DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Venres, 07 de xullo de 2006 Páx. 10.963

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

RESOLUCIÓN do 4 de xullo de 2006, da Secretaría Xeral e de Relacións Insitucionais, pola que se lle dá publicidade ao convenio de colaboración entre a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e os concellos de Portas, Taboadela, Vilamarín, Boimorto, Carnota, As Neves, Outes, Xove, Cerdedo, Allariz, A Illa de Arousa, Laza, Ribadeo e Carballeda de Avia, para a constitución do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Dentro dos compromisos do Pacto Local, a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e a Federación Galega de Municipios e Provincias asinaron, con data 24 de abril de 2006, un protocolo de colaboración para a xestión dos servizos sociais de ámbito local, con especial atención á xestión integral das escolas infantís, no que se recolle, entre outras posibles iniciativas, a creación do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar como entidade pública interadministrativa ao abeiro do artigo 6.5º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día quince de xuño de dous mil seis adoptou, entre outros acordos, aprobar a creación do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, para a colaboración na xestión dos servizos sociais no ámbito territorial dos entes locais da comunidade autónoma e autorizar a sinatura do convenio de colaboración entre a Xunta de Galicia a través da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e os concellos de Portas, Taboadela, Vilamarín, Boimorto, Carnota, As Neves, Outes, Xove, Cerdedo, Allariz, A Illa de Arousa, Laza, Ribadeo e Carballeda de Avia, para a constitución do dito Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, figurando como anexo ao dito convenio os seus estatutos.

Subscrito o antedito convenio de colaboración o día 3 de xullo de 2006, procede a súa publicación no Diario Oficial de Galicia xunto cos estatutos, que figura como anexo a esta resolución, o que se fai público para os efectos oportunos.

Santiago de Compostela, 4 de xullo de 2006.

Antonio Losada Trabada

Secretario xeral e de Relacións Institucionais

ANEXO

Convenio de colaboración entre a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e os concellos galegos que se relacionan para a constitución do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

En Santiago de Compostela o 3 de xullo de 2006.

Reunidos:

* Dunha parte: Anxo Manuel Quintana González, vicepresidente da Igualdade e do Benestar da Xunta de Galicia, nomeado polo Decreto 213/2005, do 3

de agosto, publicado no Diario Oficial de Galicia nº 149, do 4 de agosto -corrección de erros do 5 de agosto-, no exercicio das facultades que lle confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

* Doutra parte:

-Roberto Vázquez Souto, alcalde-presidente do Concello de Portas, autorizado por Acordo plenario do 5 de maio de 2006.

-Manuel Gallego Vila, alcalde-presidente do Concello de Taboadela, autorizado por Acordo plenario do 4 de maio de 2006.

-Amador Vázquez Vázquez, alcalde-presidente do Concello de Vilamarín, autorizado por Acordo plenario do 8 de maio de 2006.

-José Ignacio Portos Vázquez, alcalde-presidente do Concello de Boimorto, autorizado por Acordo plenario do 9 de maio de 2006.

-Xosé Manuel García Martínez, alcalde-presidente do Concello de Carnota, autorizado por Acordo plenario do 9 de maio de 2006.

-Raúl Emilio Castro Rodríguez, alcalde-presidente do Concello das Neves, autorizado por Acordo plenario do 9 de maio de 2006.

-Carlos E. López Crespo, alcalde-presidente do Concello de Outes, autorizado por Acordo plenario do 9 de maio de 2006.

-Jesús José López González, alcalde-presidente do Concello de Xove, autorizado por Acordo plenario do 11 de maio de 2006.

-Silvestre José Balseiros Guinarte, alcalde-presidente do Concello de Cerdedo, autorizado por Acordo plenario do 12 de maio de 2006.

-Francisco García Suárez, alcalde-presidente do Concello de Allariz, autorizado por Acordo plenario do 19 de maio de 2006.

-José Manuel Vázquez Vázquez, alcalde-presidente do Concello da Illa de Arousa, autorizado por Acordo plenario do 4 de maio de 2006.

-José Ángel García Morais, alcalde-presidente do Concello de Laza, autorizado por Acordo plenario do 11 de maio de 2006.

-Balbino E. Pérez Vacas, alcalde-presidente do Concello de Ribadeo, autorizado por Acordo plenario do 15 de maio de 2006.

-Luis Milia Méndez, alcalde-presidente do Concello de Carballeda de Avia, autorizado por Acordo plenario do 19 de maio de 2006.

As partes, dentro do marco dos principios de coordinación, colaboración e respecto mutuos que deben informar todas as relacións interadministrativas,

EXPOÑEN:

Primeiro.-Que o Estatuto de autonomía de Galicia encomenda aos poderes públicos galegos a obriga

de promover as condicións para que a liberdade e a igualdade do individuo e dos grupos en que se integran sexan reais e efectivas, ademais de remover os atrancos que impidan ou dificulten a súa plenitude, facilitando a participación de todos os galegos na vida política, económica, cultural e social.

Que a Comunidade Autónoma de Galicia ten competencias, con carácter exclusivo, tal e como se desprende do contido do artigo 27 do seu Estatuto de autonomía, en materia de asistencia social e de promoción do desenvolvemento comunitario.

Que de conformidade co previsto na Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais de Galicia, e na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia e demais normativa de aplicación en materia de réxime local, os concellos galegos teñen competencias para a prestación de servizos sociais e promoción e reinserción sociais, ademais de para a execución de programas destinados á infancia, xuventude, muller e terceira idade.

Que, de conformidade coa Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais de Galiza, correspóndelle á Administración autonómica, entre outras competencias, a planificación e programación xeral dos servizos sociais no ámbito da comunidade autónoma, a ordenación e coordinación do sistema de servizos sociais, a homologación, rexistro e control de centros e servizos e o estudo das necesidades e problemáticas suscitadas no eido dos servizos sociais.

Que ao abeiro do disposto na Lei 3/1997, do 9 de xuño, galega da familia, a infancia e a adolescencia, e demais normativa de desenvolvemento, correspóndelle igualmente á Xunta de Galicia a dirección, planificación, programación e ordenación de obxectivos e medidas, regulamentarias e de xestión, así como a coordinación das actuacións en materia de protección da infancia, familia e adolescencia.

