de adxudicatarios, réxime de adxudicación, estado de amortización e pagamentos, así como, naqueles casos en que o IGVS sexa propietario de vivendas, os cálculos correspondentes aos coeficientes de participación que lle correspondan para os efectos de contribución nos gastos da actuación como copropietario.

Os informes remitiranse á comisión de valoración para o seu estudo e análise.

Artigo 13º.-A comisión de valoración.

O funcionamento da comisión de valoración axustarase ao réxime establecido para os órganos colexiados na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, debendo emitir un informe-proposta no que se concrete o resultado da avaliación efectuada, sobre o que se fundamentará a concesión ou denegación da axuda.

A comisión de valoración, motivadamente, poderá requirir dos solicitantes das subvencións a información ou documentación adicional que teña fundamental relevancia para unha mellor avaliación das solicitudes e, á vista dos informes das áreas provinciais do IGVS, do crédito orzamentario dispoñible e da puntuación acadada, elevará a proposta de selección dos expedientes presentados ao/á presidente/a do IGVS.

Artigo 14º.- Aprobación provisional das comunidades beneficiarias.

Á vista da proposta da comisión de valoración o presidente/a do IGVS resolverá aprobando provisionalmente os expedientes seleccionados.

A resolución aprobatoria comprenderá a puntuación acadada polo expediente e a porcentaxe de subvención que se conceda. Esta resolución poderá aprobar parcialmente unha solicitude de actuación

concedendo, polo tanto, subvencións soamente para algún tipo de obra das solicitadas.

A aprobación provisional establecerá expresamente a obriga da presentación no prazo de dous meses da seguinte documentación:

-Proxecto de execución de obras redactado por técnico competente. No caso que o concello determine que pola natureza ou características das obras non sexa preciso presentar proxecto deberá ser acreditado tal extremo expresamente pola entidade local.

-Licenza de obras ou xustificante da súa solicitude ante o concello.

-Orzamento da empresa construtora encargada da execución das obras.

-Se é o caso, atendendo á normativa vixente, contrato de dirección de obras.

A non achega no prazo indicado da documentación requirida levará consigo a perda das subvencións, en favor do seguinte solicitante por orde de puntuación.

Transcorrido o prazo previsto e analizada a documentación achegada, os servizos técnicos da Área Provincial do IGVS elevarán informe sobre os expedientes correspondentes á súa provincia ao delegado/a provincial da Consellería de Vivenda e Solo, o que fundamentará unha proposta de resolución definitiva que resolverá o/a presidente/a do IGVS.

As propostas de resolución provisional e definitiva non crearán dereito ningún a favor da comunidade beneficiaria proposta fronte á Administración ata que non se lle teña notificado a resolución de concesión.

Artigo 15º.-Aprobación definitiva das comunidades beneficiarias.

A resolución de aprobación definitiva comprenderá a puntuación acadada polo solicitante, a porcentaxe e contía de subvención que se concede e o prazo fixado no proxecto de execución das obras. Poderá aprobarse parcialmente unha solicitude de actuación, concedendo, polo tanto, subvencións soamente para algún tipo de obras das solicitadas.

O prazo máximo para resolver e notificar a resolución definitiva, denegatoria ou aprobatoria, será de catro meses contados a partir do día seguinte ao da finalización do prazo de presentación de solicitudes sen prexuízo, de ser o caso, da aplicación das normas de suspensión recollidas no parágrafo 42.5 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Transcorrido o dito prazo sen terse ditado e notificado resolución expresa, entenderase desestimada a solicitude por silencio administrativo, de conformidade co establecido no artigo 42.2º do mesmo texto legal.

A resolución notificaráselles aos interesados no prazo de dez días conforme o establecido na devandita lei.

Unha vez ultimada a concesión das subvencións publicaranse no Diario Oficial de Galicia a relación das concedidas con indicación da comunidade de propietarios/as beneficiaria, contía e finalidade da subvención.

Artigo 16º.-Recursos.

