DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 130 Xoves, 06 de xullo de 2006 Páx. 10.894

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE VIVENDA E SOLO

ORDE do 22 de xuño de 2006 pola que se regula a xestión das vivendas, procedemento de adxudicación e concesión das subvencións no programa de vivenda en aluguer.

O Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, procedeu ao establecemento e regulación do programa de vivenda en aluguer, cuxa xestión se prevé que será encomendada ás catro sociedades de xestión urbanística de Galicia que terán ademais a condición de entidades colaboradoras, referindo pola súa vez, a necesidade do seu desenvolvemento nalgún dos seus aspectos o que vén motivar a promulgación desta orde.

Un dos aspectos obxecto de desenvolvemento nesta orde é o propio procedemento administrativo do programa, en particular o modo en que os titulares das vivendas que cumpran coas condicións do programa de vivenda en aluguer poden incorporalas a el, e como se articula a posta á disposición e o negocio xurídico para que se poda proceder ao seu arrendamento. Todo isto exixe unha serie de actuacións previas nas que se inclúe a valoración do inmoble, as obras que poidan resultar necesarias para a súa habitabilidade, etc.

Igualmente, resulta necesario establecer o procedemento de selección e adxudicación dos potenciais arrendatarios.

Todo o anterior, co fin de que as referidas sociedades podan materializar con éxito o seu complexo cometido en relación a este programa.

Na súa virtude, e de conformidade co disposto no artigo 1 a) do Decreto 505/2005, do 22 de setembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Vivenda e Solo, e a disposición derradeira primeira do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, polo que se regula o programa de vivenda en aluguer,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta orde ten por obxecto o desenvolvemento do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, polo que se regula o programa de vivenda en aluguer.

Artigo 2º.-Procedemento de incorporación das vivendas.

1. Todo titular dunha vivenda que cumpra as condicións do artigo 4 do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, e estea interesado en ceder esta para o seu posterior arrendamento dentro do programa de vivenda en aluguer regulado no dito decreto, deberá presentar a seguinte documentación xunto co modelo de solicitude de incorporación ao programa que aparece no anexo I no rexistro das delegacións provinciais das consellerías de Vivenda e Solo:

a) Fotocopia compulsada do DNI.

b) Título de propiedade da vivenda.

c) Último recibo do IBI.

d) Recibos de consumos de electricidade e auga dos últimos seis meses.

e) No caso de que o solicitante actúe como apoderado, poder que o habilite.

f) No caso de que o solicitante sexa usufrutuario, título que o acredite.

g) No caso de que actúe como nu propietario, consentimento do usufrutuario.

2. Presentada a solicitude xunto coa documentación antes referida e despois do seu exame, procederase á inspección da vivenda por un organismo de control técnico independente contratado para o efecto, que haberá de determinar o cumprimento das condicións establecidas no artigo 4 do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, e a renda de aluguer da vivenda segundo os prezos medios de mercado na zona en que está a da vivenda.

3. Sempre que as vivendas requiran obras ou actuacións de rehabilitación para reunir as condicións esenciais de habitabilidade necesarias para o seu posterior arrendamento, achegarase ao informe que así o determine, un orzamento coas obras ou actuacións a emprender. As obras e actuacións de rehabilitación serán as que se relacionan no anexo II que acompaña a esta orde.

Do dito informe daráselle traslado ao titular da vivenda, para que realice as que se indiquen como necesarias, ao obxecto de poder incorporar a vivenda ao programa de vivenda en aluguer.

4. Cando o titular da vivenda comunique a finalización das obras realizarase unha nova inspección para verificar a execución destas.

5. Cumpridos os trámites anteriores, e sempre que a vivenda cumpra cos requisitos establecidos polo Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, incorporaranse os correspondentes resultados no expediente aberto a cada vivenda, sendo elaborado un documento que constará dos seguintes puntos:

a) Resultado do informe de inspección ou inspeccións realizadas á vivenda no caso de se teren feito obras de rehabilitación.

b) Determinación do cumprimento das condicións mínimas establecidas no Decreto 48/2006, do 23 de febreiro.

c) Prezo da renda de aluguer pola que se arrendará a vivenda dentro do programa e que será a taxada pola sociedade xestora de acordo coa inspección realizada. A renda de aluguer deberá respectar os límites establecidos no artigo 6.1º a) e 4 d) do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro.

En todo caso a renda anual que satisfagan os inquilinos deberá oscilar entre o 2 por 100 e o 8 por 100 do prezo máximo ao que se refire o artigo 32.1º a) do Real decreto 801/2005, do 1 de xullo.

d) Determinación da renda que se lle vai pagar mensualmente ao propietario, unha vez deducidos os gastos de xestión, que se calcularán aplicando a seguinte porcentaxe sobre a renda de aluguer taxada: ata 300 euros o 2% dela, de 301 a 450 euros o 3% dela, e para prezos de aluguer superiores a 450 euros o 4%.

6. O contido do documento referido no parágrafo anterior seralle notificado mediante resolución ao titular da vivenda, debendo este mostrar a aceptación das condicións establecidas nel nos sete días hábiles seguintes á súa notificación.

Unha vez realizada a aceptación polo titular, a vivenda será incorporada ao programa para a súa posterior adxudicación e arrendamento.

7. A incorporación da vivenda no programa realizarase mediante a formalización dun negocio xurídico co obxecto de que a sociedade xestora poida levar a cabo as xestións oportunas para adxudicar a vivenda e xestionar o contrato de arrendamento nos termos nel estipulados.

8. A mera incorporación da vivenda no programa non outorgará ningún dereito económico. A solicitude da subvención para a rehabilitación, quedará condicionada ao posterior arrendamento da vivenda dentro do programa de vivenda en aluguer.

9. A obriga de pagamento da renda mensual ao propietario establecida no artigo 6.1º a) do Decreto 48/2006, nacerá no momento en que a vivenda sexa arrendada por primeira vez dentro do programa.

Artigo 3º.-Incorporación de solicitantes de vivenda no programa.

1. Toda persoa, unidade familiar ou convivencial, interesada en acceder ao arrendamento dunha vivenda dentro do programa de vivenda en aluguer regulado no Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, deberá achegar a seguinte documentación xunto co modelo de solicitude de incorporación ao programa que aparece no anexo I no rexistro das delegacións provinciais da Consellería de Vivenda e Solo:

a) Fotocopia do DNI de cada un dos membros da unidade convivencial.

b) Copia compulsada do imposto sobre a renda das persoas físicas correspondente ao exercicio inmediatamente anterior ao momento da solicitude, e certificado das rendas expedido nos termos do Real decreto 801/2005, do 1 xullo, pola Axencia Estatal de Administración Tributaria. De non estar obrigado a presentar a declaración do IRPF, copia de notificación-liquidación emitida pola Axencia Estatal da Administración Tributaria para os que presentaron o modelo de solicitude de devolución 104-105, e certificado acreditativo do nivel de rendas do correspondente exercicio expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria. Nos demais casos, declaración responsable de todos os ingresos obtidos e certificado acreditativo do nivel de rendas do

correspondente exercicio expedido pola Axencia Estatal da Administración Tributaria que corresponda, achegando, ademais, os seguintes documentos:

1º No caso de non estar obrigado a presentar a declaración do IRPF, declaración das circunstancias familiares e copia cotexada do libro de familia.

2º Certificado das retribucións e retencións da empresa ou empresas nas que estivese de alta no dito exercicio.

3º Se é o caso, certificado de pensións ou prestacións periódicas.

4º Certificado do Inem.

5º Certificados das entidades bancarias de rendementos do capital mobiliario ou, se é o caso, calquera outra documentación que permita acreditar os ingresos obtidos.

c) Declaración xurada de non ser propietarios nin titulares dun dereito real de uso ou desfrute sobre doutra vivenda, xunto coa correspondente certificación de ámbito estatal do rexistro da propiedade no mesmo sentido.

d) Certificados acreditativos de estar ao corrente das obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social e de non ter pendente ningunha outra débeda, por ningún outro concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.

e) En caso de non ter nacionalidade española, o beneficiario deberá achegar, ademais, a fotocopia compulsada da tarxeta de identidade de estranxeiro e, no seu defecto, un visado ou a autorización para traballar.

2. Presentada toda a documentación antes referida, será examinado o cumprimento dos requisitos establecidos nos artigos 18 ou 19 do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, e será notificada resolución na que se declarará a incorporación ou denegación dela no programa como solicitante de vivenda en aluguer.

3. A incorporación como demandante de vivenda no programa non outorgará ningún dereito económico. A solicitude de subvención ao aluguer quedará en todo caso supeditada á sinatura dun contrato de arrendamento no marco do programa de vivenda en aluguer.

Artigo 4º.-Delegación de competencia nos delegados provinciais.

Delégase mediante esta orde nos delegados provinciais da Consellería de Vivenda e Solo as resolucións de admisión ou denegación de incorporación no programa de vivenda en aluguer, así como, todas as resolucións que deban ditarse como consecuencia da tramitación dos expedientes do dito programa, excepto a de outorgamento ou, se é o caso, de denegación da subvención que será ditada pola Conselleira de Vivenda e Solo ou persoa na que delegue conforme establece o artigo 12 do Decreto 48/2006.

Artigo 5º.-Beneficiarios cualificados.

Os beneficiarios cualificados regulados no artigo 19 do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, ademais da documentación relacionada no artigo 5º.1 desta orde, deberán achegar coa solicitude de incorporación os seguintes documentos:

a) As mulleres vítimas de violencia de xénero: orde de protección xudicial, informe do Ministerio Fiscal que indique a existencia de indicios de violencia, informe dos servizos sociais da Administración pública, autonómica ou local ou dos centros de acollida.

b) Entenderanse incluídas en situación de risco de exclusión social para os efectos da concesión da subvención ao aluguer regulada no Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, as persoas ou unidades familiares con ingresos ponderados inferiores a 0,7 IPREM, nas que ademais se dea algunha das seguintes circunstancias:

1. Preceptores da renda de integración social de Galicia.

2. Preceptores de pensións de contías inferiores á antes indicada.

3. Persoas con discapacidade recoñecida oficialmente, nas condicións establecidas na lexislación reguladora do imposto sobre a renda das persoas físicas.

4. Emigrantes retornados nos dous anos anterirores á presentación da solicitude de incorporación ao programa.

Para a acreditación de cada unha destas circunstancias será necesario achegar coa solicitude:

* No primeiro caso certificación da percepción da renda de integración social de Galicia emitido pola correspondente delegación provincial da Vicepresidencia da Xunta de Galicia.

* No segundo caso, certificación da contía da correspondente pensión emitida polo Instituto Nacional da Seguridade Social.

* No terceiro caso, certificación emitida pola correspondente delegación provincial de Vicepresidencia da Xunta de Galicia.

* No cuarto caso, certificación da correspondente subdelegación do goberno ou concello.

c) As persoas con discapacidade oficialmente recoñecida e con ingresos entre 0,7 e 2,5 veces o IPREM, deberán presentar acreditación dela nas condicións establecidas na lexislación sobre o imposto sobre a renda das persoas físicas.

Conforme o que establece o artigo 19.1º c) último parágrafo do Decreto 48/2006, con carácter excepcional as persoas con discapacidade oficialmente recoñecida, poderán incorporar unha vivenda para que lle sexa arrendada dentro do programa, cando polas súas limitacións físicas ou sensoriais requiran

dunha especial adaptación ou resulte suficientemente xustificada outra condición ou circunstancia que faga imprescindible a dita vivenda para a adecuada atención das súas necesidades cotiás, sempre que non existan vivendas que cumpran tales características dentro do programa.

Para o caso de incorporación e adxudicación destas vivendas especialmente adaptadas non se terán en conta as limitacións por tramos de ingresos.

d) Familias numerosas: deberán achegar o correspondente título de familia numerosa expedido pola Xunta de Galicia.

e) Persoas maiores de 65 anos: no caso de unidades convivenciais ou familiares, estas haberán de estar compostas por persoas que teñan ou superen a dita idade, menores de idade, maiores economicamente dependentes ou persoas discapacitadas ao seu cargo.

f) Familias monoparentais: libro de familia e certificado de empadroamento do concello.

Artigo 6º.-Mulleres vítimas de violencia de xénero.

As mulleres vítimas de violencia de xénero recibirán como subvención a seguinte porcentaxe fixa sobre o prezo de aluguer:

a) As mulleres que acrediten ser vítimas de violencia de xénero, e teñan uns ingresos de ata 0,7 veces o IPREM, percibirán o 80% do prezo de aluguer.

b) As que teñan un ingresos que excedan de 0,7 e ata 1 veces o IPREM, percibirán o 70% do prezo do aluguer.

c) As que teñan uns ingresos que excedan de 1 e ata 2,5 veces o IPREM, percibirán o 60% do prezo do aluguer.

Artigo 7º.-Ingresos dos solicitantes de vivenda.

Para os efectos do determinado no artigo 7 do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, enténdese:

1. Por unidade familiar ou convivencial, a integrada polos cónxuxes non separados legalmente e polas parellas que convivan con lazos de afectividade análogos ao matrimonio. Inclúense os fillos menores e os maiores que dependan economicamente dos seus pais, así como os incapacitados e ascendentes a cargo.

Tamén se considerará unidade convivencial a integrada a título individual por persoas maiores de idade, con capacidade económica suficiente. Neste caso todas as persoas que vaian residir na vivenda deberán contratar solidariamente, facéndose constar expresamente no contrato esta circunstancia.

2. Non se aplicará a ponderación de ingresos regulada no artigo 11 do Decreto 18/2006, do 26 de xaneiro, cando a súa aplicación supoña a exclusión do solicitante por non acadar ingresos mínimos.

3. Para efectos de ingresos tidos en conta para a concesión desta subvención considéranse ingresos

da unidade familiar ou convivencial cando convivan máis dunha persoa, a suma dos ingresos de todos os membros.

Artigo 8º.-Procedemento de adxudicación das vivendas.

1. Para cada vivenda incorporada no programa de vivenda en aluguer se levará un proceso específico de adxudicación consonte os criterios que en orde de preferencia se establecen como sigue:

a) Prioridade do concello no que os interesados demanden vivenda, sinalado no impreso de inscrición no programa de vivenda en aluguer.

b) Acomodación de persoa ou unidade convivencial ás características das vivendas dispoñibles correspondentes.

c) Acomodación do nivel de ingresos da persoa ou unidade convivencial respecto da renda prevista para o aluguer correspondente.

2. No caso de empate resolverase outorgando prioridade ou preferencia á antigüidade na data da inscrición no programa.

3. Terán prioridade para a súa adxudicación as vivendas que se incorporen procedentes do programa da bolsa de vivenda en aluguer e as que teñan realizado obras ou actuacións de rehabilitación.

4. Terán prioridade para seren adxudicatarios os beneficiarios cualificados regulados no artigo 19 do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, que regula o programa de vivenda en aluguer.

Artigo 9º.-Adxudicación provisional e definitiva.

1. Seleccionaranse os potenciais arrendatarios, de acordo ao procedemento establecido nos artigos precedentes, procedendo á adxudicación provisional da vivenda e ás reservas das correspondentes suplencias.

2. No prazo de sete días hábiles desde que sexa comunicada a citada adxudicación provisional, quen resultase adxudicatario haberá de aceptala ou rexeitala, en cuxo caso, así como no de que omita a súa resposta ou non chegue a subscribir o contrato de arrendamento no prazo ou data que se lle sinale, poderá adxudicarse a vivenda a quen resultase designado como suplente.

3. Para os efectos do parágrafo anterior, resultará suficiente a comunicación escrita, por correo ordinario e con xustificante de recepción, no enderezo que figure na inscrición como solicitante de vivenda do programa.

4. Aquelas persoas solicitantes no programa de vivenda en aluguer aos que se teña comunicado a adxudicación provisional dunha vivenda incorporada nel e renuncien dúas veces ao aluguer, serán automaticamente dados de baixa, non podéndose dar de alta de novo no programa ata pasados dous anos desde a última renuncia.

5. No caso de que unha vivenda que xa fose arrendada no marco deste programa sexa rexeitada polo adxudicatario provisional e polos dous suplentes designados, poderase adxudicar a esta entre unidades familiares ou convivencias do tramo de ingresos inferior ao que corresponda polo prezo de aluguer. O mesmo poderá acordarse no caso de vivendas procedentes da bolsa de vivenda en aluguer que fosen arrendadas no marco deste e se incorporen a este programa.

Artigo 10º.-Exclusión do procedemento xeral de adxudicación.

Non obstante o procedemento previsto no artigo anterior, e por causas debidamente motivadas, poderán excluírse ou exceptuarse a través de orde da conselleira de Vivenda e Solo do procedemento de adxudicación aquelas vivendas que se destinen a satisfacer necesidades específicas de vivenda.

Artigo 11º.-Solicitude de subvención ao aluguer.

1. Unha vez adxudicada e aceptada a vivenda, o arrendatario disporá dun prazo de cinco días hábiles para achegar unha fianza equivalente a unha mensualidade de renda, que quedará depositada nunha conta bancaria da sociedade pública creada para este fin.

Ningún membro da unidade familiar ou convivencial poderá ostentar facultade efectiva de uso doutra vivenda no momento da sinatura dun contrato de arrendamento no marco deste programa; ao respecto deberá achegar declaración xurada.

2. Achegada a fianza e asinado o contrato de arrendamento, o inquilino poderá solicitar a subvención ao aluguer regulada no Decreto 48/2006, do 23 de febreiro. Trámite que se poderá realizar tras a sinatura do contrato de aluguer, achegando igualmente declaración xurada relativa aos seguintes puntos:

-Declarar as persoas que van habitar na vivenda alugada.

-Destinar a vivenda a residencia habitual e permanente.

A solicitude de subvención deberá ser entregada no rexistro da correspondente delegación provincial da Consellería de Vivenda e Solo.

3. A concesión da subvención producirá efectos desde o día de presentación da solicitude desta.

4. A solicitude de novas subvencións ao arrendamento, unha vez esgotados os doce meses da que tiñan concedida, exixirá a presentación de toda a documentación requirida nos artigos 5º e 15º desta orde dentro dos dez primeiros días dos trinta anteriores ao do vencemento da subvención.

Artigo 12º.-Solicitude de subvención para rehabilitación.

1. A partir do momento en que se asine o contrato de arrendamento dentro do programa, poderá o titular

da vivenda solicitar a subvención de ata 6.000 euros establecida no capítulo II do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, perante a delegación provincial da Consellería de Vivenda e Solo.

Artigo 13º.-Elevación do expediente.

1. Cada mes as sociedades públicas xestoras do programa, trasladarán copia dos expedientes de cada un dos contratos de arrendamento formalizados ás delegacións provinciais da Consellería de Vivenda e Solo.

2. Os delegados provinciais da consellería, tras o exame da solicitude de subvención e da documentación incorporada no respectivo expediente, elevarán a correspondente proposta de resolución á conselleira de Vivenda e Solo ou persoa en que delegue.

3. A conselleira de Vivenda e Solo ou persoa na que delegue resolverá a concesión de subvención ou a súa denegación, sempre tendo en conta o crédito dispoñible.

Artigo 14º.-Sistema de pagamento.

1. Concedida a subvención ao aluguer o beneficiario deberá ingresar a parte da renda de aluguer que lle corresponda na conta da sociedade pública xestora designada para o efecto, dentro dos 7 primeiros días de cada mes.

No caso de pluralidade de inquilinos, efectuarase un único pagamento pola contía que estes deban asumir, respondendo solidariamente todos eles da obriga de pagamento.

2. Pola súa parte, as sociedades xestoras realizarán o pagamento da renda mensual pactada co propietario nos últimos quince días de cada mes.

3. A parte proporcional da renda mensual correspondente ao mes en que se arrende por primeira vez a vivenda no programa será ingresada ao propietario xunto coa do mes seguinte.

Artigo 15º.-Cesión de datos.