Que no devandito texto legal, se establece a previsión de desenvolvemento de medidas orientadas a implicar directamente as familias nos recursos educativos, garantindo a creación de escolas infantís e servizos de atención á infancia como recursos que contribúen ao desenvolvemento integral dos nenos e das nenas, e ao logro dunha maior autonomía familiar. Para estes efectos, sinálase a obriga, para a Xunta de Galicia, de elaborar e desenvolver un plan de dotación de recursos en que se coordinen as actuacións coas das diferentes administracións públicas e as entidades privadas.

Segundo.-Que o Decreto 517/2005, do 6 de outubro, polo que se establece a estrutura orgánica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, atribúelle, entre outras funcións, competencias para o deseño, coordinación, avaliación e, se é o caso, a xestión das políticas da Xunta de Galicia en materia de benestar, incluíndo as políticas de xuventude, inclusión social, atención ás persoas con discapacidade e persoas maiores, ademais de para o deseño, coordinación, avaliación e xestión das políticas da

Xunta de Galicia en materia de xénero, loita contra a discriminación por razón de sexo, igualdade entre mulleres e homes, loita contra a violencia de xénero e conciliación da vida persoal e familiar. O citado decreto atribúelle competencias igualmente para a xestión, coordinación, asistencia técnica, seguimento, avaliación e control dos programas, servizos e centros relativos á conciliación da vida laboral e persoal e á protección da infancia.

Que de conformidade co establecido na Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais de Galicia, correspóndelles aos concellos, entre outras competencias e facultades, a creación e xestión dos servizos sociais de atención primaria, ademais da creación e xestión de servizos sociais especializados de ámbito local; todo isto no marco do establecido na lexislación aplicable en materia de réxime local.

Terceiro.-Que a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, e a Federación Galega de Municipios e Provincias asinaron, en data 24 de abril de 2006, un protocolo de colaboración para a xestión dos servizos sociais de ámbito local, con especial atención á xestión integral das escolas infantís, no cal se recolle, entre outras posibles iniciativas, a creación do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar como medio idóneo de desenvolvemento da cooperación interadministrativa en materia de servizos de igualdade e benestar.

Cuarto.-Que as partes asinantes coinciden na conveniencia e necesidade de xuntar esforzos e impulsar desde o ámbito de competencias da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e das entidades locais galegas, iniciativas, programas, proxectos e accións conxuntos dirixidos a mellorar as condicións de vida e sociais das persoas que presentan especiais necesidades de protección social en Galicia, ao fomento dunha sociedade baseada no benestar e na igualdade de oportunidades e á loita contra todas as formas de discriminación social.

Quinto.-Que ao abeiro do disposto na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, a Xunta de Galicia e as entidades locais poderán celebrar convenios de cooperación entre si para a máis eficaz xestión e prestación de servizos da súa competencia, podendo a través deles coordinar as súas políticas de fomento dirixidas a un mesmo sector, executar puntualmente obras ou servizos e adoptar as medidas oportunas para acadar calquera outra finalidade de contido análogo.

En consideración a todo isto, é vontade das partes asinantes a colaboración na xestión dos servizos sociais no ámbito territorial dos entes locais da Comunidade Autónoma de Galiza, de acordo ás seguintes.

Cláusulas:

Primeira.-Marco xeral de colaboración.

Este convenio define o réxime e os termos de colaboración entre as administracións que o subscriben, implicadas na xestión dos servizos sociais de ámbito

local (centros de prestación de servizos sociais de atención especializada e tamén centros de prestación de servizos sociais de atención primaria cando así o solicite o concello interesado), e con especial atención na xestión integral das escolas infantís, especialmente en materia de construción, equipamento, funcionamento e xestión de infraestruturas destinadas a actividades de asistencia social e prestación de servizos sociais, todo isto no marco das previsións establecidas na Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais de Galicia, e demais normativa de aplicación neste ámbito.

Segunda.-Obxectivos da colaboración.

Os entes conveniantes procurarán a consecución dos obxectivos que para a xestión dos servizos sociais de ámbito local establece o protocolo asinado o 24 de abril de 2006, entre a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e a Federación Galega de Municipios e Provincias e, entre eles, o desenvolvemento, mediante os instrumentos legais oportunos, de proxectos e actuacións conxuntas de creación de novos equipamentos e infraestruturas, de mantemento deles e de xestión dos servizos e programas de atención, coa finalidade última de garantir o acceso de todos os cidadáns a uns servizos sociais públicos de calidade.

As partes intervenientes consideran de interese que a unión dos esforzos para conseguir de xeito axeitado e racional os fins pretendidos se materialice nun ente común. En consonancia con isto, entenden que dado o carácter esencialmente público do obxectivo, a forma máis idónea para a adopción de decisións é, de conformidade co previsto no artigo 6.5º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, a creación dun consorcio interadministrativo ao estar este ente organizativo de natureza pública dotado de personalidade xurídica propia.

Terceira.-Creación do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

1. Para a consecución das finalidades previstas neste convenio, as partes conveniantes acordan formar parte do consorcio denominado Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Para estes efectos, desde a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, efectuouse, o 3 de maio deste ano, un ofrecemento a todos os concellos que integran a Comunidade Autónoma de Galicia para a subscrición deste convenio de constitución mediante a remisión da documentación comprensiva deste instrumento de colaboración e dos estatutos que rexerán o réxime orgánico, funcional e financeiro do consorcio.

2. O consorcio, unha vez constituído, participará na dirección, avaliación e control da xestión dos servizos sociais de ámbito local (centros de prestación de servizos sociais de atención primaria, cando así o solicite o concello interesado, e centros de prestación de servizos sociais de atención especializada) no ámbito territorial dos entes consorcia

dos, sen prexuízo de que os entes locais integrantes del, que así o soliciten, continúen na prestación, a través de medios propios, dos ditos servizos, ao abeiro do establecido na Lei 4/1993, do 14 de abril, de servizos sociais de Galicia e demais normativa que resulte de aplicación neste ámbito, e, con especial atención na xestión integral das escolas infantís.

3. Unha vez que se manifeste a vontade dos concellos que integrarán inicialmente o consorcio a través deste convenio, procederase á súa constitución formal mediante a convocatoria, efectuada polo vicepresidente da Igualdade e do Benestar, dos/as representantes dos entes consorciados co obxecto de proceder á designación dos órganos reitores do consorcio e iniciar o seu funcionamento.

4. Esta fórmula de colaboración na xestión dos servizos sociais de ámbito local poderá estenderse a todas as entidades locais da Comunidade Autónoma de Galicia que decidan integrarse no consorcio. A admisión de novos municipios ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar corresponderá, logo de solicitude do concello realizada ante o propio consorcio, ao órgano de goberno que teña atribuída esta facultade polos estatutos do consorcio. A admisión implicará a adhesión do concello aos estatutos do consorcio, tendo en conta, en calquera caso, que as condicións de adhesión de novos membros non poderán resultar discriminatorias respecto das existentes no momento da constitución do consorcio.

O órgano facultado para a admisión remitiralle ao dito concello, e con anterioridade ao acordo de admisión, unha copia dos estatutos do consorcio, para os efectos de que o concello solicitante manifeste a súa conformidade e aceptación deles. Unicamente cando esta aceptación se producise, o órgano poderá competente admitir o novo membro.

Cuarta.-Os estatutos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

Os estatutos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, pactados e acordados polas partes que asinan o convenio, son os que se xuntan como anexo a este convenio.

Quinta.-Actividades e fins do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar.

O consorcio terá como misión principal a participación na dirección, avaliación e control da xestión dos servizos sociais de ámbito local (centros de prestación de servizos sociais de atención especializada e tamén centros de prestación de servizos sociais de atención primaria cando así o solicite o concello interesado), con especial atención na xestión integral das escolas infantís e na atención educativa e asistencial aos nenos e nenas menores de tres anos, na forma de recursos, equipamentos, proxectos, programas e prestacións no ámbito dos municipios que o compoñen, coa finalidade de:

-Garantir o acceso de todos os galegos e galegas a uns servizos sociais públicos de calidade, a través dunha oferta de recursos suficiente e equilibrada

territorialmente, que contribúa a reforzar a igualdade de oportunidades na utilización da rede social de atención.

-Incrementar de xeito notable a cobertura, intensidade e horario de atención dos distintos servizos e prestacións.

-Contribuír á mellora das condicións de vida e sociais das persoas que presentan especiais necesidades de protección social nos concellos galegos, ao respecto da súa autonomía persoal e calidade de vida persoal, familiar e de grupo. Na mesma liña, prestarase especial atención ás familias que asumen tarefas de atención e coidado.

-Proceder a unha efectiva distribución dos servizos e prestacións a fin de dar resposta ás necesidades reais da poboación, asignando equitativamente o uso e acceso aos recursos sociais dispoñibles, a través de procesos de planificación previa, e tendo como principio de actuación o mantemento das persoas no seu contorno propio.

O consorcio poderá realizar, ademais, cantas actividades complementarias ou derivadas reforcen a eficacia no cumprimento dos seus fins xerais.

Sexta.-Financiamento.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar achegará unha dotación inicial de cento cincuenta e un mil euros (151.000 A) para sufragar os gastos de primeiro establecemento do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar. Esta achega farase con cargo á aplicación orzamentaria 05.10.211A.440.0 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006, na que existe crédito adecuado e suficiente.

O sostemento dos gastos correntes para anos sucesivos realizarase mediante as achegas anuais dos membros do consorcio na forma e prazos que determine a asemblea xeral. Para tal fin, as administracións consorciadas incorporarán no seu orzamento anual as partidas necesarias de acordo co orzamento anual aprobado pola asemblea xeral do consorcio.

O consorcio financiará as súas actuacións de investimento de acordo coa planificación e programación que elabore, mediante as achegas dos seus membros e os correspondentes convenios, podendo recibir achegas de calquera outra administracións e organismo.

Sétima.-Vixencia.

Este convenio entrará en vigor o día seguinte ao da súa sinatura polas partes que o subscriben e a súa vixencia estenderase ata que se produza a extinción ou liquidación do consorcio que se constitúe en virtude del, podendo extinguirse así mesmo por acordo das partes.

Oitava.-Natureza xurídica e xurisdición competente.

Este convenio ten natureza administrativa, sendo competente para entender dos litixios que puidesen xurdir respecto da súa interpretación e execución a xurisdición contencioso-administrativa.

Baixo os termos referenciados e en proba de conformidade, asinan as partes este convenio de colaboración, no lugar e data indicados no encabezamento.

Anxo Manuel Quintana González vicepresidente da Igualdade e Benestar; Roberto Vázquez Souto, alcalde-presidente do Concello de Portas; Manuel Gallego Vila, alcalde-presidente do Concello de Taboadela; Amador Vázquez Vázquez, alcalde-presidente do Concello de Vilamarín; José Ignacio Portos Vázquez, alcalde-presidente do Concello de Boimorto; Xosé Manuel García Martínez, alcalde-presidente do Concello de Carnota; Raúl Emilio Castro Rodríguez, alcalde-presidente do Concello das Neves; Carlos E. López Crespo, alcalde-presidente do Concello de Outes; Jesús José López González, alcalde-presidente do Concello de Xove; Silvestre José Balseiros Guinarte, alcalde-presidente do Concello de Cerdedo; Francisco García Suárez, alcalde-presidente do Concello de Allariz; José Manuel Vázquez Vázquez, alcalde-presidente do Concello da Illa de Arousa; José Ángel García Morais, alcalde-presidente do Concello de Laza; Balbino E. Pérez Vacas, alcalde-presidente do Concello de Ribadeo; Luis Milia Méndez,

alcalde-presidente do Concello de Carballeda de Avia.

ANEXO

Estatutos do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e o Benestar

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Constitución.

A Administración da Comunidade Autónoma de Galicia, xunto aos municipios galegos de Portas, Taboadela, Vilamarín, Boimorto, Carnota, As Neves, Outes, Xove, Cerdedo, Allariz, A Illa de Arousa, Laza, Ribadeo e Carballeda de Avia, de conformidade coa Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, o Real decreto lexislativo 2/2004, do 5 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei reguladora das facendas locais, e a Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local, constituiranse voluntariamente, por vía convencional, en consorcio para a participación na dirección, avaliación e control da xestión dos servizos sociais de ámbito local (centros de prestación de servizos sociais de atención especializada e tamén centros de prestación de servizos sociais de atención primaria cando así o solicite o concello interesado) no ámbito territorial dos entes consorciados e, con atención especial á xestión integral das

escolas infantís, con sometemento directo ao disposto nestes estatutos, ao protocolo de colaboración asinado o 24 de abril de 2006, entre a Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar e a FEGAMP, ao convenio concreto de entrada de cada municipio no consorcio, e ás disposicións de carácter xeral que lle sexan aplicables e teñan carácter imperativo.

En calquera caso, quedarán excluídas do consorcio as cantidades que para a asistencia social básica aos colectivos afectados, reciban os entes locais procedente do plan concertado.

Poderán incorporarse ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar aqueles novos municipios que o soliciten, con sometemento ao procedemento e requisitos establecidos nestes estatutos e nos regulamentos de réxime interior que puidesen ditarse no seu desenvolvemento, sen prexuízo das condicións particulares que, en cada caso, a entidade entrante e os órganos do consorcio puidesen acordar, garantíndose, en calquera caso, que non existirá discriminación ningunha respecto das condicións de acceso, que resultarán as mesmas que as do resto de entes consorciados. A entrada no consorcio non suporá para os concellos incremento de gasto en relación á súa situación inmediatamente anterior e aos servizos xa en funcionamento.

Artigo 2º.-Denominación e sede.

O ente así constituído denominarase Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar e terá a súa sede principal na cidade de Santiago de Compostela.

O cambio de sede será autorizado pola asemblea xeral, sen necesidade de modificar estes estatutos, abondando a súa publicación nos boletíns pertinentes.

Artigo 3º.-Personalidade e capacidade xurídica.

1. O Consorcio terá a condición de entidade de dereito público, de carácter interadministrativo, con personalidade xurídica propia e diferente da dos entes consorciados, e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, e disporá dun patrimonio propio.

2. O Consorcio, que ten carácter voluntario, constitúese por tempo indefinido, e rexerase por estes estatutos, polo seu regulamento de réxime interno e polas disposicións legais que, para o efecto, se enumeran no artigo primeiro destes estatutos, e demais disposicións que, pola natureza do ente consorcial, lle resulten de aplicación.

Artigo 4º.-Potestades administrativas.

Para o cumprimento dos seus fins, correspóndenlle ao Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar as potestades administrativas seguintes:

1. Potestade de autoorganización.

2. Potestade financeira e potestade de fixación de prezos públicos.

3. Potestade de programación ou planificación.

4. Potestade de revisión de oficio dos seus actos e acordos.

5. Facultade de ser beneficiarios da expropiación forzosa en relación coas obras e actuacións necesarias para o cumprimento dos seus fins.

6. Potestade de execución forzosa.

7. Potestade disciplinaria.

Artigo 5º.-Vixencia.

A duración do consorcio, dado o carácter permanente dos fins que motivan a súa constitución, será indefinida, sen prexuízo da súa eventual disolución, de conformidade coas razóns e procedemento que se establece nos presentes estatutos.

Capítulo II

Fins e competencias do consorcio

Artigo 6º.-Fins xerais.

O consorcio ten como misión primordial a participación na dirección, avaliación e control da xestión dos servizos sociais de ámbito local (centros de prestación de servizos sociais de atención especializada e tamén centros de prestación de servizos sociais de atención primaria cando así o solicite o concello interesado), con especial atención na xestión integral das escolas infantís e na atención educativa e asistencial aos nenos e nenas menores de tres anos na forma de recursos, equipamentos, proxectos, programas e prestacións, e no ámbito territorial dos municipios que o compoñen, co obxecto de:

a) Garantir o acceso de todos os galegos e galegas a uns servizos sociais públicos de calidade, a través dunha oferta de recursos suficiente e equilibrada territorialmente, que contribúa a reforzar a igualdade de oportunidades na utilización da rede social de atención.

b) Incrementar de xeito notable a cobertura, intensidade e horario de atención dos distintos servizos e prestacións.

c) Contribuír á mellora das condicións de vida e sociais das persoas que presentan especiais necesidades de protección social nos concellos galegos, ao respecto da súa autonomía persoal, e calidade de vida persoal, familiar e de grupo. Na mesma liña, prestarase especial atención ás familias que asumen tarefas de atención e coidado.

d) Proceder a unha efectiva distribución dos servizos e prestacións a fin de dar resposta ás necesidades reais da poboación, asignando equitativamente o uso e acceso aos recursos sociais dispoñibles, a través de procesos de planificación previa, e tendo como principio de actuación o mantemento das persoas no seu contorno propio.

Ademais, o Consorcio poderá realizar cantas actividades complementarias ou derivadas reforcen a eficacia no cumprimento dos seus fins xerais.

Artigo 7º.-Competencias.

No cumprimento dos seus fins o consorcio exercerá, en todo caso, e no ámbito territorial dos entes consorciados, as seguintes competencias específicas:

a) O estudo das necesidades básicas en materia de servizos sociais de atención en todos os muni

cipios consorciados e a elaboración de cantos plans e proxectos se estimen oportunos para satisfacer as ditas necesidades, así como a investigación e formación do persoal na dita materia.

b) O establecemento de directrices xerais de cara á prestación dos servizos sociais de ámbito local por parte dos concellos integrantes do consorcio e, en especial, na atención educativa e asistencial aos nenos e nenas menores de tres anos, en todos aqueles extremos que sexan necesarios para asegurar a calidade e a eficiencia na prestación dos servizos sociais asumidos.

c) A participación na definición dos criterios xerais que orienten as políticas de benestar social, especialmente aquelas obxecto do plan concertado, ou calquera outro mecanismo de planificación pública.

d) A determinación e/ou execución, en colaboración cos concellos, se é o caso, das obras de construción, mellora, reforma ou adaptación de instalacións que poidan ser necesarias para a prestación dos servizos.

e) O seguimento, avaliación e control do cumprimento das directrices que, respecto da prestación dos servizos, estableza o consorcio.

f) A coordinación e a colaboración con outras administracións en todo o relativo á finalidade principal do Consorcio.

g) Todas aquelas competencias que se lle confiran legalmente.

h) As competencias delegadas por outras administracións, logo de acordo de aceptación.

i) A prestación daqueles outros servizos que resulten necesarios para acadar os fins do consorcio, sempre que os entes consorciados o acorden así expresamente.

Artigo 8º.-Xestión dos centros.

A administración directa dos centros será exercida polos concellos integrantes do consorcio que así o soliciten, e sempre de acordo coas directrices xerais emanadas do consorcio.

Capítulo III

Órganos reitores do consorcio

Artigo 9º.-Órganos de goberno.

O Consorcio estará representado e administrado polos seguintes órganos:

A. Asemblea xeral/pleno.

B. Comité directivo.

C. Xerente.

D. Presidente.

E. Vicepresidente.

Artigo 10º.-Asemblea xeral/pleno.

Na asemblea xeral estarán representadas todas as entidades consorciadas.

Cada municipio terá o seu propio representante na asemblea xeral, e contará cos seguintes votos:.

* Municipios da ata 10.000 habitantes 1 voto.

* Municipios de 10.001 a 25.000 habitantes 2 votos.

* Municipios de 25.001 a 50.000 habitantes 3 votos.

* Municipios de máis de 50.000 habitantes 4 votos.

Os concellos consorciados designarán e cesarán os seus representantes de entre os seus membros corporativos. O período de duración de tales cargos farase coincidir co do seu mandato nas corporacións locais.

A Xunta de Galicia estará representada na asemblea xeral por seis representantes, nomeados polo titular da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar ou, se é o caso, polo/a responsable do departamento da Xunta de Galicia que asuma as súas competencias.

Os votos correspondentes á representación municipal na asemblea xeral representarán o 49% do total de votos existente, correspondendo sempre o 51% restante aos representantes da Xunta de Galicia.

Pola súa vez, a distribución dos votos adxudicados á Xunta de Galicia, efectuarase entre os representantes da Xunta de Galicia na asemblea xeral da seguinte maneira:

* 50% Presidente do consorcio.

* 10% Representante da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

* 10% Representante da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

* 10% Representante da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

* 10% Representante da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

* 10% Representante da Consellería de Economía e Facenda.

Tendo en conta que o número de votos dos representantes municipais pode variar ao longo do tempo, un mes antes da celebración da asemblea, o/a xerente do consorcio realizará os debidos cálculos numéricos para certificar os votos de que dispón cada representante municipal, e os votos totais da suma de representantes municipais, para, a continuación, de acordo con estes cálculos, establecer os votos correspondentes aos membros da Xunta de Galicia, e a súa distribución entre eles.

O/a xerente do consorcio, xunto coa convocatoria da asemblea, fará chegar a cada membro da asemblea xeral unha certificación coa relación de represen

tantes e os votos que na asemblea xeral disporá cada membro da asemblea.

As entidades representadas poderán cesar os seus representantes, designando a súa substitución, así como nomear a representación cando esta se atope vacante por calquera causa. Nestes supostos, o mandato do novo/a representante será polo prazo que reste ao inicialmente designado.

Cando un ente integrante do consorcio, logo de cumprimento dos trámites legalmente establecidos, se separe deste, os seus representantes quedarán automaticamente excluídos/as da asemblea xeral e demais órganos del.

Artigo 11º.-Renovación dos representantes das entidades consorciadas.

Tras a renovación dos órganos de goberno de calquera das entidades consorciadas, estas deberán remitir ao consorcio, nos quince días seguintes ao da súa constitución, certificado acreditativo do nomeamento dos seus representantes.

Artigo 12º.-Comité directivo.

Estará integrado polo presidente do consorcio, o vicepresidente, e outros sete membros, todos eles elixidos entre as/os representantes dos entes consorciados na asemblea xeral. A elección destes sete membros efectuarase do seguinte xeito:

-Formarán parte do comité directivo catro representantes da Xunta de Galicia, nomeados polo presidente do consorcio de entre as/os representantes da Xunta de Galicia na asemblea xeral.

-Os tres membros restantes serán nomeados de entre as/os membros da asemblea xeral en representación dos municipios consorciados.

Para as votacións no seo do comité directivo, o presidente, o vicepresidente e as/os demais membros disporán, cada un/ha deles, de voz e un voto. En caso de empate, decidirá o voto de calidade do presidente.

Así mesmo, a/o xerente tomará parte nas xuntanzas do comité directivo, pero non terá voz nin voto.

Artigo 13º.-Presidente.

O cargo de presidente do consorcio, que o será tamén da asemblea xeral e do comité directivo, será exercido polo vicepresidente ou vicepresidenta da Igualdade e do Benestar, ou, se é o caso, polo/a responsable do departamento da Xunta de Galicia que asuma as súas competencias.

Artigo 14º.-Vicepresidente.

O vicepresidente/a do consorcio será nomeado polo presidente do consorcio, por proposta da representación dos entes locais consorciados.

O vicepresidente/a, con voz e voto na asemblea xeral e no comité directivo, substituirá o presidente en caso de vacante, ausencia ou enfermidade.

Artigo 15º.-Xerente.

1. O xerente é un órgano unipersoal designado polo comité directivo, por proposta do presidente do consorcio, de entre profesionais de acreditada cualificación.

2. Correspóndelle ao/á xerente a dirección das unidades do consorcio, baixo a supervisión e superior autoridade do comité directivo e do presidente.

3. As súas retribucións serán as establecidas polo comité directivo ao aprobar o correspondente contrato de traballo.

Capítulo IV

Competencia funcional

Artigo 16º.-Competencias da asemblea xeral.

Corresponden á asemblea xeral as seguintes atribucións:

1. A aprobación do orzamento e das súas bases de execución, así como da súa conta xeral.

2. O control e fiscalización dos órganos de goberno.

3. A modificación dos estatutos.

4. A disolución do consorcio.

5. A modificación ou revisión dos plans e programas de investimento do consorcio.

6. A delegación das súas atribucións no comité directivo, presidente ou xerente.

7. Calquera outra función que se atribúa de xeito expreso á asemblea xeral nos estatutos.

Artigo 17º.-Competencias do comité directivo.

Será competencia do comité directivo do consorcio:

1. A elaboración e aprobación das directrices, plans e programas de actuación que constitúen a finalidade do consorcio, e a súa presentación á asemblea xeral.

2. O desenvolvemento e execución destas directrices, plans e programas.

3. O establecemento das condicións de incorporación de novos municipios, que, en ningún caso, poderán resultar discriminatorias respecto dos demais entes integrantes do consorcio.

4. Aprobar a integración de novos municipios no consorcio e, nos casos de separación dos xa incorporados, aprobar a liquidación e condicións dela.

5. A elaboración de instrucións xerais de réxime interno.

6. A elevación á asemblea xeral de calquera proposta de modificación de estatutos.

7. O desenvolvemento da xestión económica de acordo aos orzamentos aprobados e as súas bases de execución.

8. A aprobación da organización xeral dos servizos e da estrutura de persoal, previo informe, en todo caso, do xerente.

9. A presentación á asemblea xeral dos plans e programas de investimento do consorcio e a súa posterior execución.

10. A aprobación de cantas competencias sexan atribuídas ou delegadas ao consorcio por outras administracións.

11. A adopción de cantos acordos estime oportunos para o exercicio das accións xudiciais e administrativas ante órganos, xulgados e tribunais de calquera clase e xurisdición, e para dispoñer a defensa do consorcio nos que se promovesen contra el, outorgando para o efecto para os poderes que fosen necesarios e designando avogadas/os e procuradoras/es, sen prexuízo das facultades do presidente en caso de urxencia.

12. A contratación e concesión de obras, servizos e subministración, e de calquera outro contrato regulado na lexislación vixente sobre contratación pública.

13. A adquisición e alleamento de bens e dereitos e a transacción sobre eles.

14. A autorización de gastos con suxeición ás bases de execución do orzamento.

15. O exercicio de cantas atribucións lle deleguen a asemblea xeral e o presidente.

16. O exercicio das competencias do consorcio que non estean expresamente reservadas nestes estatutos á asemblea xeral ou ao presidente.

17. O establecemento das bases para a selección do persoal, así como a aprobación do cadro de persoal, as súas modificacións, a relación de postos de traballo, e a fixación da contía das retribucións.

18. A contratación do persoal, así como a incoación e resolución dos expedientes disciplinarios naqueles supostos en que fose procedente, incluído o despedimento.

19. Designar o xerente do consorcio, por proposta do presidente.

20. A delegación das súas atribucións no presidente ou no xerente.

Artigo 18º.-Competencias do presidente.

O presidente exercerá as seguintes atribucións:

1. Representar o consorcio en toda clase de negocios xurídicos e ante organismos públicos ou privados, con facultade para conferir mandatos, delegar e outorgar poderes.

2. Convocar, presidir, suspender e levantar as sesións de todos os órganos colexiados, con capacidade para decidir os empates a través de voto de calidade.

3. Exercer accións xudiciais e administrativas, así como as actuacións precisas para a defensa nos procedementos incoados contra o consorcio en caso de urxencia, outorgando para o efecto os poderes que fosen necesarios e designando avogadas/os e procuradoras/es.

4. Adoptar persoalmente e baixo a súa responsabilidade, en caso de urxencia inadiable, as medidas que xulgue necesarias, dando conta ao órgano competente.

5. Exercer a superior dirección do persoal ao servizo do consorcio.

6. Nomear e cesar o persoal eventual que desempeñe postos de traballo considerados de confianza ou asesoramento especial, de conformidade co previsto na normativa aplicable ao persoal ao servizo da Comunidade Autónoma de Galicia.

7. O presidente poderá delegar noutros órganos do consorcio o exercicio das súas funcións.

Artigo 19º.-Competencias do vicepresidente.

O vicepresidente/a é membro de pleno dereito do comité directivo e da asemblea xeral do consorcio. Ademais, substitúe o presidente nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

Artigo 20º.-Competencias do xerente.

O xerente asumirá as seguintes funcións:

1. Dirixir as unidades do consorcio, levando a súa xefatura, de acordo coas directrices emitidas polo presidente do consorcio e/ou polo comité directivo.

2. Propoñer ao comité directivo e ao presidente cantas medidas considere convenientes en orde ao funcionamento do consorcio e ao axeitado cumprimento dos seus fins.

3. Executar os acordos e resolucións dos distintos órganos do consorcio e asumir as funcións que estes lle deleguen expresamente.

4. Ordenar os pagamento correspondentes con suxeición ás bases de execución do orzamento.

5. Preparar os asuntos e documentos que deban ser sometidos a estudo, coñecemento, despacho e aprobación dos órganos do consorcio.

6. Asistir ás sesións e reunións dos órganos do consorcio.

7. Expedir a documentación e coidar de que se leven os rexistros e estatísticas das operacións e servizos realizados.

8. Elevar ao comité directivo, ao termo de cada exercicio, a memoria comprensiva do desenvolvemento da xestión do consorcio.

9. Publicar, executar e facer cumprir os acordos do consorcio, así como velar pola adecuada execución das obras e servizos propios deste.

10. Dispoñer gastos dentro dos límites que se establezan nas bases de execución do orzamento, ordenar pagamentos e render contas.

11. Redactar, en exercicio das funcións de secretaría do consorcio, as actas das sesións dos órganos colexiados, expedir as certificacións a que se refire o artigo 10º destes estatutos e demais funcións establecidas no artigo 25 da Lei 30/1992, do 26 de

novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

12. Aquelas outras atribucións que se lle encomenden.

Capítulo V

Funcionamento dos órganos de goberno

Artigo 21º.-Lugar de celebración das sesións.