As resolucións que recaian nos procedementos que se regulan neste decreto poderán ser recorridas, potestativamente, en reposición ante o/a presidente/a do Instituto Galego de Vivenda e Solo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación. Se non fose acto expreso o prazo será de 3 meses desde o día seguinte ao que se produza o acto presunto.

Transcorridos os prazos de interposición ou desestimado o recurso de reposición potestativo unicamente poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo.

Artigo 17º.- Execución da obra.

As obras executaranse con estrita suxeición ao proxecto de execución redactado e seguindo as instrucións que, en interpretación desta, dea a dirección das obras contratada para o efecto, debendo, de ser o caso, comunicarlle ao IGVS as modificacións introducidas no proxecto durante a execución das obras.

Os incrementos de orzamento, incluídos os debidos ás modificacións dos proxectos, en ningún caso será obxecto de subvención.

Os decrecementos de orzamento, incluídos os debidos ás modificacións do proxecto, provocarán unha diminución do importe da subvención, que será o resultado de aplicar a porcentaxe da subvención aprobada en función do tipo de actuación ao novo orzamento protexible.

As prórrogas sobre o prazo inicialmente aprobado na resolución definitiva deberán ser solicitadas polo director das obras aos técnicos da delegación provincial do IGVS e requirirán da súa aprobación previa. De supoñer cambio de anualidade orzamentaria deberán ser comunicadas ao Servizo de Programación, Xestión de Investimentos e Apoio Administrativo da Dirección Técnica de Construcións para proceder ao seu reaxustamento orzamentario.

Artigo 18º.-Control.

O IGVS fará un seguimento puntual da execución das obras, debendo comprobar a súa realización, unha vez certificada pola dirección facultativa contratada con carácter previo ao seu pagamento.

As comunidades beneficiarias, ademais das obrigas establecidas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificada pola Lei autonómica 14/2004, do 20 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, quedan sometidas á obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polo IGVS, así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas ou o Consello de Contas, no exercizo das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Toda alteración das condicións que se tivesen en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de axudas ou subvencións outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 19º.-Pagamento da subvención.

1. O pagamento das subvencións concedidas efectuarase unha vez rematadas as obras. Para tal fin a comunidade de propietarios/as deberá presentar o correspondente certificado de fin de obra asinado pola dirección facultativa, sinalando que as obras foron executadas conforme o proxecto aprobado, acompañado das facturas emitidas pola empresa que realizou as obras, os tributos satisfeitos e os honorarios facultativos. O pagamento realizarase mediante transferencia bancaria.

Será requisito inescusable que, previo ao pagamento do IGVS da contía prevista da subvención, á comunidade de propietarios/as acredite o pagamento á empresa encargada das obras da porcentaxe que lle corresponde sobre o orzamento total destas.

Cando a comunidade de propietarios/as desexe proceder á cesión do seu crédito a favor do contratista, esta deberá efectuarse de conformidade co que establece o artigo 347 do Código de comercio e os artigos 1526 e 1527 do Código civil, con intervención de fedatario público.

2. Cando o importe da subvención supere a cifra de 30.050 A poderanse efectuar pagamentos parciais a conta da liquidación sempre que concorran os requisitos e as circunstancias seguintes:

a) Que a comunidade de propietarios/as o solicite.

b) O importe que se pode satisfacer por pagamentos parciais non poderá exceder en ningún caso da anualidade prevista en cada exercicio orzamentario de que se trate, nin tampouco superar o 80% do total da subvención concedida.

c) Para a concesión de pagamentos parciais será necesario que a comunidade beneficiaria da subvención acredite xa ter aplicado ao proceso investidor recursos propios na mesma proporción que representa o pago parcial respecto da subvención concedida, xustificando debidamente os pagos realizados.

d) Os pagamentos parciais quedan condicionados ao resultado da liquidación definitiva da subvención e para estes efectos, estarán garantidos con aval bancario ou de entidade aseguradora que se considere suficiente e por tempo indefinido. Este aval estará á disposición do IGVS e soamente poderá levantarse unha vez que a subvención se liquide definitivamente de conformidade ou que se xustifique o cumprimento da finalidade e o pagamento do investimento para o que a subvención foi concedida. O aval garantirá o principal e os xuros calculados polo xuro legal do diñeiro e por un prazo que medie entre

a data da solicitude e o último día no que, de acordo coas normas de concesión da subvención, esta debe estar xustificada.