Segundo a Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal, a solicitude de incorporación ao programa de vivenda en aluguer suporá a prestación do consentimento por parte do solicitante para ceder os datos necesarios para a xestión da subvención. A Consellería de Vivenda e Solo e as sociedades públicas xestoras garantirán a confidencialidade dos datos subministrados.

Artigo 16º.-Autorización de solicitude de información pola Administración.

A solicitude das subvencións establecidas no Decreto 48/2006, do 23 febreiro, implicará a autorización para que a Consellería de Vivenda e Solo poida solicitar e facer uso da información de carácter tributario ou económico que fose legalmente per

tinente, no marco da colaboración que se estableza coa Axencia Estatal de Administración Tributaria ou con outras administracións públicas competentes, para o cumprimento dos fins relacionados directamente coas funcións de concesión ou pagamento das subvencións.

Disposición adicional

Primeira.-Ao inicio de cada exercicio será publicada unha orde de convocatoria anual para a presentación de solicitudes de subvención reguladas no Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, onde se especificarán as aplicacións orzamentarias ás que se imputarán as subvencións.

Segunda.-Para efectos de cálculo do índice público de renda de efectos múltiples en cómputo anual, unidade de medida para a determinación da contía dos ingresos familiares ou convivenciais para a concesión das presentes subvencións ao arrendamento incluiranse dúas pagas extraordinarias, conforme o que establece o artigo 2.7º do Real decreto 801/2005, do 1 de xullo.

Terceira.-A concesión da subvención ao aluguer estará condicionada á permanencia da vivenda no programa de vivenda en aluguer. Cando unha vivenda deixe de estar incorporada, o inquilino que estivese percibindo unha subvención ao aluguer seguiraa percibindo ata a finalización dos doce meses polos que lle foi concedida sen que se lle poida outorgar outra nova para esa mesma vivenda.

Cuarta.

1. De acordo co establecido na disposición transitoria terceira do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, os inquilinos que, na data da entrada en vigor do dito decreto estivesen percibindo a subvención do programa da bolsa de vivenda en aluguer ao abeiro do Decreto 199/2002, poderán solicitar a incorporación ao novo programa de vivenda en aluguer ao esgotar a devandita subvención, sempre que os propietarios das vivendas que ocupen manifesten o seu acordo con tal incorporación.

2. As solicitudes de incorporación segundo modelo que se achega no anexo I, debidamente asinadas por cada propietario e arrendatario, presentaranse nos rexistros das delegacións provinciais da Consellería de Vivenda e Solo.

3. As solicitudes serán resoltas de conformidade cos requisitos sinalados no Decreto 48/2006, modulados polas especificacións da súa disposición transitoria terceira.

4. En todos os casos notificaráselles resolución aos solicitantes, declarando o cumprimento, ou non, dos requisitos de incorporación no programa regulado no Decreto 48/2006, ademais das condicións dela, que haberán de aceptar expresamente no prazo de sete días hábiles desde a súa notificación para que poida producirse a súa incorporación ao programa.

5. As subvencións ao arrendamento establecidas neste programa concedidas aos solicitantes que se encontren na situación regulada na disposición transitoria antes referida, serán outorgadas tendo en conta o cumprimento dos requisitos na data de vencemento da subvención regulada no Decreto 199/2002.

Quinta.

1. Os solicitantes en calidade de arrendatarios da bolsa de vivenda en aluguer regulada no Decreto 199/2002, de acordo co establecido na disposición transitoria cuarta do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, poderán solicitar a súa incorporación ao novo programa de vivenda en aluguer, mediante a presentación do correspondente modelo de solicitude que aparece no anexo I na delegación provincial da Consellería de Vivenda e Solo que corresponda.

A documentación que teñan presentado no programa da bolsa de vivenda en aluguer, será completada e examinada co obxecto de determinar o cumprimento dos requisitos establecidos no novo programa, sendo tramitadas, conforme a regulación deste programa.

Sexta.

1. Os propietarios que de acordo co establecido na disposición transitoria quinta que na data de entrada en vigor do Decreto 48/2006 tivesen solicitado a incorporación das súas vivendas ao programa da bolsa de vivenda en aluguer, regulado no Decreto 199/2002, poderán incorporarse ao novo programa de vivenda en aluguer, tivesen ou non formalizado o compromiso de posta á disposición ao que se refire este último decreto.

