DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Venres, 07 de xullo de 2006 Páx. 10.974

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE TRABALLO

RESOLUCIÓN do 30 de maio de 2006, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo para as empresas e traballadores de transporte de enfermos e accidentados en ambulancia na Comunidade Autónoma de Galicia.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito autonómico para as empresas e traballadores de transporte de enfermos e accidentados en ambulancia na Comunidade Autónoma de Galicia, (código de convenio nº 8200895), que se subscribiu coa data do 5 de maio de 2006 entre a representación empresarial e os representantes dos traballadores, e de

conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo.

Esta Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remitir o texto orixinal ao correspondente servizo deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 30 de maio de 2006

Pilar Cancela Rodríguez

Directora xeral de Relacións Laborais

Convenio colectivo de traballo para as empresas e traballadores de transporte de enfermos e accidentados en ambulancia na Comunidade Autónoma de Galicia

Capítulo I

Disposicións xerais

Sección primeira

Ámbito

Artigo 1º.-Ámbito funcional.

As disposicións deste convenio serán aplicables aos traballadores, traballadoras e empresas dedicados a atención e transporte aéreo, terrestre e marítimo de enfermos e/ou accidentados, así como de equipos médicos, órganos, sangue e mostras biolóxicas.

Este convenio será aplicable a todas as empresas que presten os seus servizos no sector.

Este convenio será aplicable a todos os traballadores e traballadoras que presten os seus servizos nas empresas antes indicadas, calquera que sexa a súa categoría profesional, coa única excepción dos altos cargos os que se refire o artigo 2 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

Artigo 2º.-Ámbito territorial.

Este convenio será aplicable para as actividades descritas no artigo 1 que se realicen no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia.

Sección segunda

Vixencia, duración, prórroga e denuncia para a súa revisión ou rescisión

Artigo 3º.-Vixencia.

Este convenio colectivo entrará en vigor para todos os efectos o 1 de xaneiro de 2005 e finalizará a súa vixencia o 31 de decembro de 2008.

Artigo 4º.-Denuncia do convenio.

Este convenio quedará automaticamente denunciado ao seu remate.

Non obstante o anterior, e para evitar o baleiro normativo mentres non se substitúa por outro, a totalidade do texto do convenio será de aplicación nas empresas do seu ámbito funcional.

Sección terceira

Prelación de normas, compensación, absorción, vinculación á totalidade

Artigo 5º.-Prelación de normas.

Dadas as peculiaridades que concorren no ámbito a que se refire este convenio, o acordado polas partes regula con carácter xeral as relacións entre a empresa e os seus traballadores/as en todas as materias comprendidas no seu contido, mesmo aquelas en que a súa regulación se pacta de forma diferente á que recolle a normativa xeral aplicable.

En todo o que non estea previsto neste convenio, aplicarase o convenio estatal e a normativa laboral vixente.

Artigo 6º.-Compensación e absorción.

As melloras económicas globais contidas neste convenio compensarán e absorberán as vixentes nas empresas que sexan superiores ás aquí pactadas, agás aquelas que deriven de convenio de ámbito inferior que se pacten en desenvolvemento deste convenio autonómico galego.

Artigo 7º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas neste convenio forman un todo orgánico e indivisible e, para os efectos da súa aplicación práctica, serán considerados globalmente. No suposto de que a autoridade administrativa ou xudicial competente, facendo uso das súas facultades, non homologarse algún dos seus artigos ou parte do seu contido, este convenio quedará nulo e sen eficacia ningunha, e procederase á reconsideración do seu contido total, salvo que o dito artigo ou artigos non teñan un contido económico; en tal caso, revisaranse só os artigos rexeitados.

Artigo 8º.-Garantía persoal.

Todas as condicións económicas e de calquera índole contidas neste convenio teñen a consideración de mínimas; polo tanto, os pactos, cláusulas e condicións vixentes en calquera contrato, considerados globalmente e que no cómputo anual impliquen condicións máis beneficiosas para o/a traballador/a ou grupo de traballadores/as, en relación coas que se establecen, subsistirán como garantía persoal de quen veña gozando delas.

Porén, nas condicións específicas relacionadas coa cualificación e disposición do servizo de ambulancias, así como o referente á clasificación profesional, rexerá o que o convenio estatal dispón.

Sección cuarta

Subrogación

Artigo 9º.-Subrogación do contrato coa Administración.

Cando unha empresa perda a adxudicación dos servizos concertados mediante concurso público de xestión de servizos públicos, por resolución ou remate do contrato coa Administración, a nova empresa adxudicataria estará obrigada a subrogarse nos contratos laborais dos traballadores que viñan prestando ese servizo, respectando en todo caso a modalidade de contratación destes e máis os dereitos e obrigas de que gozasen nos seis meses anteriores á adxudicación na empresa substituída, sempre e cando estes proveñan de pactos e acordos lícitos que se puxesen no seu coñecemento xunto coa documentación pertinente:

a) A devandita subrogación de persoal producirase única e exclusivamente con respecto aos seguintes traballadores/as:

1. Traballadores/as en activo cunha antigüidade mínima no servizo obxecto do contrato dos últimos seis meses anteriores á data en que a adxudicación do contrato se produza, sexa cal fose a modalidade do seu contrato de traballo, con independencia de que, antes do citado período de seis meses, traballasen noutra actividade. En caso de dúbida, considerarase o cómputo da dedicación ao servizo do 50% da xornada no dito período.

2. Traballadores/as con dereito a reserva do posto de traballo que, no momento da adxudicación da actividade, teñan unha antigüidade mínima de seis meses nela e estean enfermos, en descanso maternal, accidentados, en excedencia, de vacacións, de permiso, en descanso semanal, no servizo militar ou situacións análogas.

3. Traballadores de novo ingreso que por exixencias do cliente se incorporasen á actividade como consecuencia dunha ampliación nos seis meses anteriores á nova adxudicación daquela.

4. Traballadores con contrato de interinidade que substitúan algún dos traballadores mencionados no número 2, con independencia da súa antigüidade e mentres dure o seu contrato.

5. Traballadores que substitúan outros que se xubilen ao cumpriren os 64 anos dentro dos seis últimos meses anteriores á adxudicación da actividade e teñan unha antigüidade mínima nela dos seis meses anteriores á xubilación, nos termos e condicións do Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo.

6. Non obstante o anterior, quedan excluídos da aplicación da presente cláusula de subrogación aqueles empregados que sexan directivos da súa empresa, así como aqueles unidos por vínculos de consanguinidade e afinidade, salvo que acrediten a existencia de relación contractual.

b) Todos os supostos anteriormente recollidos deberá acreditalos fidedigna e documentalmente a empresa cesante á adxudicataria, aos seus traballadores/as e mais aos representantes destes mediante os documentos que se especifican no punto i), no prazo de dez días naturais, contados desde que a empresa adxudicataria llo requira fidedignamente á empresa cesionaria, sempre e cando se trate de documentos que se emitisen ou deberían terse emitido.

Pola súa vez, a empresa adxudicataria está na obriga de lle solicitar a documentación á cesante no prazo de dez días naturais desde a adxudicación provisoria; no caso contrario, asumirá todo o persoal que a cesante lle transfira sen poder obxectar.

Para os efectos da acreditación entre a empresa cesante e a empresa adxudicataria, aclárase que se considerarán medios fidedignos de comunicación os seguintes: envío da documentación por conduto notarial mediante burofax, telegrama, Consello de Relacións Laborais, sindicatos asinantes do convenio, ou método equivalente que deixe constancia do contido. Esta documentación poderá presentarse en fotocopias sen compulsar.

c) Os/as traballadores/as que non gozasen das súas vacacións regulamentarias ao se producir a subrogación, gozaranas coa nova adxudicataria do servizo, que só aboará a parte proporcional do período que a ela lle corresponda, xa que o aboamento do outro período corresponde á empresa cesante, que deberá facelo efectivo na correspondente liquidación.

d) A aplicación deste artigo será de obrigado cumprimento para as partes que vincula: empresa cesante, nova adxudicataria e traballador/a. Porén, por acordo mutuo da cesante e o traballador/a, poderá este/a permanecer na antiga empresa adxudicataria. Neste caso, a cesante non poderá ceder ningún outro traballador que non realizase o seu traballo na actividade obxecto do contrato, se a cesionaria non o aceptase.

e) En caso de a comunicación non se producir no indefectible prazo marcado, entenderase que a empresa opta pola asunción do dito persoal laboral, ocorrendo o mesmo para aqueles datos e/ou relación de persoal que se comunique con posterioridade ao prazo establecido.

f) A subrogación efectiva producirase no momento en que a nova adxudicataria comece a prestar servizos e non antes; a relación laboral anterior a tal momento é da exclusiva responsabilidade da cesante.

g) A empresa cesante responderá das consecuencias derivadas da falsidade ou inexactitude manifesta que a información facilitada poida producirlle á empresa adxudicataria, sen prexuízo da reversión a ela dos traballadores indebidamente subrogados.

h) Os membros do comité de empresa, os delegados de persoal e os delegados sindicais poderán optar, en todo caso, entre permanecer na súa empresa ou

subrogarse na empresa adxudicataria, agás no suposto de que fose contratado expresamente por obra ou servizo determinado para o centro afectado pola subrogación, ou que a subrogación afecta á totalidade dos traballadores/as.

i) A empresa cesante deberá facilitarlle á nova adxudicataria os seguintes documentos:

-Certificación en que deberán constar os traballadores/as afectados pola subrogación, con nomes e apelidos, data de nacemento, estado civil, documento nacional de identidade, número de afiliación á Seguridade Social, número de fillos, natureza dos contratos de traballo e categoría profesional (segundo a clasificación deste convenio).

-Orixinal ou fotocopia dos seis últimos recibos de salarios dos traballadores/as afectados.

-Certificación acreditativa de estar ao día do pagamento na Seguridade Social.

-Relación de persoal, especificando: nome e apelidos, número de afiliación á Seguridade Social, antigüidade, categoría profesional, xornada, horario, modalidade de contratación e data do gozo das vacacións. Se o traballador é representante legal dos traballadores, especificarase o seu período de mandato.

-Fotocopia dos contratos de traballo do persoal afectado pola subrogación.

-Orixinal e fotocopia dos títulos que habilitan para o desempeño do seu posto laboral.

-Copia de documentos debidamente dilixenciados por cada traballador afectado, nos cales se faga constar que este recibiu da empresa cesante a súa liquidación de partes proporcionais, sen que quede pendente ningunha cantidade.

Este documento será adiantado en proposta á data de entrega do resto da documentación, quedando pendente a súa constatación á data correspondente.