No caso de que se autoricen os pagamentos parciais, a comunidade de propietarios/as presentará mensualmente as correspondentes certificacións de obra executada coa conformidade da dirección de obra.

En todo caso o importe das primeiras certificacións de obra, ata acadar o orzamento que debe ser asumido polos propietarios/as, será aboado pola comunidade, quen deberá presentar no IGVS os oportunos xustificantes de pagamento das ditas cantidades.

A partir dese momento, respectando os límites recollidos no parágrafo primeiro deste punto, as certificacións serán aboadas polo IGVS á comunidade de propietarios/as quen deberá inmediatamente facer efectivo o pagamento á empresa contratada.

O importe restante da subvención librarase unha vez rematadas as obras, tras a presentación por parte da comunidade de propietarios/as do certificado final de obra asinado pola dirección facultativa, sinalando que estas foron executadas conforme o proxecto aprobado, acompañado de facturas emitidas pola empresa que realizou as obras, os tributos satisfeitos e os honorarios facultativos.

3. En todo caso antes do derradeiro pagamento o presidente da comunidade deberá presentar unha declaración das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para este proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Artigo 20º.-Réxime xurídico.

En todo o non previsto neste decreto haberá que aterse ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada parcialmente pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (e sucesivas modificacións), polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentaria de Galicia, así como no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Capítulo III

Vivendas propiedade do IGVS

Artigo 21º.-Vivendas do IGVS.

Cando nun edificio de vivendas existan vivendas vacantes, vivendas adxudicadas en réxime de alugamento ou acceso diferido á propiedade, sempre que neste último caso non transcorrese o prazo establecido para a amortización da vivenda polo adxudicatario, o IGVS asumirá a contía que proporcionalmente lle corresponda a estas vivendas en función da súa cota de participación establecida na escritura da división horizontal.

Para estes efectos terase en conta o réxime no que se atopen as vivendas á data da solicitude.

Non obstante, se durante a tramitación do procedemento de concesión da axuda, e antes do pagamento desta, algunha das vivendas cambiase o seu réxime a compra-venda ou, no caso de vivendas en réxime de acceso diferido á propiedade, chegasen estas últimas ao fin do prazo de amortización ou fosen amortizadas anticipadamente, será por conta do propietario a contía que lle corresponda, dando lugar a unha modificación da resolución de concesión da subvención.

O aboamento á comunidade de propietarios/as da cota correspondente ao IGVS como propietario de inmobles aplicarase ao capítulo VI dos orzamentos da comunidade autónoma.

Disposición adicional

O IGVS poderá realizar actuacións puntuais nos edificios de vivendas de promoción pública obxecto deste decreto cando, acreditada unha situación de urxencia ou de emerxencia, exista unha necesidade inminente de realizar as obras, non sendo posible demorar o seu inicio ou execución.

Nas circunstancias anteriores producidas nalgún dos expedientes aprobados definitivamente ao abeiro deste decreto, o IGVS poderá aboar o importe das obras contra certificación de obra executada.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas coa publicación deste decreto as seguintes normas:

-Decreto 239/2002, do 27 de xuño, sobre axudas de reparación de edificios de vivendas de protección oficial de promoción pública.

-Orde do 16 de decembro de 2003, modificada por Orde do 17 de xullo de 2004 de desenvolvemento do antedito decreto.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o/a presidente/a do Instituto Galego de Vivenda e Solo para ditar, no ámbito da súa competencia, as normas necesarias en desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de xuño de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo