DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 132 Luns, 10 de xullo de 2006 Páx. 11.047

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

RESOLUCIÓN do 29 de xuño de 2006, da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional, pola que se formaliza a incorporación de novos méritos polos aspirantes xa inscritos e a selección de novos aspirantes para vinculacións temporais nas institucións sanitarias do Servizo Galego de Saúde nas categorías de médicos de familia, pediatras, odontólogos, persoal de enfermaría, matronas, técnicos en coidados auxiliares de enfermaría e cociñeiros.

No pacto subscrito pola Administración sanitaria de Galicia e as centrais sindicais CIG, CC.OO., UGT, CSI-CSIF e SAE, sobre selección temporal de persoal estatutario para vinculacións temporais nas institucións sanitarias do Sergas asinado o 6 de maio de 2004, e publicado no Diario Oficial de Galicia nº 104, do 1 de xuño, establécese que unha vez publicado o pacto se formalizará e se publicará a convocatoria de aspirantes.

Esta resolución ten por obxecto formalizar a selección de novos aspirantes para vinculacións temporais das categorías de médicos de familia, pediatras, odontólogos, persoal de enfermaría (ATS/DUE), matronas, técnicos en coidados auxiliares de enfermaría e cociñeiros; así como incorporar os novos méritos que estean interesados en presentar aqueles aspirantes destas mesmas categorías, que xa figuran inscritos en virtude da convocatoria ordinaria e das sucesivas incorporacións automáticas realizadas desde a publicación do mentado pacto.

Logo do acordo do contido desta convocatoria no seo da comisión de seguimento do pacto do 4 de abril de 2006, a División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional, en uso das atribucións conferidas polo Decreto 46/2006, do 23 de febreiro (Diario Oficial de Galicia nº 56, do 21 de marzo), polo que se establece a estrutura orgánica do Servizo Galego de Saúde, e na Orde do 8 de maio de 2006 (DOG nº 99, do 25 de maio), sobre delegación de competencias en órganos centrais e periféricos do Servizo Galego de Saúde, esta división

RESOLVE:

Primeira.-Obxecto.

Por medio desta resolución procédese a convocar os novos aspirantes interesados en presentar a súa solicitude de inscrición de todas as categorías nas listas que se confeccionen en aplicación do pacto de selección temporal de persoal estatutario do Sergas para acceso a vinculacións temporais no Sergas (Diario Oficial de Galicia nº 104, do 1 de xuño), nas categorías de médicos de familia, pediatras, odontólogos, persoal de enfermaría (ATS/DUE), matronas, técnicos en coidados auxiliares de enfermaría e cociñeiros.

Procédese, así mesmo, a abrir o prazo para a incorporación dos novos méritos que estean interesados en presentar aqueles aspirantes que xa figuran inscritos en virtude da convocatoria ordinaria, publicada mediante resolución do 9 de xuño de 2004 (DOG nº 113, do 14 de xuño) das categorías mentadas no parágrafo anterior, e mediante resolución do 8 de novembro de 2004 (DOG nº 22, do 16 de novembro) os aspirantes da categoría profesional de cociñeiros.

Asemade, procédese a abrir o prazo para a incorporación dos novos méritos que estean interesados en presentar aqueles aspirantes, para todas as categorías citadas, que actualmente figuran inscritos en virtude das sucesivas incorporacións automáticas realizadas nos meses de xullo e outubro de 2004; nos meses de marzo, xullo e outubro de 2005 e no mes de marzo de 2006.

Ao presente proceso, e á selección temporal que del se derive, seranlle aplicables as normas previstas no pacto de selección temporal para vinculacións temporais do Sergas (Diario Oficial de Galicia nº 104, do 1 de xuño) e demais que resulten no seu desenvolvemento.

Segunda.-Solicitudes e prazo.

1. Solicitudes:

1.1. As solicitudes presentaranse no modelo normalizado que corresponda a cada categoría, xunto coa documentación acreditativa dos requisitos exixidos e méritos alegados polos aspirantes.