2. A incorporación realizarase mediante a presentación do correspondente modelo de solicitude que aparece no anexo I desta orde nos rexistros das delegacións provinciais das consellerías de Vivenda e Solo debidamente asinadas por cada propietario, podendo presentarse ata o 22 de agosto do corrente ano 2006.

3. As solicitudes serán resoltas de conformidade cos requisitos sinalados no Decreto 48/2006, modulados polas especificacións da súa disposición transitoria quinta. En todos os casos notificaráselles a resolución aos solicitantes, declarando o cumprimento, ou non, dos requisitos de incorporación ao programa de vivenda en aluguer, ademais das súas condicións, que haberán de aceptar expresamente no prazo de sete días hábiles desde a notificación para que se inicie a súa incorporación ao programa.

4. As vivendas que se incorporen ao programa de vivenda en aluguer de conformidade co establecido na disposición transitoria quinta do Decreto 48/2006, tendo realizado a inspección por obras de rehabilitación con resultado favorable na bolsa de vivenda en aluguer regulado no Decreto 199/2002, non precisarán dunha nova inspección para incorporarse ao presente programa.

Cando fose necesario poderá ser acordada unha nova inspección co obxecto de determinar outros datos que sexan imprescindibles para a incorporación da vivenda ao presente programa.

Os titulares destas vivendas poderán solicitar a subvención establecida no capítulo II do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, unha vez que sexa arrendada no marco do programa de vivenda en aluguer.

5. Ás vivendas cuxos titulares presentasen a solicitude de incorporación na bolsa de vivenda en aluguer, optando pola posta á disposición por cinco anos, no momento en que soliciten a súa incorporación ao programa de vivenda en aluguer realizaráselles a correspondente inspección co obxecto de determinar a adaptación das obras executadas á nova normativa.

Se o resultado fose favorable, poderán solicitar a subvención establecida no capítulo II do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, unha vez que sexa arrendada a vivenda no marco do programa de vivenda en aluguer.

6. En calquera caso, estas vivendas non terán que acreditar estar desocupadas durante os seis meses anteriores á solicitude de incorporación.

Sétima.-De acordo coa disposición transitoria sexta do Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, os propietarios que, na data de entrada en vigor del, tivesen formalizado o compromiso de posta á disposición da súa vivenda previsto no artigo 53 do Decreto 199/2002, e tivesen asinado, nesa data, un contrato de arrendamento ao abeiro do dito programa, deberán incorporarse ao programa de vivenda en aluguer cando remate a vixencia do correspondente contrato de arrendamento.

Extinguido cada contrato, os órganos competentes da consellería darán traslado do expediente para a súa incorporación ao programa de vivenda de aluguer regulado no Decreto 48/2006, comunicándolle en todo caso as condicións que se deriven da aplicación da lexislación do novo programa.

Oitava.-Todas as vivendas que se incorporen ao presente programa procedentes da bolsa de vivenda en aluguer regulada no Decreto 199/2002, deberán estar desocupadas no momento de solicitar a dita incorporación, agás as que o fagan a través da disposición transitoria terceira do Decreto 48/2006.

Novena.-Para os tramos do índice público de renda de efectos múltiples establecidos no Decreto 48/2006, do 23 de febreiro, entenderase incluída en cada un deles a cifra fixada como límite superior.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o mesmo día da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de xuño de 2006.

Teresa Táboas Veleiro

Conselleira de Vivenda e Solo

ANEXO II

Obras subvencionables

I. Eliminación de humidades interiores das vivendas.

a) Filtracións.

b) Condensacións.

II. Mellora das condicións das carpintarías exteriores da vivenda: para mellorar os illamentos térmico, acústico e as humidades da vivenda.

III. Obras de acondicionamento das instalacións:

a) Eléctricas (para adaptarse ao REBT).

b) Fontanaría: actuación en baños e cociñas.

c) Auga quente sanitaria.

d) Calefacción.

IV. Dotación básica de equipamentos de cociña para acadar un nivel mínimo de funcionalidade no referente a vertedoiro, cociña e neveira.