DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 134 Mércores, 12 de xullo de 2006 Páx. 11.191

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE SANIDADE

DECRETO 110/2006, do 22 de xuño, polo que se deixa sen efecto o Decreto 282/1997, do 1 de outubro, sobre creación da medalla e placa ao mérito sanitario da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por medio do Decreto 282/1997, do 1 de outubro, creouse a medalla e placa ao mérito sanitario da Comunidade Autónoma de Galicia, para distinguir con carácter singular os esforzos que, no ámbito sanitario, viñan realizando determinadas entidades ou persoas nos campos da investigación, a colaboración ou o apoio en temas relacionados coa saúde.

A Lei 7/2003, do 9 de decembro, de ordenación sanitaria de Galicia, establece no seu artigo 6 os principios do sistema sanitario de Galicia, entre os que se inclúen a promoción da investigación básica e clínica no eido das ciencias da saúde, a defensa da cultura da excelencia, da ética profesional, da ética do servizo público e do compromiso social, ou a promoción da investigación -básica e clínicano eido das ciencias da saúde.

Estes principios expresan a vontade de que a administración do sistema sanitario leve a cabo tarefas ou funcións de fomento ou promoción, definidas tradicionalmente como aquelas dirixidas a protexer ou promover actividades, establecementos ou activos dos particulares ou doutros entes públicos, que satisfán necesidades públicas ou que se estiman de utilidade xeral.

Estas funcións aparecen formuladas nas vixentes normas xurídicas con carácter xeral e non individualizadas, incidindo na idea de centrar os esforzos na mellora colectiva, sen esquecer que esta procede das achegas plurais de cantos se relacionan ou interactúan no sistema sanitario público.

Polo tanto, segundo a formulación dos principios antes mencionados, cómpre buscar mecanismos que sirvan ou se adapten mellor a esa concepción integral do sistema sanitario, superando fórmulas de recoñecemento individualizado ou puntual, e optando por outras medidas que sirvan ou favorezan o pulo do sistema sanitario no seu conxunto.

Tendo en conta o anterior así como a proposta da conselleira de Sanidade, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do vinte e dous de xuño de dous mil seis,

DISPOÑO:

Artigo único.-Queda derrogado o Decreto 282/1997, do 1 de outubro, polo que se creou a medalla e placa ao mérito sanitario da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, vinte e dous de xuño de dous mil seis.

Emilio Pérez Touriño

Presidente

Mª José Rubio Vidal

Conselleira de Sanidade