Estes documentos deberán estar en poder da nova adxudicataria de forma fidedigna no prazo de dez días naturais contados a partir de que a empresa adxudicataria llo requira fidedignamente á empresa cesionaria, ou desde o momento en que se emitan ou debesen terse emitido.

Esta documentación poderá presentarse en fotocopias.

Sección quinta

Comisión paritaria

Artigo 10º.-Comisión paritaria.

Constitúese unha comisión paritaria para a interpretación do convenio.

Estará composta por un número paritario de vogais de ambas as partes, patronal e sindicatos asinantes, nomeándose un secretario, entre os compoñentes, que se designará en cada reunión.

Nas reunións aceptarase a presenza de asesores das respectivas representacións, con voz pero sen voto.

Ambas as partes conveñen expresamente en que calquera dúbida ou diverxencia que poida xurdir sobre a interpretación ou aplicación deste convenio que teña carácter de conflito colectivo, será sometida previamente a informe da comisión antes de emprender calquera reclamación xudicial.

A comisión paritaria reunirase cando sexa convocada para o efecto por calquera das partes cun máximo de cinco días hábiles de antelación, e os seus acordos requirirán, para teren validez, a metade máis un dos vogais representantes dos sindicatos así como a metade máis un dos vogais representantes dos empresarios.

Tanto os vogais como os asesores serán convocados por carta certificada en primeira e en segunda convocatoria, cunha anticipación mínima de cinco días á celebración da reunión ordinaria. Se en primeira convocatoria non acudisen a totalidade dos vogais, celebrarase a reunión en segunda convocatoria, sendo válida sempre que concorran, como mínimo, a metade máis un de cada parte. Os acordos tomados serán condicións anexas ao convenio inicial.

En caso de non chegar a un acordo na cuestión ou cuestións debatidas, estas someteranse ao AGA.

As reunións extraordinarias poderán ser convocadas por calquera das partes, tanto da representación social como da empresarial, e as ordinarias, cando sexa necesario.

Artigo 11º.-Cláusula de desvinculación.

O réxime salarial establecido neste convenio non será de necesaria ou obrigada aplicación para aquelas empresas cuxa estabilidade económica puidese verse danada como consecuencia da súa adecuación.

Para tal efecto, consideraranse causas xustificadas, entre outras, as seguintes:

1º. Situacións de déficit ou perdas obxectivas e acreditadas de maneira fidedigna nos dous últimos exercicios contables. Así mesmo, teranse en conta as previsións do ano en curso.

2º. Sociedades que se encontren incluídas nas causas de disolución legal seguintes:

a) Por consecuencia de perdas que deixen reducido o patrimonio a unha cantidade inferior á metade do seu capital social.

b) Por redución do capital social por debaixo do mínimo legal cando a redución veña imposta legalmente e que corrixan tal situación.

3º. Empresas que teñan solicitado concurso de acredores, quebra ou suspensión de pagamentos.

4º. Empresas as que sobreviñese algunha causa que afecte notablemente o exercicio da súa actividade.

As empresas que pretendan desvincularse do réxime salarial do convenio deberán, no prazo de vinte días seguintes á publicación daquel no Diario Oficial de Galicia (DOG), notificarllo por escrito á comisión

paritaria do convenio, á representación dos traballadores, ou, no seu defecto, a estes, xuntando o escrito dirixido á representación dos traballadores ou a estes a documentación precisa (memoria explicativa, balances, contas de resultados, ou, se for o caso, informe de auditores ou censores de contas, ou outros documentos), que xustifique un réxime salarial diferenciado.

Efectuada a notificación anterior, se no prazo de dez días non houber acordo dentro da empresa sobre a desvinculación, daráselle traslado do expediente á comisión paritaria do convenio, que deberá pronunciarse no prazo de dez días, tendo a súa decisión carácter vinculante.

Se na comisión paritaria tampouco se alcanzase acordo sobre a materia, someterase o expediente ao procedemento do AGA, no cal actuará como parte interesada nas representacións que constitúen a comisión paritaria.

A desvinculación, de ser aprobada, terá efectividade durante un ano.

No caso de que algunha empresa desexe manter por máis tempo a desvinculación deste convenio, deberá solicitar unha nova autorización na forma e co procedemento previsto no presente artigo.

Transcorrido o período de desvinculación sen terse instado unha prórroga dela, ou denegada esta, a reincorporación ás condicións previstas no convenio será automática e procederase á revisión e actualización das condicións do período de desvinculación.

Os representantes legais dos traballadores ou, se for o caso, estes ou a comisión paritaria, están na obriga de tratar e manter na maior reserva a información recibida e os datos a que tivesen acceso como consecuencia do establecido nos parágrafos anteriores, observando respecto de todo sixilo profesional.

Capítulo II

Retribucións

Artigo 12º.-Aboamento de salarios.

As empresas do transporte sanitario están obrigadas ao aboamento do salario antes do día cinco de cada mes.

Artigo 13º.-Salario base.

O salario base para as distintas categorías profesionais do convenio para os respectivos anos será o que se detalla nas táboas recollidas no anexo I.

Os atrasos devengados para o ano 2005 aboaranse na nómina de xullo de 2006.

O plus ambulancieiro a partir do ano 2006 queda integrado no salario base.

Artigo 14º.-Antigüidade.

Os premios de antigüidade para traballadores e traballadoras con alta posterior ao 1 de xaneiro de

1984, de acordo co que establece o artigo 25 do Estatuto dos traballadores, serán:

-Cumpridos os tres anos de permanencia, o 3%.

-Un aumento do 1% por ano de permanencia, a partir do cuarto ano.

-Aos 22 anos ou máis de servizos ininterrompidos, o 22%.

Aos traballadores/as que antes do asinamento deste convenio estean percibindo calquera premio por antigüidade superior ao que lle corresponda pola táboa anterior, manteráselles.

Artigo 15º.-Horas de presenza.

Dadas as especiais características que concorren neste sector, como consecuencia da permanente dispoñibilidade do persoal de movemento para atender estes servizos públicos, que implica a existencia das horas de presenza establecidas no artigo 24 deste convenio, estas non poden ter a consideración de tempo de traballo efectivo e, polo tanto, non son computables, segundo establece expresamente o Real decreto 1561/1995, do 21 de setembro.

Ambas as partes acordan fixar como prezo de tales horas, o que resulte da aplicación da seguinte fórmula:

Ano 2005: (salario base+complemento ambulancieiro+antigüidade) x 14/1.826 horas.

Ano 2006: (salario base+antigüidade) x 14/1.826 horas.

Ano 2007-2008: (salario base+complemento convenio+antigüidade) x 14/1.826 horas.

O número de horas de presenza non poderá superar as 20 semanais ou 80 cuadrisemanais, para o ano 2005 e 2006. Para o ano 2007 serán 70 horas cuadrisemanais. Para o ano 2008 serán 50 horas cuadrisemanais.

Os representantes dos traballadores e os traballadores/as terán, ao rematar o mes, unha relación detallada das horas de presenza que se fixeron durante o mes, que irá asinada polo empresario e mais pola traballador/a.

As empresas poderán realizar a reestruturación necesaria para esta redución nos anos 2007 e 2008, logo de negociación cos representantes legais dos traballadores, e por unha soa vez no ano, con pleno respecto aos principios de non discriminación e capacidade organizativa da empresa.

Artigo 16º.-Hora extraordinaria.

Terán tal consideración as horas de traballo efectivo que superen a xornada ordinaria, e aboaranse cunha recarga do 75% sobre o prezo que resulte para a hora ordinaria. Para o cálculo da hora extraordinaria, aplicarase a fórmula.

Ano 2005: (salario base+complemento ambulancieiro+antigüidade) x 14/1.826 horas.

Ano 2006: (salario base+antigüidade) x 14/1.826 horas.

Ano 2007-2008: (salario base+complemento convenio+antigüidade) x 14/1.826 horas.

Cun incremento do 75%.

Artigo 17º.-Gratificacións extraordinarias.

Todo o persoal afectado polo presente convenio colectivo terá dereito á percepción de dúas pagas extraordinarias ao ano polo importe, cada unha delas do salario base, máis complemento ambulancieiro máis antigüidade, para o ano 2005. Para o ano 2006 será sobre salario base máis antigüidade. Para o ano 2007 e 2008 será sobre salario base máis complemento convenio máis antigüidade. As datas de percepción son as seguintes:

Xullo: antes do 20 de xullo.

Decembro: antes do 20 de decembro.

A partir do ano 2009 crearase unha terceira paga extraordinaria do importe de 630 A e a súa data de percepción será antes do 20 de marzo.

Artigo 18º.-Axudas de custo.

Cando, por causa do servizo, o/a traballador/a non poida xantar, cear ou pernoitar, no seu domicilio, terá dereito á percepción das respectivas axudas de custo, que se fixan nas seguintes contías:

-Ano 2005:

Xantar 10 A.

Cea 10 A.

-Ano 2006:

Xantar 10,5 A.

Cea 10,5 A.

-Ano 2007:

Xantar 11 A.

Cea 11 A.

-Ano 2008:

Xantar 11,5 A.

Cea 11,5 A.

Cando o traballador non poida durmir no seu domicilio por causas do servizo en ruta aboaránselle os gastos de pernoitar, incrementado co gasto do almorzo.

Non se pagarán bebidas alcohólicas.

En todo caso as empresas poderán, nos servizos que se presten fóra do territorio da Comunidade Autónoma galega, substituílos polo pagamento directo do gasto que se xustificase.

En todo caso, as empresas poden substituír o aboamento de axuda de custos polo pagamento do gasto directamente.

Franxa horaria:

Xantar: cando o servizo se inicie antes das 13.00 horas e remate despois das 16.00 horas, terase dereito á percepción de axudas de custo para o xantar.

Cea: cando o servizo se inicie antes das 21.00 horas e remate despois das 24.00 horas, terase dereito á percepción da axuda de custo da cea.

Garantiráselle aos traballadores/as o tempo necesario para xantaren e cearen dentro da súa quenda e franxa horaria. No suposto de que o/a traballador/a estea á disposición ou en expectativa de servizo, este tempo será considerado de presenza; en caso de que o traballador/a sexa substituído para que poida comer, non se considerará tempo de presenza.

Artigo 19º.-Complemento convenio.

No ano 2007 incluirase na estrutura salarial de todos os traballadores/as afectados/as polo presente convenio un novo concepto retributivo denominado complemento convenio, polo cal as empresas aboarán mensualmente as seguintes cantidades: 2% do salario base para todo o ano 2007 e un 4% do salario base para todo o ano 2008 como indica o recollido na táboa do anexo I do presente convenio.

Este complemento substitúe ao complemento ambulancieiro a partir do ano 2007.

Artigo 20º.-Complemento transporte.