1.2 Para adquirir a condición de aspirante será requisito imprescindible presentar a solicitude.

1.3. Así mesmo, deberán presentar solicitude os aspirantes xa admitidos nas listaxes confeccionadas por mor da convocatoria ordinaria anterior e as incorporacións automáticas sinaladas no punto primeiro, para actualizar méritos ou ben para modificar condicións previamente consignadas. Nestes dous supostos deberán marcar a epígrafe relativa a incorporacións sucesivas.

Os aspirantes que se limiten a incorporar novos méritos non terán que aboar taxas pero si marcar a epígrafe da solicitude correspondente a actualización de méritos.

Aqueloutros que varíen as condicións consignadas na solicitude anterior, poden realizar unha modificación non substancial ou unha modificación substancial, entendendo por tal, aquela que implique mudanza de categoría, de listaxe ou de área de xestión.

No primeiro caso, deberán marcar a epígrafe correspondente á modificación non substancial sen ter que aboar taxas. No segundo suposto, teñen que marcar a epígrafe correspondente a modificación substancial e achegar, xunto coa solicitude, o xustificante de ter aboado taxas de acordo co previsto na disposición novena desta resolución.

1.4. Os aspirantes que se inscriben por primeira vez nestas listaxes deberán cubrir na solicitude o cadro correspondente a primeira inscrición, e xuntala co xustificante de aboamento de taxas consonte ao previsto na disposición novena desta resolución.

1.5. Os modelos normalizados de solicitude estarán á disposición dos interesados na páxina web do Servizo Galego de Saúde http://www.Sergas.es/gal/personal/PerListadosContratacion.asp, nas direccións provinciais do Sergas, nos centros hospitalarios e nas xerencias de atención primaria.

1.6. As solicitudes poderán presentarse nas oficinas de rexistro da Xunta de Galicia, nos rexistros das direccións provinciais do Sergas, nos rexistros do centros hospitalarios do Sergas e nos rexistros das xerencias de atención primaria do Sergas, así como tamén nas oficinas de correos nas condicións a que se refire o artigo 38 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e dirixiranse á Dirección Provincial do Sergas que corresponda coa provincia da área de xestión solicitada. As áreas de xestión e as provincias figuran no reverso do modelo de solicitude.

2. Prazo:

As solicitudes no modelo normalizado, xunto coa documentación necesaria acreditativa dos requisitos e méritos, presentaranse no prazo máximo de vinte días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

De incumprirse este prazo de presentación, os aspirantes que se inscriban por primeira vez serán excluídos do proceso de selección, e os que xa figuran admitidos nas listaxes anteriores non poderán actualizar méritos ou modificar condicións previamente consignadas.

Terceira.-Requisitos.

1. Os requisitos, que deberán posuír os aspirantes, serán os recollidos na disposición 5.3 do pacto citado (Diario Oficial de Galicia nº 104, do 1 de xuño), e os que constan no reverso de cada modelo de solicitude, así como os que se dispoñen nesta resolución.

2. Os requisitos de titulación que deben reunir os aspirantes en cada categoría profesional figuran no reverso do correspondente modelo de solicitude.

3. Será absolutamente imprescindible para a admisión e, de ser o caso, valoración dos méritos dos aspirantes, achegar as certificacións acreditativas dentro do prazo de presentación de solicitudes. Calquera certificación achegada fóra do indicado prazo será rexeitada e excluída da valoración. Só se valorarán os méritos acreditados ata o día inmediatamente anterior á data de publicación no Diario Oficial de Galicia desta resolución, tanto os que incorporen os aspirantes xa inscritos, como os presentados polos aspirantes que accedan por primeira vez.

Cuarta.-Listaxes especiais.

Os aspirantes das categorías que se especifican poderán solicitar as listaxes seguintes previstas na norma xeral 12ª do pacto sobre disposicións especiais.

A opción ás listaxes especiais formalizarase no modelo de solicitude para as categorías en que constan tales opcións de maneira expresa nos modelos de solicitude.

O aspirante poderá solicitar a inclusión en todas ou nalgunha das listaxes especiais que constan no modelo de solicitude. Sen prexuízo do anterior, o aspirante de enfermaría que figure como admitido titular tanto na listaxe de curta duración de urxencias extrahospitalarias de atención primaria como de curta duración de atención especializada, deberá optar por unha delas no momento da publicación das listaxes definitivas de cada unha das ditas listaxes, por escrito formalizado perante a dirección provincial correspondente dentro do prazo de dez días desde a publicación. De non formalizar a opción dentro do prazo, será dado de baixa nunha das dúas listas, segundo se determine por instrucións da División de Recursos Humanos e Desenvolvemento Profesional do Sergas.

a) Curta duración de atención especializada.

Os aspirantes das categorías de persoal de enfermaría (ATS/DUE) e técnicos en coidados auxiliares de enfermaría poderán solicitar a súa inscrición para vinculacións de curta duración en atención especializada indicando o centro ou complexo.

Logo de determinación no seo da comisión central de seguimento de pacto, declararase o número de aspirantes necesario en cada centro.

A relación de aspirantes que figuren como admitidos nestas listas en cada centro será publicada nos taboleiros de anuncios dos centros e da dirección provincial correspondente.

b) Longa duración para urxencias extrahospitalarias en atención primaria.

Poderase solicitar o acceso a vinculacións de longa duración do novo modelo de urxencias extrahospitalarias en atención primaria nas categorías de médico de familia e persoal de enfermaría. Esta solicitude non exclúe a selección para o acceso a vínculos de longa duración (duración prevista dun ano ou praza vacante) pola listaxe ordinaria.

c) Outras vinculacións para urxencias extrahospitalarias.

Nas categorías de médicos de familia e persoal de enfermaría (ATS/DUE), para o acceso á cobertura de atención urxente extrahospitalaria mediante vínculos diferentes aos anteriores, e á cobertura de atención ordinaria de duración igual ou inferior ao mes, deberá formalizarse a opción na epígrafe correspondente do modelo de solicitude.

d) Áreas especiais.

Os aspirantes das categorías de enfermaría e técnico en coidados auxiliares de enfermaría que acrediten dous meses de servizos prestados nas áreas especificadas no modelo, ou ben na categoría de enfermaría acrediten posuír a formación na especialidade de saúde mental, poderán presentar a solicitude para figurar nesas listaxes especiais, marcando a correspondente área no modelo de solicitude.

e) Médicos de familia co diploma de puericultor.

Os aspirantes inscritos na listaxe de médico de familia que acrediten o diploma de posgrao en puericultura poderán solicitar o acceso á lista especial de médicos puericultores, sinalando a epígrafe correspondente do modelo de solicitude de médicos de familia. Os servizos prestados por mor de vínculos en prazas de pediatría por esta listaxe especial serán computados en médicos de familia.

Quinta.-Documentación.

1. Xunto coa solicitude e demais documentos que figuran como requisitos, coa copia do DNI, debidamente compulsado, os interesados deberán achegar os xustificantes dos requisitos exixidos e méritos alegados, que non fosen presentados na mesma categoría por mor da anterior convocatoria ordinaria no ano 2004, ou nas incorporacións automáticas previstas na norma xeral 6.3.1 do vixente pacto de selección temporal, e que, polo tanto, en ambos os dous supostos, xa figuran no expediente do interesado. A acreditación dos documentos efectuarase nos termos previstos nesta convocatoria mediante documentos orixinais ou copias fotoestáticas compulsadas, segundo se recolle no reverso do modelo de solicitude, e con base no disposto nos anexos do pacto para o baremo correspondente á categoría solicitada.

2. De acordo co indicado no parágrafo anterior, xunto coa documentación necesaria para a baremación das epígrafes de desemprego, experiencia profesional, e acceso e incorporación ao réxime de selección temporal, deberá presentarse o seguinte:

2.1. Para a acreditación do desemprego: certificado acreditativo expedido pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social dos tres últimos anos (certificado de vida laboral), ou ben declaración xurada e asinada no espazo reservado do modelo de solicitude, polo que se autoriza ao Sergas para que solicite a vida laboral á Tesouraría Xeral da Seguridade Social, co obxecto de acreditar o tempo de desemprego.

2.2. Para a acreditación de servizos prestados: certificado asinado polo director da institución sanitaria ou empresa en que conste toda a información necesaria para a baremación. Para estes efectos, cómpre clarexar que a vida laboral non acredita os servizos prestados.

2.3.Na categoría de médicos de familia. Para acreditar a participación no réxime de selección tem

poral: certificación expedida pola xerencia de atención primaria correspondente.

3. Non será preciso presentar certificación ou documentos xustificativos dos requisitos habilitadores e méritos relativos a: experiencia profesional, dispoñibilidade en médicos de familia, formación académica, formación especializada, formación continuada e coñecementos do idioma galego xa tidos en conta na anterior convocatoria ordinaria do ano 2004, ou nas incorporacións automáticas posteriores e que, polo tanto, xa constan no expediente do aspirante interesado.

Así mesmo, non será preciso presentar certificado dos servizos prestados nas institucións sanitarias do Sergas por aqueles aspirantes que xa figuren inscritos nas listaxes vixentes, por valorarse os citados servizos, de xeito directo e automatizado, desde os aplicativos de persoal e nóminas dos centros do Sergas.

Para a valoración da epígrafe de dispoñibilidade na categoría de médicos de familia realizarase un proceso automatizado de valoración de méritos, sen que sexa necesario achegar xustificación ningunha.

4. Non será necesario acreditar documentalmente a superación do exercicio ou exercicios da fase de oposición das categorías de matronas, enfermaría e técnico en coidados auxiliares de enfermaría, convocadas polo Servizo Galego de Saúde por Resolución do 20 de marzo de 2001 (Diario Oficial de Galicia nº 63, do 29 de marzo), xa que se dispón destes datos, de xeito fidedigno, nas direccións provinciais do citado organismo.

Sexta.-Reserva de vinculacións temporais para persoal discapacitado.

Nos termos que indique esta división, logo da negociación no seo da comisión de seguimento deste pacto, farase unha reserva do 5% das vinculacións temporais en período estival das categorías con maior oferta de selección para o persoal que acredite un grao de discapacidade igual ou superior ao 33%, e que así o indique e acredite xunto coa solicitude.

Sétima.-Comisión de baremación

Para proceder á avaliación da documentación e solicitudes presentadas polos aspirantes, en cada dirección provincial constituírase unha comisión de baremación que estará composta por persoal desta e da xerencia de atención primaria correspondente ás áreas que lle estean adscritas.

O número de compoñentes será determinado pola propia dirección provincial logo de coñecer o número de solicitudes rexistradas.

Oitava.-Entrada en vigor das listaxes.

As listaxes que se elaboren en execución desta convocatoria entrarán en vigor na data indicada na publicación das listaxes definitivas de aspirantes admitidos e excluídos.

A publicación das listaxes provisionais e definitivas formalizarase nos taboleiros de anuncios das direccións provinciais do Sergas e das xerencias de atención primaria, hospitais e complexos hospitalarios, así como tamén na páxina web do Sergas.

Novena.-Aboamento de taxas.

De conformidade co disposto na Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 240, do 11 de decembro) como requisito necesario para participar neste proceso, os aspirantes que accedan por primeira vez e os que soliciten unha modificación substancial, deberán aboar previamente en concepto de dereitos de inscrición nas listaxes o importe de 15,92 A e, se é o caso, os gastos de transferencia correspondentes, mediante ingreso ou transferencia bancaria nalgunha das sucursais das entidades financeiras colaboradoras autorizadas para a recadación.

O impreso de autoliquidación, así coma os códigos para a súa cumprimentación, seranlles facilitados aos interesados xunto coa solicitude de inscrición nas direccións provinciais do Sergas, nos centros hospitalarios, nas xerencias de atención primaria e estarán publicadas na páxina web do Sergas. A non presentación deste impreso de autoliquidación, no que deberá figurar o selo da entidade bancaria, xunto co modelo de solicitude de inscrición, determinará a exclusión do aspirante.

Así mesmo, poderase facer efectivo o aboamento da taxa por internet nas entidades financeiras actualmente autorizadas. En tal caso, accederase á páxina web da Consellería de Economía e Facenda (www.economiaefacenda.org) e, dentro desta, ás oficinas virtuais e á oficina tributaria. Premerase entón a lenda servizos de acceso libre e logo, indo ao menú da marxe esquerda, premerase taxas, prezos, multas e sancións. Realizado o pagamento da taxa correspondente, imprimirase o xustificante de tela aboado e achegarase coa solicitude.

En ningún dos casos o dito xustificante substituirá o trámite de presentación en tempo e forma da solicitude.

Estarán exentos do aboamento desta taxa os aspirantes que acrediten unha discapacidade igual ou superior ao 33%, así como os aspirantes que sexan membros de familias numerosas clasificadas na categoría especial; no caso de ser membros de categoría xeral, terán unha bonificación do 50%.

Tales circunstancias deberán ser acreditadas respectivamente, mediante fotocopia compulsada da cualificación de discapacidade, e a través do título oficial de familia numerosa.

Así mesmo, non terán que aboar esta taxa os aspirantes xa inscritos en procesos precedentes que só incorporen novos méritos ou que fagan modificacións non substanciais das condicións consignadas con anterioridade.

En caso de erro ou discrepancia co importe autoliquidado, establecerase unha exclusión provisional, que poderá ser emendada no prazo de reclamacións á resolución de publicación das listaxes provisionais de aspirantes admitidos e excluídos.

Os aspirantes excluídos dispoñerán dun prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da data de resolución pola que se publiquen as listaxes definitivas de aspirantes admitidos e excluídos, para solicitar a devolución das taxas aboadas en concepto de inscrición.

Décima.-Incorporación automática de novos aspirantes.

1. En aplicación do disposto na norma xeral 6.3 do pacto, os aspirantes interesados poderán presentar a súa solicitude, sen necesidade dunha previa convocatoria, durante os quince primeiros días dos meses de xullo de 2006, outubro de 2006 e marzo de 2007, e nas mesmas datas nos anos sucesivos, se é o caso. Indicarase no modelo o período de solicitude -mes (xullo, outubro, marzo) e ano- e a prelación virá determinada pola orde derivada do citado prazo e da prelación de aspirantes que resulte da avaliación. As solicitudes deberán ser dirixidas ás direccións provinciais do Sergas.

2. As direccións provinciais do Sergas divulgarán un recordatorio da apertura do citado prazo na segunda quincena do mes anterior que corresponda. Terán a disposición dos interesados os modelos normalizados de solicitude.

3. Coas solicitudes presentadas por mor da incorporación automática, realizarase a valoración consonte ao baremo da categoría correspondente, e procederá á publicación das listaxes provisionais e definitivas das puntuacións.

4. A listaxe que resulte pasará a integrarse nas listaxes vixentes en virtude do presente proceso polo número de orde que resulte ao final das listaxes extraordinarias publicadas en último lugar en cada categoría.

5. Unha vez resoltas e publicadas as listaxes definitivas do presente proceso xeral, os aspirantes incorporados por mor desta epígrafe, pasarán a figurar ao final dos aspirantes integrados na listaxe resultante do mentado proceso xeral. De figurar nas dúas listaxes, xeral e subsidiaria, serán dados de baixa na listaxe subsidiaria agás que, no prazo de dez días desde a publicación da listaxe definitiva, manifesten por escrito, perante a dirección provincial correspondente, a outra opción.

6. Idéntico tratamento outorgarase á listaxe que resulte dos aspirantes que se incorporen a estas listaxes pola quenda de promoción interna temporal.

Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2006.

Antonio José Fernández Paniagua

Director xeral da División de Recursos Humanos

e Desenvolvemento Profesional