As sesións da asemblea xeral e do comité directivo, tanto ordinarias como extraordinarias, celebraranse na sede do consorcio ou no lugar que o seu presidente designe.

Artigo 22º.-Periodicidade das sesións.

A asemblea xeral celebrará sesión ordinaria cada seis meses, e extraordinaria cando así o decidan o presidente, o comité directivo ou un número de membros que represente, como mínimo, máis da terceira parte dos votos da asemblea xeral. Igualmente, a representación das entidades locais na asemblea xeral poderá, de forma autónoma, solicitar a convocatoria de sesión extraordinaria, cando así o decida a maioría absoluta no número total de votos correspondentes aos representantes municipais na asemblea xeral.

O comité directivo celebrará sesión ordinaria cada mes, e extraordinaria cando así o decidan o presidente, ou catro ou máis membros do comité directivo con voz e voto no dito órgano.

Artigo 23º.-Convocatorias.

Correspóndelle ao presidente a convocatoria das sesións e a fixación da orde do día, tendo en conta, se é o caso, as propostas formuladas con suficiente antelación polos demais membros.

As sesións da asemblea xeral deberán convocarse con polo menos quince días naturais de antelación á data sinalada para a súa celebración.

As xuntanzas do comité directivo deberán convocarse polo menos con cinco días naturais de antelación.

En ambos os dous casos, o prazo da convocatoria poderá reducirse por razóns de urxencia xustificadas polo presidente.

O anuncio da convocatoria deberá indicar a data da xuntanza, o lugar, a hora e todos os asuntos que se vaian tratar. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figurase incluído na orde do día, agás no caso de que, tratándose dun suposto de urxencia e estando presentes todos os membros do órgano colexiado, a maioría decida a súa inclusión.

Nos supostos de convocatorias para a asemblea xeral, a dita convocatoria achegará a certificación emitida polo xerente do consorcio á que se fai referencia no artigo 10, a cal recollerá a relación de membros da asemblea xeral, e o número de votos de que dispón cada membro da asemblea.

A convocatoria terá que achegar, así mesmo, a documentación dos asuntos incluídos na orde do día, que deba de servir de base ao debate e, se é o caso, votación.

Artigo 24º.-Constitución.

Para a válida constitución da asemblea xeral en primeira convocatoria requirirase a asistencia de membros do consorcio que representen un terzo do número certificado de votos. Este quórum deberá manterse durante toda a sesión. Se non existe quórum entenderase convocada a xuntanza automaticamente á mesma hora dous días despois. Se daquela tampouco se consegue o quórum necesario, o presidente deixará sen efecto a convocatoria.

Para a válida constitución do comité directivo requirirase a maioría absoluta do número legal dos seus compoñentes con dereito a voto.

En todos os casos, requirirase a asistencia do presidente e do xerente, ou de quen legalmente os substitúa.

Artigo 25º.-Adopción de acordos.

Os acordos dos órganos colexiados do consorcio adoptaranse, salvo disposición en contrario, por maioría simple dos votos presentes. No suposto de producirse un empate, repetirase a votación, e se aquela persistise, decidirá o voto de calidade do presidente.

Requirirase o voto favorable das dúas terceiras partes do número certificado de votos da asemblea xeral para a disolución do consorcio e para a adopción do acordo de modificación dos estatutos.

Das sesións dos órganos do consorcio, levantarase a oportuna acta, na cal deberán constar os pormenores da convocatoria, representantes presentes, votos emitidos, un extracto das deliberacións e os acordos adoptados. As actas serán autorizadas polo xerente do consorcio, co visto e prace do presidente ou, se é o caso, do vicepresidente/a.

A actuación do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, someterase, para os efectos de procedemento e recursos, ás prescricións contidas ao efecto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso administrativa e demais normativa que resulte de aplicación neste ámbito.

Capítulo VI

Réxime patrimonial e económico

Artigo 26º.-Patrimonio do consorcio.

Constitúen o patrimonio do consorcio os bens e os dereitos que acheguen as entidades consorciadas e os bens, de carácter patrimonial, e dereitos que adquira ou reciba por calquera título. Para estes efectos, serán de aplicación as previsións contidas na Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia e o Decre

to 50/1989, do 9 de marzo, polo que se aproba o regulamento para a súa execución.

Artigo 27º.-Recursos económicos.

A facenda do consorcio estará constituída polos seguintes recursos:

1. As achegas dos entes consorciados.

2. As rendas e produtos do patrimonio do consorcio.

3. As subvencións, auxilios, legados e doazóns que recibise de calquera entidade de ámbito supranacional, do Estado, da comunidade autónoma, dos municipios, ou de calquera outra entidade pública ou privada.

4. Os rendementos de calquera clase derivados da prestación de servizos e, en particular, os prezos públicos que se poidan, se é o caso, establecer.

5. Os rendementos de servizos e explotacións, e calquera outro ingreso que legalmente se poida obter.

Artigo 28º.-Achegas ao consorcio.

As achegas económicas sinaladas no artigo precedente, realizaranse na forma e prazos que determine a asemblea xeral. Estas achegas terán a consideración de pagamentos obrigatorios e de carácter preferente.

No caso de que algún dos entes consorciados incumprise as súas obrigas financeiras co consorcio, o comité directivo procederá a requirir o seu cumprimento. Se pasado o prazo dun mes desde o requirimento non se efectuasen as achegas previstas, o comité directivo, oído o ente afectado, poderá proceder a suspender a súa participación no consorcio cos efectos que no acordo de suspensión se determinen.

Artigo 29º.-Aprobación do orzamento e rendemento de contas.

Tanto o orzamento como as súas bases de execución e as contas, serán aprobadas anualmente pola asemblea xeral.

O réxime económico-financeiro do consorcio é o que establece a lexislación do réxime financeiro e orzamentario de Galicia, coas particularidades previstas nestes estatutos.

O control económico do consorcio realizarase de acordo co que establece a lexislación do réxime financeiro e orzamentario de Galiza. Con todo, o comité directivo establecerá o sistema de control interno de todos os actos e documentos dos cales se poidan derivar dereitos e obrigas de contido económico, de acordo coas disposicións que sobre a materia dite a Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 30º.-Instalacións.