No ano 2006 incluirase na estrutura salarial de todos os traballadores/as afectados polo presente convenio un novo concepto retributivo, denominado complemento transporte, polo cal as empresas aboarán mensualmente as seguintes cantidades: comezarase a aboar en outubro deste mesmo ano o 1,5% do salario base. Ano 2007 aboarase durante todo o ano o 5% do salario base. Ano 2008 aboarase durante todo o ano o 8% do salario base. Todo isto como vén recollido no anexo I do presente convenio.

Artigo 21º.-Retribución específica do traballo nocturno.

O traballador/a que preste servizo entre as 22.00 horas e as 6.00 horas percibirá, por cada hora de traballo nese horario, un incremento sobre o salario base, máis complemento ambulancieiro, que lle corresponda dun 10% para o ano 2005, e sobre salario base, un 11% para o ano 2006, e sobre o salario base, máis complemento convenio, un 14% para o ano 2007 e un 17% para o ano 2008, como vén recollido no anexo I do presente convenio.

Artigo 22º.-Retribución específica do traballo en domingos e festivos.

Os traballadores/as que desenvolvan a súa xornada media ou total entre as 00.00 horas do domingo e as 24.00 deste, percibirán un suplemento de 5 euros por xornada a maiores dos complementos correspondentes para o ano 2006. Para o ano 2007 serán 7 euros. E para o ano 2008 serán 9 euros.

Os traballadores/as que desenvolvan a súa xornada media ou total entre as 00.00 horas e as 24.00 horas dos festivos, percibirán un suplemento de 5 euros por xornada a maiores dos complementos correspondentes para o ano 2006. Para o ano 2007 serán 7 euros, e para o ano 2008 serán 9 euros (agás os que veñen recollidos no artigo de festividades de Nadal e Semana Santa).

Artigo 23º.-Festividades de Nadal e Semana Santa.

Todo o persoal incluído neste convenio colectivo que traballe en xornada media e total os días: 1 de xaneiro, Xoves Santo, Venres Santo, 24, 25 e 31 de decembro, cobrarán a razón de:

25,63 A no ano 2005

26,91 A no ano 2006

28,25 A no ano 2007

29,66 A no ano 2008

Capítulo III

Xornada laboral e vacacións

Artigo 24º.-Xornada laboral ordinaria.

a) Xornada laboral:

A xornada de traballo para o persoal de movemento será de 1.826 horas anuais. A súa distribución será de corenta horas semanais de traballo efectivo, que se computará como 160 horas cuadrisemanais de traballo efectivo máis 80 horas de presenza no mesmo período no ano 2006, reduciranse 10 horas para fixalas en 70 horas de presenza cuadrisemanais no ano 2007. Para o ano 2008 reducirase a xornada a 1.800 horas de traballo efectivo anual e reduciranse vinte horas máis de presenza, podendo facer só cincuenta horas de presenza cuadrisemanais.

Tempo de traballo efectivo: é aquel en que o traballador se atopa á disposición do empresario e no exercicio da súa actividade, desenvolvendo as funcións propias da condución do vehículo ou medio de transporte ou outros traballos durante o tempo de circulación deles, ou traballos auxiliares que se desenvolvan en relación co vehículo ou co medio de transporte, os seus pasaxeiros ou a súa carga.

Tempo de presenza: é aquel en que o traballador se atopa a disposición do empresario sen prestar traballo efectivo, por razóns de espera, expectativas, servizos de garda, viaxes sen servizo, avarías, comidas en ruta ou outros similares.

A xornada máxima diaria non deberá superar as nove horas de traballo efectivo nin será inferior ás seis horas, para os efectos de pagamento de horas extraordinarias, exceptuándose os servizos de longo percorrido que non se poden interromper; de forma que nestes, o traballador descansará as horas superadas na xornada laboral inmediata.

En todo caso, as horas extraordinarias poderán ser compensadas pola empresa con tempo de descanso equivalente, sempre que o traballador estea de acordo.

O descanso mínimo entre xornada e xornada será de doce horas.

As empresas están facultadas para organizar o traballo de acordo coas necesidades do servizo, podendo establecer as correspondentes quendas entre o persoal para asegurar a atención preventiva e real, desde as cero ás vinte e catro horas, durante trescentos sesenta e cinco días ao ano.

Estas quendas serán rotativas ou fixas.

Especialidade da denominada xornada de urxencias: dadas as características do sector, a distribución da xornada nos servizos de urxencia poderá ser diferente. Os cuadrantes correspondentes a este servizo deberán ser consensuados entre os representantes dos traballadores e a empresa, e aceptado polo traballador que desenvolva este posto. En todo caso, respectarase a xornada máxima mensual e anual reflectidas neste convenio colectivo, así como, os descansos legalmente establecidos nel.

b) Dispositivo de localización:

As empresas poderán ofertarlles aos traballadores/as que coiden oportuno, a posibilidade de permaneceren ao dispor da empresa mediante un dispositivo de localización nas condicións que se detallan a seguir:

1. Só será aplicable aos traballadores/as que, por razóns do servizo, deban permanecer dispoñibles e localizados desde as cero ás vinte e catro horas, mediante o medio técnico de localización correspondente, que será facilitado pola empresa, para acudir a aqueles servizos non programados que xurdan.

2. A aceptación desta oferta polo traballador/a en cadro de persoal deberá ser voluntaria, sen que a súa negativa lle poida carrexar cambio ningún nas súas condicións de traballo, nin mobilidade de ningún tipo. Se o traballador/a que acepte o dispositivo de localización quere posteriormente renunciar a este sistema de traballo, deberá comunicarlo á empresa por escrito cun mes de anticipación, volvendo ás súas anteriores condicións de traballo.

3. Non obstante o disposto no número 2, poderá realizarse contratación específica para a realización deste dispositivo de localización, entendéndose que este dispositivo de localización se utilizará para acudir a aqueles servizos non programados que xurdan.

4. O límite máximo que un traballador/a poderá estar nesta situación será de cinco días seguidos, garantíndose dous días de descanso consecutivos nada máis finalizar o servizo, sen que poidan ser cambiados ou compensados.

5. O dispositivo de localización non poderá estar activado para os efectos do cómputo de traballo efectivo, en relación con cada traballador/a, máis de seis horas de media diaria, calculadas no período dos cinco días. Durante o dispositivo de localización e para os efectos de traballo efectivo, este contabilizarase desde o momento en que se chame o tra

ballador/a para prestar un servizo ata o momento en que o traballador/a regrese á súa base.

6. A prestación por parte dun traballador/a do dispositivo de localización, durante cinco días consecutivos implica a finalización, por parte deste, da súa xornada laboral semanal.

7. Como compensación á dispoñibilidade desde as 00.00 ás 24.00 horas, o traballador/a que acepte este sistema de traballo, ademais do soldo correspondente (salario base máis a antigüidade correspondente no ano 2006, para o ano 2007 e 2008 será do salario base máis complemento convenio máis a antigüidade correspondente) aboaráselle, en concepto de dispositivo de localización: 28,49 A por día no ano 2005. Para o ano 2006 será de: 29,91 A. Para o ano 2007 será de: 31,40 A. E para o ano 2008 será de: 32,97 A. Este complemento salarial non consolidable retribúe a aceptación expresa por parte do traballador/a do dispositivo de localización.

8. A empresa facilitará un parte, co fin de que o traballador/a rexistre a actividade desenvolvida durante o dispositivo, en que expresamente figuren as activacións realizadas semanalmente, así como a data e tempos de activación e retorno á base, en cada un dos servizos. De cada un destes partes o traballador/a gardará unha copia debidamente selada pola empresa.

c) Descanso semanal.

As empresas poderán programar os descansos dos traballadores/as segundo as quendas antes citadas; facilitaranse nunha semana dous días de descanso consecutivos, e nos seguintes, dous días alternos ou consecutivos, ou viceversa, non necesariamente en domingo ou festivo. Procurarase que tales domingos ou festivos sexan rotativos para todo o persoal. Naquelas empresas en que, por uso ou costume, os dous días de descanso sexan sempre consecutivos, continuarán séndoo.

Estes descansos que corresponden por quenda e que se teñan que traballar por suplencia de enfermidade e ausencias xustificadas doutro traballador/a, retribuiranse co salario correspondente ao día incrementado nun 50 % en caso de que non se dispoña dunha data inmediata para a concesión de descanso ao suplente.

Artigo 25º. Vacacións.

Os traballadores/as das empresas afectadas polo presente convenio terán dereito ao gozo dun período anual de trinta días naturais de vacacións retribuídas, conforme o salario base máis a antigüidade correspondente, para o ano 2006. Para o ano 2007 e 2008 calcularase sobre o salario base máis complemento convenio, máis a antigüidade correspondente.

Para os efectos do gozo do período de vacacións, a empresa negociará coa representación legal dos traballadores as correspondentes quendas, podendo partir as vacacións en dous períodos, co fin de que máis traballadores/as gocen a quincena estival.

Estas quendas faranse conforme o calendario anual, segundo as prestacións do servizo, e rotativo consonte o criterio que lles conveña a ambas as partes (representación de traballadores e representación empresarial) comezando a rotación polos máis antigos.

Non poderá sobreporse o inicio das vacacións cos días de descanso semanal.

Para o persoal que goce a quincena de vacacións, se así se dispuxese, fóra do período estival, incrementarase nun día de vacacións, agás que por pedimento propio do traballador/a goce dun mes completo e ininterrompido en calquera época do ano.

No caso de que o traballador/a non puidese gozar o seu período de vacacións marcado no calendario por incapacidade temporal ocasionada por accidente de traballo (exceptuando lumbalxias e cervicalxias que sexan inferiores a quince días naturais), estas aprazaranse, podendo gozalas non máis tarde do primeiro trimestre despois de coller a alta médica; no resto dos supostos gozaranse no ano natural.

Artigo 26º.-Asignación de servizos.

Por obvias razóns de seguranza, os condutores que cumprisen servizos diúrnos quedarán excluídos de realizar a seguir servizos nocturnos, e á inversa, os condutores que efectuasen servizos nocturnos non poderán levar a cabo, a seguir, servizos diúrnos.

En todo caso, respectarase o descanso previsto no presente convenio.

Artigo 27º.-Cadro de horarios e calendario laboral.

Os cadros de horarios fixos de organización dos servizos poñeranse en coñecemento do persoal con cinco días de anticipación á súa vixencia nos de carácter mensual, tres días nos quincenais, dous días nos semanais e, nos diarios, dúas horas antes do remate da xornada anterior.

