DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 135 Xoves, 13 de xullo de 2006 Páx. 11.270

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

PRESIDENCIA

LEI 3/2006, do 30 de xuño, de creación do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia.

Preámbulo

A profesión de logopedas está regulada como unha profesión sanitaria pola Lei 44/2003, do 21 de novembro, de ordenación das profesións sanitarias, e define como funcións propias desta profesión as actividades de prevención, avaliación e recuperación dos trastornos da audición, da fonación e da linguaxe, mediante técnicas terapéuticas propias da súa disciplina.

O título universitario oficial de diplomado en logopedia vén establecido polo Real decreto 1419/1991, do 30 de agosto, e fixa as directrices xerais propias dos plans de estudos conducentes á súa obtención.

A Asociación de Diplomados Universitarios en Logopedia e a Asociación de Logopedas de España presentaron cadansúa solicitude para a creación do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 150.2 da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, co que se complementa así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29 do Estatuto de autonomía de Galicia.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia.

A Comunidade Autónoma de Galicia ditou en virtude da devandita competencia a Lei 11/2001, do 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia. De acordo co seu artigo 11, a creación de colexios profesionais, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, farase por lei do Parlamento galego e considérase oportuna e necesaria a creación dun colexio profesional, logo da apreciación por parte do Goberno autonómico do interese público respecto das actividades profesionais que engloba a logopedia, nas que o seu exercicio está condicionado á posesión do título oficial de diplomado en logopedia, que acredita a cualificación e habilita legalmente para o seu exercicio.

Coa creación do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia garántese que o exercicio da profesión de logopedas se axuste ás normas e ás regras que aseguren tanto a eficacia coma a eventual responsabilidade en tal exercicio, e xa que logo queda

así garantida a última finalidade que é a protección dos dereitos dos cidadáns.

A lei divídese nunha exposición de motivos, catro artigos titulados respectivamente obxecto, ámbito territorial, ámbito persoal e da lingua nas comunicacións, unha disposición adicional, tres disposicións transitorias e mais unha disposición derradeira.

A disposición transitoria terceira regula os supostos nos que poderán integrarse ao colexio os e as profesionais cunha titulación diferente á de diplomado universitario en logopedia e tamén as persoas que teñan titulación universitaria e acreditada experiencia.

Por todo o exposto, o Parlamento de Galicia aprobou e eu, de conformidade co artigo 13.2 (do Estatuto de Galicia e co artigo 24 da Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, promulgo en nome de El-Rei a Lei de creación do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia.

Artigo 1º.-Obxecto.

Créase o Colexio Profesional de Logopedas de Galicia como corporación de dereito público, con personalidade xurídica e capacidade de obrar plena para o cumprimento dos fins que lle son propios e o exercicio das súas funcións, desde o momento no que se constitúan os seus órganos de goberno.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

O ámbito de actuación do colexio é o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 3º.-Ámbito persoal.

1. Poderanse integrar no Colexio Profesional de Logopedas de Galicia todas aquelas persoas que estean en posesión do título de diplomado universitario en logopedia establecido polo Real decreto 1419/1991, do 30 de agosto, ou de título estranxeiro equivalente debidamente homologado, así como aquelas que se atopen nalgún dos supostos previstos na disposición transitoria terceira, logo da correspondente habilitación.

2. Será requisito para exercer como logopeda en Galicia, sen prexuízo do establecido na disposición adicional desta lei, a incorporación ao Colexio Profesional de Logopedas de Galicia cando o domicilio profesional único ou principal da persoa interesada radique no ámbito territorial desta comunidade autónoma.

Artigo 4º.-Da lingua nas comunicacións.

O colexio procurará e fomentará o uso do galego en todas as súas comunicacións, externas e internas, de acordo co establecido no Estatuto de autonomía de Galicia e na lexislación de normalización lingüística.

Disposición adicional

Quedan exceptuados da incorporación obrigatoria ao Colexio Profesional de Logopedas de Galicia os

profesionais titulados vinculados coa, administración pública mediante relación de servizos de carácter administrativo ou laboral, para o exercicio de funcións puramente administrativas ou para a realización de actividades propias da correspondente profesión por conta da Administración á que pertenzan, cando o destinatario inmediato daquelas sexa esa Administración.

Disposicións transitorias

Primeira.

As asociacións de logopedia con representación en Galicia designarán unha comisión xestora que, no prazo de seis meses a partir da entrada en vigor desta lei, elaborará e aprobará con carácter provisional uns estatutos do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia. Nos citados estatutos deberase regular a convocatoria e o funcionamento da asemblea colexial constituínte, da que formarán parte todos os profesionais que, consonte o disposto nesta lei, adquirisen a condición de colexiados.

A convocatoria da asemblea constituínte deberase anunciar, como mínimo, con vinte días de antelación no Diario Oficial de Galicia e en dous xornais dos de maior difusión de Galicia.

Segunda.

1. A asemblea constituínte, no prazo de seis meses desde a aprobación dos estatutos provisionais, elaborará e aprobará, de ser o caso, os estatutos definitivos do Colexio Profesional de Logopedas de Galicia e elixirá os membros dos órganos colexiais de goberno.

2. Os devanditos estatutos, logo de seren aprobados, xunto coa acta da asemblea constituínte, remitiránselle á consellaría competente en materia de colexios profesionais para os efectos da súa aprobación definitiva, logo da cualificación da súa legalidade, aprobación que será competencia do Consello da Xunta de Galicia e publicarase no Diario Oficial de Galicia o decreto aprobatorio e os correspondentes estatutos.

Terceira.

Poderanse integrar no Colexio Profesional de Logopedas de Galicia, de así o solicitaren dentro dos dous anos seguintes á entrada en vigor desta lei, aqueles profesionais que non estando en posesión do título de diplomado universitario en logopedia traballasen ou traballen no campo das perturbacións e patoloxías da linguaxe e da audición e se atopen nalgún dos seguintes supostos:

1. Os profesionais que acrediten o exercicio profesional no campo da logopedia polo menos durante catro anos e estean en posesión dalgunha das seguintes titulacións:

a) Título de profesor especializado en perturbacións da linguaxe e da audición, expedido polo Ministerio de Educación.

b) Diploma de especialista en perturbacións da linguaxe e da audición expedido por calquera universidade española.

2. Os profesionais que estean en posesión de titulación universitaria, licenciatura ou diplomatura, en ciencias da saúde ou educación e teñan formación específica en logopedia cunha duración non inferior de sesenta créditos e acrediten catro anos de experiencia en actividades propias da logopedia, con anterioridade á entrada en vigor desta lei.

3. Os profesionais que estean en posesión de titulación universitaria, licenciatura ou diplomatura, en ciencias da saúde ou educación e acrediten sete anos de experiencia en actividades propias da logopedia, dentro dos dez anos anteriores á entrada en vigor desta lei.

Disposición derradeira

Esta lei entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta de xuño de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente