DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Venres, 07 de xullo de 2006 Páx. 10.973

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DO MEDIO RURAL

ORDE do 9 de xuño de 2006 pola que se declara a alleabilidade dun predio da Comunidade Autónoma de Galicia pertencente ao fondo de terras da zona de concentración parcelaria de Santa Baia de Vedra (número 703).

O artigo 31.3º da Lei 12/2001, do 10 de setembro, de modificación da Lei de concentración parcelaria para Galicia, sinala que a consellería competente en materia de agricultura está autorizada para exercer as funcións dominicais sobre o fondo de terras segundo o establecido na lexislación patrimonial, sen prexuízo do informe previo da Consellería de Economía e Facenda para os actos de disposición sobre bens inmobles.

Con data do 19 de setembro de 2005, o Concello de Vedra (A Coruña) solicitou a cesión gratuíta en propiedade do predio nº 703 da zona de concentración parcelaria de Santa Baia de Vedra (Vedra-A Coruña) que pertence á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude da acta complementaria

de reorganización da propiedade da zona de concentración parcelaria de Santa Baia de Vedra do 3 de agosto de 1999, pola que pasaron á titularidade da Comunidade Autónoma de Galicia as terras sobrantes da antedita zona de concentración, entre a que se encontra o predio nº 703.

Unha vez obtida a inscrición no correspondente rexistro da propiedade do citado ben inmoble, procede declarar a súa alleabilidade de conformidade co disposto no artigo 24 da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia, e no artigo 60 do Decreto 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o seu regulamento, co obxecto de posibilitar o tráfico deste ben patrimonial.

En virtude do anteriormente exposto e tendo en conta a memoria xustificativa da Secretaría Xeral da Consellería do Medio Rural e despois do informe favorable da Consellería de Economía e Facenda,

DISPOÑO:

Artigo único.-Declárase a alleabilidade do ben inmoble que se describe:

Predio nº 703 da zona de concentración parcelaria de Santa Baia de Vedra, municipio de Vedra, terreo dedicado a monte no sitio de Viñas de Niño, que ten unha superficie de 8-80 áreas, que estrema: norte, Francisco Javier Turnes Martínez (701) e Jesusa Cerdeira Parada (702), regato en medio; sur, camiño; leste, Irene Carbia Barco (704); oeste, Jesusa Cerdeira Parada (702), regato en medio. Inscrito no Rexistro da Propiedade nº 1 de Santiago de Compostela, tomo 1.343, libro 124, folio 9, predio nº 13.408.

Santiago de Compostela, 9 de xuño de 2006.

Alfredo Suárez Canal

Conselleiro do Medio Rural