O calendario laboral a que se refire o punto cuarto do artigo 34 do Estatuto dos traballadores comprenderá o horario de traballo e a distribución anual dos días de traballo, festivos, descansos semanais, vacacións e todos os días inhábiles do ano. Eses calendarios serán negociados cos representantes dos traballadores/as de cada empresa. As empresas daranlle aos representantes dos traballadores e aos traballadores/as, ao rematar o mes, unha relación detallada das horas que fixeron durante o mes, que irá asinada polo empresario e mais polo traballador/a.

Estes calendarios serán expostos no taboleiro de anuncios e en sitios visibles de fácil acceso ao centro de traballo.

Artigo 28º.-Mobilidade funcional.

Ademais dos supostos contemplados na lei, autorízase expresamente a mobilidade funcional para aqueles traballadores/as que, por padeceren algún tipo de enfermidade que os inhabilite para o desenvolvemento do seu posto de traballo, sen que poidan,

por calquera motivo, obter a incapacidade laboral transitoria, poidan ser colocados en calquera outro posto de traballo dos existentes na empresa. Para estes casos será preciso o informe médico que declare se é apto ou non para realizar os traballos específicos da súa categoría. Este informe seralles comunicado aos representantes legais, sempre que non haxa oposición do traballador, debendo incorporarse ao seu novo posto no prazo improrrogable de tres días. O cambio de posto non significará cambio de categoría profesional, conservando o seu salario base e complementos salariais durante os seis meses seguintes á súa incorporación, despois do cal, se persistise no posto de traballo, pasaría a percibir as retribucións correspondentes a esta categoría.

Capítulo IV

Do persoal

Artigo 29º.-Categorías profesionais.

As clasificacións do persoal consignadas neste convenio son meramente enunciativas e non supoñen a obriga de ter previstas as prazas enumeradas, se a necesidade e o volume da empresa non o require.

Médico/a: é o que desempeña funcións ou traballos correspondentes á súa titulación académica e profesional.

Axudante técnico sanitario: compréndese nesta categoría a quen, co correspondente título oficial, realiza os traballos propios da súa profesión.

Condutor de ambulancias: é o empregado/a que é contratado para conducir os vehículos de asistencia sanitaria, estando en posesión do correspondente permiso de conducir. Realizará as tarefas auxiliares e complementarias relacionadas co vehículo e o enfermo e/ou accidentado necesarias para a correcta prestación do servizo. A empresa estará obrigada a facilitar e asumir o custo da formación necesaria para obter a titulación e/ou certificación, que en cada caso exixan as entidades beneficiarias do servizo.

Axudante: terá as tarefas propias de padioleiro e coñecementos sanitarios para a atención e seguimento do paciente, realizando as tarefas auxiliares e complementarias relacionadas co vehículo e o enfermo e/ou accidentado precisas para a correcta prestación do servizo. Os axudantes-padioleiros con carné de conducir suficiente poderán e deberán ser formados/as para condutor de ambulancias. Esta formación de condución non poderá superar o 50 por 100 do seu tempo mentres perciben a retribución como axudantes. A empresa estará obrigada a facilitar e asumir o custo da formación necesaria para acceder á titulación e/ou certificación que en cada caso exixan as entidades beneficiarias do servizo. Esta formación adecuarase á lexislación vixente sobre prácticas e formación.

Xefe/a de taller: esta categoría inclúe os que, coa capacidade técnica precisa, teñan ao seu cargo a dirección dun taller, ordenando e vixiando os traballos que se realicen na súa dependencia.

Mecánico/a: clasifícanse nesta categoría as persoas que, con coñecementos teórico-prácticos do oficio, adquiridos nunha aprendizaxe debidamente acreditada, ou con longa práctica dela, realizan traballos de reparación de vehículos baixo as ordes e a supervisión do xefe de taller, se for o caso.

Axudante de mecánico: inclúese nesta categoría quen, con coñecementos xerais sobre o oficio, pode colaborar co mecánico nos traballos que este realice.

Chapista: clasifícanse nesta categoría os que, con coñecementos teórico-prácticos do oficio, adquiridos nunha aprendizaxe debidamente acreditada ou con longa práctica dela, realizan os traballos de reparación de vehículos, baixo as ordes e a supervisión do xefe do taller, se for o caso.

Pintor/a: clasifícanse nesta categoría os que, con coñecementos teórico-prácticos do oficio, adquiridos nunha aprendizaxe debidamente acreditada, ou con longa experiencia dela, realizan os traballos de reparación de vehículos baixo as ordes e a supervisión do xefe de taller, se for o caso.

Xefe/a de equipo: é o responsable inmediato do persoal operativo que teña ao seu cargo.

Xefe/a de tráfico: é o que ten ao seu cargo planificar e supervisar os movementos dos vehículos da empresa.

Oficial administrativo/a: pertencen a esta categoría aqueles que, coa titulación correspondente, ou con cinco anos de experiencia en cargo equivalente, realizan normalmente os traballos administrativos.

Auxiliar administrativo: é o empregado/a que, coa titulación correspondente, realiza os traballos administrativos acordes coa súa categoría.

Telefonista: comprende esta categoría o persoal que, nas distintas dependencias da empresa, teña asignada exclusivamente a misión de establecer as comunicacións telefónicas co interior ou co exterior, tomando e transmitindo os recados e avisos que recibise; así mesmo, atenderá e clasificará, segundo as áreas e tipos de servizos as chamadas que se reciban.

Director/a de área: é aquel que nos servizos centrais da empresa está á fronte dun dos departamentos ou áreas específicas en que se poida estruturar esta, dependendo directamente da dirección xeral da empresa.

Capítulo V

Dereitos varios

Artigo 30º.-Permisos e licenzas.

O traballador ou traballadora, logo de avisalo, e con posterior xustificación, pode ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, por algún dos seguintes motivos e polo tempo seguinte:

-17 días por: matrimonio do traballador/a ou parella de feito inscrita no rexistro civil

-2 días por: matrimonio ou parella de feito inscrita no rexistro público, de pais, irmáns e fillos. No

suposto de que se celebre fóra do domicilio do traballador/a, incrementarase 1 día por cada 300 quilómetros de ida e volta, agás para o arquipélago canario, balear e estranxeiro que se computará por desprazamento e non por quilómetros, que será un día para a ida e outro para a volta.

-4 días por: nacemento ou adopción dun fillo/a, accidente ou enfermidade grave, así como hospitalización, ou defunción de parentes ata o 1º grao de consanguinidade, afinidade ou adopción e 2 días por nacemento ou adopción dun fillo/a, accidente ou enfermidade grave, así como hospitalización ou defunción de parentes ata o 2º grao de consanguinidade, afinidade ou adopción, se non é necesario desprazamento. No suposto de que teña lugar fóra do domicilio do traballador/a, incrementarase 1 día por cada 300 quilómetros de ida e volta, agás para o arquipélago canario, balear e estranxeiro que se computará por desprazamento e non por quilómetros, que será un día para a ida e outro para a volta. Este permiso poderase utilizar calquera día mentres dure o ingreso no centro hospitalario.

-1 día por: cambio de domicilio habitual.

-1 día por: renovación do carné de conducir para todo traballador que conduza a ambulancia con independencia da súa categoría laboral.

-2 días por: asuntos propios nos anos 2005 e 2006. No ano 2007 aumentarase 1 día máis, quedando en 3, estes días deberán avisarse anticipadamente pero en ningún caso xustificarse.

-O tempo necesario para concorrer aos cursos de formación que a empresa estableza.

-Cumprimento de deberes públicos, polo tempo indispensable, logo de xustificación.

-1 xornada non remunerada para acompañar familiares ata o segundo grao de consanguinidade, adopción ou afinidade, a consultas ou tratamentos médicos.

Todo o anterior terá validez nas parellas de feito fidedignas e inscritas no rexistro público correspondente, así como para os fillos adoptados.

Artigo 31º.-Excedencias.

1. A excedencia poderá ser voluntaria ou forzosa. A forzosa, que dará dereito á conservación do posto e ao cómputo da antigüidade da sua vixencia, concederase pola designación ou elección para un cargo público que imposibilite a asistencia ao traballo. O reingreso deberá ser solicitado dentro do mes seguinte ao cesamento no cargo público.

2. O traballador con polo menos unha antigüidade na empresa dun ano ten dereito a que se lle recoñeza a posibilidade de situarse en excedencia voluntaria por un prazo non menor dun ano e non maior de cinco. Este dereito só poderá ser exercido outra vez

polo mesmo traballador se transcorreron catro anos desde o final da anterior excedencia.

3. Os traballadores terán dereito a un período de excedencia de duración non superior a tres anos para atender ao coidado de cada fillo, tanto cando o sexa por natureza, como por adopción, ou nos supostos de acollemento, tanto permanente como preadoptivo, contado desde a data de nacemento ou, se for o caso, da resolución xudicial ou administrativa.

Tamén terán dereito a un período de excedencia, de duración non superior a un ano, salvo que se estableza unha duración maior por negociación colectiva, os traballadores para atender ao coidado de un familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que, por razóns de idade, accidente o enfermidade non poida valerse por si mesmo e non desempeñe actividade retribuída.

A excedencia contemplada no presente punto constitúe un dereito individual dos traballadores, homes ou mulleres. Non obstante, se dous ou máis traballadores da mesma empresa xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, o empresario poderá limitar o seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da empresa.

Cando un novo suxeito causante dese dereito a un novo período de excedencia, o inicio dela dará fin ao que, se for o caso, se viñese desfrutando.

O período en que o traballador permaneza en situación de excedencia conforme ao establecido neste artigo será computable para os efectos de antigüidade e o traballador terá dereito á asistencia a cursos de formación profesional, para cuxa participación deberá ser convocado polo empresario, especialmente con ocasión da súa reincorporación. Durante o primeiro ano terá dereito á reserva do seu posto de traballo. Transcorrido o dito prazo, a reserva quedará referida a un posto de traballo do mesmo grupo profesional ou categoría equivalente.

4. Así mesmo, poderán solicitar o seu paso á situación de excedencia na empresa os traballadores que exerzan funcións sindicais de ámbito provincial ou superior mentres dure o exercicio do seu cargo representativo.

5. O traballador excedente conserva só un dereito preferente ao reingreso nas vacantes de igual ou similar categoría á súa que houbese ou se producisen na empresa.

6. A situación de excedencia poderá estenderse a outros supostos colectivamente acordados, co réxime e os efectos que alí se preveñan.

Artigo 32º.-Seguro de responsabilidade.

As empresas teñen a obriga de contratar unha póliza de seguros que cubra a responsabilidade civil

no marco do traballo realizado polos traballadores/as, pola contía que marque a Administración.

Artigo 33º.-Seguro colectivo de enfermidade ou accidente.

As empresas subscribirán, no prazo de trinta días a partir do asinamento do convenio e cunha entidade aseguradora recoñecida, unha póliza colectiva que garanta como mínimo a contía de:

Grande invalidez: 18.000 A

Invalidez total/absoluta:18.000 A

Morte: 18.000 A

Percíbea, por unha soa vez, o traballador/a e/ou viúvo/a, descendentes ou ascendentes e, de ser o caso, os herdeiros legais.

As primas que se xeren en función da citada póliza serán a cargo da empresa, sendo responsable a entidade aseguradora e, subsidiariamente, a empresa do pagamento, do capital asegurado ao traballador ou aos seus beneficiarios en caso de sinistro que supoña o dereito á súa percepción.

Artigo 34º.-Incapacidade temporal.

Cando unha destas situacións afecte o traballador/a, a empresa complementará ata o 100% do salario base máis complemento convenio máis, a antigüidade correspondente nas seguintes condicións:

a) En accidentes de traballo, desde o primeiro día, tomando como base as tres últimas mensualidades cotizadas.

b) Cando a enfermidade requira intervención cirúrxica ou ingreso nun centro hospitalario, a partir do primeiro día.

c) No caso de enfermidade común, a partir do terceiro día.

Artigo 35º.-Cambio de quenda.

A empresa permitirá o cambio de quenda entre os traballadores/as, sen discriminación ningunha, e comunicándoo con, como mínimo, vinte e catro horas de anticipación.

Artigo 36º.-Jubilación.

O persoal que, levando dez anos ao servizo da empresa, se xubile entre os 60 e 64 anos de idade, percibirá da empresa unha gratificación, por unha soa vez, de acordo coas seguintes táboas, para o ano 2006:

60 anos: 3.000 A

61 anos: 2.400 A

62 anos: 2.050 A

63 anos: 1.750 A

64 anos: 1.100 A

Acórdase a posibilidade de xubilación aos 64 anos co 100% da pensión, sempre que o posto de traballo

quede amortizado, de acordo co establecido no Real decreto 1194/1985, do 17 de xullo de 1985.

Para os anos seguintes incrementarase no 5%.

Capítulo VI

Dereitos sindicais

Artigo 37º.-Acumulación de horas sindicais.

Nas empresas do sector afectadas por este convenio poderanse acumular as horas sindicais nun representante dos traballadores, dentro dunha mesma organización sindical tanto total como parcialmente.

Artigo 38º.-Privación do permiso de conducir.

Para os casos de privación do permiso de conducir por tempo non superior a 12 meses, a empresa verase obrigada a facilitarlle ao condutor unha ocupación en calquera traballo, mesmo de categoría inferior, aboando a retribución correspondente ao dito posto, máis a antigüidade, e sempre que non concorran os seguintes requisitos:

a) Que a privación do permiso de conducir derive de feitos acaecidos no exercicio da actividade de conducir alleos á empresa.

b) Que a privación do carné de conducir sexa como consecuencia da comisión de delitos dolosos.

c) Que a privación do carné de conducir non se producise tamén nos 24 meses anteriores.

d) Que a privación do carné de conducir sexa consecuencia de inxerir bebidas alcohólicas ou tomar algún tipo de estupefacientes.

A empresa queda obrigada a concederlles excedencia con reserva do posto de traballo nela aos traballadores/as que desempeñen funcións de condución de vehículos da empresa, conxelándose a antigüidade correspondente durante este período, cando por calquera circunstancia quede privado do permiso de condución, ata o día que lle sexa devolta a súa licenza, logo de solicitude do traballador/a afectado, unha vez lle sexa comunicada a retirada do permiso de conducir polo organismo correspondente, sempre que isto non suceda tres veces no mesmo ano.

Artigo 39º.-Multas e sancións.

As multas que se impoñan pola comisión dunha suposta infracción en acto de servizo serán impugnadas obrigatoriamente pola empresa.

Cando a multa ou sanción sexa debida a un accidente ou supoña unha retirada do carné, considerarase un incidente, e o comité de prevención, servizo de prevención fará un estudo e manterá informados en todo momento os delegados de prevención que colaborasen nese estudo.

A empresa estará na obriga de entregarlle ao traballador e aos seus representantes dentro da empresa unha copia dos recursos interpostos.

Artigo 40º.-Uniformidade.

As empresas facilitaranlle ao persoal o uniforme, o vestiario preciso e idóneo para o desempeño da súa función, segundo o deseño da empresa e, en consonancia coas épocas de inverno e verán, consultarase a súa idoneidade co comité de prevención, delegados de prevención ou representantes dos traballadores/as. Todo o persoal afectado por este convenio disporá da uniformidade necesaria que marque a Administración, composto de dous uniformes e o calzado correspondente, no lugar de traballo. Todo o uniforme e o calzado terá que estar homologado e cumprir a normativa referente a riscos laborais.

Así mesmo, o empresario proverá das seguintes medidas preventivas a todo o persoal:

-Todos os traballadores/as terán asignado un centro de traballo no cal disporán de armarios, duchas e servizos axeitados.

-Cada traballador/a disporá de armarios separados para roupa de traballo e roupa de rúa, para evitar que se mesturen.

-Terá a obriga do reposto de roupa na empresa para mudala en calquera momento da xornada de traballo.

-Os traballadores/as disporán de 10 minutos antes das comidas e outros 10 antes de abandonar o posto de traballo para o seu aseo persoal e para mudar de roupa.

-A empresa farase cargo do lavado, desinfección e pasaxe de ferro da roupa de traballo. Esta observará as mesmas precaucións sanitarias que nos centros hospitalarios.

A selección de luvas, demais equipamentos de protección individual e roupa de traballo deberá realizarse de acordo coas normas UNE fronte á penetración de axentes biolóxicos.

Artigo 41º.-Contratación promocións e ascensos.

I. Ingresos.

1. O ingreso dos traballadores/as axustarase ás modalidades de contratación legais vixentes en cada momento. A dirección informará os representantes dos traballadores/as de conformidade co establecido no artigo 64 do Estatuto dos traballadores.

2. Terán dereito preferente para o ingreso, cando nalgún momento poida existir posto ou postos, nalgunhas das diferentes categorías profesionais a que fai referencia este convenio, en idoneidade de condicións e con preferencia sobre outras persoas alleas á empresa, aqueles traballadores que desempeñen funcións na empresa con contratos de duración determinada, a tempo parcial ou subcontrata.

II. Ascensos.

1. Durante o tempo que o traballador/a preste os seus servizos nunha categoría superior, percibirá o salario da categoría de destino, aínda que non o consolide, entendéndose que se o empregado non

consolida o dito posto de destino, retornará ao seu posto de orixe nas mesmas condicións laborais que tiña antes de efectuarse o ascenso.

2. Para estes efectos, o período de consolidación do novo posto de destino será de noventa días consecutivos ou cento vinte alternos nun ano.

III. Postos de nova creación, promocións e vacantes.

1. Para os casos de promocións internas e os postos de nova creación, as empresas establecerán un proceso selectivo con base nun sistema de carácter obxectivo, tomando como referencia as seguintes circunstancias: titulación adecuada, coñecemento do posto de traballo, historial e mérito profesional, ou ter desempeñado funcións nun grupo profesional superior.

2. Cando se produza unha vacante definitiva que vaia ser cuberta, corresponderalles decidir ás empresas sobre a solicitude de ocupala, tendo preferencia, en igualdade de condicións, o traballador con máis antigüidade no servizo e máis antigüidade na empresa. En ningún caso se producirá discriminación ningunha.

3. Para estes efectos, as empresas deberán informar os representantes dos traballadores da existencia de vacantes e expoñelo no taboleiro de anuncios da empresa.

En todo o que regule este artigo terá a última decisión obxectiva a empresa.

Capítulo VII

Faltas e sancións

Artigo 42º.-Réxime disciplinario.

Os traballadores/as poderán ser sancionados pola dirección da empresa, en virtude de incumprimentos laborais, de acordo coa graduación de faltas e sancións que se establece a seguir. A sanción de faltas graves e moi graves requirirá comunicación escrita ao traballador/a, facendo constar a data e os feitos que a motivan. A sanción das faltas leves seralle, así mesmo, comunicada ao representante legal dos traballadores.

a) Serán faltas leves as seguintes:

1. A incorrección co público e cos compañeiros/as e/ou subordinados.

2. O atraso inxustificado, neglixencia ou descoido no cumprimento do traballo.

3. A non comunicación, coa debida anticipación, da falta de asistencia ao traballo con causa xustificada, a non ser que se probe a imposibilidade de facelo.

4. A falta de asistencia ao traballo sen causa xustificada dun día nun mes.

5. As faltas repetidas de puntualidade, sen causa xustificada, de tres días nun mes.

6. O desaseo ou neglixencia no uniforme de traballo.

b) Serán faltas graves as seguintes:

1. Desobediencia no traballo ou falta de respecto debida aos compañeiros, superiores e/ou subordinados.

2. O mal uso dos locais, vehículos, material e documentos dos servizos, con especial incidencia na protección de datos, que produza ou poida producir deterioración ou prexuízo.

3. O incumprimento das normas, ordes ou instrucións dos superiores, en relación coas obrigas concretas no posto de traballo, e as neglixencias que deriven ou poidan derivar en prexuízos graves, ou incumprimento ou a negativa dun servizo determinado.

4. O incumprimento das ordes ou instruccións ou abandono das medidas adoptadas en materia de saúde laboral, cando destes poidan derivar riscos para a saúde e a integridade física ou psíquica do mesmo.

5. A falta de asistencia ao traballo, sen xustificación, durante tres días nun mes.

6. O abandono do traballo sen causa xustificada.

7. A simulación de enfermidade ou accidente, laboral ou non, logo do informe da autoridade competente.

8. O encubrimento de faltas doutros traballadores.

9. A desconsideración ou mal trato co enfermo ou accidentados ou cos seus achegados no inicio do exercicio das súas funcións suficientemente acreditado.

10. A utilización indebida da información de que se teña coñecemento por razóns do seu traballo.

11. A reincidencia na comisión de faltas leves, aínda que sexan de distinta natureza, dentro dun mesmo mes, cando mediasen sancións por elas.

12. A falta de respecto á intimidade dos compañeiros de traballo e/ou dos enfermos ou accidentados, comprendendo a protección fronte a ofensas verbais, físicas ou de natureza sexual.

c) Serán faltas moi graves as seguintes:

1. A fraude, a deslealdade e o abuso de confianza nos servizos encomendados.

2. O exercicio de actividades profesionais, públicas ou privadas, durante a xornada de traballo e/o utilización de materiais propios da empresa.

3. O incumprimento ou abandono das normas e medidas adoptadas para a prevención e saúde laboral xa que disto poden derivar riscos para a saúde e a integridade física e psíquica de terceiros, ou ben cando supoñan un reiterado incumprimento delas.

4. A falta de asistencia non xustificada ao traballo máis de tres días nun mes.

5. As condutas de acoso moral e acoso sexual definidas no capítulo de saúde laboral.

As reiteradas faltas de puntualidade non xustificadas durante quince días ou máis nun mes, ou durante trinta días nun semestre.

7. A reincidencia en faltas graves, dúas da mesma natureza e tres de distinta natureza, cando mediasen sancións polas mesmas, no período deun ano.

Sancións:

a) Por faltas leves: amoestación por escrito.

b) Por faltas graves: amoestación por escrito. Suspensión de emprego e soldo, de dous a dez días.

c) Por faltas moi graves: amoestación por escrito, suspensión de emprego e salario de dez a corenta e cinco días.

Prescrición das infraccións e faltas: respecto dos traballadores/as, as faltas leves prescribirán aos dez días, as graves aos vinte días e as moi graves aos sesenta días, a partir da data en que a empresa tivo coñecemento da súa comisión e, en todo caso, aos seis meses de cometerse.

Capítulo VIII

Prevención de riscos laborais

Artigo 43º.-Saúde laboral.

Ordenación da acción preventiva na empresa:

1. A acción preventiva na empresa está constituída polo conxunto coordinado de actividades e medidas preventivas contidas neste capítulo e demais lexislación aplicable.

A selección das actividades ou medidas preventivas deberá dirixirse a garantir o dereito dos traballadores/as á protección eficaz fronte aos riscos laborais, consonte os seguintes principios xerais:

a) Evitar os riscos.

b) Avaliar os riscos que non se poidan evitar.

c) Combater os riscos na súa orixe.

d) Adaptar o traballo á persoa, en particular no que respecta á concepción dos postos de traballo, así como á escolla dos equipamentos e métodos de traballo e de produción, con vistas, en particular, a atenuar o traballo monótono e repetitivo e a reducir os seus efectos na saúde.

e) Ter en conta a evolución da técnica.

f) Substituír o perigoso polo que entrañe pouco ou ningún perigo.

g) Planificar a prevención, buscando un conxunto coherente que integre nela a técnica, a organización do traballo, as condicións de traballo, as relacións sociais e a influencia dos factores ambientais no traballo.

h) Adoptar medidas que antepoñan a protección colectiva á individual.

i) Darlles as debidas instrucións aos traballadores/as.

2. A planificación e a organización da acción preventiva deberán formar parte da organización do traballo, sendo, polo tanto, responsabilidade do empresario, quen deberá orientar esta actuación á mellora das condicións de traballo e dispoñer dos medios oportunos para levar a cabo a propia acción preventiva. Na elaboración e posta en práctica dos plans e programas de prevención de riscos na empresa participarán e serán obxecto de consulta os traballadores e traballadoras a través dos órganos de representación. Para tal efecto, a acción preventiva deberá integrarse no conxunto de actividades da empresa e en todos os niveis xerárquicos.

O empresario deberá reflectir documentalmente a planificación e organización da acción preventiva, proporcionándolles aos delegados de prevención a devandita documentación, anualmente e nos supostos de modificación das condicións de traballo.

En cumprimento das súas obrigas de control, o empresario deberá levar a cabo controis periódicos das condicións de traballo, material de traballo e examinar a actividade dos traballadores/as na prestación dos seus servizos para detectar situacións potencialmente perigosas. Se se produciu un dano para a saúde dos traballadores/as ou, se con ocasión da vixilancia do estado da súa saúde respecto a riscos específicos, aparecesen indicios de que as medidas de prevención resultan insuficientes, o empresario deberá levar a cabo unha investigación ao respecto, co fin de detectar as causas destes feitos.

O empresario adecuará as medidas preventivas cando, como consecuencia dos controis mencionados, se apreciase a inadecuación das accións preventivas utilizadas; nese caso procederá á modificación destas e utilizará, mentres non se poidan materializar as modificacións indicadas, as medidas preventivas provisorias que poidan diminuír o risco.

Os riscos para a saúde do traballador/a previranse evitando: 1º a súa xeración; 2º a súa emisión; 3º a súa transmisión; e, só en última instancia, utilizaranse os medios de protección persoal adecuados ao risco.

En cumprimento do deber de prevención de riscos laborais e en aplicación da Lei 31/1995 e do R.D. 39/1997, en todos os centros de traballo integrarase a actividade preventiva no conxunto das actividades e decisións en que este se preste, incluídos todos os niveis da empresa. A integración da prevención en todos os niveis xerárquicos da empresa implica a atribución a todos eles e a asunción por estes da obriga de incluír a prevención de riscos en calquera actividade que realicen ou ordenen e en todas as decisións que adopten.

Por iso, sen mingua da responsabilidade xeral da empresa, o responsable dunha área de traballo tamén o é da adopción das medidas de prevención de riscos precisas para que o traballo se realice coas debidas

condicións de seguranza e saúde na dita área. Igualmente, daralles as instrucións necesarias aos traballadores/as.

Plan integral de seguranza e saúde no traballo:

Para concretar o desenvolvemento da acción preventiva establecida anteriormente, en cada empresa elaborarase un plan integral de seguranza e saúde no traballo, documentado e elaborado polo servizo de prevención de riscos da empresa, que terá, como mínimo, os seguintes contidos:

-Unha avaliación inicial ou revisada dos riscos de cada centro de traballo.

-Desenvolvemento das seguintes actividades, preferentemente distribuídas en tempos: a información aos traballadores/as sobre os riscos. A formación aos traballadores/as, aos delegados de prevención, aos traballadores designados, sobre medidas contra incendios, evacuación e primeiros auxilios, determinando a periodicidade e todos os casos e axentes formadores. Os protocolos de vixilancia da saúde para cada posto de traballo, cos seus resultados.

-As medidas correctoras dos riscos detectados e os medios de protección, tanto colectivos como individuais.

-Realizarase unha inspección periódica do material de traballo. Esta inspección mecánica do vehículo -valoraranse os dispositivos de seguranza- tanto pasiva como activa, levaraa a cabo unha persoa cualificada (servizo técnico mecánico, xa sexa propio ou alleo á empresa).

-A inspección de material técnico de traballo, limpeza de todo o material, faina o traballador/a durante a súa xornada de traballo, poñendo en coñecemento do responsable directo as anomalías observadas. Esta periodicidade non será superior a dous meses, e implicaría a inmobilidade do vehículo mentres dure a dita inspección.

-As empresas que obriguen os seus traballadores a iren conectados por teléfono ben cos teleoperadores do 061 ou 112, ben coa empresa, estarán na obriga de instalar dispositivos de mans libres homologados nos vehículos como elemento de seguranza para previr accidentes de tráfico.

-As empresas teñen a obriga de entregar as instrucións de actuación aos traballadores/as, para que estes teñan as pautas de actuación en cada momento, servindo estes protocolos para darlle cumprimento ao dereito á información que consagra a LPRL.

-As empresas están obrigadas a proporcionarlles aos traballadores/as, para a súa protección individual, luvas, lentes, máscaras homologadas en función dos distintos tipos de servizo.

-En función dos distintos lugares polos que un condutor de ambulancia ten que transitar, tamén está na obriga o empresario de proporcionarlle casco con luz auxiliar e calzado de seguranza antiescorregamentos.

-En aplicación da normativa, o empresario deberá adoptar as medidas técnicas ou organizativas necesarias para evitar a manipulación manual das cargas, en especial mediante a utilización de equipamentos para que o manexo mecánico delas sexa de forma automática ou controlada polo traballador. Cando non poida evitarse a necesidade de manipulación manual das cargas, o empresario tomará as medidas de organización adecuada, utilizará os medios apropiados ou proporcionaralles aos traballadores tales medios para reducir o risco que entrañe esa manipulación. Con tal fin deberá avaliar os riscos tomando en consideración os factores indicados no anexo do R.D. 487/1997 e os seus posibles efectos combinados, quedando expresamente prohibidas as cadeiras de dúas rodas.

Elección de delegados/as de prevención:

En todas as empresas do sector elixiranse os delegados/as de prevención conforme a Lei de prevención de riscos laborais. Onde exista representación legal dos traballadores/as, elixirase de entre eles; cando non exista a dita representación legal, serán elixidos/as de entre os traballadores de cada centro de traballo.

Garantías do delegado/a de prevención:

Garantía e sixilo profesional dos delegados de prevención:

1. O previsto no artigo 68 do Estatuto dos traballadores en materia de garantías seralles de aplicación aos delegados de prevención na súa condición de representantes dos traballadores.

2. O empresario deberá proporcionarlles aos delegados de prevención os medios e a formación en materia preventiva que resulten necesarios para o exercicio das súas funcións. A formación deberá ser facilitada polo empresario polos seus propios medios ou mediante concerto con organismos ou entidades especializadas na materia e deberá adaptarse á evolución dos riscos e á aparición doutros novos, repetíndose periodicamente se fora necesario. O tempo dedicado a formación será considerado como tempo de traballo para todos os efectos e o seu custo non poderá recaer en ningún caso sobre os delegados de prevención.

3. Aos delegados de prevención seralles de aplicación o disposto no apartado 2º do artigo 65 do Estatuto dos traballadores canto ao sixilo profesional debido respecto das informacións a que tivesen acceso como consecuencia da súa actuación na empresa.

4. O disposto no presente artigo en materia de garantías e sixilo profesional dos delegados de prevención entenderase referido, no caso das relacións de carácter administrativo ou estatutario do persoal ao servizo das administracións públicas, á regulación contida nos artigos 10, parágrafo segundo, e 11 da Lei 9/1987, do 12 de xuño, de órganos de representación, determinación das condicións de traballo e participación do persoal ao servizo das administracións públicas.

Formación do delegado/a de prevención na prevención de riscos laborais:

Os delegados/as de prevención das empresas deben contar con formación específica para o desenvolvemento das súas funcións.

Poderán asistir a cursos de formación e xornadas e a empresa facilitarallo.

Información aos traballadores/as na prevención de riscos laborais:

A información que fai parte do plan de prevención sobre os riscos xerais ou inherentes aos de traballo será realizada cos contidos das avaliacións de riscos, de forma estrita, dirixida a cada traballador, e será contrastada pola representación sindical. Realizarase durante a xornada laboral e, en calquera caso, en horas de traballo.

Formación dos traballadores/as na prevención de riscos laborais:

O empresario comprométese a facilitarlles a todos os seus traballadores/as a formación sobre riscos xerais ou específicos que sexa necesaria para o desempeño das súas funcións. Tal formación impartirase, sempre que sexa posible, dentro da xornada de traballo, ou no seu defecto, noutras horas pero co desconto naquela do tempo investido nela.

Debe garantirse a cada traballador/a unha formación teórica e práctica adecuada cando inicia a súa relación contractual e cando, por cambio ou modificación do posto de traballo, teñan que aplicar técnicas diferentes, manexar equipamentos ou materiais que poidan ocasionar riscos para o propio traballador/a ou para terceiros.

Delegados de prevención sectorial:

Co fin de impulsar a prevención de riscos laborais no ámbito deste convenio e respectando as disposicións mínimas legais existentes, ambas as partes negociadoras crean a figura acreditada do delegado de prevención sectorial con dedicación plena a esta tarefa. O seu número será paritario ás organizacións sindicais asinantes do convenio, distribuídos e nomeados polas respectivas federacións das organizacións sindicais asinantes do convenio. Non será obriga que o seu nomeamento recaia en persoal do sector, e tampouco gozarán de crédito horario a cargo das empresas para a realización da dita función. O seu ámbito de aplicación será por comunidade autónoma.

A súa dedicación, competencias e facultades serán as recoñecidas no capítulo V da Lei de prevención de riscos laborais, e terán garantido, logo de comunicación, o acceso ao centro de traballo en todas e cada unha das empresas afectadas polo presente convenio, co fin de observar as condicións de saúde e seguranza, entrevistarse cos delegados de prevención e propoñerlle ao empresario medidas correctoras, sen que se altere o normal desenvolvemento do proceso produtivo. A comisión paritaria deste convenio colectivo proverá da credencial corresponden

te os delegados de prevención sectoriais nomeados polas organizacións sindicais asinantes deste convenio.

Comisión Sectorial de Prevención de Riscos Laborais:

No ámbito de Galicia créase unha comisión sectorial de carácter paritario, que abrangue todas as empresas do ámbito deste convenio, composta polos sindicatos asinantes do convenio e polos mesmos representantes da patronal, a cal terá, ademais das facultades recollidas na lei, as seguintes:

-Coordinar plans de formación, tanto para os delegados de prevención como para o conxunto dos traballadores/as do sector autonómico de ambulancias.

-Servir como principio mediador para a solución daqueles conflitos que en materia de saúde laboral e prevención de riscos se xeren en calquera das empresas do ámbito deste convenio.

-Analizar todas as incidencias ocorridas en materia de saúde laboral e aqueles accidentes producidos no sector para poder emitir os informes e recomendacións correctoras de prevención.

-Os membros desta comisión estarán facultados para visitar as empresas do sector, para exercer labores de vixilancia e asesoramento en materia de saúde laboral e prevención de riscos.

-Coordinar o traballo e recibir as consultas e suxestións dos delegados/as de prevención sectoriais.

Dereitos de consulta, participación e información:

Nas competencias do delegado de prevención e do comité de seguranza e saúde están o coñecemento de toda a documentación e calquera información que estea en poder da empresa sobre os riscos reais ou potenciais debidos ás materias primas utilizadas ou ao proceso produtivo e os mecanismos para a súa prevención e eliminación do risco, así como a elaboración do mapa de riscos e do plan xeral de prevención e mellora das condicións de traballo.

Os traballadores e traballadoras, mediante o comité de saúde e seguranza, terán dereito á información necesaria sobre as materias empregadas, a tecnoloxía e demais aspectos do proceso produtivo que sexan necesarios para o coñecemento dos riscos que afecten a saúde física e mental. Así mesmo, terán dereito a aquela información que posúa a empresa sobre os riscos reais ou potenciais do proceso produtivo e os mecanismos para a súa prevención.

Os traballadores/as, individualmente, terán dereito a toda a información correspondente aos estudos que se realicen sobre o seu ambiente de traballo e sobre o seu estado de saúde, incluíndo resultados de exames, diagnósticos e tratamento que se lles efectúen. Terán tamén dereito a que se lles faciliten estes resultados.

O comité de saúde e seguranza será debidamente informado acerca dos programas anuais destinados á protección da saúde do traballador, así como do

montante do orzamento destinado á súa execución. Acto seguido, emitirá opinións e ditame ao respecto. As organizacións asinantes do presente convenio propiciarán para a súa afiliación a asistencia a cursos de formación sobre esta materia.

O comité de saúde e seguranza deberá ser consultado sobre todas aquelas decisións relativas á tecnoloxía e organización do traballo que teñan repercusión sobre a saúde física e mental do traballador.

Así mesmo, existirá participación dos representantes sindicais nas empresas, sendo consultados polo empresario antes de adoptar a decisión de concertar a actividade preventiva con un ou varios servizos de prevención alleos. O correspondente informe dos delegados de prevención non será vinculante. Os requisitos que se considerarán para elixir unha destas entidades son calidade da asistencia sanitaria, confidencialidade estrita da información sanitaria, uso prudente á hora de realizar recoñecementos médicos de control aos traballadores/as, cantidade e calidade dos recursos preventivos, oferta formativa, asentamento de recursos na área xeográfica.

Vixilancia da saúde:

1. O empresario garantiralles aos traballadores ao seu servizo a vixilancia periódica do seu estado de saúde en función dos riscos inherentes ao traballo.

Esta vixilancia só poderá levarse a cabo cando o traballador preste o seu consentimento. Deste carácter voluntario só se exceptuarán, logo de informe dos representantes dos traballadores, os supostos en que a realización dos recoñecementos sexa imprescindible para avaliar os efectos das condicións de traballo sobre a saúde dos traballadores ou para verificar se o estado de saúde do traballador pode constituír un perigo para el mesmo, para os demais traballadores ou para outras persoas relacionadas coa empresa ou cando así estea establecido nunha disposición legal en relación coa protección de riscos específicos e actividades de especial perigo.

En todo caso deberase optar pola realización daqueles recoñecementos ou probas que lle causen as menores molestias ao traballador e que sexan proporcionais ao risco.

2. As medidas de vixilancia e control da saúde dos traballadores levaranse a cabo respectando sempre o dereito á intimidade e a dignidade da persoa do traballador e a confidencialidade de toda a información relacionada co seu estado de saúde.

3. Os resultados da vixilancia a que se refire o número anterior seránlles comunicados aos traballadores afectados.

4. Os datos relativos á vixilancia da saúde dos traballadores non poderán ser usados con fins discriminatorios nin no prexuízo do traballador.

O acceso á información médica de carácter persoal limitarase ao persoal médico e ás autoridades sanitarias que leven a cabo a vixilancia da saúde dos

traballadores, sen que poida facilitarselles ao empresario ou a outras persoas sen consentimento expreso do traballador.

Non obstante o anterior, o empresario, as persoas e órganos con responsabilidades en materia de prevención serán informados das conclusións que deriven dos recoñecementos efectuados en relación coa aptitude do traballador para o desempeño do posto de traballo ou coa necesidade de introducir ou mellorar as medidas de protección e prevención, co fin de que poidan desenvolver correctamente as súas funcións en materia preventiva.

5. Nos supostos en que a natureza dos riscos inherentes ao traballo o faga necesario, o dereito dos traballadores á vixilancia periódica do seu estado de saúde deberá ser prolongado alén da finalización da relación laboral, nos termos que regulamentariamente se determinen.

6. As medidas de vixilancia e control da saúde dos traballadores levaraas a cabo persoal sanitario con competencia técnica, formación e capacidade acreditada.

Protección fronte á exposición de axentes biolóxicos:

O empresario debe proporcionarlle ao traballador a adecuada información, instrución e adestramento sobre os riscos biolóxicos que afecten o seu posto de traballo ou función, e as medidas de protección ou prevención aplicables aos ditos riscos.

Informacións e instrucións que lle serán entregadas por escrito a cada traballador, nas cales figure para cada tarefa un protocolo ou procedemento de traballo seguro.

-Ofreceránselles aos traballadores expostos, sen custo ningún, as vacinas eficaces existentes, e serán informados sobre os beneficios, vantaxes e inconvenientes, tanto da vacinación como da non vacinación.

-Os vehículos, de forma periódica, pasarán unha limpeza exhaustiva de desinfección realizada polo persoal cualificado. Esta periodicidade non será superior a seis meses ou cando se requira polas condicións dos servizos realizados.

-Así mesmo, teranse en conta, con referencia á exposición de riscos biolóxicos, as epígrafes referidas a isto en uniformidade.

-Establécese a obrigatoriedade de crear un ficheiro en cada empresa onde queden reflectidas todas as exposicións a riscos que tivesen lugar en cada unha das empresas de ambulancias en que estea, é dicir, o ficheiro pasará dunha empresa a outra e será confidencial. Este tipo de modelo será igual ou similar ao exposto no anexo II. Será cuberto polo traballador e entregado á empresa.

Protección dos traballadores/as especialmente sensibles:

1. O empresario garantirá de maneira específica a protección dos traballadores que, polas súas pro

pias características persoais ou estado biolóxico coñecido, incluídos aqueles que teñan recoñecida a situación de discapacidade física, psíquica o sensorial, sexan especialmente sensibles aos riscos derivados do traballo. Para tal fin, deberá ter en conta estes aspectos nas avaliacións dos riscos e en función destas, adoptará as medidas preventivas e de protección necesarias.

Os traballadores non serán empregados naqueles postos de traballo en que, a causa das súas características persoais, estado biolóxico ou pola súa discapacidade física, psíquica ou sensorial debidamente recoñecida, poidan eles, os demais traballadores e outras persoas relacionadas coa empresa poñerse en situación de perigo ou, en xeral, cando se encontren manifestamente en estados ou situacións transitorias que non respondan ás exixencias psicofísicas dos respectivos postos de traballo.

2. Igualmente, o empresario deberá ter en conta nas avaliacións os factores de risco que poidan incidir na función de procreación dos traballadores e traballadoras, en particular pola exposición a axentes físicos, químicos e biolóxicos que poidan exercer efectos mutaxénicos ou de toxicidade para a procreación, tanto nos aspectos da fertilidade como do desenvolvemento da descendencia, co obxecto de adoptar as medidas preventivas necesarias.

Conciliación da vida familiar e protección da maternidade:

1. A avaliación dos riscos deberá comprender a determinación da natureza, o grao e a duración da exposición das traballadoras en situación de embarazo ou parto recente a axentes, procedementos ou condicións de traballo que poidan influír negativamente na saúde das traballadoras ou do feto, en calquera actividade susceptible de presentar un risco específico. Se os resultados da avaliación revelasen un risco para a seguranza e a saúde ou unha posible repercusión sobre o embarazo ou a lactación das citadas traballadoras, o empresario adoptará as medidas necesarias para evitar a exposición ao dito risco, a través dunha adaptación das condicións ou do tempo de traballo da traballadora afectada.

