DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 131 Venres, 07 de xullo de 2006 Páx. 10.958

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

VICEPRESIDENCIA DA IGUALDADE E DO BENESTAR

ORDE do 28 de xuño de 2006 pola que se determinan as bases reguladoras e se convocan prazas de colaboradores-bolseiros para residencias xuvenís dependentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

O Estatuto de autonomía de Galicia establece no seu artigo 27, parágrafos 22, 23 e 24, que lle corresponde á Comunidade Autónoma galega a competencia exclusiva nas materias de promoción do deporte e a axeitada utilización do lecer, asistencia social, así como a promoción do desenvolvemento comunitario, aplicándose entre outros ao ámbito da xuventude.

Así mesmo, polo Decreto 285/1989, do 16 de decembro, asúmense as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de promoción sociocultural, no ámbito da xuventude e desenvolvemento comunitario.

Coa aprobación do Decreto 211/2005, do 3 de agosto, estableceuse a actual estrutura orgánica da Xunta de Galicia e co Decreto 232/2005, do 11 de agosto, a dos seus departamentos, establecendo no seu artigo 1 a estrutura básica da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, cuxa estrutura orgánica se desenvolve de conformidade co Decreto 517/2005, do 6 de outubro. A dita vicepresidencia conta cunha Dirección Xeral de Xuventude e Solidariedade á cal lle corresponde o exercicio das competencias e funcións en materia de xuventude, segundo establece o artigo 6 do Decreto 517/2005, do 6 de outubro.

A Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar dispón dunha serie de instalacións xuvenís entre as cales figuran as residencias xuvenís, que, ademais do aloxamento e mantenza, ofrecen aos/ás mozos/as estudantes residentes unha serie de servizos e actividades convivenciais e educativas complementarias.

Coa realización desta convocatoria preténdese favorecer o acceso ao ensino universitario dos estudantes con escasos recursos, e ao mesmo tempo, dotar de persoal de apoio no eido educativo e asistencial as residencias xuvenís que se relacionan nesta orde.

Neste marco xeral hai que incardinar esta orde, que ten por obxecto establecer as bases reguladoras polas que se convocan prazas de colaboradores-bolseiros, en réxime de concorrencia competitiva, para as residencias xuvenís dependentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, de conformidade co establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, tendo en conta as posteriores modificacións, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas que concede a Administración autonómica, e na Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade galega para o ano 2006 e na normativa de desenvolvemento, na cal se establecen os requisitos e as normas necesarias e básicas para a xestión e actividade económico-financeira, normativa á cal, en consecuencia, se adaptará esta

orde, tendo en conta, en todo caso, os principios de publicidade, obxectividade e concorrencia.

Por todo isto, en virtude das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 23 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convocar en réxime de concorrencia competitiva esta oferta de prazas de colaboradores-bolseiros nas residencias xuvenís dependentes da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar para o curso académico 2006/2007, e establecer as bases para a súa concesión.

O número de prazas convocadas e a súa distribución por residencias é a seguinte:

ResidenciaPrazas

Irmáns Pedrosa (Lugo)5 Home/muller

F.L. Cuevillas (Ourense)5 Home/muller

Altamar (Vigo)6 Home/muller

Artigo 2º.-Destinatarios.

Poderán solicitar as residencias todas as persoas físicas que reúnan os seguintes requisitos:

a) Posuír nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea, ou ser estranxeiro residente en España no momento da solicitude de praza.

b) Ter unha idade mínima de 18 anos e menos de 30 na data en que remate o prazo de presentación de solicitudes.

c) Estar cursando estudos universitarios nunha facultade ou escola universitaria ou ciclo formativo de grao superior.

d) Non ter perdido con anterioridade a condición de colaborador por causa imputable ao solicitante.

e) Ter sido residente ou colaborador na residencia solicitada no curso anterior.

f) Non padecer defecto físico ou psíquico que impida o desenvolvemento normal da actividade no centro.

Artigo 3º.-Solicitudes e documentación.

1. As solicitudes, debidamente asinadas polo solicitante e segundo o modelo oficial que figura no anexo desta orde xunto coa restante documentación deberá presentarse en calquera das delegacións provinciais da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar, sen prexuízo do disposto no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días hábiles, contado desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

3. O interesado presentará exclusivamente unha única solicitude, na cal poderá optar por un centro. No caso de presentar máis dunha solicitude, non será admitida a trámite ditándose para o efecto a oportuna resolución.