Os convenios de incorporación do municipio ao consorcio, tanto no momento inicial de constitución do consorcio, como nas posteriores incorporacións, establecerán as condicións de entrada do municipio ao consorcio, entre elas, se é o caso, as referidas aos requisitos que deberán cumprir as instalacións

e condicións en que se vaian prestar os diferentes servizos, así como a previsión da necesidade de levar a cabo obras de construción, reforma, adaptación ou mellora das existentes.

Capítulo VII

Réxime de persoal e contratación

Artigo 31º.-Réxime xurídico do persoal ao servizo do consorcio.

O consorcio seleccionará o seu persoal propio mediante convocatoria pública na cal se garantirán os principios de publicidade, igualdade, mérito e capacidade. O persoal así seleccionado vincularase ao Consorcio con suxeición ás modalidades vixentes da lexislación laboral. Corresponde ao comité directivo aprobar o cadro de persoal.

Non obstante, as tarefas do consorcio poderán ser realizadas polo persoal das administracións públicas consorciadas.

O persoal, funcionario ou laboral, que se incorpore ao cadro de persoal do consorcio, procedente das administracións públicas consorciadas, conservará todos os dereitos adquiridos de que desfrute no momento da súa incorporación, incluíndo as expectativas de promoción e mobilidade e os demais inherentes á súa situación funcionarial ou laboral.

Artigo 32º.-Réxime de contratación.

O réxime de contratación do consorcio rexerase polo disposto no Real decreto lexislativo 2/2000, do 16 de xuño, polo que se aproba o texto refundido da Lei de contratos das administracións públicas e no Real decreto 1098/2001, do 12 de outubro, polo que se aproba o Regulamento xeral da devandita lei, e demais normativa de aplicación neste ámbito.

Capítulo VIII

Incorporación e separación de municipios

Artigo 33º.-Incorporación.

Para a incorporación ao consorcio dun novo municipio será necesario:

a) A solicitude da entidade interesada. A decisión de incorporación do municipio será adoptada no Pleno corporativo polas maiorías legalmente establecidas. No dito acordo, aprobaranse e aceptaranse os estatutos do consorcio e as condicións fixadas por este para a súa incorporación.

b) A aprobación do comité directivo. No convenio de incorporación deberán quedar reflectidas as condicións que se fixen para a integración.

A incorporación de novos membros no consorcio publicarase no Diario Oficial de Galicia e no boletín oficial da provincia respectiva.

Artigo 34º.-Separación voluntaria.

A separación dalgún membro do consorcio só poderá realizarse cando estea ao día no cumprimento das obrigas e compromisos anteriores e garanta o cumprimento das obrigas pendentes.

A vontade de separación pola entidade consorciada deberá manifestarse polo menos cun ano de antelación.

O comité directivo procederá a designar unha comisión liquidadora que, atendendo ás posibles perturbacións nas actividades do consorcio que a dita separación pode producir, proporá ao comité directivo as condicións e efectos da separación.

O comité directivo, oída a proposta da comisión liquidadora, aprobará a separación do ente consorciado nas condicións e cos efectos que no dito acordo se determinen, notificándoselle á entidade interesada para efectos da súa aprobación por ela.

Artigo 35º.-Separación obrigatoria.

Cando a xuízo do comité directivo ou da asemblea xeral do consorcio, algún ente consorciado incumprise grave e reiteradamente as obrigas establecidas nas leis ou nos estatutos, poderase acordar, logo da incoación do oportuno expediente e posterior liquidación, e oído o interesado, a separación do dito ente do consorcio, mediante acordo favorable da maioría absoluta da asemblea xeral.

Capítulo IX

Modificación dos estatutos

Artigo 36º.-Modificación dos estatutos.

Estes estatutos poderán ser modificados por iniciativa do presidente, do comité directivo, ou dos membros da asemblea xeral que representen máis dun terzo dos votos da dita asemblea.

Constituída a asemblea xeral en sesión extraordinaria, procederase á aprobación por maioría das dúas terceiras partes do número certificado de votos, logo da achega de cantos informes se considerase oportuno solicitar.

A modificación dos estatutos así aprobada notificaráselles a todas as entidades integradas no consorcio, para a súa aprobación en sesión plenaria, e se publicará no Diario Oficial de Galicia e no boletín oficial das provincias respectivas.

Capítulo X

Disolución do consorcio

Artigo 37º.-Causas.

A disolución do consorcio terá lugar:

1. Cando por calquera circunstancia non se puidesen cumprir os fins para os que se constituíu.

2. Por disposición legal.

3. Cando así o acorde a asemblea xeral por maioría de dúas terceiras partes.

4. Por fusión, absorción ou integración noutro ente público, cuxas competencias sexan concorrentes coas do consorcio, acordada pola asemblea xeral.

Artigo 38º.-Procedemento.

No prazo de trinta días desde a recepción do acordo ou proposta de disolución, o comité directivo cons

tituirase en comisión liquidadora, na cal se integrará o xerente e tres técnicos designados polo presidente mediante consenso das partes, para cumprir funcións de asesoría. Poderá, igualmente, o presidente, convocar ás reunións a técnicos ou peritos na materia para os únicos efectos de escoitar a súa opinión e preparar informes ou ditames en temas concretos da súa especialidade.

A comisión liquidadora, nun prazo non superior a catro meses, efectuará un inventario dos bens e dereitos do consorcio, sinalará os recursos, cargas e débitos, e relacionará o seu persoal.

Á vista do inventario, a comisión liquidadora proporá á asemblea xeral a distribución e integración dos bens, dereitos e débitos entre as entidades consorciadas, na mesma proporción que a establecida para a fixación das achegas ao consorcio. Para tal efecto, a comisión liquidadora sinalará un calendario de actuacións liquidadoras.

A proposta de liquidación deberá ser aprobada pola asemblea xeral, e será vinculante para todas as entidades consorciadas, publicándose no diario oficial correspondente.

A disolución do consorcio comporta a extinción da relación laboral do persoal ao seu servizo, de conformidade coa normativa vixente que resulte de aplicación.

Disposición derradeira

Estes estatutos entrarán en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.