Estas medidas incluirán, cando resulte necesario, a non realización de traballo nocturno ou de traballo a quendas.

2. Cando a adaptación das condicións ou do tempo de traballo non resultase posible ou, a pesar de tal adaptación, as condicións dun posto de traballo puidesen influír negativamente na saúde da traballadora embarazada ou do feto, e así o certifiquen os servizos médicos do Instituto Nacional da Seguridade Social ou das mutuas, co informe do médico do Servizo Nacional da Saúde que asista facultativamente a traballadora, esta deberá desempeñar un posto de traballo ou función diferente e compatible co seu estado. O empresario deberá determinar, logo de consulta cos representantes dos traballadores, a relación dos

postos de traballo exentos de riscos para estes efectos.

3. O cambio de posto ou función levarase a cabo de conformidade coas regras e criterios que se apliquen nos supostos de mobilidade funcional e terá efectos ata o momento en que o estado de saúde da traballadora permita a súa reincorporación ao anterior posto.

No suposto de que, aínda aplicando as regras sinaladas no parágrafo anterior, non existise posto de traballo ou función compatible, a traballadora poderá ser destinada a un posto no correspondente ao seu grupo ou categoría equivalente, se ben conservará o dereito ao conxunto de retribucións do seu posto de orixe.

4. Se o dito cambio de posto non resultase técnica e obxectivamente posible, ou non poida razoablemente exixirse por motivos xustificados, poderá declararse o paso da traballadora afectada á situación de suspensión do contrato por risco durante o embarazo, recollida no artigo 45.1ºd) do Estatuto dos traballadores, durante o período necesario para a protección da súa seguranza ou da súa saúde e mentres persista a imposibilidade de reincorporarse ao seu posto anterior ou a outro posto compatible co seu estado.

5. O disposto nos números 1 e 2 deste artigo será tamén de aplicación durante o período de lactación, se as condicións de traballo puidesen influír negativamente na saúde da muller ou do fillo e así o certificase o médico que, no réxime da Seguridade Social aplicable, asista facultativamente a traballadora.

6. As traballadoras embarazadas terán dereito a ausentarse do traballo, con dereito a remuneración, para a realización de exames prenatais e técnicas de preparación ao parto, logo de aviso ao empresario e xustificación da necesidade da súa realización dentro da xornada de traballo.

7. As traballadoras, por lactación dun fillo menor de nove meses, terán dereito a unha hora de ausencia do traballo, que poderán dividir en dúas fraccións. A muller, pola súa vontade, poderá substituír este dereito pola reducción da súa xornada en media hora coa mesma finalidade. Este permiso poderá ser disfrutado indistintamente pola nai ou o pai, en caso de que ambos traballen.

8. Quen por razóns de garda legal teña ao seu coidado directo algún menor de seis anos ou un minusválido físico, psíquico ou sensorial que non desempeñe unha actividade retribuída, terá dereito a unha redución da xornada de traballo, coa mesma diminución proporcional do salario entre, polo menos, un terzo e un máximo da metade da duración daquela.

Terá o mesmo dereito quen precise encargarse do coidado directo dun familiar, ata o segundo grao de consangüinidade ou afinidade, que por razóns de idade, accidente ou enfermidade non poida valer

se por si mesmo e que non desempeñe actividade retribuída.

A redución de xornada prevista neste punto constitúe un dereito individual dos traballadores, homes ou mulleres. Non obstante, se dous ou máis traballadores da mesma empresa xerasen este dereito polo mesmo suxeito causante, o empresario poderá limitar o seu exercicio simultáneo por razóns xustificadas de funcionamento da empresa.

9. A concreción horaria e a determinación do período de desfrute do permiso de lactación e da redución da xornada, previstos nos números 7 e 8 deste artigo, corresponderalle ao traballador, dentro da súa xornada ordinaria. O traballador deberá avisar o empresario con quince días de anticipación á data en que se incorporará á súa xornada ordinaria.

Suspensión con reserva do posto de traballo:

No suposto de parto, a suspensión terá unha duración de 16 semanas, que se desfrutará de forma ininterrompida, ampliables no suposto de parto múltiple en dúas semanas máis por cada fillo a partir do segundo. No período de suspensión distribuirase á opción da interesada sempre que seis semanas sexan inmediatamente posteriores ao parto. En caso de falecemento da nai, o pai poderá facer uso da totalidade ou, se for o caso, da parte que reste do período de suspensión.

Non obstante o anterior, sen prexuízo das seis semanas inmediatas posteriores ao período de descanso obrigatorio da nai, no caso de que o pai e a nai traballen, esta, ao iniciarse o período de descanso por maternidade, poderá optar porque o pai desfrute dunha parte determinada e ininterrompida do período de descanso posterior ao parto ben de forma simultánea ou sucesiva co da nai, salvo que no momento da súa efectividade a incorporación ao traballo da nai supoña un risco para á súa saúde.

Nos supostos de adopción e acollemento, tanto preadoptivo como permanente, de menores ata seis anos, a suspensión terá unha duración de dezaseis semanas ininterrompidas, ampliable no suposto de adopción ou acollemento múltiple en dúas semanas máis por cada fillo a partir do segundo, contadas á escolla do traballador, ben a partir da decisión administrativa ou xudicial de acollemento, ben a partir da resolución xudicial pola que se constitúe a adopción. A duración da suspensión será, así mesmo, de dezaseis semanas no suposto de adopción ou acollemento de menores maiores de seis anos de idade, cando se trate de menores discapacitados ou minusválidos ou que, por circunstancias e experiencias persoais ou que por proviren do estranxeiro, teñan especiais dificultades de inserción social e familiar debidamente acreditadas polos servizos sociais competentes. No caso de que a nai e o pai traballen, o período de suspensión distribuirase á opción dos interesados, que poderán desfrutar de forma

simultánea ou sucesiva, sempre con períodos ininterrompidos e cos límites sinalados.

Nos casos de desfrute simultáneo de períodos de descanso, a suma deles non poderá exceder as dezaseis semanas previstas nos parágrafos anteriores ou das que correspondan no caso de parto múltiple.

Os períodos a que se refire este artigo poderán desfrutarse en réxime de xornada completa ou a tempo parcial, logo de acordo entre os empresarios e os traballadores afectados, nos termos que regulamentariamente se determinen.

Nos supostos de adopción internacional, cando sexa necesario o desprazamento previo dos pais ao país de orixe do adoptado, o período de suspensión, previsto para cada caso no presente artigo, poderá iniciarse ata catro semanas antes da resolución por que se constitúe a adopción.

Suspensión con reserva de posto de traballo no suposto de risco durante o embarazo:

No suposto de risco durante o embarazo, nos termos previstos no artigo 26, números 2 e 3, da Lei 31/1995, do 8 de novembro, de prevención de riscos laborais, a suspensión do contrato finalizará o día en que se inicie a suspensión do contrato por maternidade biolóxica ou desapareza a imposibilidade da traballadora de reincorporarse ao seu posto anterior ou a outro compatible co seu estado.

Prevención do acoso no traballo:

As partes manifestan a súa plena determinación á adopción de cantas medidas tendan á prevención de condutas de acoso moral, violación do dereito á intimidade e á dignidade persoal, incluídas as ofensas verbais ou físicas de natureza sexual.

Enténdese por acoso sexual a situación en que se produce calquera comportamento verbal, non verbal ou físico non desexado, de índole sexual, co propósito ou o efecto de atentar contra a dignidade dunha persoa, en particular cando se crea un ambiente intimidatorio, hostil, degradante, humillante ou ofensivo.

Enténdese por acoso moral o factor de risco psicosocial que se manifesta por unha conduta abusiva (xesto, palabra, comportamento, actitude, etc.) que atente, pola súa repetición ou sistematización, contra a dignidade ou integridade psíquica ou física dunha persoa, poñendo en perigo o seu emprego ou degradando o ambiente de traballo.

Estes supostos, no caso de seren exercidos desde posicións de superioridade xerárquica e aqueloutros que se exercesen sobre persoas con contratos temporais, consideraranse, ademais, falta moi grave, como abuso de autoridade.

Para evitar este tipo de situacións acordarase coa representación sindical a aplicación das medidas de organización do traballo que se consideren pertinentes, inspiradas nos criterios da ética, a honestidade e a profesionalidade.

A persoa que sufra calquera dos dous acosos definidos poñerao en coñecemento da dirección da empresa e dos representantes dos traballadores. A dirección da empresa, unha vez que teña constancia, iniciará a oportuna investigación coa axuda do comité de seguranza e saúde ou, de non o haber, do delegado de prevención, o cal concluirá no prazo dun mes a partir da notificación pola parte interesada.

A empresa asume a súa responsabilidade na solución do problema e deberá protexer a continuidade no posto do traballo da persoa que foi obxecto de acoso.

Protección do medio natural:

A crecente preocupación polo estado do medio natural na nosa comunidade leva aos asinantes a plasmar neste convenio o seu compromiso pola mellora continuada do comportamento ambiental das empresas do sector. Para iso, as partes comprométense a que a prevención de riscos laborais e a protección do medio sexan aspectos inseparables da actuación cotiá das empresas e dos traballadores/as adscritos a este convenio, impulsando o estudo conxunto das características ambientais dos procesos e produtos utilizados no sector e a elaboración de propostas para a súa mellora ou substitución, cando sexa economicamente viable, por outros máis respectuosos coa saúde dos traballadores/as, o ambiente e os recursos naturais. Desenvolveranse, así mesmo, as seguintes actuacións sectoriais para a protección do medio:

-Os representantes dos traballadores terán dereito á información sobre o comportamento ambiental da empresa.

-Todas as empresas do sector de ambulancias deberán de avanzar na redución do uso de substancias perigosas e na utilización de materiais reciclables así como na reciclaxe de residuos. Terán que utilizarse produtos e procesos de menor impacto ambiental, traballar na prevención da contaminación, o aforro e uso eficaz da auga e a enerxía.

-As actuacións ambientais son función e competencia do comité de empresa e serán asumidas polos seus membros, ou, en todo caso, polos delegados de persoal, que velarán polo cumprimento do contido ambiental subscrito no convenio.

Artigo 41º.-Cláusula adicional.

Este convenio comezará a súa eficacia tan pronto como apareza publicado no Diario Oficial de Galicia, con carácter retroactivo ao día 1 de xaneiro de 2005.

As partes asinantes acordan a adhesión ao III Acordo nacional de formación continua, asinado o 19 de decembro de 2000 ou acordo que o substitúa e aos do seu carácter que se asinasen para a autonomía galega.

As partes acordan adherirse ao Acordo para a solución extraxudicial de conflitos (AGA).

CONSELLERÍA DE PRESIDENCIA, ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS

E XUSTIZA