4. Deberá xuntar á solicitude a seguinte documentación:

a) Fotocopia compulsada do DNI para españois ou equivalente para estranxeiros da Unión Europea, ou tarxeta de residencia do solicitante no caso de naturais doutros países.

b) Fotocopia compulsada de todas as follas do libro de familia onde figuren os membros da unidade familiar, ou fotocopia compulsada do título de familia numerosa, de ser o caso.

c) Acreditación, a través dun certificado de empadroamento, no cal figurará a composición da unidade familiar a que pertenza o/a solicitante, de posuír a residencia familiar en Galicia ou ser fillo de emigrantes.

d) Certificación académica orixinal ou copia compulsada na cal figuren as notas das disciplinas correspondentes ao último curso universitario ou ciclo formativo de grao superior.

e) Xustificación de ingresos da unidade familiar: copia compulsada da declaración do IRPF, correspondente á última renda, de cada membro da unidade familiar obrigado a declarar. No caso de non ter obriga de declarar, certificación de Facenda da dita circunstancia.

f) Certificado médico en que se faga constar que o solicitante non padece enfermidade infecto-contaxiosa, nin defecto físico ou psíquico, que impida o normal desenvolvemento da súa actividade no centro.

g) Proxecto de actividades que pretenda desenvolver o bolseiro para a residencia xuvenil de acordo coas funcións recollidas no artigo 10.3º. Este proxecto deberá incluír: obxectivos, metodoloxía, actividades, temporalización e custos destas. Como tal proxecto, deberá ter en conta a realidade, o centro en que se pretende desenvolver e as peculiaridades dos destinatarios.

h) Documentación acreditativa de todos aqueles méritos alegados conforme os criterios de selección establecidos no artigo 5º para a súa consideración e valoración pola comisión de avaliación.

i) Declaración de todas as solicitudes de axudas efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas.

5. Se na solicitude se apreciasen defectos ou falta de documentación, a delegación provincial correspondente requirirá o solicitante para que no prazo de 10 días emende a falta ou achegue os documentos

preceptivos, con indicación de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición, de conformidade co previsto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, logo de resolución, que será ditada nos termos do artigo 42.

Artigo 4º .-Comisión de avaliación.

A selección de beneficiarios realizaa unha comisión de avaliación, en cada unha das provincias, integrada por:

1. O secretario provincial da delegación, que actuará como presidente, o/a xefe/a do servizo e os directores das residencias xuvenís situadas nesa provincia. Actuará como secretario un funcionario nomeado polo delegado provincial correspondente.

2. A dita comisión examinará as solicitudes presentadas, reservando para si o dereito de solicitar a documentación que considere necesaria para aclarar o expediente.

Artigo 5º.-Criterios de avaliación e adxudicación de prazas.

Os criterios de avaliación que se terán en conta para conceder estas axudas serán os seguintes:

-Proxecto de actividades. Este proxecto puntuarase de 1 a 5 puntos.

-Situación económica da unidade familiar. A este respecto terase en conta a relación de ingresos/número de membros da unidade familiar. Para estes efectos, poderanse incluír como membros da unidade familiar os fillos menores de 30 anos de idade, na data do remate do prazo de presentación de solicitudes, nos termos previstos na lexislación tributaria. Puntuarase segundo o seguinte baremo:

Inferior ao 50% do IPREM: 4 puntos.

Entre o 50% e o 75% do IPREM: 3 puntos.

Superior ao 75% e inferior ao 100% do IPREM: 2 puntos.

Entre o 100% e o 125% do IPREM: 1 punto.

Superior ao 125% do IPREM: 0 puntos.

-Ter sido colaborador-bolseiro na residencia xuvenil solicitada no ano anterior: 3 puntos. A consideración deste dato queda condicionada á inexistencia de informe desfavorable da comisión de avaliación prevista no artigo 4º, en relación ao comportamento ou actividade desenvolvida polo interesado como colaborador na residencia respectiva.

-Rendemento académico segundo a nota media obtida no último curso ou na proba de selectividade. A puntuación neste caso corresponderase coa dita nota media.

-Coñecementos específicos e experiencia en animación sociocultural e actividades deportivas: 1 punto con diploma de escola oficial e 0,50 puntos con diploma de curso.

-Ter a súa residencia familiar en Galicia: 1 punto.

-Por calquera outra circunstancia socio-familiar que sexa susceptible de valoración a xuízo da comisión de avaliación e axeitadamente acreditada como a condición de familia monoparental, ou por irmán/á-áns/ás con praza renovada na residencia: 1 punto.

-A comisión de avaliación poderá citar os solicitantes para a realización dunha entrevista persoal que se valorará de 1 a 5 puntos.

Artigo 6º.-Dereitos dos adxudicatarios.

1. A concesión da bolsa comporta aloxamento e mantenza gratuítos na residencia xuvenil durante o período de funcionamento destes, incluído o curso académico e o período de vacacións, o que abarca os doce meses do ano. O aloxamento será de tal xeito que lle permita ao bolseiro a normal realización dos seus estudos.

2. O recoñecemento da súa condición de colaborador-bolseiro ante o resto dos residentes.

Artigo 7º.-Financiamento.

A estimación do custo que supón o aloxamento e mantenza na residencia xuvenil é de 250 A por mes/persoa, o que ascende ao cabo dos doce meses a unha contía de 3.000 A.

O gasto financiarase con cargo aos gastos de funcionamento das residencias xuvenís imputables aos capítulos I e II do orzamento de gastos da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar.

Artigo 8º.-Tramitación e resolución.

1. Unha vez avaliadas todas as solicitudes, a comisión elaborará unha proposta de resolución en virtude da puntuación alcanzada pola aplicación do baremo.

2. A proposta será elevada pola comisión de avaliación ao/á delegado/a provincial da Vicepresidencia da Igualdade e do Benestar que resolverá por delegación do vicepresidente da Igualdade e do Benestar.

3. A resolución da solicitude de axuda seralles notificada a todos os solicitantes, no prazo máximo de catro meses, contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. Esta resolución esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse o recurso potestativo de reposición ante o mesmo órgano que resolveu, no prazo dun mes, na forma e condicións que determina a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ser impugnadas directamente ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da noti

ficación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 9º.-Xustificación da axuda.

Os seleccionados están obrigados a presentar fotocopia compulsada do xustificante de matrícula correspondente aos estudos que van cursar ou, no caso dos alumnos do 3º ciclo, certificado do xefe do departamento universitario correspondente conforme o interesado está realizando o doutoramento naquel, antes do 31 de outubro de 2006. No caso de que o interesado non poida presentar a fotocopia compulsada do xustificante de matrícula no referido prazo por causa imputable ao centro en que vaia cursar os seus estudos, deberá comunicar esta circunstancia por escrito, presentando unha fotocopia compulsada da preinscrición na facultade ou escola universitaria correspondente, e deberá, non obstante, presentar a fotocopia compulsada do xustificante de matrícula no momento en que a faga.

Artigo 10º.-Obrigas dos colaboradores-bolseiros.

1. A condición de colaborador-bolseiro obriga a este nos termos previstos no artigo 14.1º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no artigo 78.4º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, coa excepción do cumprimento da obriga de xustificación a que se refire o artigo 78.4º c), de acordo co disposto na Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2006.

2. Obriga de incorporarse ás residencias xuvenís o día 18 de setembro, salvo causa de forza maior debidamente acreditada.

En caso contrario perderán o dereito á praza adxudicada, procedéndose a cubrir a vacante conforme a lista confeccionada pola comisión de avaliación. Utilizarase este mesmo procedemento cando durante o curso escolar se produza algunha vacante nas prazas ofertadas.

3. A condición de colaborador-bolseiro obriga a este a participar en todas as tarefas e cometidos relacionados coa dinamización do centro en actividades de: información xuvenil, biblioteca, informática e deporte, entre outras, e correspóndelle ao director da residencia asignar estas tarefas en función do proxecto de actividades previsto no artigo 3.4º g) da orde. Sen prexuízo do anterior, o colaborador-bolseiro deberá participar tamén en todas as tarefas e cometidos de orde interna e demais actividades que lle encomende a dirección da residencia. Estas deberanse realizar de tal xeito que sexan compatibles co aproveitamento académico do propio colaborador-bolseiro.

Artigo 11º.-Natureza da relación bolseiros-Administración.

A solicitude da bolsa e a súa posterior aceptación, no caso de adxudicación, implicarán a aceptación do disposto nesta orde.

Os seleccionados adquirirán exclusivamente a condición de bolseiros, sen ningunha outra relación laboral ou administrativa.

Artigo 12º.-Revogación ou interrupción no desfrute das bolsas.

O/A delegado/a provincial, logo dos informes pertinentes, tras a audiencia ao interesado e motivando a resolución procederá á revogación da resolución de outorgamento das bolsas nos casos previstos no artigo 78.10º da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, así como cando os adxudicatarios:

a) Incumprisen as condicións, obrigas e incompatibilidades previstas nos artigos 2 e 10 desta orde.

b) Incorresen en ausencias reiteradas e inxustificadas.

c) Incumprisen a disciplina do centro.

Os adxudicatarios quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previsto para esta materia no artigo 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Disposicións adicionais

Primeira.-Apróbase a delegación de atribucións do vicepresidente da Igualdade e do Benestar nos/as delegados/as provinciais da Igualdade e do Benestar, para resolver a concesión, denegación, modificación ou outras incidencias das axudas previstas nesta orde, así como para autorizar e dispoñer os gastos, o recoñecemento das obrigas e a proposta de pagamento, en relación co disposto no artigo 73 a) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Segunda.-Os beneficiarios destas axudas quedan suxeitos ao réxime de infraccións e sancións previstas para esta materia no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e demais normas de procedente aplicación.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Xuventude e Solidariedade para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de xuño de 2006

Anxo Manuel Quintana González

Vicepresidente da Igualdade e do Benestar